Din que o Fútbol Clube Barcelona é més que un club. É certo: á fecunda historia no ámbito deportivo (fútbol, basket, hockey, balonmano...) hai que engadir a máis que evidente repercusión da dimensión sociopolitica, tanto como símbolo nacional catalán como no mundo enteiro debido aos valores de solidariedade, integración e universalidade dende a súa fundación en 1899 polo suizo, liberal e catalanista (¿tamén masón?) Hans Joan Gamper. Durante as interminables décadas da ditadura de Franco actuou ás veces como catalizador do sentimento de frustración dos derrotados na Guerra Civil en todo o Estado. A institución posicionárase a favor do Estatuto de Autonomía de 1932 (en 1979 e 2006 tamén) e da IIRepública. O presidente Josep Sunyol pagouno coa vida, sendo fusilado polas tropas franquistas ao ser compañeiro militante do outro mártir (o President Lluís Companys, de ERC). Ata 1946 foi intervido polas autoridades, e os socios privados de elexir democraticamante. Anteriormente, durante a ditablanda, fora xa obxecto de agravios inxustificados.
A entidade é patrimonio dos socios e é a que conta con maior número deles en todo o planeta, ademáis de contar tamén con infinidade de peñas espalladas arredor dos cinco continentes. Polo tanto faise evidente pensar que ser envestido Presidente do FCB conleva unha carga de responsabilidade inmensa e, inevitablemente, unha gran capacidade para saber relacionarse cunha amalgama de intereses político-financieiros e co entramado civil e empresarial barcelonés. A Masía é a súa identidade, xunto coa defensa da lingua e a cultura de Catalunya.
No imaxinario colectivo dos culés cada etapa presidencial resulta inescindible dun momento histórico determinado, dun xogador, un entrenador ou un equipo lexendario. Agustí Montal identifícase co rexurdimento social, a construcción do Camp Nou e o Barça das 5 Copas, Kubala, Ramallets, César... Enric Martí Carreto vai xunguido ao “caso Di Stefano” (algo que determinaría a rivalidade co Real Madrid polos séculos dos séculos). Josep Lluís Núñez significa a etapa de maior estabilidade, crecemento, maior número de títulos e o despegue definitivo dun clube que entra na modernidade e na iconografía do deporte rei pola porta grande: Basilea, Cruyff, Rexach, Maradona, Stoichkov, Koeman, Ronaldo, Rivaldo, Dream Team ou Wembley son algúns dos nomes sen os cales poderiamos comprender o Barça que vai herdar Sandro Rosell o 1 de Xullo. Pero tampouco se pode entender sen a decisiva aportación dun avogado carismático, optimista, desacomplexado e hiperactivo que foi capaz de construír o mellor Barça da historia e, posiblemente, o mellor equipo de fútbol de tódolos tempos: Joan Laporta.
Cando a súa candidatura venceu nas eleccións de 2003 propuxéronse revolucionar o clube e soltar amarras co caduco réxime que representaba, como máximo expoñente da decadencia, un Gaspart que o levou a unha das peores situacións. O contrato con UNICEF ou a erradicación dos violentos Boixos Nois (xogándose a integridade física e a da súa familia) foron apostas arriscadas dun home maltratado polos medios de comunicación ata extremos insoportables por mor da súa ideoloxía política, e dalgunha que outra saída de tono. Un equipo xove (no que estaban tódolos candidatos destas eleccións, agás un), preparado e que aplicou técnicas de márketing e xestión empresarial innovadoras foi capaz de construír, primeiro con Rijkaard e Ronaldinho e logo con este excelso Dream Team II, unha maquina de fabricar ilusións case perfecta e cunha proxección global incomparable e incontestable. As finais europeas de París e Roma, ou o sextete, foron a guinda do proxecto.
Fanse lecturas erradas e sesgadas, ao meu modo de ver, do acontecido nas recentes eleccións pois incídese na derrota do laportismo e no conseguinte castigo ao cruyffismo (Rosell está considerado por algúns un neonuñista aglutinador doutras faccións do barcelonismo descontentas con Laporta, e algo de certo hai, debido ao seu distanciamento e posterior antagonismo persoal. A súa foi unha relación de amor-odio) cando non é así exactamente.
O modelo pode cambiar nas formas, pero posiblemente non mude substancialmente no fondo e seguro que non mudará ren nos valores. O soci fixo gala de seny, e reclamou unión e un continuismo matizado, sostido nun liderado de perfil mais tranquilo, onde convivan cruyffistas, nuñistas e laportistas e onde se deixe facer como ata o dagora ao outro grande mito vivinte: Pep Guardiola. Sempre que a pelota entre. É a grandeza do fútbol (e da vida): xógase nos pequenos detalles.
XORNAL:http://www.xornal.com/opinions/2010/06/16/Opinion/cambio-tranquilo-no-barca/2010061622552900527.html
E para acompañar (non podía ser doutro xeito) JM Serrat-Cant del Barça: http://www.youtube.com/watch?v=ILOnLzsexyw
No hay comentarios:
Publicar un comentario