viernes, 7 de mayo de 2010

Desocialización



É ben coñecido que a música ten un enorme potencial de concienciación e de mobilización cando acerta a conectar coas preocupacións e os sentimentos. Chega a lugares onde a palabra, por sí mesma, non pode ou non sabe.

Nestes días, casualmente, recuperei un dos temas mais universais de León Gieco, Sólo le pido a Dios, interpretado e versionado por unha morea de artistas, como a mítica Mercedes Sosa ou Ana Belén. O contido é marcadamente social e antibélico e por eso está vixente xa que, por desgraza, a inxustiza e a guerra son unha constante que vai máis alá das crises cíclicas do capitalismo. É máis, xuraría que as guerras e a inxustiza son o carburante indispensable que alimenta un sistema económico violento en si mesmo, cada vez mais descontrolado e destemido. Un sistema que logrou introducir nas mentes de millóns de seres humanos a convicción de que non hai alternativa, nin opción viable, nin procura posible. Só cabe resistir e defenderse, e a veces nin eso, porque é capaz ata de facernos baixar os brazos. Obriga aos gobernos de sensibilidade social a dobregar o xeonllo ante a ditadura do mercado e as corporacións. Porque o pobo xa non ordena nada. Só ordenan catro tiburóns cos petos cheos.

Están conseguindo levar ás sociedades do primeiro mundo a unha tensión descoñecida nas últimas décadas. O propio sistema democrático, e o Estado de Benestar, atópase nunha encrucillada sen precedentes en moitos anos. E xa se sabe que en río revolto ganancia de fanáticos e extremistas.

Sería doado falar do terceiro mundo ou da explotación á que están sometidos a maioría dos pobos do planeta dende a comodidade dun lugar que, aparentemente, rebosa fartura pero que padece cifras de desigualdade alarmantes e mesmo perigosas para a convivenza no medio prazo.

Na Europa dos Vintesete hai 85 millóns de pobres. Un de cada seis europeos vive, literalmente, na penuria (con menos de 500 euros ao mes). A crise económica internacional está levando a países como España a padecer datos como este: o 20% da poboación, dez millóns de persoas, xa vive hoxe na pobreza. Hai mais de trinta mil persoas sin fogar. O paro xuvenil roza o 50%. E neste contexto, os máis débiles, os que non teñen ningunha arma para defenderse, son os mais perxudicados. Tamén os mais enganados.

É a dinámica endiañada da desocialización, como ben apunta Ignacio Ramonet nas liñas de Le Monde Diplomatique. Ésta consiste en destruír o contrato social, e en instaurar a precarización absoluta para que os poderosos sigan facéndose de ouro coa complacencia dos silenciados por extenuación, logo de ir destexendo as redes de solidaridade e fraternidade por terra, mar e aire. Outro dato: namentras o número de parados se sitúa nos 4,6 millóns (3,1 en 2008) as empresas que cotizan na Bolsa repartiron 32.300 millóns de euros entre os seus accionistas (19% máis que no 2008) no último ano. A quen beneficia unha crise coma esta aquí e no mundo enteiro?

Pregunto eu: É esto normal e tolerable? Canto tempo máis teremos que soportar, dende o plano político, a demagoxia dos que están interesados en desaloxar do poder a uns para instalar a outros mais mansiños e que acometan reformas drásticas e de axuste doloroso para as maiorías? Ás veces só queda o refuxio da música e confiar en que, cando menos, sexamos máis os que dende o ateísmo ou non: “...Sólo le pido a Dios...que lo injusto no me sea indiferente...que no me abofeteen la otra mejilla...” , aínda que non se poida facer moito mais.

No hay comentarios: