domingo, 18 de abril de 2010

República inevitable



Escribiu nunha ocasión Victor Hugo: “O futuro ten moitos nomes. Para os débiles é o inalcanzable. Para os temerosos, o descoñecido. Pero para os valentes, a oportunidade”. Nestes días fíxome reflexionar o bo do novelista, dramaturgo e poeta francés (sempre Francia!) ao tempo que observaba a actualidade social e política cunha mistura de sentimentos enfrontados.

Por un lado, tristura e decepción ao comprobar como o franquismo segue vivo e coleando, algo que xa sabiamos pero que agora se demostra. A imaxe internacional vése seriamente danada posto que as demáis democracias non poden comprender a grave impunidade coa que tratamos parte do noso pasado mais oscuro e antidemocrático no nome do espírito da Transición. Despois do terror foi o medo e, hoxe, o tabú (herdado dun medo que xa é menos) esmorece. As novas xeracións non deberan sentirse condicionadas e por iso temos a obriga de concienciarnos e de pelexar pola recuperación da normalidade, polas vías democráticas.

Pero por outra banda, experimentei certa alegría contida ao ver como as declaracións, actos e manifestacións en favor da República, cada 14 de Abril, tenden a aumentar e comezan a facerse non só dende a nostalxia senón tamén na procura dun tempo novo e ilusionante, que vaia alén da crítica facilona á institución monárquica, para incidir na necesidade de afondar nos valores do republicanismo. Unha xornada reivindicativa que xa non se restrinxe ao ámbito do que representa o PCE, senón ao que se suman cada vez máis sectores da sociedade.

Poidera parecer este un debate secundario ou doutro tempo, tendo en conta as prioridades económicas, pero non o é. Entre mais cousas o republicanismo é unha teoría política que propón, ademáis dun sistema de goberno electivo e non hereditario, modos participativos e de democracia horizontal, propugna valores cívicos e opónse, por principio, á corrupción. Non quero establecer unha conexión equivocada aquí, nin dicir con esto que os países cun sistema de goberno republicano sofran, necesariamente, menos corrupción que nunha Monarquía Parlamentaria. O que sí é certo é que os valores que impregnan a cultura política dunha república tenden a penalizar socialmente mais, e a considerar incompatible co goberno da vida pública, este tipo de prácticas vergoñentas.

A sociedade mudou moitísimo dende finais dos anos 70. Agora temos un vello traxe para un corpo en cambio e evolución permanente e que, de facto, actúa ao xeito republicano: a secularización, a maioría de idade das chamadas Comunidades Autónomas, a aceptación case unánime do modelo democrático e outras realidades permiten albergar esperanzas. Habrá en fronte moitas reticencias: fundamentalmente dende a Igrexa e unha dereita política (e aínda unha parte importante da social) que se resiste a condenar o franquismo e a homologarse aos seus colegas europeos. Pero a III República caerá como froita madura cando se presente o momento da sucesión na dinastía borbónica. É inevitable.

XORNAL:http://www.xornal.com/opinions/2010/04/16/Opinion/republica-inevitable/2010041622162300343.html

No hay comentarios: