jueves, 6 de enero de 2011

Sempre as dúas almas


A finais de ano publicáronse dous artigos contrapostos sobre o resultado das eleccións en Catalunya nas liñas de Xornal de Galicia. Ámbolos dous asinados por pesos pesados do socialismo galego: PSC e PSdeG, a mans dun destacado membro do anterior goberno de progreso, Méndez Romeu, e unha extensa e atinada análise feita por Xoaquín F. Leiceaga baixo o título Cataluña e nós. Compartían interese comparativo mais discrepaban notablemente no fondo e na mensaxe, tanto para consumo interno-partidario como cara fóra. O segundo semellaba unha contundente e nada casual resposta ao primeiro. Por esas datas tamén publicou Emilio P. Touriño en El País De elecciones y coaliciones, o cal contiña máis similitudes co espírito do que Leiceaga defendía que co que pode desprenderse do redactado polo ex-conselleiro de Presidencia do seu propio goberno. Todo isto foi interpretado nun maxistral artigo de opinión de Anxo Guerreiro que saíu a posteriori no xornal do Grupo Prisa, e que recomendo.

A vontade de Méndez Romeu, cun certo prexuízo ideolóxico e algunhas valoracións e interpretacións do acaecido cuestionables, consistiu en transmitir á opinión pública o esgotamento das coalicións por resultar estas, supostamente e sempre segundo a súa teoría, prexudiciais para os intereses electorais do PSOE como se “mostrou” nos resultados en Galicia e Catalunya. A intencionalidade é clara e diáfana, e non atende á multiplicidade de causas que arroxaron os resultados nun e noutro lugar. Representa a opinión de alguén que, lexitimamente, aspira a que o PSdeG sexa quen de gobernar en solitario sendo un acontecemento que, dadas as actuais circunstancias sociopolíticas, se revelaría como unha improbable e lonxana hipótese na maioría dos concellos e a nivel autonómico.

Leiceaga e Touriño sostiveron dun xeito consistente e mellor argumentado a tese contraria: a aposta polo entendemento e a defensa da cultura do pacto como única alternativa plausible aos gobernos do PPdeG. Intentar o xiro estratéxico proposto por Méndez Romeu condenaría aos cidadáns galegos que non son nin se senten reflectidos nas políticas de dereitas a sucesivos gobernos populares alomenos por un bo espazo de tempo, e enviaría unha perigosa sinal de confusión a todos aqueles que veñen traballando na liña de artellar canles de colaboración dentro do tecido social e político da esquerda galega. Puidera dicirse que aquelo que naceu con Nunca Mais ou antes, e logo se trasladou a outros ámbitos das reivindicacións e da articulación de propostas, atópase ameazado por mor de intereses curtoplacistas dende algúns sectores dirixentes do PSdeG (e do BNG) que prefiren desmarcarse do que tanto tardou en tecerse e tan bo resultado deu (salvando os erros propios da acción de goberno, evitables, e dos cales deberan aprender), pero que resiste e atopa substancialmente maior acomodo e comprensión na base que nas alturas.

Todo isto ven a conto de algo que non sempre se recorda, e incluso algúns teiman en “superar”, e outros intentan “explotar”: o PSOE é un partido organicamente federal, e nominalmente federalista, e nas nacionalidades históricas convive coas contradicións inherentes ao feito de inserirse nas realidades nacionais (pre)existentes, presentando tensións internas entre lealdades identitarias que outros fomentan como incompatibles pero que tamén, todo hai que dicilo, mobilizan ao electorado en menor medida, por regla xeral, que o cleavage esquerda-dereita. As recorrentes “dúas almas”. Moi especialmente no caso da historia da construción do socialismo catalán. Dito isto, non é de estrañar tampouco (para outros si) o caso da incorporación do socialista Ferran Mascarell ao Govern “transversal” de Artur Mas. Un goberno maioritario concibido dende a óptica da concentración para combatela crise e afrontar o que se deu en chamar a “transición nacional” cara a independencia (económica). Goberno que integra dende un organizador das consultas soberanistas a unha avogada do Estado que as impugnaba, pasando por case toda a gama de sensibilidades da pluralidade enriquecedora e dinámica da sociedade catalana. Por outra banda reaparecen voces no seo do PSC (Pia Bosch, Montserrat Tura, Antoni Castells, Ernest Maragall, et ál) que reclaman autonomía efectiva respecto do PSOE, acompañado dunha volta ao catalanismo convencido, mesmo coa posibilidade aberta de acadar grupo propio en Madrid. As dúas almas...


Para acompañar, todo un descubremento: Anari-Harriak

No hay comentarios: