Mostrando entradas con la etiqueta dereitos humanos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta dereitos humanos. Mostrar todas las entradas

sábado, 12 de febrero de 2011

11-02-2011





O pobo exipcio conseguiu escribir unha páxina dourada na historia universal, e gañou o seu futuro. Pase o que pase naquel país e na súa contorna a partir do día de hoxe merece celebrar, como noutrora outros pobos do mundo o fixeron, a súa liberación e o derrocamento da tiranía. Quedan moitas outras por caer, teñan por fora a cor que teñan.

lunes, 10 de enero de 2011

Boas novas dende Euskadi









Un paso mais no camiño da fin da conculcación dos Dereitos Humanos e na posibilidade de que chegue a Euskadi a normalización política, a reconciliación social e a liberdade. Unha declaración que reforza a tregua vixente, declarada hai uns meses, pero que non é suficiente para decretar o final do conflito armado. ETA sabe que o seu tempo como actor relevante rematou hai moito e a súa pervivencia só sirve para pervertir o debate político e deslexitimar unha opción ideolóxica no seo da sociedade vasca.

Valoración de Lokarri
Noticia na BBC
Noticia en Guardian
Noticia en Gara
Noticia en Deia
Noticia en Publico
Análise de Luis Aizpeolea, en El Pais

domingo, 28 de febrero de 2010

Os "hurricanes" cubanos



Na semana do furacán galego deume por aliar conceptos sen orde, coma se os feros ventos resoasen aínda no interior da cabeza e deixaran os meus miolos tremendo. Algo descolocados. Hurricane é o título dunha das pezas de referencia de Bob Dylan, unha das cancións-protesta máis influentes da historia da música e un himno do Movemento polos Dereitos Civís nos EUA. Fala do racismo e da irreparable equivocación que supuxo o encerro no cárcere do boxeador afroamericano Rubin “Hurricane” Carter ao ser acusado sen probas de cometer tres homicidios no New Jersey de Xuño de 1966, desencadeando unha onda de protestas e de respaldo popular moi considerable. Xunto con figuras do talle de Luther King, Malcolm X, Rosa Parks e outros converteuse nun símbolo da loita inacabada pola igualdade racial entre os seres humanos, e pola igualdade.

A poucos quilómetros das costas estadounidenses e tan só uns cantos anos atrás, nunha rica illa do Mar Caribe sempre ben preparada para os azoutes das tormentas perfectas e as cicloxéneses explosivas tropicais, a épica triunfara da man doutro movemento revolucionario (este insurxente e violento) que foi quen, contra todo pronóstico, de desaloxar do poder ao ditador bananeiro Fulgencio Batista e de insuflar unha chea de esperanzas emancipadoras a tódolos pobos vexados de Latinoamérica. Desa insurrección armada saíu un berro escoitado no mundo enteiro, cargado de enerxía rebelde e inspiradora, liderado por un grupiño de valentes e barbudos mozos, pioneiros grunge, con ideais redentores e libertarios. Pero todo torceu sen remisión, e o resto do conto xa o fomos coñecendo por fascículos e por facciosos...

A esquerda europea cada vez se atopa menos enfeitizada polo halo de romanticismo misticista que envolve a fábula perenne do David cubano fronte ao Goliath yankee e, ás veces non sei se por sorte ou por desgraza, deixou de crer nas promesas dos paraísos ideolóxicos ao atoparse de preto coa experiencia e a realidade do que adoitan esconder debaixo. Pero quen non sucumbiu á emoción da lírica de Silvio Rodríguez ou ás cancións que louban a traxectoria guerrilleira do mítico comandante Che Guevara? Puro romanticismo...

Fai uns días soubemos da morte no cárcere dun disidente do réxime xerontocrático, hereditario e totalitario castrista: Orlando Zapata Tamayo. Non era un conspirador e multimillonario terrorista afincado en Miami, senón un traballador negro acusado seguramente de “colaboracionista do imperio” de xeito arbitrario e sen garantía xurídica de ningún tipo. Un home que, probablemente, tan só quixera ver á súa terra e aos seus compatriotas celebrando eleccións libres en concorrencia democrática. Só quixera experimentar a revolución verdadeira, a promesa primixenia, a revolución frustrada e defraudada...Coma “Hurricane” Orlando hai en Cuba unha morea de presos que, por razóns de conciencia e por ser críticos co réxime, están padecendo unha das maiores inxustizas que se poden recibir: estar privado da liberdade en condicións infrahumanas por pensar. E por facelo de xeito diferente a un oficialismo arcaico e esmorecente. Por estar contra dun sistema que foi derivando nunha ditadura tan atroz como calquer outra. Coas súas luces e leccións de dignidade pero, sobre todo, coa súa inmensidade de escuros e indignidades cotiás: exactamente igual que todas.

Se iso fose socialismo, eu non sería socialista. Pero si, seguireino sendo porque aquel sistema político é simplemente unha tiranía opresora á vella usanza. E o socialismo no que creo, o realmente real, combáteas de raíz. Radicalmente.