jueves, 21 de octubre de 2010

Tea Party de toda a vida

(este artigo ten partes calcadas, ao final, doutro publicado no blog en Agosto de 2009: Os de sempre)

Tardou en chegar mais do previsto a toma en consideración dos serios riscos que plantexan as similitudes entre a ala mais reaccionaria da dereita española e a corrente fanática chamada a invadir o corpo do Partido Republicano norteamericano. Aínda que xa se viña alertando da xestación dunha nova revolución conservadora, fundamentalmente dende sectores do mundo académico e do pensamento, parece que non foi ata a semana pasada cando se empezou a falar abertamente disto en España. Coincidiu cunha entrevista a Esperanza Aguirre na TVE, onde recoñeceu sen ambaxes identificarse cos valores e principios básicos deste grupo de presión extremista.

Non está claro quen sustenta e financia (aínda que se intúe) a campaña mediática do movemento pero a simplicidade das súas mensaxes (baseadas nun racismo patolóxico, rural, antiintelectual e nacionalista furibundo, na homofobia, nun sádico conservadurimo moral e no antiestatismo mais radical) está conseguindo mobilizar espazos habitualmente apáticos. Os representantes aos que apoian desbancan, por todo o mapa, líderes consagrados con perfil mais moderado e convencional de cara ás vindeiras lexislativas. As mensaxes da canle Fox actúan como engranaxe dunha maquinaria concebida para tensionar o clima e a convivenza social, establecendo unha liña de confrontación hiperbólica fronte a Obama. Din defender o orixinalismo, unha volta ás orixes filosófico-constitucionais, inspirándose no Motín do Té do S.XVIII. Incongruencia maiúscula, pois aquelas beben dos ideais da Ilustración. A súa ideoloxía provocou unha situación que os fai regresar fornecidos de odio.

Algo semellante vemos coa maioría dos que se din liberais por aquí. Polo tanto, atópanse paralelismos cos núcleos de poder da actual dereita española. Predicadores e altofalantes antiperiodísticos non faltan (fálase do TDT Party, en referencia á proliferación de canles desta corda), e a radicalización do discurso dende a derrota de 2004 (inmigración, nacionalismo negador e supremacismo linguístico, rexeite de calquera medida que conleve extensión de dereitos individuais, etc...) faise patente. Algúns, nun aceno humorístico, falan tamén do Carajillo Party. E en Galicia temos a nosa propia versión: o Augardente Party, representado nos Feijóo, Rueda, Jesús Vázquez e compañía. Pero penso que, en certa maneira, supón un xeito de desviar a atención e, por seducción propagandística e mimetismo, cáese no erro da marca Tea Party e da suposta aparición dunha dereita reinventada e atractiva ao desprender apariencia contra-establishment. Aínda que leve a un apuntalamento da súa faciana mais agresiva e inxusta.

En calquera caso, aquí o orixinalismo non descansaría nunca nos principios dunha constitución liberal, senón en algo moi próximo ás Leis Fundamentais do Movemento. Por eso prefiro coincidir coa conceptualización de Bernart Muniesa, historiador da Universidade de Barcelona. Fala dos de sempre para referirse aos que se opuxeron en todo momento ao progreso e desenvolvemento democrático, enfrontándose sistemáticamente aos sucesivos intentos de modernización: dende a volta dos Borbóns, con Fernando VII, e salvo os breves momentos de esperanza que representaron o Trienio Liberal, o Bienio Progresista, o Sexenio Revolucionario, e a I e II República os de sempre apadriñaron as posturas máis reaccionarias, que culminarían nunha Guerra Civil espantosa e nunha ditadura militar-fascista que durou case 40 anos. Os de sempre foron os que, coa desaparición física do ditador, lexitimaron a aberración franquista e seguiron latentes primeiro en Alianza Popular e hoxe, aínda, na cúpula do Partido Popular. Os que continúan sen desvencellarse do pasado e mesmo o reivindican como etapa próspera, de “extraordinaria placidez”. Non hai Tea Party, son os de toda a vida, aquí e alí.


1 comentario:

Anónimo dijo...

Yo les llamaba fachas, pero es que voy mayor.

Un abrazo.