sábado, 20 de octubre de 2012

L´ami du peuple


1. Galiza vota baixo escenario pos-democrático:

Achégase a data doutras eleccións galegas. O poder real prefire presentalas coma rutinarias e unha convocatoria de tantas outras habidas sendo hoxe varios os pobos continentais que non escollen de facto cando do que elixen resulta alternancia-ficción ou, directamente, instauración descarada da solución tecnocrática. Sabemos, a bo seguro, que os seguintes somos nós. A foto é a que atrapou Ignacio Ramonet hai mais dun ano, nun exercicio de lucidez habitual: son os Novos Protectorados. O estado español está só a unhas semanas de dar o derradeiro paso, cruzando o Rubicón: entregar en ofrenda aos seus súbditos no altar dos chamados mercados. Os antigamente coñecidos coma civis seremos convertidos en meras res. As esixencias serán durísimas. Se escoitan Memorándum, boten a correr.

A dereita neoliberal e a socialdemocracia nominal aplican servilmente os mandatos dos seus amos: na oposición ambos din que non, mais despois é que si. Emporiso o último do último ao que debemos renunciar é precisamente ao dereito ao voto, a maiores doutras fórmulas de participación, pois foi a desatención dos asuntos públicos o que nos trouxo ata aquí: ao illamento e á idiotez coma ser colectivo que comeza a latexar.

Celébranse baixo circunstancias de anormalidade política -crise terminal de ciclo constitucional e posta en cuestión das liberdades máis básicas por parte dos auto-denominados liberais, que son novos reaccionarios-, económica -intervención, estafa do aforro, creba controlada- e social -escaseza, desemprego e desafiuzamentos masivos- na periferia da periferia europea nun contexto de excepcionalidade e ambición pos-democrática e pos-política ao que nos abocou sen remisión a dexeneración sistémica dende Roma a Madrid ou a Barcelona, e dende Atenas ata Dublín ou a Lisboa; entanto a orde reina en París e Berlín. Ata cando?

Santiago de Compostela non é allea: a soberanía cidadá -merece repetirse- está for sale e o realismo alucinatorio -xénero literario premiado cun Nobel recentemente- inunda a democracia aparente que rescata evaporando a clase media, afundindo e empobrecendo aos pobres e facendo mais miserábeis aos que xa o son, protexe coma irreformable unha Constitución violada que reforman ás agochadas se interesa ao ditado de poderes fóra de control, outorga libertad lingüística para fomentar e perpetuar a secular diglosia mallando na sempre insuficiente auto-estima nacional galega, educa en libertad para españolizar coma se non ficara ren da memoria dos 40 anos de paz, estira as posibilidades do hábitat ou reclama sacrificios constantemente aos máis que menos teñen nunha operación perfectamente estudada consistente en transferir rendas das mans das clases asalariadas aos bolsos dos que o teñen case todo e o ambicionan todo. Pretenden sortear a cegas unha combinación de crises -enerxética, revolución tecnolóxica que non se dixeriu, de hexemonía xeopolítica, económica, climática e da fame- da que só adiviñamos a patiña por debaixo da porta. O cumio da pirámide -mais algúns fieis intermediarios entre a maioría das actuais cúpulas partidarias- non só non sofre en sintonía, se non que fai negocio substancioso e troca en grupo de interese priorizando os seus privilexios e sendo unha verdadeira elite extractiva. Se alguén ameaza iso, auto-protéxense para manter un status quo imposible. Algo disto sabe Dolores de Cospedal, pois é a política profesional mellor pagada de España. Dietas á marxe.

O realismo alucinatorio -made in china- no que estamos instalados deseña un sur de Europa deprimido baseado nun modelo chinarizado: exclusión -algo que no nivel mundial é norma e non excepción-, traballo precario-improdutivo e desmantelamento programado do modelo social e democrático combinado coa administración dun cocktail represivo -endurecemento punitivo e aplicación sistemática da violencia policial que criminaliza calquera acción de denuncia e desobediencia- restaurador do absolutismo da interinidade e a inseguridade permanente: o ERE por elevación e a éxtase des-reguladora. Mais a democracia aparente ficou espida hai tempo e parte da poboación intúe as cadeas.

O mantra das cacatúas consiste en repetir que nunca hai alternativa viable -a mais poderosa arma esgrimida polos prebostes do neoliberalismo antropofáxico- fóra da Gran Regresión e dos plans da Troika internacional. Non a hai, segundo repiten, fóra do proceso de acumulación desmesurada de riqueza nas mans do 1% da poboación dominante. Tampouco hai posibilidade de cuestionar a maré de fondo que en forma de nostálxica ofensiva da España imperial, mono-nacional-folclórica, monolingüe e dun só Deus posible -resistente a morrer na voráxine da mundialización e que nada ten a ver coa de Lorca, Miguel Hernández, Picasso, Alberti ou Castelao- ameaza con transmutar na súa propia e decadente versión para o século XXI en chave, polo momento, proto-fascista.

Ensínannos a aceptar coma natural que institucións sobre as que pivota a presunta lexitimidade do réxime monárquico poidan corromperse ata o paroxismo, mentres din que “dar comida e cama aos enfermos dun hospital non é Sanidade” (Feijóo dixit). Ou que o autogoberno pode usarse para o seu menoscabo. Hai que aceptar que poden evadir fortunas erguidas sobre a forza do traballo precarizado a paraísos fiscais en lugares que ameazan converter en infernos de explotación -prantexando xornadas laborais dun mínimo de 10 horas, 6 días á semana e facendo saltar polos aires o contracto social parido trala II Guerra Mundial- e que é completamente lóxico e aceptable que os patrimonios dos mais potentados, pola vía da inhibición fiscal, incrementen de xeito exponencial en tempos nos que as tesoiradas orzamentarias afectan ás prestacións, nóminas, pensións, á ciencia e á investigación, á educación, ao dereito a unha vivenda digna, á cultura e a todo aquilo que asegura a igualdade e o progreso fornecedor da verdadeira xustiza social. Faise ver normal que a corruptela sistemática e a cleptocracia afecte aos partidos tradicionais transversalmente, mesmo a organizacións que nalgún día foron diferentes.

O condimento opiáceo clásico, typical spanish, segue sendo facernos ver que o natural é que a Igrexa Católica -privilexiada no trato polos poderes públicos- axite as rúas para gobernar dende os conventos o ventre das mulleres todas -fieis ou non- pero non ten deber moral de rebelarse contra os mercaderes e o estado actual de cousas. As mulleres, como as leis, están para ser violadas. E todos receitan poñer a outra meixela, pola túa gran culpa: vivir moi por riba das túas posibilidades.

Os protagonistas principais do conchaveo partidario-empresarial-institucionalizado repiten mensaxes ocas que ocultan verdades que agromarán tarde ou cedo nesta nova fase, pois están xa a pé de rúa -e de praza- e nos centros de traballo, asociativos e de formación: crecemento, crecemento, crecemento, herdanza recibida, austeridade, cadrar as contas, déficit, prima, primo e con-cuñaos, eficiencia, arrimar o ombreiro, apertar o cinto, xestionar a macroeconomía coma o faría unha familia, senso común... Practicamente ningunha voz discordante á que poidamos acudir coa facilidade coa que consumimos des-información e que propoña, convincentemente, como saír do circuito asasino da débeda odiosa e ilexítima -algo que será inevitable ou, do contrario, imos condenar ás presentes e futuras xeracións a uns niveis de vida mais propios do terceiro mundo-, contraída maioritariamente pola banca e a gran empresa -ao comezo da crise o 57% do total- e, en menor medida, polas familias -20%- sendo a débeda pública menor, pero operacionalizando mediante artificio contable o troco que converteu en problema colectivo a ambición ilimitada dunha minoría e empurrou ao conxunto da sociedade ao depresivo estado de malestar, xa logo indignación, logo compromiso e logo rebelión democrática. É a maior estafa organizada da historia, cando menos, da europea. E a disputa comeza a ser: democracia si, ou democracia non.

2. Hai alternativa! :

O único que podemos dar por ben feito na etapa do tertuliano de Intereconomía é que permitiu algo relacionado coa súa especialidade: os debates televisados. Mais o resumo do seu des-goberno foi acreditar a dubidosa honra de ser un iniciado funesto: desgaleguización e intento de estigmatizar a lingua e os sinais de identidade para que non saibamos quen somos nin de onde vimos, desprezo polas institucións de autogoberno mailas súas capacidades e instrumentos, destrución do sistema de caixas de aforro, privatizacións e concesións públicas de dubidosa legalidade, ataque ao benestar con especial virulencia nos ámetos da Educación, a Cultura e Sanidade e o conxunto do sector público, parálise eólica e desbaldimento conseguinte coas indemnizacións, esaxeradas subvencións aos medios de comunicación para comprar silenzos e loubanzas, sectores produtivos estratéxicos completamente desatendidos...O balance da mistura entre nihilismo e de-construtivismo enfermizo foi redobrar a destrución de emprego e que a mocidade migre en masa descapitalizado ao país dos mil ríos, ao que unha meiga ben meiga mirou xa fai tempo. O seu maior erro: subestimar a intelixencia colectiva de todo un pobo.

Ten un interesante ensaio o catedrático de Ciencia Política Vicenç Navarro, titulado: Hai alternativas. Un bo e conciso programa de actuación. Non coma os das forzas do sistema, que están cheos de promesas incumpridas. Alí recóllense unha morea de medidas aplicables e financiables que desmontan o mantra das cacatúas e solventarían parte duns problemas que, de non remediarse urxente e radicalmente, abren o vieiro a un proceso de conflitividade socio-política equiparable ao que viven hoxe os irmáns portugueses, ou Grecia. O estado español é Grecia fai 2 anos.

Pode que o título do ensaio teña a ver coa decisión de bautizar así á inédita decisión de plantar a semente dunha coalición de esquerda ampla inspirada nos modelos de fronte popular, liderada por Xosé Manuel Beiras -Alternativa Galega de Esquerda-. Foi unha intelixente lectura da estrutura de oportunidade política e unha alianza que responde ás necesidades do tempo histórico: concibida como xermolo da desexable unidade da esquerda social, sindical e política necesaria para proxectar na instancia político-institucional cambios na correlación de forzas que forcen unha mudanza real estrutural. Que presente á opinión pública o problema do euro, por exemplo.

Republicana, laica, internacionalista dende a asunción do feito nacional galego e solidaria cos demais pobos de europa e do mundo, ecolóxica e rupturista no senso de acreditar na necesaria creba democrática como propoñen outras esquerdas europeas coas que se identifica ao compartir obxectivos estratéxicos e, ao fin, ámbito de actuación e inimigo común, tales coma o Front de Gauche francés, a Syriza grega, o Bloco de Esquerda portugués ou a Die Linke alemá -salvando as distancias todas en tempos, ritmos de construción, e conxunturas particulares-. Que conecta, sen intención de dirixir e si de acompañar na súa pluralidade, co ruxir da rúa e se proxecta e reflicte nas demandas dos movementos sociais alternativos e de protesta encamiñados a contemplar -xa o están a facer de feito, impugnando esta democracia aparente- un proceso histórico de auto-determinación destituínte establecendo no horizonte a apertura dun proceso constituínte que recupere a soberanía popular fanada e un novo deseño institucional ao servizo da emancipación das maiorías sociais. Que derrote as forzas de agresión sen precedentes auspiciadas pola hipertrofia neoliberal dende fai décadas e os plans ocultos do Fondo Monetario Internacional, o Banco Central Europeo e a Comisión, sen deixar de acreditar nunha europa democrática, pacífica, social e dos pobos.

Nesta situación o retorno de Beiras pode concibirse como a decisión de poñer a disposición do pobo galego outra-volta todo o seu capital político cincelado durante décadas, que non é pouco. O exemplo é que moitos mozos e mozas nacidos a mediados dos 80 coñeceron o seu papel como líder da oposición pero non tiveron nunca a oportunidade de votalo. Mais a xente, contrariamente ao que sempre repiten as cacatúas, adoita ter memoria. Para ben, e para mal.

Cando alguén, coa súa traxectoria de loita e incorruptibilidade, posúe dotes comunicativas na era da comunicación o efecto da mensaxe -e, por extensión, dunha coalición que pareceu reactivar sectores da poboación descontentos e descridos- multiplícase. Funciona ao xeito dos libelos de Marat -L´ami du peuple- no París revolucionario de 1789. Fora un mítico xornal que vixiaba o convulso e violento proceso deixando en coiros as vergoñas da oligarquía e dos elementos contra-revolucionarios co aguillón do uso preciso das palabras para dicir a verdade -aquilo que tantas veces non se quere escoitar- que, como se dixo sempre, é o acto revolucionario mais puro. E mais nos tempos onde a escuridade manda. A ética dos principios e a forza das ideas non cotizan no Down Jones, pero aos mitins de Beiras achéganse xentes de toda idade e condición.

O que a primeira vista podían semellar boutades resulta que atesouran eco que provoca un xiro inesperado e ¿cómo reaccionan os que detentan o poder e gobernan contra a maioría? Coa demonización: “O Beiras xa sabemos como é: está tolo”. Os que estando nos seus cabais infrinxen danos irreparables e sufrimento coas súas decisións e indecisións a milleiros e milleiros de persoas a cotío nunha desocialización instigada pola delincuencia organizada dos especuladores capitalistas, da que son cómplices, deben ser o exemplo do raciocinio e o equilibrio. O certo é que representa a antítese do que estes últimos ofrecen: fariseísmo e insolvencia intelectual. ¿Como non van temer que entre no Parlamento unha voz asentada na ética innegociable no exercicio da actividade pública? ¿Como non temer que pola súa voz falen os galeguistas históricos e republicanos, a forza no combate anti-feixista contra da ditadura e un dos homes que, apoiado e conxuntamente con moitos outros e outras, foi protagonista e o deu -o deron- case todo por impulsar unha forza social que chegou a comprometer a hexemonía do fraguismo dende posicionamentos ideolóxicos dun nacionalismo político de esquerdas, sen as facilidades que supón dispor dun aparello de estado ao teu servizo? Nin nos peores pesadelos Feijóo e todos os Feijóos do mundo o quixeran ver diante.

Din que non está capacitado para estar no Parlamento. É incómoda a intelixencia e a independencia no seo da soberanía popular. A súa soa presenza. É incómoda porque vai á raíz dos problemas que se deberan extirpar se quixeramos construír unha Galicia e un mundo mais xusto. Seguramente sexa porque non está capacitado para cobrar tres soldos do erario público a un tempo, nin para facer business ou privatizar bens de dominio público e repartir as migallas entre os amigos para o seu lucro exclusivo. Coido que, seguramente, non sería quen nin de facelo entre os seus amigos mais directos, nin tampouco entre os outros moitos e moitas que o senten entre o pobo galego. Tamén ten inimigos, claro.

Ten moito de épico o seu retorno en chave de biografía e percorrido persoal. Mais o interesante de todo isto é o aspecto colectivo desta nova fronteira da que seguramente participará mentres lle quede alento pois deixouno escrito cando era un mozo: “eu loito sen espranza e por iso non desertarei xamáis”. A loita de David fronte a Goliat foi sempre o combustible que alimenta o motor dos pobos que fan andar a Historia. Neste caso para intentar mudar as estruturas pétreas do estado, e tamén do estado actual de cousas no noso país, enraizando co cambio inevitable nunha europa que perdeu o norte como proxecto. Estruturas que deberan poñerse ao servizo da cidadanía, que é quen mais ordena queiran ou non queiran, e non contra dela. Os pobos nunca se resignan a ser derrotados e son sempre os propios pobos en pé os que configuran as alternativas fronte aos que queren mantelos asoballados. Aconteza o que aconteza nestas eleccións, mais ben todo comeza o día vinteún de outubro. Na Galiza, no estado español e na Europa enteira. Ese día os galegos teñen a oportunidade de escoller unha alternativa que envíe unha mensaxe de esperanza e optimismo a moitos, alén do Padornelo. Ademais de rescatarse a si mesmos.

viernes, 28 de septiembre de 2012

Historia de España for dummies



24 minutos nun resumo moi resumido da Historia do século XX aos nosos días. Ten algunhas simplezas pero o relato fundamental do conto é bo, ademais de presentalo dun xeito divertido. Raíces, causas e porqués. sempre pagan os mesmos. O final é interesante porque envía unha mensaxe clara. Recomendable, cando menos.

lunes, 20 de agosto de 2012

Avelino Pousa Antelo. In memorian.


No mesmo ano que Isaac e coas recentes desaparicións de F. Del Riego e Xaime Isla aínda presentes, e na semana da Galiza Mártir, morre un dos últimos galeguistas históricos. Dos últimos daquelas Mocedades Galeguistas anteriores á Guerra Civil. Un irmán de Castelao e dos demáis galegos bos e xenerosos. Esta canción d´A Quenlla ben podería ser feita tamén pra el. O seu corpo marchou cando mais falta facían. Pero as súas figuras, traballo e traxectorias non.



Nova no Praza Pública

viernes, 17 de agosto de 2012

Palabras desde Atenas



Tiña ganas de recuperar este vídeo de Pedro Olalla (profesor, helenista, escritor, fotógrafo e cineasta español) gravado hai case un ano en Atenas, pois está afincado alí, e subilo a este blog. Recoméndoo 100% pois non é tan só que siga vixente, senón que comeza a afectarnos de cheo...





miércoles, 15 de agosto de 2012

Cómo ser sindicalista do SAT e ridiculizar a todo un plató de Intereconomía





Diego Cañamero, jornalero e sindicalista andaluz do SAT, foi ao programa por excelencia da caverna mediática e deixou en ridículo a todos os tertulianos (e ao presentador) cos seus argumentos claros, concisos e impepinables. E é que...a quén se lle ocurre invitar a un señor que leva traballando no campo andaluz dende os 8 anos e ten ideas e principios? Seguro que lles pasaron as ganas de volver a debater con alguén a quen lle asiste, sinxelamente e nun momento de necesidade que comeza a ser extrema, a Razón. E máis aínda na gran, e historicamente maltratada, nación e pobo andaluz, a quen Lorca dedicou algúns dos seus poemas imborrables. Neste caso a un pobo anónimo de Andalucía:


Pueblo

Sobre el monte pelado

un calvario.

Agua clara
y olivos centenarios.

Por las callejas
hombres embozados,
y en las torres
veletas girando.

Eternamente
girando.

¡Oh pueblo perdido,
en la Andalucía del llanto!

Federico García Lorca, Poema del Cante Jondo (1921)









lunes, 23 de julio de 2012

Democracia, acto final?



Europa e Occidente afrontan unha encrucillada histórica, a fin dun mundo e de todo un modelo de sociedade herdado do que se ergueu tralas cinsas da II Guerra Mundial e a posterior queda do bloque soviético. E agora, do mundo unipolar. Atópanse no tránsito a outro novo, pero incógnito. Con impresionantes avances nos campos das tecnoloxías ou da física mais, parellamente, sentindo retrocesos non menos importantes nas expectativas dunha vida digna para millóns e millóns. Non sabemos o que se dilatará a situación de medo, atonía e desencanto, mesmo se empeorará substancialmente (o cal é posible dada a situación de risco obxectivo polo que atravesan outras economías de peso, como a chinesa ou a nipona) nin tampouco podemos prever cantas doses de sufrimento individual e colectivo ocasionará esta mistura amnésica de insensibilidade e demencia dos poderosos, por agora só dos poderosos. Pode que máis das que imaxinamos, sen que ninguén nos advertira. Non é posible cursar un máster universitario sobre a maior crise do capitalismo: sobre empobrecemento e desemprego masivo, manipulación salvaxe e opacidade, abuso de poder e autoritarismo, retrocesos en dereitos e liberdades básicas, represión policial, inseguridade e exclusión social, inestabilidade política ou violencia. Prepáraste xustamente para o contrario: para vivir e traballar nun mundo moi complexo, pero en progreso continuo.


Aquí tocou padecer un novo goberno español (despois de levar case 4 anos sufrindo o galego, pioneiro en abordar a barbarie con pingas de barbarie e caldeiros de a-velas-vir) que, en tan só 6 meses, cruzou practicamente todos os lindes da ética, a decencia e a hipocrisía. Nunca antes outro fora quen de perder tanta credibilidade en tan pouco e antollábase impensábel, anos atrás, unha traizón similar sen recibir unha contestación social e organizada severa.

En realidade, e literalmente, estamos perante unha revolución de manual. Ante un golpe de estado encuberto e fondamente ideolóxico que, ademais, conta coa amable complicidade (por acción e omisión) do principal partido da oposición. Non así da base social que viña confiando tradicionalmente nel e que pide a berros nas rúas que alguén non só a defenda e se solidarice na denuncia, senón que cumpra cando acceda ao poder e non traballe para os intereses da oligarquía. Este entendemento tácito só pode ter un bo colofón arredor dun “goberno de salvación” que levaría ao PSOE á pasokización mentres todos nós imos á chinarización e ao neo-escravismo, facendo parada en Atenas. Sería a estocada de morte a un réxime que comeza a estar cuestionado na base ao facerse evidente que apodrece pola cúspide e tamén aos laterais.

A Constitución española de 1978 é, en boa parte do seu articulado, puro papel mollado violado no tránsito ao totalitarismo neoliberal. A un escenario no que o reinado antisocial e o desequilibrio quixera afectar e controlar ata o último resorte das precarias vidas dos mais humildes. Paradoxo estraño, resultante da hipertrofia da esmagadora doutrina imperante nas últimas décadas. Esa que tanto beneficio trouxo para tan poucos, sensación de progreso para bastantes, pero que tamén narcotizou a unha xeración enteira ata o límite de que agora tan só pode achegar miseria, frustración e desengano. Tamén se abren novos vieiros e oportunidades se comezara a aproveitarse un novo concepto de proximidade, sustentabilidade e innovación na empresa, nas relacións de traballo e comerciais, na cooperación e na economía do ben común, mais o regueiro de “vítimas” que deixa e deixará polo camiño o modelo especulativo, depredador e sociópata é o suficientemente importante para estar preocupados, mais nunca vencidos.

Sosténdose na suposta mala memoria do cidadán medio ou na súa saturación informativa lévase a cabo de xeito obediente, baixo mandato e tutela da
Troika, un “paquetazo” de medidas de shock económico ultra-liberal que recorda ás curas de cabalo latinoamericanas e que nos arrastra sen remedio a unha depresión económica maior e a unha situación de conflitividade e lameira social que remove os alicerces da democracia. Un deles, como é a propia confianza no sistema, descendeu xa a mínimos históricos e o futuro que se albisca sitúa a España no centro da atención internacional. A deriva desta impostura empurrará inevitablemente, antes ou despois, ao estado español á solicitude do mal chamado “rescate” total e, seguidamente, a non ser materialmente posible pagar unha débeda odiosa que supera, a día de hoxe, o 340% do PIB e que pode multiplicarse (de non corrixir de raíz boa parte das grandes políticas económicas) coa propia dinámica do mellor mecanismo de escravitude coñecido ata o de agora na época contemporánea: a ditadura financeira. Só hai que estudar o caso grego. Quedaría a opción do impagamento, pero iso comprometería a unión monetaria e a estabilidade no continente e no mundo enteiro. Perpetuarse na débeda é tanto como entrar nunha espiral de medidas draconianas, incumprimentos e sancións que faría deste recuncho do planeta un dos lugares menos recomendable para vivir e traballar, e iso que hai lugares ben pouco apetecibles.


Non se recorda dende 1978 un momento que esixa tan altas doses de liderado e de exercicio compartido de compromiso democrático. Cada vez mais voces din que é preciso artellar unha ampla e plural alianza cívica, política, cultural, social e sindical que configure o vencello estable coa esixencia dunha democracia plena e recolla a vontade de confrontar, a cara descuberta, cun réxime político agonizante. Que restitúa o fío capado entre representantes e representados, unha vez comprobado xa que a soberanía cidadá foi substraída en favor de poderes alleos no xeográfico e fóra do control democrático, onde o propio representante pode espetarlle a 6 millóns de desempregados “¡Que se jodan!” e iso non teña consecuencias. Todo se solventa cun: “lo siento mucho, no volverá ocurrir”, estilo Borbón ou Novagalicia Banco. Do contrario, a alternativa que se adiviña aproximase a un estado de malestar constante, larvado ou explícito, e a unha sorte de estado policial. Síntomas hai xa abondos. Só é cuestión de tempo, e cómpre a (re)concienciación da esquerda e da amplitude da cidadanía demócrata na procura dos seus mellores momentos de pulo e loita na defensa do que é común.

A mentira compulsiva, a criminalización de sectores profesionais enteiros, ou campañas de pouso anti-político, son xa sinais de identidade dun goberno (e satélites mediáticos) que trocou en ilexítimo, que actúa contra o pobo e favorece á elite plutocrática e á da superestrutura sádica na que parece converterse unha Unión Europea en perigo certo de implosión como proxecto histórico viable, ou, cando menos, que pode quedar desfigurado dos seus obxectivos últimos e espírito fundacional. Partida en dúas.





A re-estruturación do capitalismo europeo está producíndose a marchas forzadas con lentes e ritmos de dominadores e dende o centro, e non coa dos cidadáns nin empatizando coa periferia, sen ter en conta o pouso cultural e afectivo que a tradición do continente atesoura en materia de conciencia cívica e social, e na conquista de dereitos e liberdades. Non calibran axeitadamente as consecuencias de aplicar cegamente a Austeridade Asasina nun solar inzado de recordos revolucionarios, guerras incruentas e crueis, estalidos sociais ou que foi berce das ideas, ideoloxías e ideoloxemas preponderantes da modernidade: dende a Ilustración ou o romanticismo ata a tradición na fe católica ou no laicismo, dende os nacionalismos, o chauvinismo, o colonialismo ou o movemento obreiro ata o fascismo ou o ogro hitleriano, dende a monarquía e os súbditos ata o republicanismo e os cidadáns. Acreditan na visión schumpeteriana que vía no sufrimento social o cumprimento de determinado obxectivo económico, mais entre facer algún tipo de sacrificio compartido, e gradual, ou volver a tempos escuros e ao medievo debera mediar un treito. Do contrario, as versións actualizadas da guerra de clases, o patriotismo, ou a caza do diferente poden ser un feito en cuestión de tempo. Aínda que tampouco pode preverse. Calquera estalido do tipo mantén sempre as súas propias leis e dinámicas en cada tempo histórico. Pero hai moito en xogo, máis alá dunha “linea de crédito en condiciones extremadamente favorables” ou do cumprimento “de los objetivos de déficit para 2013”: a Liberdade e a Democracia. A tempo estamos de defendelas, coa palabra e coa acción. Nas rúas, e nas prazas.

Artigo en Praza

viernes, 20 de julio de 2012

Constituída ANOVA-Irmandade Nacionalista Galega



Dentro do momento que se está a vivir no panorama sociopolítico e económico, e da reconfiguración que está vivindo a esquerda nacional galega logo da convulsión da fractura do BNG, vén de producirse a constitución dunha nova forza-movemento político o 14 de Xullo en Compostela. O seu nome: ANOVA-Irmandade Nacionalista Galega, froito dun proceso asamblear que durou meses, e que lidera o histórico Xosé Manuel Beiras Torrado. Adxunto vídeo da alocución final na Clausura da Asamblea Nacional Constituínte, á que tiven a honra de asistir. Persoalmente, como xestor deste humilde blog dende 2007, motiva escoitar a pasaxe onde se fai referencia, aínda que sexa como explicación e de xeito simbólico, á Toma Bastilla durante a Revolución Francesa e as semellanzas que poida haber no nível estrutural e social co noso tempo histórico e coas condicións obxectivas que detonaron aquel proceso revolucionario que pariu a Modernidade. Moitos azos á nova forza e desexo que se atope, dalgún xeito, no camiño con outros espazos dentro do nacente novo sistema de partidos que está abrollando na nosa Terra. Seguro que é posible e coa altura de miras e xenerosidade precisas facilitará un cambio, mais que necesario, para este país.

miércoles, 11 de julio de 2012

Condicionalidade, Troika, Memorándum e clase obreira


O mesmo día no que se oficializaba a intervención de España e palabras tan coñecidas para os que seguimos a actualidade internacional, quizáis non tanto para a maioría da cidadanía galega e española, como: condicionalidade macroeconómica, Troika ou Memorándum (que nos anuncian que estamos tan só ao principio dun camiño, como mínimo, parello ao de economías e sociedades como a grega ou a portuguesa fai 2 anos) a chamada #marchanegra dos mineiros chegou a Madrid recibida polo pobo madrileño nas rúas, e escenificou o comezo do que probablemente vai ser unha constante nos próximos meses e anos: a mobilización e a loita constante na reivindicación dos dereitos máis básicos e que a degradación da Ditadura Neoliberal e a Austeridade Asasina ameaza con fanar. É difícil non empatizar e solidarizarse coa súa loita atemporal, co seu esforzo diario e heroico, e coa súa resistencia ao que parece inevitable. Os bombeiros da Comunidade Autónoma de Madrid fixérono. E milleiros de cidadáns, máis ou menos espontaneamente, tamén. "Prohibido jugar con nuestras vidas". Rememora vellas loitas, sexa en Asturies ou León, sexa en Bolivia. Sexan mineiros, ou sexan operarios de fábricas, do sector naval de Ferrol ou de acolá...Proletariado adquire significado, uns cantos anos despois. Realmente nunca o perdeu. Simplemente mirabamos a outro lado.

Non teñen alternativa. Non lle la dan, e poderían. Será o  rexurdir da clase obreira consciente e do vigor do movemento obreiro? Veremos...O que si parece é que o 15-M prendeu a faísca e alumeou un camiño de denuncia, pero pouco a pouco, sectores mais amplos, converxen no combate a un sistema que fai augas. Que se estenda a capas mais amplas vai depender de moitas variables, pero parece inevitable vista a determinación con que este Goberno tramposo aplica medidas de excepción e dificulta cada vez máis e a máis xente unha vida digna. O apagón informativo nos medios de in-comunicación oficiais, e ter que enterarse do realmente acontecido "vía nova-Pirenaica" nas redes e por Streaming e Internet, denota o interese do status quo en que isto non vaia a mais. Pero parece cuestión de tempo. Por sorte ou por desgraza, é probable que tan só esteamos ao principio dun longo camiño.

PD: E xa hoxe, 11 de Xullo de 2012, na manifestación pacífica dos mineros, a Policía (ás ordes do poder político que está ás ordes do Gran Capital) cargou ocasionando disturbios e feridos. O Goberno parece decidido a desatar a guerra de clases dende o Congreso (coas medidas tomadas) e na rúa. Decrétase a fin da clase media, e un período indefinido de convulsión social e inestabilidade política. Tempos duros.









miércoles, 20 de junio de 2012

4 anos de blog


Este blog cumpre 4 anos dende que empezou a publicar artigos asiduamente, nestes días. Moitas cousas teñen acontecido dende aquela. No nivel persoal a piques de rematar os estudos na Facultade de Ciencias Políticas da USC. Á marxe disto, tamén, involucrado e axudando no posible á creación (xunto con moita mais xente) dun novo referente político e social para o galeguismo e o nacionalismo deste país de cara ao século XXI, en chave dunha forza ampla e plural da esquerda transformadora e nacional galega. Na altura dun tempo histórico complexo e difícil.

Propoño que sigades o proceso con atención e que participedes alá onde poidades, facéndovos partícipes. Toda axuda será pouca. Deixo algún enlace, para que vaiades vendo como avanza o conto:

A asamblea do Novo Proxecto Común dará lugar a unha forza política nacionalista e de esquerdas o 14 de Xullo.

Beiras, convencido de que Compromiso e NPC poden confluír.

sábado, 16 de junio de 2012

Προώθηση ΣΥΡΙΖΑ!!!




Mañá celébranse unha transcendentais eleccións en Grecia para o seu futuro e probablmente tamén para o do Euro, a Unión Monetaria e a propia Unión Europea. O pobo grego ten a oportunidade de denunciar o Memorándum da Troika e combater as agresivas políticas de Austeridade que o están levando á miseria e á era da post-democracia e o neo-escravismo. Sorte a Syriza. No Pasarán!

Programa electoral (o mais relevante, en castelán) :

1. Realizar una auditoría sobre la deuda pública. Renegociar su devolución y suspender
los pagos hasta que se haya recuperado la economía y vuelva el crecimiento y el empleo.
2. Exigir a la UE un cambio en el papel del BCE para que financie directamente a los
Estados y a los programas de inversión pública.
3. Subir el impuesto de la renta al 75% para todos los ingresos por encima del medio
millón de euros anuales.
4. Cambiar la ley electoral para que la representación parlamentaria sea
verdaderamente proporcional.
5. Subir el impuesto de sociedades para las grandes empresas al menos hasta la media
europea.
6. Adoptar un impuesto a las transacciones financieras y también un impuesto especial
para los productos de lujo.
7. Prohibir los derivados financieros especulativos, como los swaps y los CDS.
8. Abolir los privilegios fiscales de los que disfruta la iglesia y los armadores de barcos.
9. Combatir el secreto bancario y la evasión de capitales al extranjero.
10. Rebajar drásticamente el gasto militar.
11. Subir el salario mínimo hasta su nivel previo a las recortes (751 euros brutos
mensuales).
12. Utilizar los edificios del Gobierno, la banca y la iglesia para alojar a las personas sin hogar.
13. Poner en marcha comedores en los colegios públicos para ofrecer desayuno y
almuerzo gratuito a los niños.
14. Ofrecer sanidad pública gratuita para las personas desempleadas, sin hogar o sin
ingresos suficientes.
15. Ayudas de hasta el 30% de sus ingresos para las familias que no pueden afrontar sus
hipotecas.
16. Subir las prestaciones de desempleo para los parados. Aumentar la protección social
para las familias monoparentales, los ancianos, los discapacitados y los hogares sin
ingresos.
17. Rebajas fiscales para los productos de primera necesidad.
18. Nacionalización de los bancos.
19. Nacionalizar las antiguas empresas públicas de sectores estratégicos para el
crecimiento del país (ferrocarriles, aeropuertos, correos, agua…).
20. Apostar por las energías renovables y por la protección del medio ambiente.
21. Igualdad salarial para hombres y mujeres.
22. Limitar el encadenamiento de contratos temporales y apostar por los contratos indefinidos.
23. Ampliar la protección laboral y salarial de los trabajadores a tiempo parcial.
24. Recuperar los convenios colectivos.
25. Aumentar las inspecciones de trabajo y los requisitos laborales para empresas que
accedan a concursos públicos.
26. Reformar la constitución para garantizar la separación iglesia-Estado y la
protección del derecho a la educación, la salud y la protección del medio ambiente.
27. Someter a referéndum vinculante los tratados europeos y otros acuerdos de
importancia.
28. Abolición de todos los privilegios de los parlamentarios. Eliminar la especial
protección legal de los ministros y permitir a los tribunales ordinarios procesar a los
miembros del gobierno.
29. Desmilitarizar la guardia costera y disolver las fuerzas especiales antidisturbios.
Prohibir la presencia de policías encubiertos o con armas de fuego en las
manifestaciones y mítines. Cambiar los planes de estudio de los policías para poner énfasis en los temas sociales, como la inmigración, las drogas o la exclusión social.
30. Garantizar los derechos humanos en los centros de detención de inmigrantes.
31. Facilitar a los inmigrantes la reagrupación familiar. Permitir que los inmigrantes,
incluso los indocumentados, tengan acceso pleno a la sanidad y la educación.
32. Despenalizar el consumo de drogas, combatiendo solo el tráfico. Aumentar los
fondos para los centros de desintoxicación.
33. Regular el derecho a la objeción de conciencia en el servicio militar.
34. Aumentar los fondos para la sanidad pública hasta los niveles del resto de la UE (la
media europea es del 6% del PIB y Grecia gasta el 3%).
35. Eliminar el copago en los servicios sanitarios.
36. Nacionalizar los hospitales privatizados. Eliminar toda participación privada en el
sistema público de salud.
37. Retirada de las tropas griegas de Afganistán y los balcanes: ningún soldado fuera de
las fronteras de Grecia.
38. Romper los acuerdos de cooperación militar con Israel. Apoyar la creación de un
estado Palestino dentro de las fronteras de 1967.
39. Negociar un acuerdo estable con Turquía.
40. Cerrar todas las bases extranjeras en Grecia y salir de la OTAN.

domingo, 10 de junio de 2012

Súbditos, pao e cenoria


A guerra é a paz, a liberdade é a escravitude, a ignorancia é a forza”

A primeira vítima dunha guerra é sempre a verdade, di o vello adagio. Sen pretendelo, atopámonos librando unha no bando liliputiense, parapetados trala trincheira asediada tódolos Venres a golpe de Real Decreto ou a base de inxeccións masivas de liquidez do erario público ao gran buraco negro-bancario que multiplica, polo momento e ¡ata por oito!, a partida dos orzamentos do goberno central reservada á Sanidade. Con ese diñeiro cubriríase un incremento do 20% en pensións, podería sufragarse o 85% das prestacións por desemprego e mesmo multiplicar por cinco o investimento en seguridade cidadá. Podería aumentar máis dun 100% o de infraestruturas, ou cubrir catro anos de I+D+i. Delirante. Se non é a loita final, non pode andar lonxe: é o Capitalismo e toda a súa maquinaria pesada contra os pobos e os febles instrumentos de resistencia concibidos para contrapesar, garantir o contracto social e salvagardar a cohesión, a risco de facela saltar polo ar. Intervidos de facto mais deslizándonos pola pendente que (salvo xiro copernicano) levará a formar parte do espazo vital dos acredores xermanos sempre e cando a maré do colapso non sobarde e alcance o corazón do imperio en Berlín, ou o mesmísimo Washington.

Aínda así, o Partido Popular encetou hai semanas unha campaña de márketing de inspiración orwelliana e de dobre-pensar: “La Verdad sobre la Educación” e “La Verdad sobre la Sanidad”. Resta mudar o nome dun ministerio calquera polo “Ministerio de La Verdad” e, honrando a novela 1984, reducir austeramente a catro os membros do gabinete. Pensándoo ben, con tres sería suficiente: un para o BCE, outro para o FMI e outro para a Comisión Europea. O Goberno da Troika internacional, tan democrática ela, e presidido polo afable Luis de Guindos. Por que non? Dá o perfil e non se engurra. Mentira tras mentira e, por descontado, todos exactamente igual de responsables da desfeita: repiten coma un mantra que vivíase moi por riba das posibilidades, nunha sorte de festa perpetua, e hai que arrexuntar o ombreiro e apertar o cinto por España. Todo pola patria, pero cada vez menos para quen a pisa. Menos mal que non convidan a ollar cegamente Cara o Sol e coa camisa nova, mais os cantos a un “goberno de concentración nacional” séntense preto. Sería a guinda, e síntoma dunha descomposición vernizada de xenerosidade e responsabilidade. ¿Que pensará disto unha xubilada que percibe 400 euros ao mes e deberá requetepagar a medicación afrontando, á vez, unha suba do IVE? Ou os pais dos 2,2 millóns de nenos que viven, segundo datos recentes Unicef España, no limiar da pobreza dende 2008... Por suposto, o actual estado social é insostible e cómpre reducilo á expresión mais mínima, caritativa e asistencial. Xa vivían demasiado ben.

Tempos de excepcionalidade democrática, acompañada de confusión inducida e engano aleivoso. Tempos de auxe silandeiro da restrición de dereitos e liberdades, e tamén da represión en vilas e cidades a golpe de bando ou ordenanza municipal. Ou a golpes, directamente. Algúns miñaxoias non contabamos vivir un proceso de re-fascistización, e non consola saber que non sexa só no estado español. O día menos pensado en cada oficina atoparase un “Los recortes os harán libres”.

Os significantes, baleiros de contido, perden significado e verbas como igualdade e democracia son prostituídas polos resortes do poder real. A tradicional coalición entre oligarquías potentadas, banca, salva-patrias e salva-ánimas, mailos representantes políticos habilmente escollidos entre elites partidarias afectas que se auto-protexen a si mesmas e defenden, por riba de todo, os intereses corporativos e os dos seus familiares directos (colocándoos en postos clave e ben pagados, coma nas infaustas performances Bankilandia, Gürtelandia e cen mil outras) xunto aos de quen os sostén: a cúspide da pirámide que se enriquece máis e máis. Ese 1% da poboación da que tanto falan. É a dexeneración e perversión dun modelo e é inevitable que se cuestione integramente o sistema. Outros tantos caeron: dende o Reich dos mil anos ata o socialismo real soviético. Nada volverá ser igual a partir de agora.

Contan coa paciencia inestimable dunha cidadanía exhausta, atemorizada e anestesiada, centrada en dar cumprida resposta aos problemas cotiáns. Algúns, bastantes cando son milleiros e milleiros, loitando contra os desafiuzamentos dos seus fogares ou a estafa das preferentes. Tamén cuns media que acostuman ser voz do seu amo e modulan o como, o que, o canto e o cando debemos informarnos ou sobre-informarnos (boa maneira de des-informar). Dosificadas mensaxes contraditorias. Matraca perversa.

Se saes á rúa polo que cres inxusto denunciando a mala broma e propondo alternativas posibles serás un violento e hiper-ideoloxizado radical anti-sistema perrofláutico. Se desmantelas con frialdade e ortodoxia ultra-liberal o sistema, non. Sendo un directivo de banca con 15 millóns de indemnización no peto logo de afundir unha entidade e a todo un país serás pouco menos que un exemplo a seguir.

Mentres evaden impostos, son amnistiados, desvían masas inxentes de capital ao estranxeiro ou eluden investigacións xudiciais con fundamento polas súas supostas fraudes (caso Botín) obrigan e obrigarán a aplicar medidas draconianas e receitas fracasadas, deixando sen servizos básicos ás presentes e vindeiras xeracións para instaurar unha novísima orde social asentada nos piares dun neo-escravismo edulcorado. Verticalismo agresivo, de face horizontalista. Unha revolución en toda regra.

Adóitase recordar, como paradoxo, que na Gran Depresión dos anos 30 foran os mais ricos que o perdían todo os que se quitaban a vida, desesperados, polo fracaso. Agora vemos como en Grecia suicídanse persoas de clase media depauperada ou baixa case cada semana, mentres aos de arriba lles vai mellor. O acordo tácito ao que se chegara na Guerra Fría entre o movemento obreiro e o Capital comeza a entrar nun desequilibrio flagrante, e o shock económico axita as bases da confianza nun “sistema democrático” que comeza a non satisfacer como antes o facía, poñéndoo a proba dende Hungría ata Grecia, ou Francia, e co risco que iso leva aparellado como nos mostra a Historia.

Por riba, algúns lúcranse coa privatización e a liquidación das migallas. O brazo armado dos anteriores, como Esperanza Aguirre, Wert, Ana Mato ou Margallo aplican a folla de ruta mentres desvían a atención sacudindo as baixas paixóns de pulsión patriótica. Sexa tirando do recorrente Xibraltar, sexan os “ultraxantes” asubíos a unha melodía. Ata nos contan que os asubíos futboleiros fan engordar á “nena de Rajoy”, a nosa querida e caprichosa prima. Cando ela medra, nós encollemos un chisco mais...O goberno dá a impresión de estar xa superado polos feitos, e é moi probable que non aguante a lexislatura, entrando nun período indefinido de inestabilidade política.

Á institución monárquica habería que darlle de comer á parte, e a calidade do debate e a deliberación pública descenderon a mínimos históricos, sumíndonos na belenestebanización berlusconiana. Pero todo ten un límite, e a pugna entre indignos e indignados (Eduardo Galeano dividiu á Humanidade nestes dous grupos) non fixo mais que botar a andar. Mallan na mocidade e esta, contumaz, no canto de ficar aterrada e resignada comeza a rebelarse tímida e caoticamente. Sen pretendelo, conseguen alumear a xeración mais concienciada e comprometida politicamente dende a Transición. Por suposto: están manipulados e non saben o que queren.

Despois da ruptura pactada co réxime anterior aquelas arelas mantiveron o tipo un tempo pero, acubillaban o nó gordiano da besta creada: as mesmas familias franquistas e os seus herdeiros dominan boa parte do IBEX-35, por poñer tan só un exemplo da democratización. Dende logo a Democracia, entre avances e moitas bondades que trouxo, en perspectiva, tamén dexenerou nunha partitocracia ás veces omnipotente que desconfía da sociedade civil en movemento e proxecta rixidez nunhas institucións cada vez mais cuestionadas, e que produciu un elefantástico e disparatado aparello de cargos políticos remunerados (400.000, máis que médicos, bombeiros, policías e mestres xuntos. O dobre que en Alemaña, coa metade de poboación e con dous niveles máis de descentralización administrativa). Calquera avance no empoderamento cidadá, ou na xustiza e o progreso social celebrábase.

Cando todo ía ben, ata Aznar pousaba os pés riba da mesa na White House, emulando ao cowboy de Texas. Nin Schröder e Chirac se atreveran a tanto! España comezaba a saír por fin do recuncho da Historia...Cenoria durante 35 anos. Nos nosos días democracia trocou por bancacracia, cleptocracia e nepotismo, pero a promesa do goberno do pobo e para o pobo e a preocupación polo ben común esvaécese. Pola situación xeral a nivel internacional, pero tamén por causas específicas. A crise económica non é tal. Non deixa de ser a escusa perfecta para converter os erros provocados pola ambición desmedida de moi poucos nun problema de todos. Non deixa de ser a transferencia de caudais das rendas do traballo ás bocas insaciables do gran Capital. Non deixa de ser unha escusa perfecta, empregando as infalibles e vellas armas do medo, o patriotismo decimonónico, a represión policial e o endurecemento do código penal. Xa só quedan os paos. Intentan converter outra-volta aos cidadáns en servos. En súbditos. Dixérao Jonathan Swift: “o home non é un animal racional, como moito con capacidade de razón”.

Publicado en Praza Pública

miércoles, 16 de mayo de 2012

Catastroika


CATASTROIKA - Subtitulos en Español por infowar

Excelente documental sobre a deriva neoliberal e as políticas de shock da Troika, que xa chegaron a España, pero acaban de empezar. Imprescindible. Con intervencións de Naomi Klein, Zizek, etc...Subtítulos en castelán.

lunes, 14 de mayo de 2012

Shh, silenzo, IIIRepública en construcción.


Madrid


Compostela










Mecánica del muro



Na semana onde volve a visualizarse o Movemento 15-M, pero tamén na semana onde o Nobel de Economía Paul Krugman prognostica a defunción do euro e o colapso bancario en España, onde o Goberno italiano prevé comezar a empregar ao Exército para reprimir as manifestacións contra a Austeridade e onde o Goberno de Esperanza Aguirre ordena pechar canles de televisión críticas (se o fixera Hugo Chávez vaia lío!!) podemos ir abrindo boca con un vídeo ben interesante do sociólogo Felipe L. Aranguren. Temática: manipulación mediatica e a Gran Estafa Austera (que non deixa de ser unha transferencia masiva de renda das clases populares hacia os petos das clases altas).

viernes, 11 de mayo de 2012

Terra da Fraternidade



Vídeo completo do Festival Terra da Fraternidade celebrado no Auditorio de Galicia de Compostela en cumprimento do 40 aniversario da estrea, neste mesmo lugar, do Grándola Vila Morena de Zeca Afonso.

Deixo tamén o pequeno artigo que me pediron para un Xornal que se venderá nas cidades galegas e que costará tan só 1 euro. Colaboran da inicitaiva unha chea de artistas de distintos ámbitos, e mais xente, ademais dos medios dixitais Praza Pública, Dioivo e Sermos Galiza. Tamén sairá publicado en Praza.


Capitán de Abril, sae á rúa!

Dicía recentemente a escritora arousá Mariví Villaverde nas liñas de Praza Pública, quen foi homenaxeada como Republicana de Honra 2012 a instancias da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, que “é insoportable ver como se vai desfacendo esta sociedade”. Unha frase sinxela e resignada, sen circunloquios. Dirixida a onde doe sen deixar de parecer un aloumiño. Por iso acerta, a recollo e a fago miña. Son pronunciadas coa afouteza necesaria e suficiente que 90 anos de perspectiva e combate imprimen nun carácter. Estou certo que saen das mesmas partes do corpo de onde saíron con forza revolucionaria as letras e a música que vertera e nos regalou o Zeca e que deixou en herdanza aos que aínda cremos nun mundo radicalmente distinto ao que están proxectando por riba das nosas cabezas e corazóns os prebostes do reaccionariado e do capitalismo distópico.

As cançoes de luta non estaban mortas, nin de parranda. Estaban, están, para achegarnos a elas e sentilas. E as do Zeca, a súa poesía, probabelmente sexan das que mais resoaban aínda cando viviamos nunha ilusión desilusionada. Hoxe están tanto ou mais vixentes pois aínda que o mito construído arredor da amnesia forzada e da competición por acaparar comeza a derrubarse a frustración colectiva cotiza á alza. Son “cançoes do desassosego”, como escribiu fai tan só uns meses o portugués Martín Deníz Silva. 

A prometida terra da fraternidade está en descomposición e urxe tecer a súa recomposición polo ben común aínda que vaia gañando, de lonxe, a implacable e predominante anti-utopía. Aquela que Pierre Bordieu resumira así:
“A utopía neoliberal de un mercado puro e perfecto supón a destrucción de todas as resistencias colectivas. Conducirá a un mundo darwiniano onde todos loiten contra todos. E, sen embargo, a transición a ese mundo prodúcese de forma imperceptible, como a deriva dos continentes”. Pois nesas andamos. E non xa de xeito silandeiro senón, mais ben, evidente. Camiñando a paso firme cara un pasado que considerabamos soterrado. Cara a suspensión das democracias, o desmantelamento do estado social, o endurecemento da represión e a posta en cuestión de dereitos e liberdades básicas.

José Afonso identificara ben aos responsables, xa daquela: “os vampiros, que comem tudo e non deijan nada”. Agora, mais sedentos que nunca, teiman en axeonllarnos ao común dos cidadáns, ao pobo, e teiman tamén en desfacer o que tantos anos de loita costou erguer co esforzo de tantos homes e mulleres, aínda que o resultado non fose óptimo. Sempre se recorda que foi unha persoa modesta, e esta era a súa forza moral. Criticaba a axitación musical da canción no mundo pos-revolucionario porque cría que a política non se facía xa así nin con discursos grandilocuentes senón tamén mediante cousas e causas aparentemente simples e sensibles como cantar conxuntamente, ir ao encontro das persoas e falar dos problemas concretos para crear a “irmandade progressista” que sempre predicou alá onde estivo, como en Galiza. E dicíao o primeiro capitán de Abril, o home que soñara unha Revolución triunfante e a república da fraternidade e a soberanía cidadá. 

Un non pode deixar de facer paralelismos con outras figuras do mundo das artes que influíron ao seu nivel. Sempre penso que foi, salvando as distancias que puidera haber, unha sorte de Woody Guthrie ibérico que, sen necesidade de levar inscrito na guitarra un
“this machine kills fascits!”, despertou e desperta as consciencias adormentadas. Aínda hoxe o seu legado é un antídoto contra esa pandemia rexurdida que ameaza con botar raíces. Por iso que non hai que deixar de escoitalas, de lelas ou de cavilar arredor do seu significado último. Mais, ao contrario, os tempos chegados obrigan a que soen a todo volume e nin que dicir ten que mais forte que nunca nesta terra tan querida por el e tan desprezada por outros que padece, ao igual que os irmáns do sur, a humillación da Gran Estafa Austera e do neoliberalismo descarnado e enxebre que “...nos leva a aniquilación física e espiritual, material e inmaterial... Ou estamos á altura do desafío ou podemos ser a derradeira xeración que sabe o que foi Galiza”, segundo o Académico da Lingua, Henrique Monteagudo. Concordo totalmente. Fagamos que non sexa. Tamén nas rúas e nas prazas.



miércoles, 9 de mayo de 2012