“Somos
aqueles que resisten. Os que erguen a bandeira cando cae.
Resistencia! Non cedades xamáis!”
Jean-Luch Mèlenchon,
Front de Gauche.
Sería
inxenuo acreditar na tese dos que cren que non concedemos dabondo.
Coido que foi máis do asumible e do imaxinado cando estalara fai un
lustro o malfadado proceso de aceleración histórica e a arroiada
contra-sistémica dos que descubriron que non é imprescindible e
¡ata vai saíndo a conta! incumprir a promesa democrática,
concibida en orixe coma o poder do,
dende
e para
o pobo. Cometen prevaricación, estenden miseria, destrúen dereitos
básicos escachando pactos tácitos que custaron guerras sanguentas e
fannos crer, por riba, que o merecemos valéndose dun estado de
estulticia inducida. Aproveitando a desesperanza procuran aplicar a
carraxe do seu Programa Máximo.
A
xestación da dinámica afonda na ofensiva ideolóxica dos 70´s, a
cal prefiguraba a fin da historia para un
mundo feliz
e unipolar de pax
americana.
Mais o Crash
de 2008 -o
credit crunch e
no que derivou até hoxe nas economías de
casino-
é un fito e o fío condutor que determina o paradigma emerxente,
onde xa non abondaría contemplar esta aberración: chegaron á
conclusión de que é un atranco obxectivo do que haberá que
desprenderse por necesidade imperiosa -e imperial- trocando a
democracia aparente na súa ausencia; como capítulo último e
aldraxante dunha obra inacabada na que os actores divídense entre
oligarcas que supervisan, controlan e dirixen e unha cidadanía
“libre” para escoller “libremente” nunha concepción da
“liberdade” limitada e confrontada salvaxemente coa liberalidade
e os principios liberais primixenios que alumearon algúns dos máis
senlleiros procesos de cambio e progreso social. Como vieiro
inapelable das perversas novas regras do xogo da modernidade
líquida,
e onde a vaidade sen freo adoita escoller lucro no canto da dignidade
da vida humana, cobizando a súa desorientación coma seres suxeito
de dereitos individuais e colectivos.
Ata
somos “libres” para escoller “representantes” versallescos
que unicamente ollan aos problemas de fronte -baixo presión popular-
cando se consuman
suicidios hipotecarios nunha
paisaxe-Dickens
á que asistimos atónitos. Tamén “libres” para levar nas costas
os paus da represión e a tortura policial. Torturadores que serán
indultados sen obxección e coa complicidade das estruturas máis
altas do aparello estatal e a comprensión, cando non aplauso, dos
herdeiros directos dos que tradicionalmente louvaron ás cadeas.
O que debera empregarse excepcionalmente coma unha graza convértese
nunha práctica habitual pola que o poder executivo interfire no
xudicial ata que Montesquieu chore bágoas de sangue.
Onde
para calquera circunstancia reducen a resposta a privatizalo todo
sabendo, por comparación, que finalmente sairá mais caro á
comunidade. Na liña da concentración do poder limitan o acceso aos
recursos e aos servizos. Isto, en moitas circunstancias, non só
remata sendo ineficiente economicamente: socávase o cerne da
democracia. E nesas están, obrigándonos a pelexar polo evidente
denunciando a frialdade e a falla de sensibilidade mínima esixible
coa que actúan. Uns e outros. Tanto o poder económico -facendo
o agosto como
nunca antes- coma o desnortado panorama que nos presenta a maioría
da decrépita política institucionalizada, incapaz de rexenerarse e
de ventilar
evidenciándose atada de pés e mans. Furtan e desvirtúan a
democracia nunha regresión tolerada polas masas. O
economista francés Laurent Cordonnier, pode que na posición teórica
dun cego e insolidario euro-centrismo, clarexa, aseverando: “A
poboación do Vello Continente é firmemente convidada ao sacrificio
polas faltas que non cometeu”.
Entón,
volta aquela vella e controvertida cuestión: “Liberdade”, para
que? Para render tributo á submisión do século XXI? Como podemos
nomear, se non, ao ciclo combinado de re-fascistización e
desmantelamento social que proxecta a fórmula da debedocracia
enaxenada?
Para os seus fins -a acumulación demente de Capital a nivel mundial
baixo o post-fordismo
e a precariedade crecente- son obstáculos un sistema de relacións
laborais estable fundamentado nas convencións herdadas dos acordos
da OIT en 1919 ou tamén unha Xustiza, unha Sanidade e unha Educación
-pobo
de ovellas, goberno de lobos-
públicas para as maiorías. Esta última nin pública, nin
respectuosa e adaptada ás realidades nacionais. Ou a aposta pola
Ciencia, a Tecnoloxía e a Cultura. E mesmo un Xornalismo
comprometido ao servizo da información certa e non do poder
plutocrático, ora terreal -pseudopolítico-,
ora celestial -das corporacións que tutelan o capitalismo mundial-.

No
estado español, con 6 millóns de desempregados e 12 millóns en
risco inminente de ingresar na franxa que malvive no limiar da
pobreza, amputan a posibilidade de subsistencia e o sostén da
cohesión. This
is not Greece!!,
repite o mantra
das cacatúas.
Ou dálles por lexislar contra as enerxías verdes
e alternativas preservando os intereses e a impunidade ecolóxica e
fiscal do lobby petroleiro namentres convidan ao exilio económico á
xeración mellor formada e capacitada para innovar, ampliar
horizontes e enxergar unha eventual saída sustentábel e xusta,
emendando a Thomas Paine cando declaraba, en 1791, que “o
ser humano non ten dereito ningún de propiedade sobre o resto de
persoas, e ningunha xeración é dona das seguintes”.
Por aquel entón Maximilien de Robespierre recollía: “A
primeira lei social é a que garante a todos os membros da sociedade
os medios de existencia. As demais están subordinadas a esta”
(...) “toda especulación mercantil que se faga a expensas da vida
dos nosos semellantes non é comercio, senón un atraco fraticida”.
O
hipertrofiado capital financieiro neocolonial, na súa fase mais
avanzada e violenta, fixou a mirada nos países emerxentes e na Asia
toda. E o Welfare
state mailos
seus estándares constitúen un paréntese a superar nas “economías
intervidas” desta beira da civilización incivilizada; débese
expulsar do mercado laboral a sectores amplos de man de obra,
deprimindo un volume inxente da poboación ao rebaixar dereitos e
salarios. Recoméndase facelo axiña, imprimindo un ritmo tal á
transgresión
-shock-
de maneira que non quede marxe á súa dixestión. Un escenario de
tormenta
perfecta
para que no ermo, servido en bandexa de prata, opere valente o
capital transnacional des-localizado e aceptemos o inaceptable por
unha codela de pan mesmo traizoando aos que deron a vida polas
liberdades civís e políticas ao longo dos tempos. Cando se facía
-e se fai- en Marrocos mirabamos, soberbios, cara outro lado. Igual é
xustiza poética.
A
New
Age
nos convulsos anos dez constitúese como unha sorte de neo-feudalismo
edulcorado onde á Europa mediterránea atribúeselle o rol de
laboratorio no que calibrar éxitos
e
riscos das autoritarias decisións tecnocratísimas
-se
Jacques Derrida espertara do cadaleito ao ver que os temores dos 90´s
e da Belle
Époque
colleron forma volvía espantado- que espolia en favor dunha elite
obsesionada por acaparar extenuando a miríade de redes e plataformas
cívicas de solidariedade do pobo auto-organizado estendidas, e
entendidas, para encaixar o Gran Golpe. O obxectivo é destruír as
resistencias colectivas para un mundo -máis- darwiniano,
como
denunciara Pierre Bourdieu nos albores do milenio.
De
leste a oeste castigan o Sur continental ao abeiro dun triunvirato
-Troika-
instalado no papel de Poseidón
resucitado que, segundo a mitoloxía, obsequiaba mares calmos no seu
aspecto benigno e cando o contrariaban fendía o seu tridente no chan
provocando os mais bestiais terremotos e naufraxios deixando un
inxente regueiro de vítimas. Hoxe os cidadáns padecen estoicamente
a ira do tridente pos-moderno ao servizo do retorno imperial dunha
Xermania travestida a piques de forzar o fracaso daquel “soño
europeo” que
debuxara Jeremy Rifkin no devezoso 2004. Mais algúns queremos crer
que algo comezou a moverse de xeito case imperceptible, sendo difícil
ler o presente en perspectiva histórica -moito en tempos de aporía-
e sendo longos e complexos os procesos polos cales os pobos recuperan
o fanado desde a resiliencia organizada.

Hai
síntomas dun lixeiro espertar, pois a totalitaria cruzada
anarco-capitalista
tira
polo rexurdir das tensións imperecedoiras que fixeron xirar a roda
da Historia desde posicións ideolóxicas antagónicas: cinismo
contra romanticismo, ciencia contra superstición, dereitos contra
beneficencia, etc...Nunca regalaron nada. Hai reaccións, porque hai
impotencia, incerteza vital e inxustiza institucionalizada. Hai
desobediencia contra o sadismo e unha das maiores imposturas que se
lembra. E hai rebeldía expresada nas rúas e nos barrios das
cidades: nas accións espontáneas ou non de protesta, na
reconstrución paciente dun tecido popular ata fai pouco atomizado e
desorganizado, ou nas respostas que advirten mudanzas nos patróns de
comportamento electoral. Desde STOP
Desafiuzamentos
aos yayoflautas.
Desde
a Sanidade en loita aos gandeiros galegos. Desde os mineiros aos
xuíces, ou ás Universidades. Segmentos enteiros da clase
traballadora son conscientes da agresión e da agresividade coa que a
executan.
Nunha
parte, non menor, medra a actitude da “decisión
de non servir mais” que
recollía o
precursor
Étienne de La Boétie no Discurso
da servidume voluntaria. Por
aquel entón fora o absolutismo monárquico. Hoxe é o absolutismo
renarte da sin-razón nun sistema que empobrece masivamente aos máis
envilecendo aos menos que fan e desfán ao seu antollo -por mandato
da xente
sen rostro-
mesmo atrevéndose a prognosticar novos Rexurdimentos
coma
fixo recentemente un Feijóo convertido no arquetipo dos políticos
anti-políticos
do noroeste. Tanto
ten, pois redúcense a Liquidadores
de gravata e bos modais que renegan da capacidade da Política para
resolver problemas comúns e cotiáns. Buscan desarticular a natureza
social do home e pretenden, en última instancia, que desapareza a
noción de comunidade, colectividade ou cooperación. Todo o
soluciona a Man Invisible.
Esgótase
o “ciclo de lexitimidade” do Austericidio.
O marco
interpretativo dominante deu un xiro nos últimos tempos. A consigna
da Austeridade Imprescindible derivou no que advertiamos: a
Austeridade Asasina afunde a Europa nunha II Gran Depresión que
asolaga as expectativas dunha vida digna para millóns. Austeridade
comeza a ter connotacións negativas cando semellaba o remedio dos
males todos do universo coñecido.
A
Banca xermana tapa o seu buraco a conta das rendas dos neoescravos
do Sur, pero aquí achégase paseniño -e por necesidade- o feche dun
ciclo aberto coa primeira vitoria de Feijóo alá por 2009. Chegara a
cabalo dos primeiros síntomas da crise cando se soubo sistémica e
non cíclica. Por aquel entón Zapatero axeonllábase perante os
mercados
dilapidando a súa aura republicana e social, e inmolándose diante
do conxunto da opinión pública e do seu electorado natural e
potencial deixando ao PSOE nos lindes dun desfonde electoral sen
precedentes e dun declive e perda de credibilidade ao que non se lle
adiviña recuperación.
Feijóo
sintonizaba coa doutrina
Merkel:
contención no “gasto”, disciplina orzamentaria, rápida
resolución do desemprego, etc...e a súa estratexia de comunicación
-reducida a eficaz propaganda- ía polo manual da no
alternative mentres
podía fialo todo ao mal que o facía o goberno central ou á
“herdanza recibida”.
Despois
venceu Rajoy por descarte e, entrementres, Grecia e Portugal
derrúbanse nunha xogada que recorda aos castelos de naipes e onde os
seguintes somos nós xa neste intre. Nese tempo as falcatruadas da
corruptela constante, dos investimentos faraónicos, dos excesos da
Coroa e a constatación de que os gobernos non teñen suficiente
marxe de manobra emerxen na súa dimensión enteira. E a cidadanía
responde mobilizándose: tanto co detonante do 15-M e o 25-S, que
focaliza os problemas e baixa os debates ás rúas re-politizando o
espazo público, como nas accións conxuntas e de converxencia das
loitas facendo uso das ferramentas clásicas do movemento obreiro.

O
internacionalismo e a xornada do 14-N a nivel europeo despistounos,
porque non poden circunscribir a problemática ás lindes estatais.
Desborda as competencias e os marcos situándoa no seu verdadeiro
nivel: só desde a sinerxia e a aposta disruptiva é posible
formalizar mudanzas estruturais reais que devolvan soberanía,
xustiza social, liberdade, igualdade e independencia aos seus
lexítimos titulares. Só desde a aposta colectiva pódese desafiar á
opacidade das enfiañadas redes que deturpan o krátos
do démos
que, por definición, é un sistema de relacións horizontal e de
reparto equitativo de cargas, deberes, liberdades e dereitos
inalienables.
Vimos
de comprobar como ao feche do ciclo electoral aberto nas tres nacións
sen estado -vasca, galega e catalá- producíronse respostas que
invitan a reflexionar sobre a fragmentación da adhesión ao réxime
monárquico de 1978, o cal se mostra esgotado no seu modelo e incapaz
de afrontar o desafío ao que nos encamiñamos. Coas súas evidentes
diferenzas vemos como no caso vasco e catalá, en distinto grao, as
forzas soberanistas dis-conformes co status político vixente saen
reforzadas abrindo unha nova fronte á inevitábel crise
constitucional. No caso vasco, ademais, rexorde con forza a ata de
agora ilegalizada esquerda
abertzale, coa
súa tradición de loita popular detrás e que nunca aceptou o marco
constitucional parido da Transición.
No
caso catalán, a maiores doutro tipo de análises, aparece no escenario unha forza homologable -CUP- que nace do municipalismo
desde o independentismo e o internacionalismo, apostando claramente
polo anti-capitalismo e o acompañamento dos movementos sociais
recollendo apoios das “loitas indignadas” obxecto da feroz
represión, fundamentalmente na área metropolitana de Barcelona.
Incorporan, tamén, elementos da tradición libertaria e entenden o
proceso político de xeito dinámico e mais coma movemento, en chave
de revolución
permanente,
ca de xeito institucionalizado. A súa vocación principal é a de
ser un propulsor máis da ruptura democrática.
Pola
súa xénese no que atinxe á acumulación de forzas neste propósito,
e outras diferenzas a maiores, o caso galego é substancialmente
diferente mais houbo concordancias. O lóstrego de Alternativa Galega
de Esquerda conecta ben con esta dinámica compartida alén de que
Beiras trocara a alianza entre upegallos
e pexegos
-resumidamente- por unha nova relación -cos peixes
e
outras forzas como a FPG, Fronte Obreira, Espazo Ecosocialista e
Equo- que outorga carta de natureza de xiro estratéxico histórico
-hipoteticamente reversible ou complementario, en todo ou en parte,
ad
futurum-,
e mais alá da sintonía no esencial co BNG. O radicalismo na
diagnose e as propostas para o momento de
agresión
influíu no éxito dun resultado electoral tan avultado.
Todos
os fenómenos, a maiores das respostas amplas e plurais que van
madurecendo e se dan nas rúas mediante ondas de protesta masivas,
permiten albiscar movementos tectónicos pola base que poderán ir a
maiores ou non dependendo de moitos factores nos vindeiros
meses-anos: o desfonde ou recuperación da socialdemocracia nominal
en beneficio doutras forzas de esquerda a teor da evolución da crise
e os seus efectos colaterais e, nese caso, se é quen de presentarse
como alternativa posible ben de goberno, ben coma catalizador e/ou
detonante dun proceso constituínte que conteste o trunfo da
tecnocracia e a ditadura sen ditador do poder financieiro e da débeda
ilexítima
que nos empurra ao terceiro
mundo
sen solución de continuidade. E doutras a maiores.
O
austericidio
e o seu despotismo prantexan a submisión da razón á vontade, cando
a razón indica que este camiño non leva a bo porto. En xogo están
practicamente todos os avances e cotas de benestar acadadas nas
últimas décadas. E máis ca iso. A involución é patente. Poderán
quitárnolo todo, pero a bo seguro que o queremos de volta en canto
perdamos o medo.