Mostrando entradas con la etiqueta PSdeG. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta PSdeG. Mostrar todas las entradas

martes, 7 de febrero de 2012

PSOE e BNG ante Mateo e Pigmalión

Praza Pública naceu coa vontade de osixenar informando e enriquecer valorizando voces e xeitos de contar que non se atopan noutros espazos. Potenciando a rede comunicativa e colaborativa nun tempo aberto neste eido pero onde a sensación de claustrofobia envólveo todo. Onde boa parte da sociedade-rede xa conversa, infórmase ou traballa incardinada nunha realidade que deixou de ser emerxente para cristalizar, removendo radicalmente estruturas sociais e de poder a distintos niveis. Sexa benvida a súa achega ás nosas vidas pois unha interpretación crítica, galega e en galego do incerto mundo ao que nos encamiñamos é mais que precisa cando vogamos sobre 2012, o ano de “tódolos perigos”, como di Ignacio Ramonet.

Nace na esfera dixital para ollar o mundo coas lentes dun país ao que lle afecta a formidable marea de mudanzas coma calquera outro. Na era pos-Fraga e, posiblemente, na era pos-BNG. Nace tamén na democracia post-ETA que supera a etapa de pos-transición, onde comeza a cuestionarse abertamente o papel dunha institución coma a Monarquía. E ata nunha pos-democracia tecnocrática resultante da instauración da pax germánica en plena II Gran Recesión, que o que mellor democratiza é o efecto Mateo; aquel polo cal os que mais teñen acumulan máis e máis e os que menos son desposuídos do pouco ao que tiñan acceso e fican desprazados do sistema, asentando unha relación inxusta de submisión e vasalaxe propia das vellas sociedades piramidais do Ancien Règime feudal, anterior a 1789.

Ao desbocado efecto Mateo engádeselle a irrupción do efecto Pigmalión. Este atenaza e confunde ás esquerdas que se limitaron a xestionar o realmente existente renunciando a combatela anti-utopía imperante no terreo dos valores, e redobrando a democracia do ladrillo e as súas consecuencias. Xogando a ser o que non saben ser. Neste caso o efecto Pigmalión na súa versión negativa, e pola cal o principio de actuación que rexe as decisións internas vai na liña do que, negativamente, a maioría social espera que fagan. Outros, directamente, xa non esperan ren.

Os partidos, sendo organizacións e ferramentas pechadas e de intereses, ante a necesidade de cambio, recúan. A desconfianza e a desafección aumentarán mais e ámbalas dúas, á espera do Congreso Nacional Galego do PSdeG, atópanse nunha encrucillada maior que antes do 20-N. Apostaron polo inmobilismo e por agardar impasibles a que a crise lles devolva o que a crise lles quitara, coa salvidade de que a dereita ten gañada a batalla dos marcos interpretativos. Tamén a de presentarse como forza dinámica e adaptable, atrevéndose con reformas que o social-liberalismo dos últimos tempos non soubo, non puido ou non quixo concretar (coma o recorte en subvencións públicas a partidos, organizacións empresariais e sindicatos, ou o recorte dos impúdicos salarios a banqueiros, nunha mistura de populismo e sentido da oportunidade política que compaxinan coas medidas de axuste duro e suba de impostos).

1. O BNG e a “paciencia revolucionaria”:

No BNG isto verbalizase xogándoo todo á carta máis alta da “paciencia revolucionaria”, coma se un escenario de deterioro económico tan fondo que provoque un estalido social (posible) vaia empurrar ás masas traballadoras nos brazos dos seus líderes para construír unha sociedade sen clases e unha Galiza liberada da noite á mañá ou, simplemente, levalos a Monte Pío (imposible). Advírtase que no hipotético caso, a revolta, coma sempre e en todo lugar, produce os seus propios liderados e as estruturas xa constituídas percíbense sistémicas e, polo tanto, un obstáculo máis.

O xenuíno instrumento de emancipación social e nacional do que se dotara o pobo galego alá por 1982 está chamado a reinventarse ou a esmorecer logo do acontecido nunha 13ª Asemblea que significaría o epicentro dun terremoto político e un fito histórico: a Gran Clarificación e o recoñecemento das diferentes sensibilidades ideolóxicas do galeguismo e o nacionalismo reflectidas na oferta electoral, nun exercicio de normalidade pluralista, a imaxe e semellanza doutras realidades nacionais do estado español.

Fálase abertamente da posibilidade de superar o modelo frontista que dera bos froitos nos 90´s baixo o liderado transversal e aglutinador do gran referente histórico que foi (e segue sendo) Xosé Manuel Beiras, pero que se atopou no albor do novo século coa insalvable contradición que supón gobernar no día a día para todos. Esas contradicións abrollaron en Amio dividindo ao BNG en dúas metades irreconciliables. Hai moitas e vareadas lecturas para o que está acontecendo mais é probable que o nacionalismo non estea enleado noutra batalla mais, concibida unicamente en parámetros de loita pola hexemonía no seo da organización maioritaria e referencial, senón que experimenta algo que, tarde ou cedo, e coincidindo cos seus 30 anos de existencia, afectará a outras organizacións: unha revolución horizontal con compoñente xeracional que, neste caso, procura un nacionalismo vigoroso, aberto e integrador e, por riba de todo, útil e realista. Cando un novo paradigma emerxe, outro tarda en caer, e esa transición chámaselle crise.

Hai unha xeración de galegos que aínda estando vinculados no emocional coa loita anti-franquista xa non o están polo feito biolóxico, nin tampouco coa construción dun bloque histórico de liberación nacional concibido en clave terceiromundista e afeito, no último decenio, a convivir non só nun equilibrio de suma cero resistente senón experimentando un proceso de descomposición interna. Se non lles deixan construír dentro as súas arelas, farano á marxe e trocarán a histórica (e hoxe sufrida) alianza entre “upegallos, pexegos e peixes” por unha nova relación. Son os que xa non conciben a política dos pasquíns e as multicopistas, a pegada de carteis ou as reunións clandestinas. Os que estudan Erasmus e se criaron vendo o Xabarín, viaxan en low cost ou establecen un dialogo permanente a través das redes sociais. Os que albiscan na distancia o exemplo do Che pero senten próxima a loita de Camila Vallejo en Chile e a doutros indignados aquí ou acolá. Os que xa non respectan a man de ferro de calquera nomenklatura nin apparatchik, nin tampouco padecen a Síndrome de Estocolmo política que para outros representa rachar cos que publicamente denuncias de manterte secuestrado. É a Galiza ceibe das ataduras de Maio do 68 pois viviron o seu Maio en 2011 e queren facer o seu propio camiño porque o camiño está feito para andar.

A maioría deles fai súas as verbas d´O Beiras (quen seguramente teña a chave mestra da resolución da encrucillada), consolidado no papel do druída moderno que fala para todos á marxe de sensibilidades: “lealdade ao pobo galego e ao cidadán do común por riba da lealdade a calquera aparato”. Mais o paradigma da Unión do Povo Galego non caerá doadamente, xa que foi a organización nuclear e fundamental do nacionalismo moderno. A mais comprometida, activista e perseverante. A produtora incansable de cadros e dunha cosmovisión revestida de formación ideolóxica, mais ben simple, pero de claro espírito rebelde e combatente. O seu rol, coma o doutras ramas do nacionalismo, está en mans dos seus militantes mais, sobre todo, nas duns cidadáns galegos que xa non agardan mais e que nas urnas veñen marcando un vieiro definido e claramente minguante.

Pode que a Gran Clarificación, de producirse, supoña unha nova fronteira do galeguismo e unha competición de efecto multiplicador que fomentaría a unidade dende a complementariedade, a colaboración táctica e estratéxica, pero dende a asunción definitiva dunhas diferenzas que fan perder o 90% dos folgos en cuitas internas como, por outra banda, vén de ensaiarse a nivel estudantil (universitario). A recuperación da credibilidade e o pulo social.

2. O PSOE, derrota do zapaterismo e trunfo da vella garda:

A situación do PSOE é diferente pero o que aconteza co futuro do BNG repercutirá inevitablemente aquí porque os vasos comunicantes (xa máis sociais ca electorais) entre ámbolos dous están contrastados e afectan ao progresismo e o galeguismo no seu conxunto. Aínda así, o socialismo hispano ten 133 anos de historia e, a priori, non corre risco de escisión porque, no fondo, non hai diverxencias ideolóxicas insalvables. Pero si houbo no último Congreso dúas concepcións enfrontadas: entre o socialismo chamado renovador, clásico e felipista, que trunfara e fora protagonista da construción da España saída do réxime franquista e unha concepción pos-moderna representada no que supuxo o zapaterismo, coas súas luces (ampliación de dereitos civís, políticas de contido social, aceptación da España Plural ou a pacificación de Euskadi) e as súas sombras (a última lexislatura e o fracaso no eido económico). Trunfaron os primeiros e, polo tanto, trunfou a volta ás esencias nominalmente mais obreiristas e unitarias, xacobinas. Iso pode levar por diante as expectativas de reforma federalizante mais tamén pode acompañar un intento de reconstrución e rearme ideolóxico na liña dunha maior pureza socialdemócrata, nunha conxuntura onde o papel da socialdemocracia europea do século XXI está sendo cuestionado: coa propia democracia e o papel de harmonizador social do estado en grave crise.

Se as tensións internas se van sublimando en aras da unidade (os chaconistas, ante a nula integración, anuncian oposición interna) puidera supoñer o rearme a medio prazo dun proxecto onde Rubalcaba tería pouca acollida coma futuro presidenciable, e onde as miradas puideran poñerse en figuras emerxentes coma o vasco Eduardo Madina, o navarro Juan Moscoso ou a propia Carme Chacón. Sen descontar o predilecto do propio Rubalcaba: Patxi López, ou alguén de perfil mais descoñecido/a, ao estilo Zapatero.

Tamén corre o risco de que as tensións internas se prorroguen sine die e non logre recuperar o apoio maioritario dos cidadáns por unha longa temporada. Isto abriría as portas a diferentes escenarios. Aínda así semella que perdeu a oportunidade de re-conectar no curto prazo coa base social natural representada no Movemento 15-M e que busca novos símbolos e referentes, esixe unha redistribución equitativa e real dos recursos e das cargas, unha separación efectiva entre a Igrexa Católica e o Estado e o empoderamento dunha cidadanía que desconfía das externalidades producidas por un bipartidismo hipertrofiado. O PSOE celebrou 13 Congresos ata a Guerra Civil, 13 dende aquela ata o de refundación de Suresness e o de Sevilla foi o 12º dende Suresness. Pode que supuxera un paso atrás para, no seguinte, retomar outravolta posicións cara unha nova hexemonía social. Sempre que a revolución neocon, ou a súa vertente neofascista, non bote raíces.

Praza Pública

jueves, 6 de enero de 2011

Sempre as dúas almas


A finais de ano publicáronse dous artigos contrapostos sobre o resultado das eleccións en Catalunya nas liñas de Xornal de Galicia. Ámbolos dous asinados por pesos pesados do socialismo galego: PSC e PSdeG, a mans dun destacado membro do anterior goberno de progreso, Méndez Romeu, e unha extensa e atinada análise feita por Xoaquín F. Leiceaga baixo o título Cataluña e nós. Compartían interese comparativo mais discrepaban notablemente no fondo e na mensaxe, tanto para consumo interno-partidario como cara fóra. O segundo semellaba unha contundente e nada casual resposta ao primeiro. Por esas datas tamén publicou Emilio P. Touriño en El País De elecciones y coaliciones, o cal contiña máis similitudes co espírito do que Leiceaga defendía que co que pode desprenderse do redactado polo ex-conselleiro de Presidencia do seu propio goberno. Todo isto foi interpretado nun maxistral artigo de opinión de Anxo Guerreiro que saíu a posteriori no xornal do Grupo Prisa, e que recomendo.

A vontade de Méndez Romeu, cun certo prexuízo ideolóxico e algunhas valoracións e interpretacións do acaecido cuestionables, consistiu en transmitir á opinión pública o esgotamento das coalicións por resultar estas, supostamente e sempre segundo a súa teoría, prexudiciais para os intereses electorais do PSOE como se “mostrou” nos resultados en Galicia e Catalunya. A intencionalidade é clara e diáfana, e non atende á multiplicidade de causas que arroxaron os resultados nun e noutro lugar. Representa a opinión de alguén que, lexitimamente, aspira a que o PSdeG sexa quen de gobernar en solitario sendo un acontecemento que, dadas as actuais circunstancias sociopolíticas, se revelaría como unha improbable e lonxana hipótese na maioría dos concellos e a nivel autonómico.

Leiceaga e Touriño sostiveron dun xeito consistente e mellor argumentado a tese contraria: a aposta polo entendemento e a defensa da cultura do pacto como única alternativa plausible aos gobernos do PPdeG. Intentar o xiro estratéxico proposto por Méndez Romeu condenaría aos cidadáns galegos que non son nin se senten reflectidos nas políticas de dereitas a sucesivos gobernos populares alomenos por un bo espazo de tempo, e enviaría unha perigosa sinal de confusión a todos aqueles que veñen traballando na liña de artellar canles de colaboración dentro do tecido social e político da esquerda galega. Puidera dicirse que aquelo que naceu con Nunca Mais ou antes, e logo se trasladou a outros ámbitos das reivindicacións e da articulación de propostas, atópase ameazado por mor de intereses curtoplacistas dende algúns sectores dirixentes do PSdeG (e do BNG) que prefiren desmarcarse do que tanto tardou en tecerse e tan bo resultado deu (salvando os erros propios da acción de goberno, evitables, e dos cales deberan aprender), pero que resiste e atopa substancialmente maior acomodo e comprensión na base que nas alturas.

Todo isto ven a conto de algo que non sempre se recorda, e incluso algúns teiman en “superar”, e outros intentan “explotar”: o PSOE é un partido organicamente federal, e nominalmente federalista, e nas nacionalidades históricas convive coas contradicións inherentes ao feito de inserirse nas realidades nacionais (pre)existentes, presentando tensións internas entre lealdades identitarias que outros fomentan como incompatibles pero que tamén, todo hai que dicilo, mobilizan ao electorado en menor medida, por regla xeral, que o cleavage esquerda-dereita. As recorrentes “dúas almas”. Moi especialmente no caso da historia da construción do socialismo catalán. Dito isto, non é de estrañar tampouco (para outros si) o caso da incorporación do socialista Ferran Mascarell ao Govern “transversal” de Artur Mas. Un goberno maioritario concibido dende a óptica da concentración para combatela crise e afrontar o que se deu en chamar a “transición nacional” cara a independencia (económica). Goberno que integra dende un organizador das consultas soberanistas a unha avogada do Estado que as impugnaba, pasando por case toda a gama de sensibilidades da pluralidade enriquecedora e dinámica da sociedade catalana. Por outra banda reaparecen voces no seo do PSC (Pia Bosch, Montserrat Tura, Antoni Castells, Ernest Maragall, et ál) que reclaman autonomía efectiva respecto do PSOE, acompañado dunha volta ao catalanismo convencido, mesmo coa posibilidade aberta de acadar grupo propio en Madrid. As dúas almas...


Para acompañar, todo un descubremento: Anari-Harriak

sábado, 24 de julio de 2010

Minifundismo patriótico



Vaia por diante que o abuso do termo “patria” prodúceme urticaria, pois no nome delas téñense inflinxido as maiores atrocidades. Trato de empregalo do xeito máis aséptico posible.

Para ser unha nación e non tres, nin trescentas mil, no Día Nacional de Galicia debera procurarse unha celebración unitaria e considerar a data como algo máis importante do que os partidos políticos do país o farán desta volta, como nas anteriores. Ainda que todo ten explicación (non hai celebración institucional). Ninguén bota en falta algo semellante á Diada, onde os representantes do pobo catalán camiñan xuntos honrando a efeméride do 11 de Setembro e unha masa social considerable se bota á rúa sen distinción de ideoloxía? Aquí é outra historia.

Por unha banda atopamos ao gobernante PPdeG, que celebra o seu Día da Comunidade así: desinstaurada a tradición “fragasáurica”, consistente en mostrar músculo no Monte do Gozo, atopan un novo monte en Poio onde representar “a la gallega” as enchedolas peneuvistas das campas de Zoronda. Puro movemento social en auxe: empanada, viño, misa (que non falte) e queimada. Bandullos cheos e beizos morados para escoitar o mitin de sempre, pero algo máis cargado de bombo, por onde escapan chiscadelas nacionalistas “light” e “por lo bajini”. Que non resoe demáis en Madrid. Arrouto sectario vernizado de liberdade acompañado de ridículo negacionismo deconstructivista para logo redimilos pecados, e a mala conciencia, e facer un esconxuro colectivo que espante aos traizoados espíritos dos galeguistas históricos que dirán levar no corazón. De seguro que a máis dun arrecastado dirixente popular o persiguen nos sonos da noite logo de consumar a navallada lingüicida e afeccionarse ás trapalladas conceptuais infantiloides de xeito compulsivo, do tipo: “bilingüismo armónico” e “galeguismo global” (coma si a xenuina tradición galeguista non fose de inspiración universalista). O estrano é que non se axunten en Desván de los Monjes ou en La Bolla.

Pola banda da esquerda temos un escenario non menos pintoresco: a alma “piñeirista” do PSdeG soubo enraizar, alomenos aquí e para esta data, un certo respecto polos símbolos e valores galeguistas e os cadros dirixentes socialistas cumprir cunha sorte de incómodo trámite (sen mobilizar o máis mínimo ás bases nin escenificalo convencidamente) achegándose á vila mariñeira de Rianxo para facer unha ofrenda floral a Castelao, botar un par de fotografías e unha breve declaración na liña de reclamar maior autogoberno e respecto pola lingua. Sen complicacións, e sen demasiado compromiso.

Pero é o gran día do movemento nacionalista galego, e aquí hai variedade: dende os moi marxinais e violentos (sen ningunha incidencia real no seo do nacionalismo) que aproveitan a data para contaminalo e confundilo todo na procura dun minuto de gloria nas edicións dixitais dos xornais de tirada estatal daquela tarde (e regalando bazas aos inimigos da terra) ata a xa tradicional celebración do Día da Patria por parte da organización frentista do BNG. Polo medio un cento de grupúsculos que o celebran ao marxe por levar a contraria.

Manifestación e mitin central na Quintana, día lúdico, musicado e festivo repleto de arengas reivindicativas e de exaltación patriótica dirixida a uns “patriotas” que menguan en número a cada ano que pasa. Aquela patria imaxinaria que ten un maior número de cidadáns que se declaran nacionalistas fóra da fronte de liberación que dentro dela...Grave e manifesto distanzamento entre a cosmovisión e pureza ideolóxica duns cantos “coroneis” con respecto á maioría social. Seguen sen contemporizar. Puro despropósito, pero moi respectable (coma nos outros casos).

Aínda así creo que hai motivos suficientes para dignificar e celebrar a data: Galicia precisaría, máis que nunca, comunión entre a maioría dos seus cidadáns, as organizacións políticas e as institucións. Nun contexto coma o actual, onde nos arriscamos a perder, ou retrasar sine die, o status de nacionalidade á altura doutras do estado debería o día gozar dunha forza e relevancia maior, e repercutir, para demostrar que Galicia (coma Teruel) existe. Menos minifundismo e máis patria no día da Patria. Pero hai quen traballa tan só para a divina e única posible. E en Galicia, mal que nos pese, semella que continúan sendo maioría.

viernes, 15 de enero de 2010

A trampa do consenso


Seguramente sexa unha obscenidade non atender como correspondería hoxe ó acontecido en Haití pero para recordarnos que é moito mais terrible, e un mal aínda superior, a nosa propia traxedia espiritual e moral que a apocalipse caribeña xa contamos coas brilantes declaracións do Bispo de San Sebastián, José Ignacio Munilla (ninguén pide a súa excomunión?). Eso é o que se chama un estreo triunfal. Canto se está esforzando ultimamente esta secta en espantar ós seus potenciais seguidores e en indignar ós que non o son!

Mentras o inferno se manifesta con furia e saña naquela illa lonxana, pero próxima no afectivo, en Galicia seguimos disputando a batalla da lingua porque alguén decidiu que era o camiño correcto, ademáis de entretido. Este é un paradoxo mais da globalización: hai lugares do planeta onde comer algo convértese nunha odisea constante e, por riba, de cando en vez padecen o azoute incontrolable e extremo das forzas da natureza. Aquí, o mais grave dos problemas que sufriamos (ata que se restaurou o Unipartito, este libertario) era un sometemento, sen parangón, á “imposición” da lingua propia. Demasiado abusivo un 50% de clases en galego. E un 50% de castelán non o era?. Saben que a lingua non é só un simple instrumento de comunicación...

Di o emérito da Birbeck College de Londres, Bernard Crick, no su libriño Doce teses sobre a Política que esta actividade é por natureza polémica e conciliadora ó mesmo tempo. Tamén que ningún goberno é tan malo como para non producir unha mínima integración da comunidade política nin tan bo como para non lesionar os intereses de ningunha persoa ou grupo. Fala tamén de que, fora dos desexables e elementais acordos sobre o fundamental, faise imprescindible deixar espazos para a discrepanza e a disidencia lexítimas, pois senón caeriamos na antipolítica que abre as portas ó totalitarismo.

Pois ben, o goberno de Feijóo (quizáis polo seu atrevemento xeracional, aínda que repleto de complexos seculares) chega ó punto de ser tan mal goberno que non é capaz de integrar o mais mínimo, co proxecto presentado do novo Decreto, nunha materia que ata o dagora estaba reservada como parte importante deses acordos sobre o fundamental. Unha das razóns que dan sentido á autonomía. Pero ademáis ten a estrana virtude de lesionar os intereses de todos. Ata os dos fomentadores do odio. Aqueles persoaxes de prensa e radio madrileños que, como dicía Suso de Toro en Outra idea de España: “son singularísimos, e mesmo estrafalarios e atribiliarios”. Feijóo é refén destes e elexiu seguir a estratexia da confrontación política, na procura da polarización, no canto doutra de moderación e converxencia. Agora busca unha aproximación ao PSdeG. Caerá este na trampa dun consenso que non sería tal? É tan só unha manobra mais por parte daquel que enlodou a campaña ata límites insospeitados e foi quen de defraudar xa a boa parte dos seus propios votantes. Tamén a compañeiros de partido.

jueves, 23 de julio de 2009

Estatuto?

O mércores puidemos ver como o PSdeG, por boca do seu Secretario Xeral, tratou de reintroducir na prioridade da axenda e do debate político a necesidade de reformar o Estatuto de Autonomía para adaptalo ós novos tempos. Esta declaración de intencións faise coincidir coa tradicional celebración do Día Nacional de Galicia a rebufo da controvertida e opaca negociación do novo sistema de financiación autonómica, xunto coa plena actualidade destes asuntos ó respecto dos acordos en materia de infraestructura ferroviaria.

Ata o momento producíronse dúas reaccións a este chamamento, por parte de PPdeG e BNG. Ámbalas dúas eran previsibles debido á coxuntura interna dos partidos, e debuxan a posición que tomarán sobor deste tema nun principio, co inicio do curso político e da actividade parlamentaria, o que fará demasiado improbable un acordo no curto prazo. Falta altura de miras.

Por parte do goberno de Feijóo trasládase o que ven sendo unha constante dende que chegou ó poder: omisión e inhibición absoluta. Nin unha soa palabra. Probablemente porque non cren na necesidade de que Galicia se dote dunha ferramenta actualizada nin puxe por aumentar a súa cota de autogoberno no contexto da reordenación global do sistema autonómico iniciado coa reforma do Estatut catalán, e porque a súa vocación autonomista é máis ben escasa, aínda que se alardee de galeguismo antigalego e harmónico. Na maioría da dereita española existe un crecente convencimento de que o Estado foi demasiado lonxe no proceso descentralizador e se fai apremiante unha volta atrás, deixando ás autonomías o mero papel de xestores administrativos. Para eles, o pecado orixinal reside na etapa da Transición, e conságrase coa aprobación da Constitución, dende o momento en que a descentralización se plantexa en parámetros políticos. Entrarán no debate cando vexan a posibilidade de presentarse como aqueles que capitanean, posibilitan e garanten o acordo.

Dende o BNG vazquista apóstase decididamente por deixar de lado a imaxe de opción construtiva e recupérase o discurso do non e a desconfianza vitimista. Para eles, o Estatutiño xa está pactado entre os centralistas-españolistas. Estes rebaixarán a condición de nacionalidade e o peso específico de Galiza, nun salto adiante da ofensiva homoxeneizadora e imperialista. Segundo Guillerme Vázquez Galicia non debera corresponsabilizarse co Estado, así como tampouco cre que o AVE chegue ata 2050.

Dá a impresión de que, aínda que sería moi desexable acordar pronto, e entre todos, un texto á altura do resultante da sentenza constitucional no caso catalán faise prematuro traballar aquí con estes mimbres, e este panorama. Ata que escampe.

lunes, 20 de julio de 2009

Galicia de todos. Galicia para todos. (manifesto RG)


O galeguismo representa o compromiso co proxecto colectivo, de integración e solidariedade, de xustiza e fraternidade, que é unha Galicia de todos e para todos. Dende os seu primeiro camiñar, o deber democrático cunha Galicia cidadán, igual en dereitos e inalienable en liberdades, constituíu o cerne do seu discurso e acción cívicas. O cosmopolitismo e a universalidade son o principal produto do seu legado, da súa vontade inquebrantable por abrir as portas de Galicia ao mundo, manifestada na construción do ser a partir do estar, e do ter a partir do compartir.

Combater o intento de deturpar a mensaxe do galeguismo a través da apropiación ideolóxica e partidista dunha herdanza que é de todos e dunha condición que a toda a cidadanía de Galicia lle pertence, supón o meirande reto do ideario galeguista desde a súa construción primixenia no séc. XIX. As bandeiras ideolóxicas e os personalismos desmedidos que, en base a lexitimidades autoatribuídas, pretenden dar carpetazo á herdanza de compromiso con Galicia a través do diálogo e o consenso, precisan encontrar fronte a súa mesquindade o peso dos feitos e as verdades. Por enriba de discursos ocos e palabras baleiras, son a autoridade moral e a responsabilidade ética demostrada co feito e co vivido, os únicos que, nestes momentos de dificultade, poden poñer en valor a indiscutible vixencia e incalculable valor do patrimonio galeguista.

Os progresistas galegos somos parte inseparable dese ideario. Xaime Quintanilla, Ramón Piñeiro, Celso Emilio Ferreiro ou Carlos Casares, amais de tantas outras compañeiras e compañeiros, teñen defendido, cos brazos abertos e o corazón limpo, a necesidade dunha Galicia aberta a quen a queira vivir e compartir. Un País libre de freos insidiosos e barreiras infranqueables. A lección que a todos nos deron, e que aínda lembramos co honor e o respecto debido de quen nos consideramos fillos seus (de ideario e sentimento), debe seguir conservando a súa vitalidade. Non podemos permanecer impasibles ante os intentos de facer do galeguismo e da defensa de Galicia unha arma arreboladiza e unha etiqueta negativa que divida e confronte á sociedade. O galeguismo fixo bandeira da reconciliación e a concordia, e é agora o momento de recordar a lealdade democrática da súa contribución e o seu labor.

Este contexto de dificultade é o momento, ademais, de renovar os azos no impulso xeracional da mensaxe galeguista. Aqueles que, con valor e sacrificio, enarboraron esa mensaxe no difícil proceso autonómico e democrático, teñen nas súas mans o testemuño dun legado que as xeracións máis novas están preparadas para recoller e portar cara ao futuro. Un transvase xeracional que debe afrontarse, en coherencia coa lección aprendida, coa máxima humildade e espírito de colaboración, e coa consciencia de que aínda queda moito por aprender e moito por facer no obxectivo de dotarlle ao facho galeguista dun novo lustre nun novo tempo.

As bases de Galicia están precisadas dun importante e decidido anovamento, os tempos chegados así nolo esixen. O galeguismo non pode consentir nin ser relegado nin autolimitarse no cumprimento do seu deber: o de aportar ideas, iniciativas e propostas fundamentais para continuarmos a construír un país democrático, social e libre. A contribución do galeguismo progresista desenvolveu un papel fundamental na construción do actual marco institucional de convivencia, e así debe seguir sendo tanto actualmente como no futuro. A unión do galeguismo progresista é fundamental, unha vez máis, para o cumprimento dunha responsabilidade e un deber tan inminente como inaprazable.

A Rede de Galeguistas do PSdeG-PSOE constitúese hoxe, polo tanto, para render sentido tributo ao traballo desenvolvido, e para poñerse en pé fronte o actual proceso de intolerable desprezo e ruptura de facto co consenso social conseguido; que a maledicencia de bloques ideolóxicos e personalismos desmedidos buscan dinamitar a toda costa só en aras dun inadmisible beneficio político.

O galeguismo progresista asume o deber de rexeitar as etiquetas exclusivistas e o desleixo do patrimonio de todas e todos os galegos. Ademais, unímonos no cumprimento da leal responsabilidade que supón o construír e contribuír con novas ideas e propostas aos tempos de dificultade que Galicia afronta. Un País cun futuro mellor, de todos e para todos, sen límites nin exclusións. Estes son os nosos obxectivos, e á súa consecución nos entregamos.

Galicia somos todos e a todos nos pertence. O galeguismo progresista empeza hoxe a expandir esta mensaxe e a traballar porque endexamais deixe de ser unha realidade.

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2009.

viernes, 22 de mayo de 2009

Feijóo na encrucillada


Cando as augas volven ó seu cauce no seo das forzas da oposición parlamentaria, e aínda que a necesaria viaxe catártica para reconstruír unha alternativa crible non se producise, parece emerxer novamente, entre elas, certo consenso básico nalgunhas cuestións. As mensaxes que saen de boca dos portavoces do PSdeG e do BNG ó respecto do asunto lingüístico teñen un común denominador: denunciar a abxecta campaña de boicot ó idioma galego que se ven defendendo recentemente dende sectores minoritarios, capitaneada por un Feijóo preso das promesas electorais e da connivencia coa deplorable e irracional plataforma Galicia Bilingüe.

Intúese que a oposición “dos Vázquez” vai ser dura e de desgaste toda a lexislatura, moi belixerante cando se trate de defender o ameazado, e consensuado no seu día, modelo recollido no Plano de Normalización Lingüistica. Ámbalas formacións encontraron cedo un punto de unión que as obligará a ser inflexibles coas absurdas tentacións involucionistas, segregadoras e diglósicas que o Presidente puidera ter. O común dos mortais teremos a oportunidade de comprobar as habilidades de Feijóo a medida que a polémica vaia decaendo ou non, e a medida que as palabras muden en feitos.

Ó meu parecer atópase nunha encrucillada maiúscula: facerse eco das mentiras construídas dende eses espazos socias minoritarios e acometer reformas encamiñadas a devaluar a nosa principal seña de identidade como pobo, ou manter unha actitude cautelosa, de entendemento e de respeto, cunha das razóns de ser da nosa autonomía política (aquela que lle deu a posibilidade de ser quen é) a risco de “traizoar” ós ruidosos axitadores que tantas esperanzas depositaran nel para facer de Galicia un país no que o idioma de seu pase a ser considerado algo arcaico e residual, propio “dunha terra aillada, que mantivo a fala por mor do analfabetismo do campesiñado”, como defende un dos impulsores de Galicia Bilingüe. Neste dilema se atopa Alberto Nuñez Feijóo. Faga o que faga será criticado salvaxemente. O que ten que decidir é se quere estar á altura do seu cargo, ou ir da man daqueles que mesmo nin cren na figura dun Presidente da Xunta de Galicia.

jueves, 30 de abril de 2009

25-A, sempre!

Tódolos anos lembramos e honramos esta data. É un recordo que, automáticamente, reproduce unha melodía e unha letra universais. Acompaña pois, unha dose alta de romanticismo cando rememoramos o acontecido no veciño Portugal o 25 de Abril de 1974. Admiramos a influenza que, a modo de serena e colectiva lección de civismo na procura da Liberdade, tivo nun tardofranquismo que, por aquel entón, daba significativas mostras de ansiado e temido esgotamento. A frialdade da maquinaria represora coleteaba impulsiva pero firme, con amarga e sanguinaria crudeza, namentras o país irmán conquería a Democracia pacificamente. O povo é quem mais ordena.

Cousas da vida. Para o recente 25 o socialismo galego convocaba un Congreso Extraordinario na cidade de Pontevedra logo da derrota nas urnas, e por alí paseáronse contados claveis de dignidade que parecían invocar un imposible. Ninguén os axitaba, pois era como si a inercia da previsibilidade e da inanición política profanara o espíritu de tan memorable día. A interpretación do que a cidadanía lle dixo ó PSdeG en Marzo foi, xeralizando, e salvo a ousadía duns cantos, restrictiva, fuxitiva da realidade e, o tempo dirá, probablemente equivocada. O debate foi escaso e polo tanto, representou unha fuxida hacia adiante comprensible nun sistema deficiente coma o noso, pero pouco entendible si pretendemos elevala calidade e pulcritude democrática para acadar por fin, unha Democracia avanzada.

Cando a ditadura do voto te baixa do poder tan cedo a peor das reaccións posibles é ter pánico a reinventarse, culpabilizar do sucedido a factores alleos, ou desalentala autocrítica constructiva, pois asumes como propio o discurso monopolista e vengativo que, moitas veces, se lle imputa ó conservadurismo. Non basta cun simple cambio de dúas ou tres caras. Tampouco con cativos propósitos de enmenda. Cómpre un reaxuste de ideas e un debate participativo e aberto, ou do contrario, retardas o que inevitablemente terá que chegar. Aínda que chegará con máis forza, e pode que desborde a ineficacia daqueles temerosos que se negaron, un 25-A, a comenzalo camiño que fixe as bases dunha alternativa fiable, e de progreso, para este país.

viernes, 20 de marzo de 2009

Pachi non é Patxi


Hai responsables políticos que parecen non querer entendelas mensaxes da cidadanía activa e, ás veces, dámonos conta de que vivimos nunha Democracia a medio construír, que se atopa na preadolescencia constante, con políticos acomodaticios e instalados nunha sorte de burbulla autista. Falta cultura crítica e sobra apego polo poder. Un pensa que o republicanismo é algo que vai máis aló do mero simbolismo: carecemos pois, de suficientes activos que alcen a voz e se rebelen, e sobra sumisión, cálculo e acatamento irreflexivo. A pouca xente que puidera asomalo fuciño logo é apartada ou dada por non-ouvida pois supón un perigo desleal para as forzas do stablishment.

En política os tempos son moi importantes, e os pasos a seguir soen estar marcados pola inercia exercida dende quen dispón da potestas que, como ben souberon discernir os romanos, non leva necesariamente apararellada a auctoritas. Unha cousa é a sabia prudencia, e outra o apodrecemento, a desilusión de antemán e a xordeira xeneralizada. Os medios de comunicación, en ocasións, fan o xogo a estes intereses opacos, e resulta incuestionable a súa influencia no colectivo.

Dende o día seguinte ás eleccións galegas, aquel no que Touriño deu boa mostra de honradez política dimitindo de maneira irrevocable, parece que o PSdeG ten xa un candidato oficioso e prefixado ás vindeiras eleccións, que sairá do Congreso do 25-A. Dise que na Revolución dos Cravos ninguén recibiu un disparo. Non é cuestión de nomes, ou só de caras novas. A experiencia é un grado, e ninguén cabal o nega. Por eso mesmo, a experiencia democrática nos mostra que a maquillaxe, a renovación ficticia, o anquilosamento de ideas, o aillamento e o non ser permeables socialmente é preludio de fracaso electoral inefable.

O liderado dun partido político que aspira a recuperalo poder para cambiala sociedade, e incluso ser maioritario, non pode construírse artificialmente. Ten que emerxer dun debate aberto e sosegado de fondo, e da confrontación de proxectos e visións para o futuro. Semella que, así como se impón a razón de Estado, na nosa partitocracia é tan recorrente a razón de Partido. Temos moito que aprender das vellas Democracias occidentais. Brown non é Blair, Kerry non é Obama, Almunia non é Zapatero. E Pachi non é Patxi.

martes, 3 de marzo de 2009

NOVO SOCIALISMO GALEGO


Será improbable que a experiencia bipartita se repita en anos logo do batacazo electoral recibido polos partidos que o integraban. O pobo galego falou alto e claro, e fixo caer un mito que considerabamos inamovible dende o comezo da autonomía, e que tamén se asumía como regra xeral: a mobilización non favorece necesariamente á esquerda. Houbo maior participación que nunca e polo tanto, a victoria popular é incontestable. Os galegos quixeron, novamente, un cambio de rumbo e os derrotados non deberan facer análises equivocadas. Demostrouse, como algúns alertaban, que a campaña estivo mal plantexada e peor desenvolvida dende as forzas de goberno, e foi sucia (pero intelixente) a do PPdeG.

As mensaxes repetidas, en forma de mentiras e medias verdades, calaron fondo nunha opinión pública receptiva e sensibilizada co momento económico. Así emerxe o cambio profundo nas sociedades, e a “revolución conservadora”. Paseniño, pero con todo de cara para asentarse no medio prazo.

O socialismo galego queda tocado porque defraudou, pero ten a capacidade para reinventarse se traballa arreo, e posibilidades de recuperala Xunta nun horizonte próximo. Só ten que ser honesto e fiel ós seus ideais, avaliar as deficiencias e disfuncións, e correxilo rumbo actual. Debera mostrarse cercano, comunicarse máis e mellor reverdecendo as súas bases, formalas, trasladala mensaxe incidindo no que é forte, e penso que ser moito máis autónomo respecto do PSOE. Ten que anticiparse ás demandas sociais e ver que o panorama se está reposicionando se non quere levar outro revés nas eleccións municipais, especialmente en áreas urbanas. Recuperar efectivamente o galeguismo como seña de identidade propia, facelo visible, e redobrar o compromiso co país para entendelo mellor en toda a súa extensión e pluralidade é unha tarefa crucial para a súa supervivencia, e unha oportunidade para medrar en apoios.

Se a esto se lle suma ser o referente da esquerda sociolóxica, dos traballadores, e de amplas capas de poboación en situación desfavorable, o mesmo estado da economía global pode ser a táboa na que apoiarse para volver. O BNG da viaxe ó centro podería estar tentado de camiñar ás orixes, e aí abriríase unha porta para que o socialismo galego consolidase un novo caladoiro.

jueves, 19 de febrero de 2009

Próxima estación, bipartito.


Nunha semana estaremos preto da xornada de reflexión. É probable que o que resta desta enrarecida campaña nos depare algunha sorpresa, e a intensidade da mesma vaia in crecendo a medida que o día 1 se aproxime. Do contrario, a desmobilización parece garantida e coido que, no fondo, non lle interesa a ninguén: non lle interesa á coalición gobernante por motivos obvios, pero tampouco debera satisfacer, nin interesar, a quen aspira a sucedela porque o escenario depararía a constatación do pouco entusiasmo que se palpa entre a cidadanía. Para o PP suporía unha gris volta á Xunta de Galicia e un lastre para os próximos catro anos por canto que, significaría gobernar cunha lixeira falla de lexitimidade, traducida en pouca autoridade para exercelo poder. Pero a quen menos lle interesa realmente é á cidadanía galega en xeral, posto que non só está en xogo quen será o vindeiro Presidente da Xunta. Tamén o está desterrar para sempre (ou non) o estigma dunha sociedade abstencionista, atrasada, sumisa, coa Democracia a medio construír e que non quere protagonizar activamente as decisións nos asuntos que a todos nos afectan.

Gañe quen gañe cómpre unha reflexión, e ese acto de valentía política correspode facelo, sobre todo, ós partidos. Algo falla no seo dunhas organizacións que se perciben afastadas e pechadas, nas que se prevé (a día de hoxe) que non acadarán seducir a amplas capas da poboación. Fai tres anos e medio a esperanza do cambio chegou tarde, mal e a rastro (recordemos o voto emigrante) despois de dezaseis de fraguismo, e a experiencia serviu para atestiguar dous extremos: os do BNG nin eran revolucionarios, nin tiñan cornos e rabo. O outro tivo que ver con certo desencanto entre a esquerda ó comprobar que a esperanza, practicamente, se quedou neso mesmo.

O ruido mediático madrileño está condicionando moitísmo as estratexias dos partidos aquí. Pode que un dos puntos principais sobre os que haxa que reflexionar sexa a relación que vaian a ter, en adiante, os partidos consigo mesmos a nivel estatal. Esta disxuntiva (non outras) está resolta no BNG. Non así no PSdeG, e moito menos no PP. Os dous últimos necesitan, coma auga de maio, ser máis autónomos para galeguizalo debate e transformala cultura política galega. Se todo transcorre dentro da lóxica, e da actual dinámica política, o electorado renovará a confianza no bipartito para que a próxima estación sexa o cambio real e non só a esperanza.