domingo, 10 de junio de 2012

Súbditos, pao e cenoria


A guerra é a paz, a liberdade é a escravitude, a ignorancia é a forza”

A primeira vítima dunha guerra é sempre a verdade, di o vello adagio. Sen pretendelo, atopámonos librando unha no bando liliputiense, parapetados trala trincheira asediada tódolos Venres a golpe de Real Decreto ou a base de inxeccións masivas de liquidez do erario público ao gran buraco negro-bancario que multiplica, polo momento e ¡ata por oito!, a partida dos orzamentos do goberno central reservada á Sanidade. Con ese diñeiro cubriríase un incremento do 20% en pensións, podería sufragarse o 85% das prestacións por desemprego e mesmo multiplicar por cinco o investimento en seguridade cidadá. Podería aumentar máis dun 100% o de infraestruturas, ou cubrir catro anos de I+D+i. Delirante. Se non é a loita final, non pode andar lonxe: é o Capitalismo e toda a súa maquinaria pesada contra os pobos e os febles instrumentos de resistencia concibidos para contrapesar, garantir o contracto social e salvagardar a cohesión, a risco de facela saltar polo ar. Intervidos de facto mais deslizándonos pola pendente que (salvo xiro copernicano) levará a formar parte do espazo vital dos acredores xermanos sempre e cando a maré do colapso non sobarde e alcance o corazón do imperio en Berlín, ou o mesmísimo Washington.

Aínda así, o Partido Popular encetou hai semanas unha campaña de márketing de inspiración orwelliana e de dobre-pensar: “La Verdad sobre la Educación” e “La Verdad sobre la Sanidad”. Resta mudar o nome dun ministerio calquera polo “Ministerio de La Verdad” e, honrando a novela 1984, reducir austeramente a catro os membros do gabinete. Pensándoo ben, con tres sería suficiente: un para o BCE, outro para o FMI e outro para a Comisión Europea. O Goberno da Troika internacional, tan democrática ela, e presidido polo afable Luis de Guindos. Por que non? Dá o perfil e non se engurra. Mentira tras mentira e, por descontado, todos exactamente igual de responsables da desfeita: repiten coma un mantra que vivíase moi por riba das posibilidades, nunha sorte de festa perpetua, e hai que arrexuntar o ombreiro e apertar o cinto por España. Todo pola patria, pero cada vez menos para quen a pisa. Menos mal que non convidan a ollar cegamente Cara o Sol e coa camisa nova, mais os cantos a un “goberno de concentración nacional” séntense preto. Sería a guinda, e síntoma dunha descomposición vernizada de xenerosidade e responsabilidade. ¿Que pensará disto unha xubilada que percibe 400 euros ao mes e deberá requetepagar a medicación afrontando, á vez, unha suba do IVE? Ou os pais dos 2,2 millóns de nenos que viven, segundo datos recentes Unicef España, no limiar da pobreza dende 2008... Por suposto, o actual estado social é insostible e cómpre reducilo á expresión mais mínima, caritativa e asistencial. Xa vivían demasiado ben.

Tempos de excepcionalidade democrática, acompañada de confusión inducida e engano aleivoso. Tempos de auxe silandeiro da restrición de dereitos e liberdades, e tamén da represión en vilas e cidades a golpe de bando ou ordenanza municipal. Ou a golpes, directamente. Algúns miñaxoias non contabamos vivir un proceso de re-fascistización, e non consola saber que non sexa só no estado español. O día menos pensado en cada oficina atoparase un “Los recortes os harán libres”.

Os significantes, baleiros de contido, perden significado e verbas como igualdade e democracia son prostituídas polos resortes do poder real. A tradicional coalición entre oligarquías potentadas, banca, salva-patrias e salva-ánimas, mailos representantes políticos habilmente escollidos entre elites partidarias afectas que se auto-protexen a si mesmas e defenden, por riba de todo, os intereses corporativos e os dos seus familiares directos (colocándoos en postos clave e ben pagados, coma nas infaustas performances Bankilandia, Gürtelandia e cen mil outras) xunto aos de quen os sostén: a cúspide da pirámide que se enriquece máis e máis. Ese 1% da poboación da que tanto falan. É a dexeneración e perversión dun modelo e é inevitable que se cuestione integramente o sistema. Outros tantos caeron: dende o Reich dos mil anos ata o socialismo real soviético. Nada volverá ser igual a partir de agora.

Contan coa paciencia inestimable dunha cidadanía exhausta, atemorizada e anestesiada, centrada en dar cumprida resposta aos problemas cotiáns. Algúns, bastantes cando son milleiros e milleiros, loitando contra os desafiuzamentos dos seus fogares ou a estafa das preferentes. Tamén cuns media que acostuman ser voz do seu amo e modulan o como, o que, o canto e o cando debemos informarnos ou sobre-informarnos (boa maneira de des-informar). Dosificadas mensaxes contraditorias. Matraca perversa.

Se saes á rúa polo que cres inxusto denunciando a mala broma e propondo alternativas posibles serás un violento e hiper-ideoloxizado radical anti-sistema perrofláutico. Se desmantelas con frialdade e ortodoxia ultra-liberal o sistema, non. Sendo un directivo de banca con 15 millóns de indemnización no peto logo de afundir unha entidade e a todo un país serás pouco menos que un exemplo a seguir.

Mentres evaden impostos, son amnistiados, desvían masas inxentes de capital ao estranxeiro ou eluden investigacións xudiciais con fundamento polas súas supostas fraudes (caso Botín) obrigan e obrigarán a aplicar medidas draconianas e receitas fracasadas, deixando sen servizos básicos ás presentes e vindeiras xeracións para instaurar unha novísima orde social asentada nos piares dun neo-escravismo edulcorado. Verticalismo agresivo, de face horizontalista. Unha revolución en toda regra.

Adóitase recordar, como paradoxo, que na Gran Depresión dos anos 30 foran os mais ricos que o perdían todo os que se quitaban a vida, desesperados, polo fracaso. Agora vemos como en Grecia suicídanse persoas de clase media depauperada ou baixa case cada semana, mentres aos de arriba lles vai mellor. O acordo tácito ao que se chegara na Guerra Fría entre o movemento obreiro e o Capital comeza a entrar nun desequilibrio flagrante, e o shock económico axita as bases da confianza nun “sistema democrático” que comeza a non satisfacer como antes o facía, poñéndoo a proba dende Hungría ata Grecia, ou Francia, e co risco que iso leva aparellado como nos mostra a Historia.

Por riba, algúns lúcranse coa privatización e a liquidación das migallas. O brazo armado dos anteriores, como Esperanza Aguirre, Wert, Ana Mato ou Margallo aplican a folla de ruta mentres desvían a atención sacudindo as baixas paixóns de pulsión patriótica. Sexa tirando do recorrente Xibraltar, sexan os “ultraxantes” asubíos a unha melodía. Ata nos contan que os asubíos futboleiros fan engordar á “nena de Rajoy”, a nosa querida e caprichosa prima. Cando ela medra, nós encollemos un chisco mais...O goberno dá a impresión de estar xa superado polos feitos, e é moi probable que non aguante a lexislatura, entrando nun período indefinido de inestabilidade política.

Á institución monárquica habería que darlle de comer á parte, e a calidade do debate e a deliberación pública descenderon a mínimos históricos, sumíndonos na belenestebanización berlusconiana. Pero todo ten un límite, e a pugna entre indignos e indignados (Eduardo Galeano dividiu á Humanidade nestes dous grupos) non fixo mais que botar a andar. Mallan na mocidade e esta, contumaz, no canto de ficar aterrada e resignada comeza a rebelarse tímida e caoticamente. Sen pretendelo, conseguen alumear a xeración mais concienciada e comprometida politicamente dende a Transición. Por suposto: están manipulados e non saben o que queren.

Despois da ruptura pactada co réxime anterior aquelas arelas mantiveron o tipo un tempo pero, acubillaban o nó gordiano da besta creada: as mesmas familias franquistas e os seus herdeiros dominan boa parte do IBEX-35, por poñer tan só un exemplo da democratización. Dende logo a Democracia, entre avances e moitas bondades que trouxo, en perspectiva, tamén dexenerou nunha partitocracia ás veces omnipotente que desconfía da sociedade civil en movemento e proxecta rixidez nunhas institucións cada vez mais cuestionadas, e que produciu un elefantástico e disparatado aparello de cargos políticos remunerados (400.000, máis que médicos, bombeiros, policías e mestres xuntos. O dobre que en Alemaña, coa metade de poboación e con dous niveles máis de descentralización administrativa). Calquera avance no empoderamento cidadá, ou na xustiza e o progreso social celebrábase.

Cando todo ía ben, ata Aznar pousaba os pés riba da mesa na White House, emulando ao cowboy de Texas. Nin Schröder e Chirac se atreveran a tanto! España comezaba a saír por fin do recuncho da Historia...Cenoria durante 35 anos. Nos nosos días democracia trocou por bancacracia, cleptocracia e nepotismo, pero a promesa do goberno do pobo e para o pobo e a preocupación polo ben común esvaécese. Pola situación xeral a nivel internacional, pero tamén por causas específicas. A crise económica non é tal. Non deixa de ser a escusa perfecta para converter os erros provocados pola ambición desmedida de moi poucos nun problema de todos. Non deixa de ser a transferencia de caudais das rendas do traballo ás bocas insaciables do gran Capital. Non deixa de ser unha escusa perfecta, empregando as infalibles e vellas armas do medo, o patriotismo decimonónico, a represión policial e o endurecemento do código penal. Xa só quedan os paos. Intentan converter outra-volta aos cidadáns en servos. En súbditos. Dixérao Jonathan Swift: “o home non é un animal racional, como moito con capacidade de razón”.

Publicado en Praza Pública

No hay comentarios: