
No contexto da política vasca é recorrente esta frase feita. Quen a promociona refírese a que ETA abala a árbore coas súas accións inútiles namentras o PNV as torna en utilidade, recollendo así o froito do apoio popular. A superprotagonista e promotora do apartheid lingüístico Rosa Díez é unha defensora desta non-teoría. Aprendeu a lección e aplícaa, acudindo a Compostela coa estratexia definida; movendo a árbore do inexistente conflito lingüistico e evidenciando un enfrontamento arrodearíase astutamente na bandeira da defensa dunha suposta liberdade ameazada: o dereito a escollela lingua en Galicia. Podería ofrecerlle algún rédito en Madrid ou noutras comunidades, onde a ignorancia da realidade plural de España (por parte do nacionalismo separador español) é manifesta, e onde a abafante conxura mediática fai estragos entre os pouco viaxados e instruídos.
Nun país coma o noso, sendo o galego secularmente proscrito e aldraxado (e onde tan só a vontade do pobo o mantivo vivo, non sen desgustos), onde o noventa por cen da oferta comunicativa é castelanfalante e onde a vida educativa dun rapaz pasa por recibila inmensa maioría das mensaxes orais e escritas en castelán, algúns arriscanse a falar de imposición sen ruborizarse. Ninguén en Galicia descoñece o castelán e conviven normalizadamente dous idiomas en pé de igualdade xurídica habendo un consenso amplo respeto da normativa a aplicar. ¿Por qué algúns galegófobos (coma Falange, membros do PP e satélites) teñen interese en crispar e elevar á categoría de social un problema que non é tal?. Só se comprende dende a vella táctica ultradereitista de pescar en río revolto. Os que acudiron á manifestación non estaban defendendo o bilingüismo nin a liberdade. Estaban en calidade de peóns da inxustificable imposición monolíngüe do castelán e esto non se sustenta, aínda tendo todo o dereito a manifestarse. A reivindicación é pois, enganosa. Como equivocados estaban os marxinais que a foron rebentar. Dárlles publicidade é un regalo enveleado. Violenta e desproporcionada foi tamén a actuación policial e a obriga ós viandantes galegofalantes de identificarse. A maioría social galega é xa madura e sabe identificar ben a quen quere recollelo froito á súa conta.