Mostrando entradas con la etiqueta Ditadura. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Ditadura. Mostrar todas las entradas

miércoles, 27 de abril de 2011

Enquanto há força



Outro "25 de Avril" mais, e van 37. Hoxe Portugal, e seguramente boa parte de Europa, necesita un novo pulo. Os ditadores non se chaman Salazar ou Franco pero a ditadura do neoliberalismo tamén é opresiva e perigosa.

sábado, 12 de febrero de 2011

11-02-2011





O pobo exipcio conseguiu escribir unha páxina dourada na historia universal, e gañou o seu futuro. Pase o que pase naquel país e na súa contorna a partir do día de hoxe merece celebrar, como noutrora outros pobos do mundo o fixeron, a súa liberación e o derrocamento da tiranía. Quedan moitas outras por caer, teñan por fora a cor que teñan.

jueves, 3 de febrero de 2011

Wikirrevolucións?


É unha pregunta que fascina a moreas de pensadores do planeta dende que as redes sociais forman parte das nosas vidas, alá por 2008: son unha ferramenta con potencial para mudalo estado das cousas no mundo ou non? A resposta non é tan sinxela aínda que as mentes e o xeito no que abordamos “a realidade” xa cambiou. Para uns simplemente mudaron as canles de comunicación e, ao igual que a Revolución Francesa non foi a revolución da imprenta, as que hoxe se suceden e estánse xestando no mundo árabe (Tunisia, Exipto e expectativas de estenderse tal cal efecto dominó polo Magreb, Siria, Yemen, Xordania...) non son revolucións Twitter, Wikileaks ou Facebook strictu sensu. O importante é a revolución en sí mesma e as causas de sempre: o substrato de miseria, corrupción, despotismo e ausencia de dereitos e liberdades que subxace no seo dunha civilización enteira, cos seus matices particulares.

Para outros como Manuel Castells a estrutura social das revoltas, determinada por unha horizontalidade e desxerarquización distribuída e sen centro recorda a un sistema Wiki, e o compoñente tecnolóxico representa un desencadenante e potenciador ineludible sen obviar de ningunha maneira os outros aspectos sinalados. Coa mocidade urbana como vangarda e protagonista do pulo revolucionario. Descontento acumulado durante décadas. Feito que, por outra banda, é unha constante reproducida nos estalidos sociais en todo tempo e lugar. Concordo mais coa última visión, por ser omnicomprensiva, e prognostico que nos vindeiros anos crecerá o seu influxo noutras facetas da vida e das relacións sociais, para ben e para mal. Aparecerán aqueles que, dende o poder incorrectamente concibido, restrinxan (como aconteceu en China respecto da crise exipcia por medo ao contaxio ou como acontece en Cuba, ou noutros lugares) pero cada vez é mais difícil conter a marea de interrelacións por esta vía, aparecendo fórmulas alternativas para combater a censura.

Se ollamos atrás, deberiamos recuperar a campaña presidencial norteamericana como o fito histórico que abriu unha xeira dixital e 2.0 na maneira de entender a mobilización en chave política, texendo redes de solidariedade e facilitando a transmisión de información ou o lanzamento de mensaxes que trascendan e inflúan ao conxunto da opinión pública. Aquela campaña deu comezo á aceptación maioritaria de conceptos como ciberpolítica ou ciberactivismo, sendo certo que o uso de blogs era anterior. Das pantallas á rúa. Recordemos o caso das recentes revoltas na teocracia iraní e o determinantes que foron para retransmitir, en tempo real, a variedade de sucesos acaecidos en Teherán. Estamos pois ante a aparición dunha nova orde, pode que da cuarta onda democratizadora despois das producidas no sur de Europa (Portugal, España, Grecia), en latinoamérica e nas repúblicas ex-soviéticas, pero cos riscos propios das relacións co islamismo mais radical. Agora nace dos pobos dos países árabes (e ven da man dun maior acceso ás comunicacións), os exércitos semellan estar escoitando as reivindicacións, estando mais preto deles ca duns dirixentes ilexítimos. Uns fuxen, outros resístense poñendo en risco a estabilidade e a convivenza, e outros maniobran para evitar o que é inevitable.

E a situación xeopolítica é de gran interese pois cadra cunha crise económica global nun contexto de reordenación dos centros de poder e de auxe do fanatismo e a desigualdade, coincidindo tamén cunha nova forma de entender as relacións internacionais, alomenos no plano teórico, despois da escura e violenta era-Bush (de imposición esóxena da Democracia), e dende que Barack Obama pronunciara n´O Cairo (curiosamente) un discurso histórico para as relacións entre Occidente e o mundo musulmán.

jueves, 13 de agosto de 2009

Os de sempre


Bernat Muniesa, profesor e historiador da Universidade de Barcelona, ven de propoñer (e eu mesmo de adoptar) a introdución na vida política do concepto os de sempre para referirse a aqueles que se opuxeron en todo momento, coa súa privilexiada preponderancia nos centros de poder, ó progreso e ó desenvolvemento pacífico e democrático de España, enfrontándose sistemáticamente ós sucesivos intentos de modernización do país. Dende a volta dos Borbóns con Fernando VII, e os breves momentos de esperanza que representaron o Trienio Liberal, Bienio Progresista, Sexenio Revolucionario, e I e II República os de sempre apadriñaron as posturas máis reaccionarias, as que culminarían cunha Guerra Civil espantosa e unha ditadura militar-fascista que durou case 40 anos.

Os de sempre son aqueles que exiliaron a Goya, Buñuel, Picasso, Castelao, Juan Ramón Jiménez...asasinaron a Lorca, humillaron ate a morte a Miguel Hernández, e casi lincharon a Miguel de Unamuno. Son eles os que, coa desaparición física do ditador, lexitimaron a aberración franquista e seguiron latentes primeiro en Alianza Popular e agora, no seo da irresponsable cúpula do Partido Popular. Que os de sempre continúen no alto da pirámide leva á impostura histórica e á suplantación sociolóxica, permitindo que os dirixentes da dereita española representen as visións máis anacrónicas e conservadoras da Europa democrática. O vencellamento romántico cun pasado glorioso e imperial, e o militarismo convencido, que os liga ó nacionalismo máis rancio, converte ós actuais dirixentes do PP no ariete ideolóxico dese pasado escuro.

Dende o convencemento en que o 11-M foi un golpe de estado encuberto, e planificado polas cloacas do estado, para poñer á fronte do Goberno un títere que levaría a cabo a suspensión de facto do réxime constitucional (desmembración da unidade da patria, claudicación ante ETA...) seguen na escalada de construír calumnias e sospeitas que proxectan sobre o conxunto do Estado de Dereito coa fin de desacreditalo, pero co perigoso xogo de chegar a desestabilizalo.

Non parece ser tan só unha estratexia electoralista ou unha resposta coxuntural para desviar a atención dos problemas que lles afectan en primeiro grao, senón unha deriva discursiva que pretende trasladar o esgotamento do actual sistema fomentando aínda máis así o descrédito pola política. É o camiño máis curto para a berlusconización e para que os de sempre leven a cabo a anhelada revolución conservadora da que EEUU parece desprenderse logo de varias décadas.

viernes, 26 de junio de 2009

Novo Irán


A de Irán pode ter aspecto de desembocar nunha revolución frustrada que recordaremos coma unha serie de revoltas transmitidas en tempo real. Cada día que pasa perde consistencia e a “marea verde” vaise diluíndo en paralelo á esperanza dunha feble apertura. Posiblemente sexa debido á traición, e cobardía, do líder reformista Musaví xunto coa eficacia da brutal represión (símbolizada na aniquilación da mártire Neda) e do apagón informativo. Pero ante o mundo evidenciouse que o réxime islámico é implacable, mentireiro e asasino coma poucos e polo tanto, xa nada será igual en adiante.

O derramamento de sangue nunca resulta gratuito para as aferradas estructuras de poder dos sistemas autoritarios e tamén este parece abocado a experimentar un pulo reformador dunha ou doutra maneira, antes ou despois. Agora mesmo, a República Islámica presenta síntomas claros de esgotamento porque ten aínda menos do primeiro elemento, e inxentes excedentes do segundo. O xa de por sí forzado equilibrio parece decantarse, polo pronto, do lado máis reaccionario, conservador e teocrático, en detrimento das valentes arelas modernizadoras e democratizadoras. Pero a experiencia amosanos que, paradoxicamente, esta é unha actitude cortoplacista e de debilidade. Os últimos coletazos.

A loita na cúspide do poder, coas trunfantes teses dos aiatolás máis fanáticos á cabeza, está a piques de resolverse na liña de usurpar completamente a vontade do poder popular. A crise é patente, e o descontento seguirá en aumento afectando viralmente en máis sectores porque a chama prendeu sobre todo, e coma sempre, entre o mellor axente de cambio social: os xóvenes.

A posibilidade do acceso a internet e ás tecnoloxías entre as novas xeracións, por restrinxido que sexa, é un dos maiores e máis graves inimigos das ditaduras. Esto puidémolo ver coa intelixente utilización das redes socias, do canal YouTube e dos teléfonos móbiles. A difusión global e inminente do que acontecía, e a comunicación entre os opositores, foi posible grazas a estas ferramentas que demostran, unha vez máis, ter un magnífico poder de mobilización e supoñen unha ameaza para a intransixencia.

miércoles, 3 de diciembre de 2008

Trinta anos despois


No 1978 moitos non naceramos, pero outra xeneración viu fraguar algo prácticamente insólito: un acordo de amplo consenso no fundamental para organizalo futuro Estado Español sobre as bases do recoñecemento da soberanía popular e da democracia pluralista. Todo esto nunhas condicións de relativa paz pública. Un éxito dende este punto de vista pois históricamente, os cambios substanciais producíranse en climas de tensión política latente ou manifesta. Ténse falado moito (demasiado) do exemplarizante que foi, como modelo, o periodo transitório que desmontou a estructura da Dictadura, e da participación das masas e das elites no proceso de conquerila Constitución e construíla Democracia.

Trinta anos despois existe tamén un consenso xeneralizado á hora de valoralo beneficioso que foi o que aconteceu a posteriori: o cambio de relacións Igrexa-Estado, a creación do Estado Autonómico (federalizante), o ingreso na UE, a consecución dun Estado de Benestar, a proxección cara o exterior... Pero crecentemente acompaña a sensación de que o que se fixo estivo razonablemente ben naquel momento e para aquela sociedade. Hoxe en día hai un exceso de veneración polo texto e esto impide correxilos seus defectos. Denota encorsetamento, tamén ante a propia dinámica política, que xa non é a mesma que en 1978 nin está suxeita ós mesmos medos e presións. Agora voamos por nós mesmos gozando de cidadanía plena. A sociedade é máis libre, secularizada, multicultural, e con maior información.

Daquel periodo arrástranse rémoras: fundamentalmente o terrorismo da ETA (escindible do conflito político), a non de todo efectiva separación Igrexa-Estado, a incompleta aceptación dos límites constitucionais por parte de sectores das Forzas Armadas, o debate non resolto sobre a Xefactura do Estado (aínda que sexa tabú), e o fracaso no cambio de cultura política referente á aceptación da plurinacionalidade do Estado (reforzamento da cooperación multilateral e abandono do victimismo dende os nacionalismos periféricos). Todas estas rémoras posiblemente formen parte dunha mesma categoría, xa que remiten ó máis fondo e primitivo do “sentimento nacional” de alomenos, a metade de españois. Polo tanto, a identificación e resolución satisfactoria de todas elas é complexa pero desexable para, trinta anos despois superar pantasmas, medos atávicos e adaptalo texto ós nósos días, proxectándose de novo cara o futuro.