jueves, 27 de agosto de 2009

Máis Democracia


Nestes días previos ó reinicio oficial do curso político lense crónicas e manifestacións de todo tipo, e un non deixa de sorprenderse ó constatar como se asume, por parte dalgúns, o galopante deterioro do respecto polo proceso democrático.

Sempre se alertou da politización da xustiza e da xudialización da política e finalmente, semella que será o outono a época que marque un punto e a parte para o Estado das Autonomías. Un novo e incerto ciclo na Democracia española. O Tribunal Constitucional, a máis alta instancia do ordenamento con capacidade de interpretación da CE1978 emitirá a que vai ser, moi probablemente, a máis controvertida e discutida sentenza dende a súa aparición. Son moitas as voces e os medios de comunicación que se atreven a adiantar o seu resultado, facendo honra á patoloxía patria de querer ser máis papistas que o Papa. Cada español leva un seleccionador de fútbol dentro e parece que agora tamén, unha irrefrenable vocación xurídica, a cal emerxe en momentos de axitación cando cabe a posibilidade de ferir o orgullo da gloriosa e única nación.

Bótase man do dogma, da máis absurda literalidade e das interpretacións máis restrictivas e conservadoras para contradecir o que un 90% dos representantes do pobo catalán acordaron, e o pobo mesmo refrendou, co beneplácito e aprobación das Cortes en 2006. Son fogos de artificio e de cara á galería, lexítimas presións políticas dirixidas a uns maxistrados que teñen entre as súas mans unha decisión histórica e de calado: confrontar lexitimidades, creando así un conflito de envergadura que tarde ou cedo deviría nun delicado proceso de reforma constitucional, ou optar por unha interpretación aberta e flexible do texto, que abra as portas ó pleno desenvolvemento da faceta federalizante do Estado.

O Estatut leva tres anos aplicándose e, como dixo o Ministro de Xustiza: “España non se rompeu”. Por qué temer tanto a un presente, a un feito consumado? Por qué temer tanto a un futuro de soberanías compartidas, no contexto da Unión Europea, que é precisamente eso? Ou é que rende máis alimentar os vitimismos nacionais (centrífugos e centrípetos)? Por qué Catalunya non, e Valencia sí?. Non deberan algúns rasgarse as vestiduras, nin poñela venda antes da ferida, pois todo se solucionará mediante os canles democráticos: acatamento sí ou sí da sentenza, pero con diferentes e comprensibles consecuencias políticas dependendo do sentido da mesma.

As consecuencias políticas, sexan as que sexan, tamén se resolverán mediante a política, e con máis Democracia. Sin estridencias, aínda que algúns se sintan cómodos nelas.

jueves, 13 de agosto de 2009

Os de sempre


Bernat Muniesa, profesor e historiador da Universidade de Barcelona, ven de propoñer (e eu mesmo de adoptar) a introdución na vida política do concepto os de sempre para referirse a aqueles que se opuxeron en todo momento, coa súa privilexiada preponderancia nos centros de poder, ó progreso e ó desenvolvemento pacífico e democrático de España, enfrontándose sistemáticamente ós sucesivos intentos de modernización do país. Dende a volta dos Borbóns con Fernando VII, e os breves momentos de esperanza que representaron o Trienio Liberal, Bienio Progresista, Sexenio Revolucionario, e I e II República os de sempre apadriñaron as posturas máis reaccionarias, as que culminarían cunha Guerra Civil espantosa e unha ditadura militar-fascista que durou case 40 anos.

Os de sempre son aqueles que exiliaron a Goya, Buñuel, Picasso, Castelao, Juan Ramón Jiménez...asasinaron a Lorca, humillaron ate a morte a Miguel Hernández, e casi lincharon a Miguel de Unamuno. Son eles os que, coa desaparición física do ditador, lexitimaron a aberración franquista e seguiron latentes primeiro en Alianza Popular e agora, no seo da irresponsable cúpula do Partido Popular. Que os de sempre continúen no alto da pirámide leva á impostura histórica e á suplantación sociolóxica, permitindo que os dirixentes da dereita española representen as visións máis anacrónicas e conservadoras da Europa democrática. O vencellamento romántico cun pasado glorioso e imperial, e o militarismo convencido, que os liga ó nacionalismo máis rancio, converte ós actuais dirixentes do PP no ariete ideolóxico dese pasado escuro.

Dende o convencemento en que o 11-M foi un golpe de estado encuberto, e planificado polas cloacas do estado, para poñer á fronte do Goberno un títere que levaría a cabo a suspensión de facto do réxime constitucional (desmembración da unidade da patria, claudicación ante ETA...) seguen na escalada de construír calumnias e sospeitas que proxectan sobre o conxunto do Estado de Dereito coa fin de desacreditalo, pero co perigoso xogo de chegar a desestabilizalo.

Non parece ser tan só unha estratexia electoralista ou unha resposta coxuntural para desviar a atención dos problemas que lles afectan en primeiro grao, senón unha deriva discursiva que pretende trasladar o esgotamento do actual sistema fomentando aínda máis así o descrédito pola política. É o camiño máis curto para a berlusconización e para que os de sempre leven a cabo a anhelada revolución conservadora da que EEUU parece desprenderse logo de varias décadas.

viernes, 7 de agosto de 2009

Política de verán


Hai quen, aproveitando estes días de nin fu nin fa, obcécase en subilo termómetro e a tensión ata punto extemporáneo. Será para quentar motores coa vista posta no recomenzo do curso político. Plena pretemporada.

As recentes declaracións públicas da Secretaria Xeral do Partido Popular, María Dolores de Cospedal, ademáis de bordear temerariamente o Codigo Penal, encadraríanse dentro da provocadora dinámica de escalada verbal que decidiu levar a cabo a dirección popular co gallo da pírrica, e pode que provisional, victoria xudicial no “caso Gürtel”. Dende o 11-M esta dirección gustou de alentar teorías conspirativas por doquier e agora, retoma con forza esta liña para denunciar “escoitas ilegais”, un verdadeiro “estado policial”, o premeditado “linchamento da Oposición” en lugar de encarcelar etarras, un grave e crecente “deterioro da Democracia”, etc...para culpabilizar ó Goberno Zapatero, que presupoñen ilexítimo dende aquel día. Trátase da vella maniobra de cerrar filas fronte ó “inimigo externo”, e de defenderse atacando.

Os danos colaterais de todo este irresponsable e bochornoso circo permanente son poñer en dúbida a integridade do Estado de Dereito no seu conxunto xa que nel residen mecanismos suficientes para garantir os dereitos fundamentais sen necesidade de trasladala idea de que, ademáis de levarnos á ruina e ó corralito, ZP está construíndo decididamente, coa complicidade dunha sociedade narcotizada, unha pseudo-ditadura de inspiración bolivariana. Nin que foramos parvos! Que pouca confianza nas institucións, nos xuíces e nas forzas de seguridade! E sobre todo: que pouca confianza na cidadanía! Hai límites que non deberan franquearse na diatriba política. E este é un deles, e ten nome: delito de calumnia.

Por aquí en Galicia o verán é máis frío, e as medidas de verán tamén. Namentras algún valente aterece nas belas praias do país o goberno Feijóo saca o bisturí dos recortes sociais (para libros de texto) pero eso sí, subvenciona colexios concertados onde se segrega por sexos. Non vaia ser que se nos distraian os neniños cos pipís e as cricas! Gástase un bon feixe de cartos preguntando acientíficamente a papá e a mamá en que lingua queren que aprendan eses pequenos demos, e vai e sae que nas dúas!e a poder ser, en tres! O que xa sabiamos. No asunto da enerxía eólica moito mellor que participe tan só o sector privado e “os amiguiños” que o sector público, ou sexa, todos nós. E iso que non viña a restauralo pasado! O dito: política de verán.