
É xa unha mistura clásica e trátase dun fenómeno mediático e social complexo, habendo boa e inxente literatura sobre a materia (recuperen a Montalbán), pero resulta sempre suxerente, recurrente e polémica nas tertulias de café ou nas charlas de taberna, animándoas vivamente. Evidencia un acusado rasgo de personalidade ibérica aínda que esta transcende, como non, o espazo peninsular. Outra cousa que se globalizou.
Os medios de difusión de masas alimentan o debate de xeito hipócrita, entrando sen petar na porta, á xugular e interesadamente neste xogo, a mans cheas. Coma en case toda actividade humana de proxección social xurde por detrás unha intencionalidade perversa e non de todo diáfana, que non ilexítima, e normalmente, neste caso, ten que ver directa e proporcionalmente co número de ceros nas contas destas empresas de comunicación. Pero non só. Todo está entremisturado e ten sentido. Todo responde a uns obxectivos.
Chama poderosamente a atención o doble raseiro co que se analiza, segundo de onde proceda esa avaliación, esta dualidade e a carencia absoluta de criterio, obxectividade e fidelidade memorística. Moitas veces só se lle atribúe intencionalidade politizadora a uns, cando en realidade, o fixeron e fan todos porque, en esencia, o deporte foi sempre empregado políticamente. Como dí Bernard Crick: "Non todo é política pero todo é politizable". Ata algo tan inocente e saudable coma o deporte o foi, e de que maneira.
Facer agora un rigoroso percorrido histórico sobre a conexión entre o deporte e a política levaría moito tempo e sería tedioso. Non se fará porque teriamos que remontarnos, profundizando, nas orixes do evento político-deportivo por excelencia e a máxima expresión desta relación (sobre todo durante o século XX); o Olimpismo: a goebbeliana manipulación nazi, os boicots da Guerra Fría, as reivindicacións pro-dereitos civís dos afroamericanos, a irrupción do terrorismo palestino, a exaltación patriotica fronte á pretensión de universalidade, os recentes Xogos de Pekín coa súa imbricación sobre a política internacional, a patrimonialización gallardoniana sobre a que edificar unha alternativa post-Zapatero, etc....
¿Qué decir do fútbol?. O deporte rei. O feito social total, como algúns sociólogos apuntan. O deporte político por autonomasia. O gran negocio no que conflúen temas contemporáneos de debate: pertenza, identidade, condición social e incluso, mística relixiosa, fanatismo, etc....
Regras simples, combinación de talentos individuais con esforzo colectivo. Alegoría da condición humana. Fútbol é fútbol.
Os petrodólares de Abramovich ou do Zenit da Gazprom de Putin (¿outra vez aquí?), o franquismo e o Real Madrid, o salto a escea en Xuño de 1981 de Terra Lliure no Camp Nou, o inferno do Sadar, Jesús Gil, Marbella y tal y tal, as medias brancas de Arkonada....a lista é infinita. ¿Por qué os fanáticos se identifican indistintamente coa ultradereita ou a ultraesquerda, ou cos nacionalismos furibundos, sexan periféricos ou centralistas? O caso é que este deporte resulta moi seductor e goloso para a codicia, a manipulación, o lavado de cerebro..., tamén para canalizar frustracións. O novo opio do pobo.
1936: O exército de Franco asasina a Lluis Companys e a Josep Sunyol i Garriga. O primeiro é o President da Generalitat e o segundo, o President do FC Barcelona da época. Dúas institucións que representan a personalidade nacional e a autonomía politico-social da Catalunya republicana.
Tantos e tantos agravios..., Aznar recalificando e Florentino fichando. Zidane marca na final namentras Joan prepara o discurso do circulo virtuoso: Laporta President, Catalunya independent!!!
1980: Martin Zabaleta coloca a ikurriña no cumio do Everest porque a rojigualda que anos despois pasea Raúl, facendo verónicas na celebración dos títulos, non lle representa.
Parece que tanto uns coma outros fan política, remiten a sentimentos, xogan con eles... Tanto uns coma outros fan negocios. Tanto uns coma outros fan fútbol ou deporte en xeral. Uns propóñense facer fútbol primando a estética por diante do resultado, outros van ó práctico. Uns poñen por diante valores e priman o continente, outros vibran co contido e a conta goleadora. Chamarémoslle en adiante petrogólares. Non todo é o que parece.
Neste contexto, a aturdida e maleable masa (que somos todos nós) é un branco fácil, recibindo por todos lados señais semellantes. Identificación. Definición. Conmigo o contra mí.
Só ten que apretar o botón e pagar per view. Reunirse cos amigos e pedir Amstel, Estrella Damm ou Heineken. Temos 11 na Quiniela!!. Mercarei a revolucionaria Adidas, a super-capitalista e multinacional Nike, o Fifa 2009. Un balón para o pequeno!!. Tanto falamos da crise, da recesión, do traballo, dos fillos, coma do penalty do Domingo....
É un branco fácil porque continúa a ser tratada de maneira borreguil cando os seus representantes, insultándoo, lle falan en termos futbolísticos (se Aristóteles levantara a cabeza!!!), como si xa non deberamos saber diferenciar, só ser espectadores do circo: Que si estamos na Champions League da economía, que si Anxo Quintana era dianteiro centro e case ficha polo Elxe, que si o PP ten que gobernar as alcaldías porque é o máis votado (a goles pode, o problema é que en eleccións se contan votos, e o sistema permite facer pactos post-electorais...), que si Revilla come antxoas do Cantábrico que le ponen, vai á Moncloa en taxi e é do Racing, que si Berlusconi, non contento con selo Presidente do Goberno da República de Italia, varios periódicos, cadeas de televisión, etc...o é tamén do AC Milan....Totum revolutum.
Rajoy practica a bicicleta, só lee o Marca, é do Madrid, socio do Pontevedra, simpatiza co Depor, gústalle o Celta....,pero sobre todo é da Selección!!! Fidel bateaba en chándal e Bush recollía co guante. Ó final os Chinos tiveron máis medallas, e vaia ceremonia prepararon!!!Ó Fürher saíralle moi mal a xogada...tódalas medallas as gañaran os negros. A ceremonia tamén fora impresionante!!!O continente era belo, pero o contido....
Soa todo tan tan vello...(si si, con uve)...por eso que...que non te pillen en fora de xogo!!!