miércoles, 29 de septiembre de 2010

Gran Teatro: eutanasia da razón


No momento de redactar estas liñas descoñezo o alcance que terá a sexta folga xeral dende a restauración democrática aínda que as noticias recollidas nas edicións dixitais dos xornais lévanme a intuír que o paro será importante. Seguramente histórico. Probablemente porque existen mais razóns obxectivas que nunca.

Ata o dagora simplemente confirmei un dato: o interesado acoso mediático ao que someteron aos sindicatos nos últimos tempos, como organizacións democráticas de traballadores que son, reflíctese en accións indignas e incívicas de maneira flagrante. Queda instaurado un novo “deporte nacional”: o atropelo do piquete. Neste mesmo intre son tres as víctimas deses actos intolerables. Tamén hai que decir que neste tipo de convocatorias sempre se producen puntuais e marxinais excesos da outra banda, exactamente igual de impropios e condenables. Produce calafríos pensar que as consecuencias dunha crise concebida e fundamentada dende lonxanos centros de poder acarreen este tipo de danos e sobra apuntar que outras, como a galopante precarización e o acoso e derribo do Estado de Benestar, resultan moito mais graves e persistentes no tempo. A súa crueza afecta a millóns de persoas, nacidas e por nacer. As cifras de desarraigo e de miseria en Europa (si, si, en Europa!) bruan xa coma un lamento.

Ler ao inmenso e moi recomendable autor esloveno Slavoj Zizek é un pracer. Nas miñas mans soamente caeu unha obriña súa, Sobre la violencia. Nun excelente capítulo que versa sobre os límites da tolerancia apóiase en Inmanuel Kant para recuperar a noción da “antinomia da razón pura”. Esta xurde cando a razón humana cae na autocontradicción e posibilita demostrar paradigmas incompatibles, excluíntes (por exemplo: mostrar de xeito concluínte que o universo é finito e infinito). Kant argumenta que si esto non se resolve cáese nun estéril escepticismo que denomina “eutanasia da razón pura”.

Na miña opinión a fase avanzada do capitalismo leva consigo un estado psicosocial similar. O que desemboca na cerimonia da confusión. En España tradúcese nunha traxicomedia onde a dereita quere que trunfe a folga para que o goberno leve un duro golpe pero sen dicilo en alto porque, no fondo, está dacordo coas medidas tomadas. Onde os sindicatos convocan tarde e mal por non dilapidar a pouca credibilidade que lles queda (en Francia levan tres folgas nesta crise) sendo conscientes dos pobres resultados que pode aportar e das dificultades, ás veces directamente impedimentos, que moitos currantes teñen para secundala. E onde o goberno atopa unha xustificación, a proba palpable do deber cumprido, perante os mercados financieiros e a UE alongando así unha sensación agónica. Uns non van, pero van. Outros van, pero non van.

O Gran Teatro leva a cabo unha escenificación ben artellada: consiste en axeonllar aos gobernos democráticos e en dobregar a capacidade de resistencia dos cidadáns. É preferible que o goberno sexa de esquerdas porque é máis doado acometer fondas e duras reformas. A clase traballadora rebélase, pero menos. Traballo sucio feito, movemento obreiro desnortado e camiño despexado para que, cando a economía recupere, os campións da austeridade e os podadores profesionais continúen derrubando barreiras e ser uns poucos máis libres (mais ricos e poderosos) e outros, as maiorías sociais, mais pobres e excravos. Esas barreiras foron as ferramentas que fixeron posible acadar bos niveis de prosperidade e de calidade de vida para segmentos amplos de poboación. Agora tremen. E senón que nos recorden o vello conto Felipe ou Aznar. Margaret Tatcher: a loita continúa!


Para acompañar: Avanti Popolo

3 comentarios:

albixoi dijo...

So un pequeno comentario-pregunta: son realmente de esquerda aqueles partidos que levan adiante esas medidas?

Millán Fernández dijo...

Depende do que entendamos por esquerda. Dende logo reciben o apoio da maioría da esquerda social. Outra cousa é que cando chegan ao goberno, en determinados momentos, danse de bruces cunha realidade. Esa realidade é o capitalismo na súa vertente mais agresiva, e facerlle fronte é mais complicado do que poida parecer sobre o papel, a menos que rompamos a baralla do "xogo democrático"

Este goberno tomou decisións radicais de esquerdas, pero a medida que foi pasando o tempo tivo que moderar o seu discurso e os seus actos.

Dende logo o PSOE é de esquerdas. Pero xoga no sistema, non o olvidemos.

Eu doulle a volta a pregunta e propoño que si realmente hai unha esquerda, tan pura e tan impoluta, por qué ninguén lle vota??Por qué é marxinal?? Existe a esquerda?? Qué entendemos por esquerda no noso contexto??

Anónimo dijo...

Estou de acordo contigo Millán.