Bernat Muniesa, profesor e historiador da Universidade de Barcelona, ven de propoñer (e eu mesmo de adoptar) a introdución na vida política do concepto os de sempre para referirse a aqueles que se opuxeron en todo momento, coa súa privilexiada preponderancia nos centros de poder, ó progreso e ó desenvolvemento pacífico e democrático de España, enfrontándose sistemáticamente ós sucesivos intentos de modernización do país. Dende a volta dos Borbóns con Fernando VII, e os breves momentos de esperanza que representaron o Trienio Liberal, Bienio Progresista, Sexenio Revolucionario, e I e II República os de sempre apadriñaron as posturas máis reaccionarias, as que culminarían cunha Guerra Civil espantosa e unha ditadura militar-fascista que durou case 40 anos.
Os de sempre son aqueles que exiliaron a Goya, Buñuel, Picasso, Castelao, Juan Ramón Jiménez...asasinaron a Lorca, humillaron ate a morte a Miguel Hernández, e casi lincharon a Miguel de Unamuno. Son eles os que, coa desaparición física do ditador, lexitimaron a aberración franquista e seguiron latentes primeiro en Alianza Popular e agora, no seo da irresponsable cúpula do Partido Popular. Que os de sempre continúen no alto da pirámide leva á impostura histórica e á suplantación sociolóxica, permitindo que os dirixentes da dereita española representen as visións máis anacrónicas e conservadoras da Europa democrática. O vencellamento romántico cun pasado glorioso e imperial, e o militarismo convencido, que os liga ó nacionalismo máis rancio, converte ós actuais dirixentes do PP no ariete ideolóxico dese pasado escuro.
Dende o convencemento en que o 11-M foi un golpe de estado encuberto, e planificado polas cloacas do estado, para poñer á fronte do Goberno un títere que levaría a cabo a suspensión de facto do réxime constitucional (desmembración da unidade da patria, claudicación ante ETA...) seguen na escalada de construír calumnias e sospeitas que proxectan sobre o conxunto do Estado de Dereito coa fin de desacreditalo, pero co perigoso xogo de chegar a desestabilizalo.
Non parece ser tan só unha estratexia electoralista ou unha resposta coxuntural para desviar a atención dos problemas que lles afectan en primeiro grao, senón unha deriva discursiva que pretende trasladar o esgotamento do actual sistema fomentando aínda máis así o descrédito pola política. É o camiño máis curto para a berlusconización e para que os de sempre leven a cabo a anhelada revolución conservadora da que EEUU parece desprenderse logo de varias décadas.
3 comentarios:
coincido na impresión do interés en berlusconizr o sistema democrático español
Tengo un amigo en Italia y me ha contado que la alternativa que hubo a Berluscony fue muy mal acogida por la gente, seguramente por una manipulación de los medios de incomunicación...
Bueno, en Italia a esquerda é un conglomerado bastante pouco fiable. Actualmente non chegan a construír un discurso e unha alternativa que convenza á gran maioría social e cando o consiguen, de maneira tímida, as loitas intestinas e o propio sistema de partidos acaba por descompoñer toda esperanza.
A min ténme entusiasmado a forza e o desparpaxo dunha xovencísima rapaza do Partido Democratico (Debora Serracchiani, pódese ver en Youtube algunha intervención...), que ten moito futuro. É a auténtica revelación da política italiana.
Hai que confiar en que algún día emerxa unha alternativa que aglutine toda esa Italia que non tolera, en absoluto, os desmáns dunha clase política enferma e corrupta. Algún día chegará ese momento e comezaráse a respirar algo de Democracia...
Publicar un comentario