lunes, 21 de marzo de 2011

Irresponsabilidade aquí e acolá


Sería obsceno pasar por riba do acontecido no lonxano Xapón: contra a forza desatada da natureza tórnase unha quimera loitar, tan só existe a posibilidade de minimizar os efectos dos seus esporádicos e inoportunos azoutes. O que non se comprende doadamente é como o ser humano é tan necio, e como despois das experiencias de Chernobyl ou do macabro epílogo da II Guerra Mundial seguimos sen plantexar seriamente que, por moi económico e rendible que resulte obter enerxía das centrais nucleares utilicemos, nesta escala, a perigosa tecnoloxia sen asegurarnos totalmente. Compensa? Din que os gatos teñen sete vidas, aínda que non os vexo a diario lanzándose ao baleiro dende un oitavo piso.

Pode que sexa cínico decilo dende a comodidade duns fogares abastecidos e confortables, pero o asunto vai en serio, e hai alternativas. Como tamén hai intereses e entran en xogo a xeopolítica e a independencia enerxética das nacións. O potencial destrutivo é case ilimitado, e ata inimaxinable. As consecuencias dunha concatenación de erros, dun mal uso ou dun accidente poden persistir séculos e afectan ostensiblemente ao equilibrio do ecosistema. Supón un pesadelo, sen vontade ningunha de pecar de catastrofismo, a posibilidade de que se repita un escenario onde aparezan malformacións, enfermidades incurables e onde grandes extensións de terreo fiquen inutilizables de xeito irreversible e permanente por mor dos ventos asasinos da radiación. A auga, o ar...

Arrepía que se recuperen termos como: cidade pantasma, liquidadores, éxodo masivo, desatre e holocausto nuclear ou apocalipse. Mais propios do pánico e da histeria colectiva alimentada en tempos da Crise dos Mísiles e da Guerra Fría.

Pode o planeta resistir moito mais tempo o maltrato e riscos ao que o sometemos? Cada un de nos é responsable pero, sobre todo, son os gobernos e organismos internacionais os que deben cuestionarse cara onde imos ou, do contrario, nalgún intre, o mundo ou partes importantes del deixarán de ser compatibles co desenvolvemento normalizado da vida. Algún podería crer que son paranoias ou proclamas propias dun perigoso e fundamentalista ecoloxista, pero calquera con sentido común debe reflexionar un chisco sobre o tema. É de supoñer que os que nos gobernan o teñen. Semella claro que os comezos do século XXI tampouco outorgan demasiado respiro: terrorismo internacional salvaxe, guerras vergoñentas, fame e graves violacións de dereitos humanos, revolucións de final incerto, catástrofes climáticas severas, Fukushima...se os Mayas esaxeraron coa profecía 2012, tampouco andiveron moi lonxe nos cálculos.

E despois disto, falar do debate sobre o Estado da Nación, pode parecer frívolo. Todo se queda cativo e irrelevante, incluso o pertinaz desemprego e outras necesidades. Pero é o que toca hoxe neste marabilloso recuncho do planeta. Posiblemente fora aínda maior a frivolidade coa que o enfocou o presidente deste país. Algo que xa non sorprende. Francamente non me atopo con moitos folgos para facer unha análise política fonda do que se escoitou no Hórreo, e estou seguro que a maioría dos lectores, aínda sendo galegos, teñen o pensamento noutro lugar. Aí coinciden con Feijóo. Dende logo, tamén continúa co pensamento fora da crúa realidade, sen afrontala. Non vai con el. Pero atópase cómodo e demasiado confiado en que os cidadáns responsabilicen exclusivamente a Zapatero de tódolos males. Parece non darse conta que a inseguridade da crise leva gobernos e o prestixio dos lideres por diante, tal cal tsunamis. Ao mellor remata arrepentído da parsimonia e da preguiza coa que encarou as labores dun goberno ao que se lle esixe ofrecer solucións e mostrar un mínimo de sensibilidade. Serían inmediatas. El mesmo comprometeu a súa honra. Duroulle 45 días. Van xa dous anos de lexislatura e, neste novo ciclo histórico, é unha eternidade para esperar. Non o quero imaxinar manexando, improvisando e decidindo noutro tipo de situacións.

No hay comentarios: