domingo, 11 de abril de 2010

Diálogo, e qué?



Abordar esta cuestión abertamente resulta sempre problemático por motivos evidentes. Xera gran crispación. Pesa demasiado, e faise comprensible dende o punto de vista humano, a noxenta traxectoria de asasinatos e dor inflinxida a mans da organización ETA durante mais de medio século e tamén pesan moito, como unha lousa inmensa, as funestas consecuencias derivadas da pervivencia da violencia política e terrorista. O derradeiro lugar de Europa onde se produce. Porque Spain is different. Poñede lentes de hispanista inglés, si fai falla.

Cando me refiro ás consecuencias falo, entre outras moitas, da irresponsable deturpación de termos como negociación ou diálogo: trócanse tabú interesadamente aínda que pareza impensable se acudimos á comparación na materia de resolución de conflitos, ou no léxico consubstancial a unha cultura democrática sincera. En España hai asuntos “intocables” baixo ningún concepto ou, do contrario, sitúante fóra dun sistema condicionado pola confluenza de fortes intereses mediático-políticos. Non hai mais que ver o que está acontecendo no caso Garzón. Totalmente surrealista. Automáticamente pasarán a considerarte, dende amplísimos sectores, a mitolóxica e recorrente anti-España personificada. Un ser desprezable e inmoral, amigo de asasinos en serie e dos peores tiranos. Este é un deses momentos, e dá boa conta das carencias que arrastramos dende a sobrevalorada Transición. Canto se fixo e canto quedou por facer!

Un dos asuntos intocables sería o tratamento da institución monárquica, aínda que esto poidera estar mudando lixeiramente. Outro é tan só insinuar que a única saída posible a un conflito enquistado, unha vez avaliada a evolución do mesmo e considerando que a exclusividade da derrota policial é case unha quimera, pasa por aprobeitar, por pequenas que sexan, as posibilidades dun diálogo condicionado (renuncia explícita, e verificable, á amenaza ou uso da violencia) e limitado (circunscrito a aspectos técnicos, e non políticos) si, pero tamén supervisado e garantido por comisións independentes. Algo serio, propio de lugares onde tiveron éxito este tipo de traballadas experiencias. Deberiamos estar preparados para facelo sen mimetismo, pero con audacia e altura de miras. Porque históricamente, e en contraposición á mensaxe machacona da dereita ultramontana, os procesos de diálogo tiveron efectos positivos no camiño de debilitar e deslexitimar á banda armada. Sempre saiu peor parada deles. Se non fructifica, ben. E se o fai, moito mellor.

O paso do tempo, os cambios sociais e acontecementos históricos como o 11-S ou o 11-M tiveron tamén un influxo determinante porque gran parte das bases do entramado civil e o movimento social que respaldou, de xeito inquebrantable e ao unísono, a ETA tamén sufriu un cambio que se concreta en posicionamentos e debates internos sintomáticos pero insuficientes, aínda que non sempre recollidos nos medios de comunicación sen apriorismos. É certo tamén que, a día de hoxe, estánse a producir aportacións interesantes dende axentes internacionais implicados. Pero a paciencia ten un límite, e o peor que poidera suceder é que ficara soterrada definitivamente a posibilidade de ver a fin deste insufrible conto e se fixera boa a máxima de que para a estratexia de Estado (e dalgúns políticos, como Mayor Oreja) é positiva, e interesa, unha ETA de baixa intensidade. Pero unha ETA de baixa intensidade equivale a unha democracia de baixa ou moi cuestionable calidade. Equivale a unha ficción.

Ata nas mais cruentas guerras se exploraron vías de comunicación entre inimigos irreconciliables, en momentos de máxima confrontación. A paz sempre o merece.

No hay comentarios: