
viernes, 6 de mayo de 2011
Goberno Lego e mourinhizado

viernes, 22 de abril de 2011
Durmir na democracia

Cúmprense dous anos da chegada ás cadeiras do “sultanato”, agora “austero”, de Feijóo009. Fica na beira como se produciu porque, dende o punto de vista estritamente formal, foi incuestionablemente democrático. Campaña negativa e sucia, pero eficaz.
Son fondas e prolixas as análises sobre este bienio negro, e aproveito para recomendar un dossier recollido no último número da revista Tempos Novos, onde sinaturas relevantes como as de Antón Baamonde, Filipe Díez ou Manuel M. Barreiro, entre outras, fan unha radiografía do que deparou o regreso á Xunta dun PPdeG que transita entre o peor do fraguismo e o mais perigoso da nova dereita emerxente na procura do seu momento para ancorar. A que confunde os medios cos fins e o partido coa administración. O balance, pois, non pode resultar mais negativo, lamentablemente. Son tan graves as medidas de contrarreforma e a involución que sería tedioso e semellaría hiperbólico nomealas todas, pero o nivel de destrucción do camiño proposto polo morno cambio representado na lexislatura do goberno da esquerda galega non atopa parangón. Institucións como o Consello da Cultura, o Consello Consultivo, a RAG e mesmo o TSXG téñenlle dado as costas e rexeitado as irresponsables decisións e indecisións, aínda que o goberno dispón de recursos suficientes para deslexitimalas e identificalas con intereses partidistas mediante o regreso a unha liña discursiva antipluralista e maniquea. O mais enigmático e destacable é a ausencia de políticas, plans con contido real e actuacións encamiñadas á resolución e prevención dos problemas en distintos campos. Deixación de funcións.
Esta nova dereita descastada e chabacana, que mesmo perde habitualmente as formas, fixo unha mistura explosiva entre unha sorte de libertarismo á americana mailas patoloxías tradicionais do rancio conservadurismo español. Conta coa inestimable colaboración dunha maioria social confusa, cansa e que introduce no saco tódalas opcións (posiblemente polos erros, incoherencias e traizóns a sí mesmas).
Debería graffitearse en cada rúa das vilas e cidades a coñecida máxima: “Quen dorme en democracia érguese en ditadura”, por aquelo de telo presente. Senón que pregunten en Italia. Chegou o momento. Agora é cando. E Galicia é onde experimentan co modelo chamado a estenderse no resto do estado. Concibido dende os centros de poder mais afastados do común dos mortais: recentralización política debuxada, retroceso en conquistas de dereitos e maior acumulación financieira e capitalista son as intencións inmediatas dunha corrente que gaña adeptos, convertida nun run-run transversal desafiante. A síntese non pode ser mais perigosa para dependentes, estudantes, investigadores, desempregados, emprendedores, enfermos, mariñeiros, etc... por non falar do abandono en Medio Ambiente, Industria, infraestruturas... e por non lembrar os ataques continuados e o desprezo gratuito á identidade colectiva dende o insultante cosmopailanismo que caracteriza á maioría dos membros do goberno galego, ben extraídos de clases medias que renegan de sí mesmos ou ben das faccións mais ortodoxas, elitistas, castelanistas e clericais da dereita nostálxica.
Na rúa houbo tamén certa contestación pero as formacións opositoras non son quen de aglutinar o descontento por mor da súa mellorable situación interna. Feijóo dotouse dunha aura de bo xestor debido ao abuso da propaganda, ao control descarado da RTVG e ao uso da publicidade institucional para mercar noticias favorables nos xornais afíns que, por certo, son maioría aplastante. En dous anos practicouse unha política de terra queimada, desapareceu Galiza da axenda da reformulación do Estado Autonómico ao adiar a reforma do Estatuto e o goberno parapetouse no vitimismo mais infantil, mesmo negando competencias e capacidade en materia de emprego, onde recurtou 64 millóns de euros para políticas activas e empeorando rapidamente os diferenciais respecto do conxunto estatal. Sabe que, canto peor, mellor. Alomenos no curto prazo e namentres non esperten os entretidos.
lunes, 21 de marzo de 2011
Irresponsabilidade aquí e acolá

jueves, 18 de noviembre de 2010
Galeusca española

jueves, 28 de octubre de 2010
Eu non te espero

jueves, 29 de julio de 2010
Feijóo, Picasso e a caza
viernes, 19 de marzo de 2010
A agulla de marear

jueves, 11 de marzo de 2010
Vacuidade política

lunes, 15 de febrero de 2010
GB, inmersa na desesperación

jueves, 21 de enero de 2010
A lección de Feijóo

viernes, 15 de enero de 2010
A trampa do consenso

jueves, 7 de enero de 2010
Tempo de chorar
.jpg)
domingo, 1 de noviembre de 2009
Resistencia feijooniana

viernes, 4 de septiembre de 2009
Popular, e populista

viernes, 7 de agosto de 2009
Política de verán

viernes, 10 de julio de 2009
Nas catacumbas

Os cidadáns coñecen de primeira man que o nacionalismo político organizado galego atópase mergullado nun perigoso e pode que crucial proceso, aínda que a cotidianidade nos faga ver que as augas corren calmas neste mundo. Meses despois da experiencia no goberno entra, de cheo, en serio risco de auscultarse obsesivamente pero sobre todo, e canto antes, ten a necesidade de mirar de fronte, e sen prexuízos nin dogmas, aos galegos se non quere verse arrasado polo tsunami do permanente cambio social.
A imaxe que proxectou durante a fase que desembocou na elección dun renovado Consello Nacional e dun novo, transitorio e gris liderado non puido resultar máis infructuosa para os intereses do BNG e, independientemente do pobre resultado colleitado nas eleccións ao Parlamento Europeo son varias, e autorizadas, as voces internas que veñen reclamando un xiro revolucionario na fronte ou, do contrario, intúese unha progresiva perda de apoios, alertando, á vez, do definitivo que sería profundizar na autodestructiva espiral de división e enfrontamento, a cal o condenaría a unha sorte de catacumbas sociais e, e en franca decadencia parlamentaria.
Para ser crible e suxerente para espazos amplos, e posicionarse no mercado electoral con garantías de regresar ao poder e mudar a realidade debería resolver, canto antes, dous problemas: neste preciso instante está, de facto, partido en dúas metades e confrontando dúas formas opostas de entender o presente e o futuro da organización e, o que é máis grave: dous proxectos antagónicos de entender e promover un modelo de sociedade e dúas culturas políticas opostas. Son dúas cosmovisións, aínda que o efecto sedante dunha UPG fría e implacable o queira camuflar dunha abafante ofensiva españolista ou bipartidista incorrendo no non sempre, e en todo lugar, eficaz vitimismo. A sociedade galega non é xa a de 1969, nin a de 1975, nin a de 1982.
O outro gran problema é tamén de fondo calado: segundo unha das últimas enquisas do CIS un 23% das galegas e dos galegos defínese nacionalista e o BNG, nas eleccións do 1 de Marzo, conseguiu tan só convencer ó 16%. Nas europeas un 10%. A última cifra indica que existe máis nacionalismo alén da organización pretendidamente aglutinadora da realidade social e que só é capaz de fidelizar menos da metade cando a deriva vai na liña dun maior soberanismo e aillamento ideolóxico. Esto deberáse resolver dunha forma máis ou menos traumática nos videiros tempos, pero namentras non se aborde con amplitude de miras, e de maneira aberta, será moi complicado que se abra unha mínima posibilidade para construír unha alternativa ó Goberno de Núñez Feijóo. Ten que clarificarse. Coa ruptura da fronte e a aparición de varias opcións, se é preciso. Faríalle un mellor servizo ao nacionalismo, á esquerda e a Galiza.
lunes, 29 de junio de 2009
O lobo Feijóo

Dí o profesor de Filosofía da Universidade de Zaragoza, Daniel Innerarity, que o vicio da esquerda española é a melancolía, namentras que o da dereita é o cinismo. Sostén que por norma, a esquerda espera moito máis da política e a dereita se contenta con que esta se limite a respetalas regras do xogo. É práctica e procedimental, pero actualmente incluso máis voluble e permeable ás novas influenzas. Menos dogmática. Hoxe, especialmente en Europa, é capaz de conectar mellor coa cidadanía porque foi quen de incorporar valores tradicionais do espazo da esquerda sociolóxica. Sarkozy representa a novidade habilmente. En definitiva, son dúas culturas políticas ben diferenciadas, pero a dereita vai gañando terreo nos campos dos marcos interpretativos e do discurso: a batalla dialéctica.
Exemplo disto, aínda que cos matices propios do cleavage identitario, vímolo en Galicia o pasado domingo co gallo da entrega das Medallas Castelao. Feijóo pronunciou un discurso intelixente e desconcertante por brilante, inserido na tradición galeguista e incorporando, como xa perfilara anteriormente, referenzas a Obama ou a Gandhi pero tamén a Luther King ou ó nacionalista sudafricano Nelson Mandela. Non escatimou en loubanzas ós compatriotas Castelao, García-Sabell, Pedrayo..., cunha solemnidade escenográfica estudiada, no Panteón dos Galegos Ilustres, e cunha fonda mensaxe de inspiración piñeirista.
O que alí dixo subscribiríao, cen por cen, calquer cidadán proclive a esta sensibilidade de non ser porque a retórica non ven respaldada por feitos que a sustenten. Non resulta crible, nin intelectualmente honrado, falar de tolerancia e de galeguismo cordial, cosmopolita e integrador (eso mesmo foi sempre a tradición galeguista) cando rachas o consenso sobor da lingua propia dos galegos e tratas de provocar unha fenda social. Moitos alertaron, no seu día, da posibilidade de que o poder autonómico instituído se vise tentado de instrumentalizar figuras tan comprometidas e relevantes co fin de devaluar a carga política que levan aparellada. Podemos pensar que así está sendo.
É a mesma actitude que a do lobo (non necesariamente o lobo estepario de Hesse, do que gusta o Presidente) cando viste a pel do cordeiro, aínda que seguramente a pedagoxía sexa positiva para seducir ós reticentes, pois foi polo que morreron, foron exiliados e sufriron cárcere quenes forman parte inescindible do imaxinario colectivo.
viernes, 29 de mayo de 2009
Confusión xeralizada

As primeiras semanas do goberno da Xunta de Galicia non deixan de sorprender a propios e a estranos. Si analizamos as intervencións de quen, a día de hoxe, detenta responsabilidades no novo organigrama pódese chegar á conclusión de que é o peor comezo dun executivo autonómico dende a restauración democrática. Penso que a maioría dos votantes do PPdeG están moi desconcertados ante a parálise e o desaxuste continuo, ante as rectificacións e a grande sombra de dúbidas que se extende por riba dalgún membro do Consello. A polémica crece de maneira constante e afecta a temas diferentes.
A contemporaniedade demostra que aquelo dos cen días de rigor xa non é válido, e que o escrutinio público para examinar a acción dun goberno comeza a mesma mañá da toma de posesión. Esto é válido en tódalas latitudes. É a maduración democrática. Si o Lehendakari López foi recibido cunha folga namáis puxo un pe en Ajuria Enea, a temeraria irresponsabilidade de Feijóo provocou que vinte mil persoas se mollasen un Domingo polas rúas de Compostela. As críticas que está recibindo proveñen dende múltiples sectores, e non serve escudarse no “resentimento dos derrotados”.
A falla de compromiso coa igualdade de xénero, as superdelegacións, a afrenta contra a lingua propia dos galegos, o caso Hernández, a denuncia dun suposto “burato financieiro” que infla en proporción ó nivel de crítica recibida, etc...Son varios xa os globos sonda, e as rectificacións.
A inconcrección parece ser unha constante, e a confusión xeralizada corre risco de instalarse no corpo do goberno e chegar a converterse na patoloxía crónica da “era Feijóo”. Nin cara adiante, nin cara atrás. Nin sube, nin baixa. Eso non é galeguismo: é indefinición, temor ou falla de preparación. Anunciounos que viña a liderar e sacarnos da crise. Pode que sexa coas recetas ocultas, e ocultadas, de Aznar. Os cidadáns comprenden que necesite un tempo de adaptación, pero non toleran igual que o Luns se lle anuncie unha cousa, e o Martes a contraria.
É posible que esto sexa sintomático e reflexe un grande salto colectivo herdado da etapa do bipartito. Se Feijóo continua na liña mostrada ata o de agora pode chegar a comprobar que agora hai cidadanía esixente. Por eso mesmo caeu o bipartito.
viernes, 22 de mayo de 2009
Feijóo na encrucillada

Cando as augas volven ó seu cauce no seo das forzas da oposición parlamentaria, e aínda que a necesaria viaxe catártica para reconstruír unha alternativa crible non se producise, parece emerxer novamente, entre elas, certo consenso básico nalgunhas cuestións. As mensaxes que saen de boca dos portavoces do PSdeG e do BNG ó respecto do asunto lingüístico teñen un común denominador: denunciar a abxecta campaña de boicot ó idioma galego que se ven defendendo recentemente dende sectores minoritarios, capitaneada por un Feijóo preso das promesas electorais e da connivencia coa deplorable e irracional plataforma Galicia Bilingüe.
Intúese que a oposición “dos Vázquez” vai ser dura e de desgaste toda a lexislatura, moi belixerante cando se trate de defender o ameazado, e consensuado no seu día, modelo recollido no Plano de Normalización Lingüistica. Ámbalas formacións encontraron cedo un punto de unión que as obligará a ser inflexibles coas absurdas tentacións involucionistas, segregadoras e diglósicas que o Presidente puidera ter. O común dos mortais teremos a oportunidade de comprobar as habilidades de Feijóo a medida que a polémica vaia decaendo ou non, e a medida que as palabras muden en feitos.
Ó meu parecer atópase nunha encrucillada maiúscula: facerse eco das mentiras construídas dende eses espazos socias minoritarios e acometer reformas encamiñadas a devaluar a nosa principal seña de identidade como pobo, ou manter unha actitude cautelosa, de entendemento e de respeto, cunha das razóns de ser da nosa autonomía política (aquela que lle deu a posibilidade de ser quen é) a risco de “traizoar” ós ruidosos axitadores que tantas esperanzas depositaran nel para facer de Galicia un país no que o idioma de seu pase a ser considerado algo arcaico e residual, propio “dunha terra aillada, que mantivo a fala por mor do analfabetismo do campesiñado”, como defende un dos impulsores de Galicia Bilingüe. Neste dilema se atopa Alberto Nuñez Feijóo. Faga o que faga será criticado salvaxemente. O que ten que decidir é se quere estar á altura do seu cargo, ou ir da man daqueles que mesmo nin cren na figura dun Presidente da Xunta de Galicia.
jueves, 23 de abril de 2009
FAES en Galicia

A fábrica de ideas, e pantasmas, ultraliberais que dirixe Jose María Aznar publicou recentemente un estudo que fixa a súa mirada aquí. No documento pon ó noso país como exemplo onde as políticas públicas son as causantes últimas e directas do baixo desenvolvemento económico que padecemos, e compara a nosa situación (histórica) coa de Madrid, e coa doutras comunidades onde o Partido Popular goberna dende fai moito. Evidentemente, o estudo fíxose cando Feijóo aínda non accedera á Presidencia da Xunta, pero publícase agora para tratar de marcar un rumbo que lle asegure o éxito. Pasa por alto que antes do estrepitoso fracaso do bipartito había vida, e tamén que as recetas que propón para superala agudeza da crise son as grandes derrotadas no plano ideolóxico.
É moi certo eso de que Spain is different: na maioría dos países occidentais, incluso naqueles onde o liberalismo económico foi a columna vertebral da conformación e auxe da construcción nacional, estánse a dar pasos na dirección contraria a estes postulados os cales, por outra parte, están sendo desarmados pola vía dos feitos. Dalgunha maneira comezan a ser conscentes do papel armonizador e redistributivo do Estado, tamén de que as rendas altas deberan aportar en maior medida que as baixas e de que, á fin, o despotismo do mercado libre incontrolado produce efectos adversos, como puidemos comprobar.
En España non. Aznar quixera, entre outras moitas cousas, flexibilizalo mercado laboral ata o extremo do despido libre e algúns, sobre todo os grandes poderes económicos, aplauden e poñen velas á virxe para que o equipo do 96 pase da foto á acción. Ocurre que o contexto daquel e este momento son incomparables. Aznar foi quen de desprestixar, durante a semana, o modelo de vida europeo e o Estado de Benestar, en precampaña electoral, cando EEUU está dando síntomas de virar nesta dirección, e cando parece moi factible que haxa maioría de esquerdas no Parlamento de Bruxelas.
Na miña opinión, máis que unha fábrica de ideas para a adecuación da dereita española ós novos tempos, Aznar preside unha maquinaria de propaganda inquietante. Esperemos que Feijóo se faga autónomo desta liña, porque o que menos necesita agora Galicia é que a dirixan dende FAES.