Nestes días previos ó reinicio oficial do curso político lense crónicas e manifestacións de todo tipo, e un non deixa de sorprenderse ó constatar como se asume, por parte dalgúns, o galopante deterioro do respecto polo proceso democrático.
Sempre se alertou da politización da xustiza e da xudialización da política e finalmente, semella que será o outono a época que marque un punto e a parte para o Estado das Autonomías. Un novo e incerto ciclo na Democracia española. O Tribunal Constitucional, a máis alta instancia do ordenamento con capacidade de interpretación da CE1978 emitirá a que vai ser, moi probablemente, a máis controvertida e discutida sentenza dende a súa aparición. Son moitas as voces e os medios de comunicación que se atreven a adiantar o seu resultado, facendo honra á patoloxía patria de querer ser máis papistas que o Papa. Cada español leva un seleccionador de fútbol dentro e parece que agora tamén, unha irrefrenable vocación xurídica, a cal emerxe en momentos de axitación cando cabe a posibilidade de ferir o orgullo da gloriosa e única nación.
Bótase man do dogma, da máis absurda literalidade e das interpretacións máis restrictivas e conservadoras para contradecir o que un 90% dos representantes do pobo catalán acordaron, e o pobo mesmo refrendou, co beneplácito e aprobación das Cortes en 2006. Son fogos de artificio e de cara á galería, lexítimas presións políticas dirixidas a uns maxistrados que teñen entre as súas mans unha decisión histórica e de calado: confrontar lexitimidades, creando así un conflito de envergadura que tarde ou cedo deviría nun delicado proceso de reforma constitucional, ou optar por unha interpretación aberta e flexible do texto, que abra as portas ó pleno desenvolvemento da faceta federalizante do Estado.
O Estatut leva tres anos aplicándose e, como dixo o Ministro de Xustiza: “España non se rompeu”. Por qué temer tanto a un presente, a un feito consumado? Por qué temer tanto a un futuro de soberanías compartidas, no contexto da Unión Europea, que é precisamente eso? Ou é que rende máis alimentar os vitimismos nacionais (centrífugos e centrípetos)? Por qué Catalunya non, e Valencia sí?. Non deberan algúns rasgarse as vestiduras, nin poñela venda antes da ferida, pois todo se solucionará mediante os canles democráticos: acatamento sí ou sí da sentenza, pero con diferentes e comprensibles consecuencias políticas dependendo do sentido da mesma.
As consecuencias políticas, sexan as que sexan, tamén se resolverán mediante a política, e con máis Democracia. Sin estridencias, aínda que algúns se sintan cómodos nelas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario