lunes, 6 de septiembre de 2010

A Súa Terra


Pouco se pode aportar despois da treboada de análises publicadas dende diversos ámbitos a conto da desaparición (oxalá un novo paréntese) da edición en papel do histórico semanario A Nosa Terra. Foron múltiples e lúcidas as opinións (p.ex. as de Xosé Manuel Pereiro, Xavier Vence ou Carme Adán nas liñas do Xornal, e outras) pero, si a hai, non lin a primeira centrada nunha das claves do fracaso colectivo que representa tal feito: non o mercabamos o suficiente para mantelo con vida e, polo tanto, somos corresponsables do tránsito decidido hacia o pensamento único, do deterioro da pluralidade informativa traducida no retroceso da calidade democrática e de certo incremento do risco para a supervivencia da lingua galega.

Á ofensiva televisiva ultracatólica, rancia e negadora dende canles como Veo7 ou Intereconomía no espazo estatal, sumada ás pseudotertulias dunha Noria mareante que devalúa o debate político e o encontro de ideas, engádese a perda de ferramentas de notable valor estratéxico para facer país no plano interno. É certo que o empurrón definitivo vai xunguido ao tratamento sectario e provocador do presidente Feijóo en materia de subvencións no panorama mediático. Pero con esto último había que contar alomenos dende a experiencia da campaña electoral 2009, chea de manipulación e agresividade coa complacencia indisimulada dalgún medio que fixo deixación de funcións no cometido que del se espera para poñerse ao servizo dunha opción lexítima que respondeu en contrapartida. Deberiamos estar mais preparados para resistir os maléficos ataques do goberno máis violento e antigaleguista que se recorda se queremos mudar o estado de cousas dende o progresismo. Todo esto mostra que a rede de solidariedade no tecido da sociedade civil que presupoñemos comprometida está mais destartalada do que se adoita crer e, namais aterrou un novo inquilino en Monte Pío, deixou caer varios altofalantes concebidos dende e para Galicia. Entre os mais destacados: ANT.

Coa faciana ultraliberal, austera e economicista ocúltase a verdadeira razón de ser da súa acción de goberno: a procura do enfrontamento e a confusión entre xeitos contrapostos de entendelo noso presente e futuro (e deles entre si) aproveitando o revolto das augas, a procura do afundimento moral no seo dos que reivindicamos unha Galicia orgullosa de seu e a laminación daquela liña de pensamento crítico co desmesurado afán personalista do líder.

Nalgunha ocasión botouse man de Maquiavelo para definila súa visión do poder tendo en conta a conformación dun goberno de pobre perfil político (concebido para ensalzala propia figura, forxándoa dentro e proxectándoa fóra, contentando aos círculos máis reaccionarios do españolismo) tralo que parapetarse cando chegasen decisións meramente técnicas. Ao mais puro estilo do vello e autoritario fraguismo persegue convencernos de que a terra é súa e unicamente súa. É desolador comprobar como en tan só un ano puido destruír mais que un ex-ministro do réxime franquista en dezaseis.


Para acompañar: Quempallou-Coa lingua de fóra: http://www.youtube.com/watch?v=IiuFD3KrhHI

No hay comentarios: