Mostrando entradas con la etiqueta nacionalismo. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta nacionalismo. Mostrar todas las entradas

miércoles, 21 de marzo de 2012

O nacionalismo continúa a andaina


“La Historia es nuestra, y la hacen los pueblos" Salvador Allende Gossens, 11 de Setembro de 1973.

Este epílogo pertence a un dos mellores discursos políticos de tódolos tempos e é coñecido por ser o último alento do presidente Allende en pleno asedio do “Palacio de la Moneda” a mans do exército golpista do xeneral Augusto Pinochet. Fora o primeiro marxista en acadar o poder pola vía democrática e en aplicar un ambicioso plan de reformas socializante e dignificador das clases mais desfavorecidas para modernizar as seculares estruturas inxustas dun grande país do cono Sur. O que veu despois: desaparicións, cárcere, torturas e unha terapia de shock que implantaría polas bravas o ultra-liberalismo económico baixo réxime militar e o sometemento da vontade popular aos designios dunha minoría potentada. Non o podían permitir. Non podía ser, entre outras cousas, que os fillos duns campesiños do altiplano ou dun pequeno comerciante dos arrabaldes de Santiago aspirasen soamente a recibir unha educación para optar, en igualdade de condicións, a unha vida mellor. Tampouco que Chile fose dona dos seus recursos e, polo tanto, do seu destino. Refírome a ela porque o seu eco resoa no mundo enteiro e exemplos hai a eito na contorna e noutras latitudes. É actual, rabiosamente actual. Mais aínda cando o sistema deféndese inoculando pánico paralizante de mañá por noite e cando as vellas pantasmas retornan teimando dobregarnos, escachando a baralla e o contrato social na súa concepción rousseuniana.

Estamos pois, perante unha auténtica Gran Regresión que compromete a democracia no seu nome na Europa enteira: representantes institucionais de tódalas cores e liñaxes empoleirados no mando e implicados en noxentas tramas corruptas, criminalización da diferenza e ¡ata da pobreza! (lembremos os 1500 euros de multa á mendicidade en Valladolid), imposición da sacrosanta austeridade para os de sempre (debera ser un valor en chave de contención e sustentabilidade, nunca un dogma empobrecedor que afoga ás clases medias e desatende ás baixas), gobernantes fartos de entrar e saír impunemente ao través da porta xiratoria do Gran Festival Neoliberal, ministros-banqueiros e novos protectorados baixo a batuta dun IV Reich sen Wehrmacht. É a era pos-política sustentada nuns partidos políticos apolíticos que alimentan o delirante circo ata converterse en bonecos esfarrapados que invitan ao desalento. Unha sorte de “democracia autoritaria” que comeza a ensaiarse no laboratorio da populista Hungría de Orbán e que ameaza con estenderse á Francia do húngaro Sarkozy, senón lle poñen remedio os cidadáns franceses, para logo cruzar os Pirineos ou os Apeninos. O experimento é vello: Orbán quere recuperar a “grandeza nacional” inventando inimigos externos e internos: “traballo, fogar, familia, nación, xuventude e orden” é o leitmotiv.

Fascio redivivo sen desfiles, frontes de xuventudes uniformadas ou éxtases colectivos, e unha prevaricación sen límite que perverte o senso do comunitario obviando a natureza social humana e ignorando a súa probada capacidade de rebeldía, auto-organización e desobediencia. Triste realidade, xestionada e alimentada por eficientes lacaios e representantes-empresa que consideran ao común do cidadán un menor de idade. Reducen a Política a trocar asfalto por votos contando coa complicidade das corporacións mediáticas ás que previamente compran cos teus cartos para venderche que a ponte construída cos teus cartos é unha xenerosa dádiva. Impoñen esforzos e “moderación salarial” á vez que enchen o peto de maneira exponencial e blindan a súa posición. Facilitan que se destrúa o ecosistema e o patrimonio material e inmaterial, e institucionalízano como “o normal”. “O que toca”, e no nome do progreso. Entre tanto balbordo a maioría opta por desconectar, desanimada. Este, e non outro, é o panorama xeral e parte da gauche caviar, outra volta, mira cara outro lado. Si, é unha vella historia: o que non é doado é albiscar ata canto vai durar a impostura.

Big Bang nacionalista. Confírmase o cambio de ciclo.

Houbo quen xa o bautizou así. O certo é que a saída do Encontro Irmandiño e da grande maioría de Máis Galiza, mais alá da súa constitución formal como partido fóra do BNG, supón a fin oficiosa de 30 anos de percorrido da fronte patriótica e abre un vieiro novidoso na longa historia do galeguismo político. A marca BNG segue existindo, aínda que xa non é o Bloque. Implosiona mais o nacionalismo e o galeguismo no seu conxunto teñen a oportunidade de facer da súa crise unha fortaleza neste novo tempo, como sempre soubo facer dende o século XIX, e o seu reto é expandirse partindo dunha base sólida e definida e da experiencia de ter xestionado institucións, con mais acertos ca erros, axudando a transformar a realidade. Teoricamente é viable. Politicamente é oportuno. Socialmente sería preciso. Agora haberá que ver como arrefriarán as estrelas, os planetas e os satélites e como artella unha alternativa con opcións de rivalizar e comprometer a hexemonía da dereita en Galiza, tanto nos concellos como no Parlamento e na Xunta.

Se é quen de construír unha nova cultura política de movemento, conectada coa cidadanía activa (sen tutelaxes) de xeito integrador e de iguais entre sensibilidades, radicalmente democrática e aberta a escoitar e aprender facendo o camiño, abriráselle unha xanela que non desaproveitará porque se ten sementado dabondo. Seguramente mais do que se adoita pensar. Fan falla, iso si, altas doses de xenerosidade e renovación de ideas. Actualización das formas e firmeza nos principios. Para combater o vendaval re-centralizador e desocializador precísase da re-activación de todo o capital cívico desta terra, ás veces farto das leas internas do BNG. Mais iso xa é pasado.

Ao polo que sae do BNG preséntaselle a oportunidade de converxer con outros espazos e seducir a sectores aos que non chegaba na última década. Coa forza da innovación nos novos xeitos de facer política e de relacionarse coa e entre a cidadanía e coa forza da ética como bandeira, pero tamén sabendo conxugalo na acción mediante compromisos realizables e concretos, pode atopar suficiente masa de cidadanía comprometida coa construción dunha alternativa viable ao nefasto (mais ben de corte nihilista-pasivo) goberno Feijóo dende a asunción do feito nacional galego. Se acerta re-ilusionarase a segmentos de poboación des-motivada e des-activada que deixara de acreditar na utilidade do proxecto que representa, como continuum histórico, o nacionalismo galego. Cando menos no plano político-electoral. É probable que haxa unha imposibilidade obxectiva de ser maioritario socialmente, mais tamén é certo que ten a potencialidade suficiente como para incorporar amplas capas sociais e provocar mudanzas de calado.

Atoparase seguro con atrancos que, necesariamente, han de resultar estimulantes e non será doado conxugar formas distantes de concibir un novo proxecto común vindo dunha tradición determinada. O peor inimigo está dentro de si. Pode aprender doutros modelos organizativos de éxito como Amaiur e Compromís pois estes tempos esixen unha concepción máis vencellada a unha madeixa de redes, entre correntes e individuos, que a unha concepción vertical con doses de sectarismo ou de simple populismo e alimentación das contradicións. Trátase de construír mais ca de proxectarse como a consciencia crítica dun pobo, que tamén. Non será de menor importancia colexiar os liderados e saber conxugar o potencial de cada un deles e, no inmediato, parece mais probable a cristalización arredor dunha coalición electoral aínda que os cidadáns, no plano electoral e coa mirada posta no medio prazo, adoitan premiar a seguranza que outorga unha única organización estable. Plural internamente e con ramificacións nos ámbitos non só estritamente políticos, pero unitaria, que non uniformizadora nin moito menos alienante. Dende os Mártires de Carral ata hoxe o pobo galego auto-organizado segue e seguirá facendo a súa andaina na consecución da súa misión histórica.

En Praza Pública

martes, 13 de marzo de 2012

Entrevista a Xoán Bascuas, líder de Máis Galiza.




Entrevista ao novo líder do partido Máis Galiza, que se constituíu como tal nesta fin de semana en Compostela, logo de que a maioría da súa militancia decidise o abandono do BNG. Comeza un novo ciclo político.

domingo, 18 de diciembre de 2011

Á beira de Beiras



Tiven a sorte de estar na Homenaxe Popular a Xosé Manuel Beiras polo cumprimento dos 40 anos da publicación de "O atraso económico de Galicia", que coincide coa súa idade de 75 anos, no Auditorio de Galicia. Foi un acto revitalizante.

Que dicir d´O Beiras que non se teña dito xa a estas alturas? Pouco podo engadir.

Estando na homenaxe, escoitando música, poesía e escoitándoo a el un reflexiona sobre o paradoxal que resulta que namentras as elites das organizacións maioritarias da esquerda galega estaban nos seus respectivos Consellos Nacionais navallándose de tódolos xeitos posibles neste momento tan duro para elas, un só home, conciencia viva e xenuina dun pobo, que entronca co galeguismo histórico de preguerra e que liderou ao BNG ata levalo ás máximas cotas de poder e influenza neste país, reúne a mais persoas arredor de si e do que representa a súa xeración de combatentes antifranquistas (e tamén combatentes antifascistas, anti-oligárquicos e anti-opresión en plena "Democracia") que os partidos mesmos. E reflexiona tamén sobre o importante que é transmitir principios e valores na Política, nesta época de zozobra e confusión xeralizada. Ten isto mais de simbólico ca outra cousa, pero aqueles que son ou pretenden ser "políticos profesionais" deben tomar nota.

Beiras é irrepetible. Mentras el exista existirá a conciencia crítica, a lucidez no análise e a Memoria viva deste pobo. Mais alá de matices ideolóxicos ninguén pode negar a grandeza intelectual e moral de Xosé Manuel, o que fora príncipe e esperanza do galeguismo. Hoxe case un druida moderno que interpreta como moi poucos a realidade que nos tocou vivir. Ábrenos os ollos.

Podería escribir mais e mellor sobre algo disto, pero chega con ver e escoitar o vídeo que adxunto. A proba de que non tódolos políticos son iguais.

"Vivimos a fin dun ciclo histórico e é a hora dos cidadáns, máis alá da obediencia ás organizacións, aínda que sexan as nósas"

Deixo unha descripción de Eduardo Galeano sobre el:

‎"A primera vista parece un león. Y es. Pero tiene la delicadeza del ciervo, la paciencia del gato, la lealtad del perro, la solidaridad de las aves, que se ayudan en el vuelo, el sentido del honor del toro de lidia, que se crece en el castigo, y la inteligencia de los raros hombres que dan prestigio a la condición humana. Gallego tenía que ser."

Este comentario foi publicado no blog A Revolta entre a Mocidade, das Mocidade Irmandiña http://revoltairmandinha.blogspot.com.es/2011/12/millan-fernandez.html

jueves, 20 de enero de 2011

Monolitismo ou dinamismo



Nestes días de polémica arredor do uso das linguas cooficiais no Senado, foro de representación interterritorial e lugar que debera recoñecer a realidade dunha cidadanía multicultural e multilingüe, asáltanme unha chea de reflexións: a maioría delas rebélanme porque compróbase a pervivencia (un deja vù a cabalo da crise) do relato mais rancio e ultranacionalista daquela España, una grande y libre que a miña xeración cría soterrada baixo unha lousa de 1500 kilos, no Valle de los Caídos. Aquela escura, exasperantemente uniformizadora, conservadora e monolítica España que se negou a sí mesma e que intentou construír a súa razón de ser a sangue e fogo mediante o sometemento e a estigmatización de parte da poboación que explicitaba as súas particulares manifestacións socioculturais, exaltando outras para convertilas obrigatoriamente en “comúns”.

Pode que este non sexa o momento idóneo para implementar medidas que supoñen custes adicionais pero sendo honestos e sensatos, comparativamente, non representa un gasto inasumible. E por riba, normaliza o emprego duns idiomas tan respectables, vivos e útiles como é o fermoso idioma de Cervantes. Mais ou menos normalizados nos seus lugares respectivos pero considerados unha ameaza no resto. Daí o convinte e pedagóxico da decisión. A intolerancia, o racismo e a pretendida superioridade funcionan sempre como síntomas das sociedades enfermas e son xermolo do consentimento das maiores atrocidades que recorda a humanidade. Hoxe, en España, a pantasma remóvese no seu cadaleito: ben por boca(za) de Aznar contra a configuración do Estado Autonómico e co perverso pretexto da eficiencia económica, ben na ofensiva contra a salvagarda dos idiomas recoñecidos constitucionalmente. Que haxa quen poña o berro no ceo por empregar trescentos mil euros anuais nas traduccións cando se teñen gastado miles e miles de millóns en acudir ao rescate das entidades bancarias (responsables directas da situación actual) dá boa conta do que se esconde para soster os seculares argumentos do odio. Ou cando non se atalla a fraude fiscal para non incomodar aos poderosos. Ou cando se permite e se potencia un incremento maiúsculo da débeda privada e, como por arte de maxia, troca en débeda pública para que as maiorías sufran as consecuencias. Ou cando convertimos isto no paraíso do especulador sen escrúpulos.

Poderiamos mentar infinidade de casos, pero non: no subconsciente colectivo de boa parte do tradicionalismo patrio permanecen ancorados, atados e ben atados, complexos que responden ao substrato ideolóxico do xenuino fascismo español. Así de simple. Décadas de democracia para que, no lugar de recordar como exóticas estas tolemias, regresen mais vivas e “inocentes” que nunca. No nome da “liberdade”, a “racionalidade”, o “senso común”, a “eficacia”...

Mudar isto dende aquí só pode resultar coa forza dunha sociedade civil consciente e consistente, dinámica e madura, preparada, segura de sí mesma e convencida de que na defensa do local se atopa o vencello co universal. De que o bo facer non entende de nacionalidades, linguas ou fronteiras mentais. Galicia ten exemplos a eito, e en moitos ámbitos: nas artes, na política, na empresa ou na sociedade. Hai que estar orgullosos porque representan, alá onde van, un xeito de entender a galeguidade que transcende o imaxinario de complexos que a moitos atenazaba e atormentaba cando cruzaron o Telón de Grelos. No meu círculo de amizades e coñecidos, cando aparecen as dúbidas, poño como exemplo contemporáneo a dous rapaces que traballan no mundo da gastronomía: Iago Pazos e Marcos Cerqueiro. Rexentan un local dunha proxección ilimitada, Abastos 2.0, que revolucionou a maneira de entender a zona vella de Compostela dende a defensa dos productos da nosa terra, a calidade e a proximidade, e comprometidos coa cultura e a vangarda deste país. Nos vindeiros días participarán no encontro gastronómico internacional MadridFusión, cóbado con cóbado xunto aos mais afamados cociñeiros para expoñer as súas propostas innovadoras. Explicarán as chaves do seu éxito e levarán alí o acento, os aromas e a música en galego como representantes dun país que moitos seguimos soñando: aberto, dinámico, emprendedor, atrevido, moderno, desacomplexado e orgulloso de sí mesmo. Combatendo coa cabeza ben ergueita o monolitismo soxulgante dos que non nos entenden, non...


viernes, 4 de diciembre de 2009

Solución federal


Estariamos na irrealidade si non foramos quen de recoñecer e suliñar os logros en termos de progreso e benestar colectivo derivados da entrada en vigor do actual marco constitucional, tamén no que atinxe á descentralización política do Estado. Tampouco seriamos honestos con nós mesmos si non recoñeceramos os déficits, imprevisións e conflitos abertos dende ese momento por falla (deliberada) de concrecións como, por exemplo, no aspecto financieiro. Todo é perfectible. Pero para que unha sociedade avance en consoancia coas súas normas fundamentais e o seu tempo debemos estar predispostos e preparados para afrontar debates substanciais de xeito maduro evitando, no posible, calquer intento de tensión que sobrepase os límites aceptables en democracia.

Pode parecer inevitable un cercano futuro de palabras grandilocuentes e demagoxia barata servida no almorzo, no xantar e coa cea nas tertulias de radio, nas declaracións partidarias, nos editoriais de prensa ou telexornais, Salsa Rosa ou foros de internet onde o menosprezo ós “cataláns”, “vascos”, “galegos” e ós “españois”, de calquera das dúas xeladoras Españas, sexa a tónica habitual en cadanseu espazo e onde o menor atisbo de racionalidade entre o fogo cruzado de nacionalismos radicalizados, excluíntes e antagónicos coloque na sospeita permanente a quen ouse abrila boca. Debates decimonónicos, rancios...O de sempre, cos de sempre como anunciadores da catástrofe disgregadora.

Esta é a situación que se presenta si o TC resolve como se filtrou: manifesto encorsetamento normativo ante a dinámica de bloqueo político e fracaso, tamén manifesto, no noble intento “pedagóxico” de mudar a cultura política para ir conquerindo a aceptación dunha pluralidade e plurinacionalidade reforzadora e potenciadora dos mecanismos de cooperación multilateral que fose capaz de ir desactivando e invertindo a tendencia ó vitimismo duns nacionalismos que se retroalimentan visceralmente entre sí. En definitiva: síntomas claros de esgotamento no modelo do Estado das Autonomías, tal e como o coñecemos.

Ante o que para min é unha evidencia non hai unha receta única nin unha solución incontestada, pero si desdramatizadora: outros lugares do mundo souberon resolver este tipo de problemática adoptando a solución federal. Decididamente federal. A Historia mostranos como os proxectos maximalistas dos nacionalistas españois, sexa o unificador ou os periféricos, fracasaron. Pero a solución autonomista tampouco parece satisfacer...

O federalismo non é o punto de chegada que resolva o eterno problema do encaixe territorial no seo dunha realidade histórica e xeográfica, pero tremendamente plural como é España, senón un proceso e, ante todo, unha conducta baseada na reordenación e revisión constante dos pactos e dos acordos entre iguais. Tamén na corresponsabilidade. Maior e mellor democracia unindo na aceptación dunha diversidade recoñecida e defendida por todos, aínda sendo asimétrica, e fomentando a efectiva participación cidadá. Difuminando as tradicionais estructuras sustentadas nas vellas xerarquías piramidais para entender as relacións de maneira horizontal, como xa as entende a sociedade cosmopolita do noso tempo: en rede. Desbotando e difuminando conceptos obsoletos, como o de soberanía. Outorgando confianza e mutuo recoñecemento entre poderes locais e central. Sendo máis eficaz, flexible e económicamente sustentable, ou viable...

En resumo: resulta, para min, a fórmula axeitada para articular o funcionamento cotiá nos estados occidentais do SXXI. Na miña opinión é a reforma pendente e necesaria. Non é novidosa, pero ante a tentación recentralizadora e as veleidades independentistas presentarase cedo o momento oportuno para acometela.

jueves, 27 de agosto de 2009

Máis Democracia


Nestes días previos ó reinicio oficial do curso político lense crónicas e manifestacións de todo tipo, e un non deixa de sorprenderse ó constatar como se asume, por parte dalgúns, o galopante deterioro do respecto polo proceso democrático.

Sempre se alertou da politización da xustiza e da xudialización da política e finalmente, semella que será o outono a época que marque un punto e a parte para o Estado das Autonomías. Un novo e incerto ciclo na Democracia española. O Tribunal Constitucional, a máis alta instancia do ordenamento con capacidade de interpretación da CE1978 emitirá a que vai ser, moi probablemente, a máis controvertida e discutida sentenza dende a súa aparición. Son moitas as voces e os medios de comunicación que se atreven a adiantar o seu resultado, facendo honra á patoloxía patria de querer ser máis papistas que o Papa. Cada español leva un seleccionador de fútbol dentro e parece que agora tamén, unha irrefrenable vocación xurídica, a cal emerxe en momentos de axitación cando cabe a posibilidade de ferir o orgullo da gloriosa e única nación.

Bótase man do dogma, da máis absurda literalidade e das interpretacións máis restrictivas e conservadoras para contradecir o que un 90% dos representantes do pobo catalán acordaron, e o pobo mesmo refrendou, co beneplácito e aprobación das Cortes en 2006. Son fogos de artificio e de cara á galería, lexítimas presións políticas dirixidas a uns maxistrados que teñen entre as súas mans unha decisión histórica e de calado: confrontar lexitimidades, creando así un conflito de envergadura que tarde ou cedo deviría nun delicado proceso de reforma constitucional, ou optar por unha interpretación aberta e flexible do texto, que abra as portas ó pleno desenvolvemento da faceta federalizante do Estado.

O Estatut leva tres anos aplicándose e, como dixo o Ministro de Xustiza: “España non se rompeu”. Por qué temer tanto a un presente, a un feito consumado? Por qué temer tanto a un futuro de soberanías compartidas, no contexto da Unión Europea, que é precisamente eso? Ou é que rende máis alimentar os vitimismos nacionais (centrífugos e centrípetos)? Por qué Catalunya non, e Valencia sí?. Non deberan algúns rasgarse as vestiduras, nin poñela venda antes da ferida, pois todo se solucionará mediante os canles democráticos: acatamento sí ou sí da sentenza, pero con diferentes e comprensibles consecuencias políticas dependendo do sentido da mesma.

As consecuencias políticas, sexan as que sexan, tamén se resolverán mediante a política, e con máis Democracia. Sin estridencias, aínda que algúns se sintan cómodos nelas.

viernes, 10 de julio de 2009

Nas catacumbas


Os cidadáns coñecen de primeira man que o nacionalismo político organizado galego atópase mergullado nun perigoso e pode que crucial proceso, aínda que a cotidianidade nos faga ver que as augas corren calmas neste mundo. Meses despois da experiencia no goberno entra, de cheo, en serio risco de auscultarse obsesivamente pero sobre todo, e canto antes, ten a necesidade de mirar de fronte, e sen prexuízos nin dogmas, aos galegos se non quere verse arrasado polo tsunami do permanente cambio social.

A imaxe que proxectou durante a fase que desembocou na elección dun renovado Consello Nacional e dun novo, transitorio e gris liderado non puido resultar máis infructuosa para os intereses do BNG e, independientemente do pobre resultado colleitado nas eleccións ao Parlamento Europeo son varias, e autorizadas, as voces internas que veñen reclamando un xiro revolucionario na fronte ou, do contrario, intúese unha progresiva perda de apoios, alertando, á vez, do definitivo que sería profundizar na autodestructiva espiral de división e enfrontamento, a cal o condenaría a unha sorte de catacumbas sociais e, e en franca decadencia parlamentaria.

Para ser crible e suxerente para espazos amplos, e posicionarse no mercado electoral con garantías de regresar ao poder e mudar a realidade debería resolver, canto antes, dous problemas: neste preciso instante está, de facto, partido en dúas metades e confrontando dúas formas opostas de entender o presente e o futuro da organización e, o que é máis grave: dous proxectos antagónicos de entender e promover un modelo de sociedade e dúas culturas políticas opostas. Son dúas cosmovisións, aínda que o efecto sedante dunha UPG fría e implacable o queira camuflar dunha abafante ofensiva españolista ou bipartidista incorrendo no non sempre, e en todo lugar, eficaz vitimismo. A sociedade galega non é xa a de 1969, nin a de 1975, nin a de 1982.

O outro gran problema é tamén de fondo calado: segundo unha das últimas enquisas do CIS un 23% das galegas e dos galegos defínese nacionalista e o BNG, nas eleccións do 1 de Marzo, conseguiu tan só convencer ó 16%. Nas europeas un 10%. A última cifra indica que existe máis nacionalismo alén da organización pretendidamente aglutinadora da realidade social e que só é capaz de fidelizar menos da metade cando a deriva vai na liña dun maior soberanismo e aillamento ideolóxico. Esto deberáse resolver dunha forma máis ou menos traumática nos videiros tempos, pero namentras non se aborde con amplitude de miras, e de maneira aberta, será moi complicado que se abra unha mínima posibilidade para construír unha alternativa ó Goberno de Núñez Feijóo. Ten que clarificarse. Coa ruptura da fronte e a aparición de varias opcións, se é preciso. Faríalle un mellor servizo ao nacionalismo, á esquerda e a Galiza.

viernes, 12 de junio de 2009

Fantasmas na Unión


Fai unhas semanas afirmei nestas liñas que sería factible unha maioría de centro-esquerda no Parlamento Europeo. Á vista está o lonxe que adoitan atoparse os desexos da realidade. Non era pois, unha previsión científica, nin estaba baseada no estudio exhaustivo de enquisas fiables e de evolución do voto neste tipo de convocatorias. A sentencia respondía ó convencimento de que a derrota ideolóxica do modelo de neoliberalismo duro, e a aplicación de políticas que facilitaron e expandiron esta grave crise global non quedaría sen unha resposta contundente da cidadanía, máis aínda comprobando como se desenvolven na outra beira do Atlántico e como alí sí parece que decisións progresistas vánse consolidando logo de décadas de depredación. Ben é certo que non toda a dereita europea actúa na mesma dirección e de feito, acreditados gobernos europeístas desta cor tomaron medidas que, en principo, non responden á clásica categorización liberal. É evidente que todos sufriron un certo castigo, pero uns máis ca outros.

A día de hoxe están feitos todo tipo de análises pero o elemento máis reseñable e preocupante é o auxe de forzas radicais e xenófobas de ultradereita. Incluso no Reino Unido, símbolo universal e incontestable de loita antifascista. Non deixa de ser sorprendente, e perigoso, que o nativismo islamofóbico emerxa significativamente en lugares coma Holanda, e que o neofascismo e o nacional-populismo entraran na eurocámara reforzados. Foi como a sacudida que nos desperta dun letargo pois veñen para recordar, coa súa fantasmal presenza, que a Democracia é un prezado ben do que non deberiamos desprendernos xa que as posturas que defenden levaron ás matanzas e crímenes máis abxectos da historia da humanidade.

Resulta desalentador que a abstención supere á participación e ó compromiso democrático. Eso indica que unha maioría, por omisión, constitúe o caldo de cultivo axeitado, e permite que siga enraizando a mensaxe destas formacións que aproveitaron históricamente as etapas de depresión para asentarse. A Unión ten demostrado que pode saír de momentos difíciles de estancamento, pero o reto que lle presenta o euroescepticismo é de grandes proporcións.

martes, 10 de febrero de 2009

A árbore e as noces


No contexto da política vasca é recorrente esta frase feita. Quen a promociona refírese a que ETA abala a árbore coas súas accións inútiles namentras o PNV as torna en utilidade, recollendo así o froito do apoio popular. A superprotagonista e promotora do apartheid lingüístico Rosa Díez é unha defensora desta non-teoría. Aprendeu a lección e aplícaa, acudindo a Compostela coa estratexia definida; movendo a árbore do inexistente conflito lingüistico e evidenciando un enfrontamento arrodearíase astutamente na bandeira da defensa dunha suposta liberdade ameazada: o dereito a escollela lingua en Galicia. Podería ofrecerlle algún rédito en Madrid ou noutras comunidades, onde a ignorancia da realidade plural de España (por parte do nacionalismo separador español) é manifesta, e onde a abafante conxura mediática fai estragos entre os pouco viaxados e instruídos.

Nun país coma o noso, sendo o galego secularmente proscrito e aldraxado (e onde tan só a vontade do pobo o mantivo vivo, non sen desgustos), onde o noventa por cen da oferta comunicativa é castelanfalante e onde a vida educativa dun rapaz pasa por recibila inmensa maioría das mensaxes orais e escritas en castelán, algúns arriscanse a falar de imposición sen ruborizarse. Ninguén en Galicia descoñece o castelán e conviven normalizadamente dous idiomas en pé de igualdade xurídica habendo un consenso amplo respeto da normativa a aplicar. ¿Por qué algúns galegófobos (coma Falange, membros do PP e satélites) teñen interese en crispar e elevar á categoría de social un problema que non é tal?. Só se comprende dende a vella táctica ultradereitista de pescar en río revolto. Os que acudiron á manifestación non estaban defendendo o bilingüismo nin a liberdade. Estaban en calidade de peóns da inxustificable imposición monolíngüe do castelán e esto non se sustenta, aínda tendo todo o dereito a manifestarse. A reivindicación é pois, enganosa. Como equivocados estaban os marxinais que a foron rebentar. Dárlles publicidade é un regalo enveleado. Violenta e desproporcionada foi tamén a actuación policial e a obriga ós viandantes galegofalantes de identificarse. A maioría social galega é xa madura e sabe identificar ben a quen quere recollelo froito á súa conta.

jueves, 11 de diciembre de 2008

Renuncio


Acábase de producir un feito surrealista. É moi indicativo do papel que algúns medios xogan neste país, e o manipuladores que poden chegar a ser. Por vez primeira, os amigos de toda a vida dun asasinado pola ETA tiveron que emitir un comunicado coa fin de limpala súa imaxe pública logo das acusacións do diario El Mundo (e o resto da caverna), respeto da fotografía que protagonizaban, publicada en portada ó día seguinte do último atentado. Resulta que Ignacio Uría xogaba no mesmo bar e cos mesmos compañeiros, tódolos días, a partida de tute. O día que lle dispararon, a cuadrilla decidiu homenaxealo xogando, e os fotógrafos apilábanse a cobadazos para retratala escea ignominiosa .

Pois ben, resulta que esa imaxe foi escollida como “metáfora” do discurso que dí : “a sociedade basca está enferma”. A retaíla de horas de insultantes tertulias radiofónicas, televisivas e os ríos de tinta que suscitou é digna de estudo (chamáronlles desalmados, malnacidos, asasinos encubertos, cobardes...) e coido que serviría para sustentalo seguinte: parte da sociedade española, xunto cos medios que a axitan constantemente, está enferma. Ademáis, desta volta, foi collida nun renuncio.

Carlos Iturgáiz (o eurodiputado popular basco) escribiu ó día seguinte un artigo de opinión titulado: Las cuarenta en bastos. Viña a soster, punto por punto, a estratexia mediática orientada a difamar ós seus concidadáns, logo de non aparecer na capela ardente do falecido (quizáis porque era nacionalista). Independentemente do importante desta triste historia, que é a morte dunha persoa, subxace algo en paralelo, digno de análise: o papel que os medios de comunicación sensacionalista xogan en toda esta traxedia colectiva e a imperiosa necesidade de poñerlle freo dalgunha forma, se algún día hai vontade de levar a cabo unha reconciliación, en parámetros racionais. Non só unha reconciliación entre vítimas e verdugos (humanamente complexa), senón entre espazos sociolóxicos enfrontados visceralmente, representados polos nacionalismos excluíntes español e basco. ¿Será posible algún día chegar a este punto, ou farán falta décadas para desprogramar?. ¿Estamos condenados a padecer uns medios propagandísticos, non informativos?. Estas e outras cuestións deberían de plantexarse, logo do espectáculo ó que poidemos asistir, por parte daqueles que queiran estar ben informados en liberdade, e non terminar coma uns simples consumidores de clichés malintencionados.

miércoles, 3 de diciembre de 2008

Trinta anos despois


No 1978 moitos non naceramos, pero outra xeneración viu fraguar algo prácticamente insólito: un acordo de amplo consenso no fundamental para organizalo futuro Estado Español sobre as bases do recoñecemento da soberanía popular e da democracia pluralista. Todo esto nunhas condicións de relativa paz pública. Un éxito dende este punto de vista pois históricamente, os cambios substanciais producíranse en climas de tensión política latente ou manifesta. Ténse falado moito (demasiado) do exemplarizante que foi, como modelo, o periodo transitório que desmontou a estructura da Dictadura, e da participación das masas e das elites no proceso de conquerila Constitución e construíla Democracia.

Trinta anos despois existe tamén un consenso xeneralizado á hora de valoralo beneficioso que foi o que aconteceu a posteriori: o cambio de relacións Igrexa-Estado, a creación do Estado Autonómico (federalizante), o ingreso na UE, a consecución dun Estado de Benestar, a proxección cara o exterior... Pero crecentemente acompaña a sensación de que o que se fixo estivo razonablemente ben naquel momento e para aquela sociedade. Hoxe en día hai un exceso de veneración polo texto e esto impide correxilos seus defectos. Denota encorsetamento, tamén ante a propia dinámica política, que xa non é a mesma que en 1978 nin está suxeita ós mesmos medos e presións. Agora voamos por nós mesmos gozando de cidadanía plena. A sociedade é máis libre, secularizada, multicultural, e con maior información.

Daquel periodo arrástranse rémoras: fundamentalmente o terrorismo da ETA (escindible do conflito político), a non de todo efectiva separación Igrexa-Estado, a incompleta aceptación dos límites constitucionais por parte de sectores das Forzas Armadas, o debate non resolto sobre a Xefactura do Estado (aínda que sexa tabú), e o fracaso no cambio de cultura política referente á aceptación da plurinacionalidade do Estado (reforzamento da cooperación multilateral e abandono do victimismo dende os nacionalismos periféricos). Todas estas rémoras posiblemente formen parte dunha mesma categoría, xa que remiten ó máis fondo e primitivo do “sentimento nacional” de alomenos, a metade de españois. Polo tanto, a identificación e resolución satisfactoria de todas elas é complexa pero desexable para, trinta anos despois superar pantasmas, medos atávicos e adaptalo texto ós nósos días, proxectándose de novo cara o futuro.

jueves, 2 de octubre de 2008

Politización do deporte e deportivización da política








É xa unha mistura clásica e trátase dun fenómeno mediático e social complexo, habendo boa e inxente literatura sobre a materia (recuperen a Montalbán), pero resulta sempre suxerente, recurrente e polémica nas tertulias de café ou nas charlas de taberna, animándoas vivamente. Evidencia un acusado rasgo de personalidade ibérica aínda que esta transcende, como non, o espazo peninsular. Outra cousa que se globalizou.

Os medios de difusión de masas alimentan o debate de xeito hipócrita, entrando sen petar na porta, á xugular e interesadamente neste xogo, a mans cheas. Coma en case toda actividade humana de proxección social xurde por detrás unha intencionalidade perversa e non de todo diáfana, que non ilexítima, e normalmente, neste caso, ten que ver directa e proporcionalmente co número de ceros nas contas destas empresas de comunicación. Pero non só. Todo está entremisturado e ten sentido. Todo responde a uns obxectivos.

Chama poderosamente a atención o doble raseiro co que se analiza, segundo de onde proceda esa avaliación, esta dualidade e a carencia absoluta de criterio, obxectividade e fidelidade memorística. Moitas veces só se lle atribúe intencionalidade politizadora a uns, cando en realidade, o fixeron e fan todos porque, en esencia, o deporte foi sempre empregado políticamente. Como dí Bernard Crick: "Non todo é política pero todo é politizable". Ata algo tan inocente e saudable coma o deporte o foi, e de que maneira.

Facer agora un rigoroso percorrido histórico sobre a conexión entre o deporte e a política levaría moito tempo e sería tedioso. Non se fará porque teriamos que remontarnos, profundizando, nas orixes do evento político-deportivo por excelencia e a máxima expresión desta relación (sobre todo durante o século XX); o Olimpismo: a goebbeliana manipulación nazi, os boicots da Guerra Fría, as reivindicacións pro-dereitos civís dos afroamericanos, a irrupción do terrorismo palestino, a exaltación patriotica fronte á pretensión de universalidade, os recentes Xogos de Pekín coa súa imbricación sobre a política internacional, a patrimonialización gallardoniana sobre a que edificar unha alternativa post-Zapatero, etc....

¿Qué decir do fútbol?. O deporte rei. O feito social total, como algúns sociólogos apuntan. O deporte político por autonomasia. O gran negocio no que conflúen temas contemporáneos de debate: pertenza, identidade, condición social e incluso, mística relixiosa, fanatismo, etc....

Regras simples, combinación de talentos individuais con esforzo colectivo. Alegoría da condición humana. Fútbol é fútbol.

Os petrodólares de Abramovich ou do Zenit da Gazprom de Putin (¿outra vez aquí?), o franquismo e o Real Madrid, o salto a escea en Xuño de 1981 de Terra Lliure no Camp Nou, o inferno do Sadar, Jesús Gil, Marbella y tal y tal, as medias brancas de Arkonada....a lista é infinita. ¿Por qué os fanáticos se identifican indistintamente coa ultradereita ou a ultraesquerda, ou cos nacionalismos furibundos, sexan periféricos ou centralistas? O caso é que este deporte resulta moi seductor e goloso para a codicia, a manipulación, o lavado de cerebro..., tamén para canalizar frustracións. O novo opio do pobo.

1936: O exército de Franco asasina a Lluis Companys e a Josep Sunyol i Garriga. O primeiro é o President da Generalitat e o segundo, o President do FC Barcelona da época. Dúas institucións que representan a personalidade nacional e a autonomía politico-social da Catalunya republicana.

Tantos e tantos agravios..., Aznar recalificando e Florentino fichando. Zidane marca na final namentras Joan prepara o discurso do circulo virtuoso: Laporta President, Catalunya independent!!!

1980: Martin Zabaleta coloca a ikurriña no cumio do Everest porque a rojigualda que anos despois pasea Raúl, facendo verónicas na celebración dos títulos, non lle representa.

Parece que tanto uns coma outros fan política, remiten a sentimentos, xogan con eles... Tanto uns coma outros fan negocios. Tanto uns coma outros fan fútbol ou deporte en xeral. Uns propóñense facer fútbol primando a estética por diante do resultado, outros van ó práctico. Uns poñen por diante valores e priman o continente, outros vibran co contido e a conta goleadora. Chamarémoslle en adiante petrogólares. Non todo é o que parece.

Neste contexto, a aturdida e maleable masa (que somos todos nós) é un branco fácil, recibindo por todos lados señais semellantes. Identificación. Definición. Conmigo o contra mí.

Só ten que apretar o botón e pagar per view. Reunirse cos amigos e pedir Amstel, Estrella Damm ou Heineken. Temos 11 na Quiniela!!. Mercarei a revolucionaria Adidas, a super-capitalista e multinacional Nike, o Fifa 2009. Un balón para o pequeno!!. Tanto falamos da crise, da recesión, do traballo, dos fillos, coma do penalty do Domingo....

É un branco fácil porque continúa a ser tratada de maneira borreguil cando os seus representantes, insultándoo, lle falan en termos futbolísticos (se Aristóteles levantara a cabeza!!!), como si xa non deberamos saber diferenciar, só ser espectadores do circo: Que si estamos na Champions League da economía, que si Anxo Quintana era dianteiro centro e case ficha polo Elxe, que si o PP ten que gobernar as alcaldías porque é o máis votado (a goles pode, o problema é que en eleccións se contan votos, e o sistema permite facer pactos post-electorais...), que si Revilla come antxoas do Cantábrico que le ponen, vai á Moncloa en taxi e é do Racing, que si Berlusconi, non contento con selo Presidente do Goberno da República de Italia, varios periódicos, cadeas de televisión, etc...o é tamén do AC Milan....Totum revolutum.

Rajoy practica a bicicleta, só lee o Marca, é do Madrid, socio do Pontevedra, simpatiza co Depor, gústalle o Celta....,pero sobre todo é da Selección!!! Fidel bateaba en chándal e Bush recollía co guante. Ó final os Chinos tiveron máis medallas, e vaia ceremonia prepararon!!!Ó Fürher saíralle moi mal a xogada...tódalas medallas as gañaran os negros. A ceremonia tamén fora impresionante!!!O continente era belo, pero o contido....

Soa todo tan tan vello...(si si, con uve)...por eso que...que non te pillen en fora de xogo!!!