Dixera Karl Marx aquelo de “a Historia repítese, a primeira das veces como traxedia e a segunda como farsa” (entendendo como tal unha reproducción grotesca ou unha caricatura do pasado). Pois non o teño tan claro, porque asáltame a sensación de que oitenta anos despois da arrepiante carreira de irracionalidade que anegou o corazón do vello mundo reaparece con forza o risco traumático.
Unha onda xenófoba percorre Europa: dende Italia ao Benelux e dende Francia aos países nórdicos, sen esquencer Melilla ou mais situacións indignas... Outra das consecuencias sine qua non deste neoliberalismo obrigatorio en crise que camiña polo vieiro da visceralidade e o primitivismo e que recupera a Orwell para acuñar conceptos perversos, como mendicidade agresiva, tralos que acubillar prácticas impropias das sociedades pluralistas de vocación integradora do século XXI. Faise evidente que este puxo a proba, dende o minuto cero, a fortaleza e/ou fraxilidade das democracias. O lóstrego dunha mañá do 11 de setembro de 2001 definiu irremediablemente o futuro. E aquel fume adormentou a razón.
Na patria das luces, cun irresponsable impostor á cabeza, acontece algo nauseabundo. O enfant terrible da política europea, ao que califican como neogaullista pero que recorda máis ben ao inefable Petáin, coa súa declarada cruzada hacia os xitanos fai tremer as bases mesmas da República e dos seus valores e ideais mais altos. Tanto cinismo e frivolidade asusta. Nin liberté, nin égalité, nin atisbo de fraternité poderían albiscarse nunha serie de decisións sostidas no legalismo mais absurdo e inxusto, que instaura o fracaso da promesa multiculturalista e do espazo de convivenza que representa o proxecto da UE. Hai moito de electoralismo, mais tamén enxendra danos irreparables. A mensaxe é perniciosa, e a mecha incandescente. O vivo retrato do salvaxismo de Estado: odio racial e medo primario a esa miseria insoportable que azouta as conciencias dos acomodados. Cortando polo san.
Fascistas del mundo: uníos! Xa hai quen recolle a luva: Alicia Sánchez Camacho, do PP de Catalunya, introduciu o tema na precampaña nun alarde de incontinencia verbal e demagoxia clarificador: “a situación é peor que a de Francia. Aquí nin localizados están”. O foco non se centra pois na erradicación da marxinalidade e o guetto mediante procedimentos humanistas: resulta que están “dispersos”. Do que se deduce que haberá que localizalos, e ir a por eles! E deportalos, claro.
Esta crise produce monstruos: agora, para ofender a alguén, califícaselle de “filósofo”. Como se fose algo deshonroso e vergoñento. A ditadura da mediocridade en auxe, a revolución dos ignorantes. O acto seguinte será A Poda anunciada (en verbas de Mariano Rajoy): poda na administración, poda no mundo sindical (de parte de Esperanza Aguirre y Gil de Biezma, defensora dos dereitos laborais dos traballadores), poda nas políticas de progreso social, poda no estado autonómico, poda nos dereitos das minorías de calquer tipo (lingüísticas, relixiosas, etc...). Poda Xeral! Para Os Podadores todo é excesivo cando se trata de afondar no estado social ou na democracia. Nunca demoucamos o poder das oligarquías, da banca, dos especuladores, o fraude fiscal... Nunca sobran os que ameazan a sustentabilidade ambiental, os que levantan muros no entendemento, ou os que xogan co nivel de alerta terrorista para manterte convenientemente sedado e manipulable. Ata Zapatero vese na obriga de desdebuxar, mais aínda, o perfil esquerdista apoiando implicitamente ao acreedor de favores (Sarkozy) pola cadeira no G-20!
Xornal:http://www.xornal.com/opinions/2010/09/22/Opinion/exemplo-sarkozypodar/2010092217330200465.html
Para acompañar: A Marsellesa
No hay comentarios:
Publicar un comentario