O Premio Nobel de Literatura de 1998, o portugués José Saramago, ven de facer unhas contundentes e esclarecedoras declaracións públicas a respecto da pintoresca situación política que se vive na República italiana dende fai anos, pero que se viu agravada nos ultimos tempos. Son feitas por alguén sen ataduras e cuxa autoridade intelectual está fóra de dúbida: “Estou convencido de que Berlusconi quere reimplantar o fascismo en Italia. Non é o mesmo dos anos trinta, de camisas negras e brazos estendidos, é o fascismo de corbata Armani”.
É digno de celebración que se comece a chamar ás cousas polo seu nome. As evidencias están aí, e calquera demócrata do mundo se ruboriza coas indignantes actuacións, e as continuadas proclamas, deste patético ególatra. Calquera demócrata do mundo se debera solidarizar co pobo italiano que está padecendo, en certa maneira co seu consentimento, un dos xefes de goberno máis reaccionario, vulgar e populista dos que se recorda na historia recente de Europa.
Este corrupto e estravagante personaxe conta con dous poderosos aliados para subvertir, de xeito sibilino, a orde constitucional co fin de deconstruír ó seu antollo o sistema democrático: A Igrexa Católica e o conglomerado de mafias que infestan a economía e a sociedade daquel país. Conta, ademáis, coa axuda inestimable dun sistema electoral moi deficiente, unha galopante fractura social, unha oposición incapaz e dividida e o control total dunha parte importante dos medios de comunicación, que non cumpren o seu cometido. Non é que sexan condescendentes co poder que representa todo o movemento ligado á figura do megalómano Silvio: son directamente cómplices, servís e propagandísticos.
Un machismo furibundo barnizado de galantería, un odio declarado ó diferente, sexa homosexual ou inmigrante, un vitimismo nacional ben instrumentalizado e unha guerra declarada á xudicatura e ás leis conforman a base material do seu discurso: “Son demasiado bo e xusto”, “son o mellor presidente da historia de Italia”, “os xuíces roxos queren acabar conmigo para que a esquerda se faga co poder”, “unha verdadeira democracia non pode basearse nunha orde que carece de lexitimidade popular (en referencia ós maxistrados que revocaron a inmunidade autootorgada)” son algunhas das súas perlas máis recentes.
Unha mistura de envexa e fascinación parece envolver as mentes dunha sociedade civil amordazada e obxectivamente enganada polos manexos escuros dun home sumido na insultante dobre moral. Os gobernos da Unión Europea deberían comezar a marcar distancias con alguén tan perigoso, e non reirlle as gracias. Aínda que leve corbata.
No hay comentarios:
Publicar un comentario