
Nos últimos tempos asistimos a un clima social e político cada vez mais enrarecido e que se proxecta directamente nun estado de opinión instalado na depresión e o descontento. Se a esto lle engadimos o interese dunha maioría de medios de comunicación servís e obsesionados coa hipérbole permanente e o amarillismo mais rancio, irresponsable e afastado do racional e o pedagóxico resulta un cóctel ben interesante. Quizáis a berlusconización e a belenestebanización sexan algo máis que un arrefriado que chegou para trocar en crónico.
Hai que comenzar a chamar ás cousas polo seu nome e fuxir da influenza do politicamente correcto e do mantra pernicioso que repite, no nome dunha concordia amnésica, inercias que nos están empurrando a situacións kafkianas e vergoñentas. Facendo un símil futbolístico: necesítase un revulsivo. Un novo lustre e unha nova ilusión que deixe atrás os claros síntomas de esgotamento.
Por mor da nai de tódalas crises, e das súas consecuencias (unhas coñecidas e outras agochadas que emerxen) o cidadán medio desconfía das institucións democráticas a paso de xigante. Percibe, dando mostra dun olfato canino, unha crise redobrada: a económica, a institucional, a de valores, a privatización duns partidos tradicionais que dan acubillo a toda clase de seres (carrachas) que se sirven do Estado (de todos) para lograr os seus obxectivos mais inmediatos e inconfesables, as ansias incontroladas de poder do partido da oposición, etc...
Aclarando que, ao meu entender, a grande maioría dos profesionais da política son honrados e honestos penso que a dexeneración democrática faise evidente, e parece non ter fin. Pero a culpa non é so desa minoría de aprobeitados sen escrúpulos. É tamén dos incomparecentes e dos que, por omisión, deixan/amos facer. Non é cuestión de que baixe do poder un partido para que suba outro. É algo estrutural e sistémico. Tamén de cultura política. Semella o paso dunha cuasi-democracia partitocrática a unha cleptocracia declarada. Xa non é só a democracia incompleta da que fala o meu admirado Vicenç Navarro. Pero na orixe está o pecado.
Sexamos claros: a finais do 2006 vinte grandes familias eran propietarias do 20,14% do capital das empresas do Ibex-35 e unha pequena elite de 1400 persoas, o 0,0035% da poboación española, controlaba recursos equivalentes ó 80,5% do PIB. Estas familias, na súa maioría, non son outras que grandes magnates da ditadura que son agora admirables monstruos das finanzas na democracia. O que se deriva desta situación de control de recursos, información, etc...parece claro. E pregúntome: nisto consistiu tamén a ruptura pactada!?
Nas manifestacións en apoio ó xuíz Garzón da semana pasada proliferaban as bandeiras tricolor, a lexítima e constitucional bandeira republicana. E claro, non faltou quen vira niso unha provocación e un risco para o putrefacto status quo, equiparándoa á bandeira do aguilucho.
Pois non, non son equiparables. Unha representa valores democráticos e de igualdade e fraternidade, de xustiza verdadeira, de laicismo, de corresponsabilidade, control e separación de poderes efectiva, de respecto pola pluralidade enriquecedora das nacións españolas, de memoria non-vingativa, de transparencia e participación, de compromiso cívico e polo colectivo...e a outra todo o contrario. Xa que logo, non é cuestión de farrapos ou cores: é cuestión de calidade democrática. Da nosa liberdade.