martes, 14 de septiembre de 2010

Maragall e a política


Non, rien de rien/Non, je ne regrétte rien/Ni le bien qu´on m´a fait, ni le mal/Tout ça m´est bien égal/Non, rien de rien/Non, je en regrétte rien/C´est payé, balayé, oublié/Je me fous du passé/Avec mis souvenirs/J´ai allumé le feu...
Edith Piaf (1915-1963)

Teño a impresión de que os versos da artista parisina cadran ben considerando o estado no que se atopa, dentro do seu proxecto íntimo de vida, un dos políticos españois mais admirables e carismáticos (e tamén mais vilipendiados) dende o comezo da restauración democrática.

Nas liñas do xornal El País do domingo recollíase unha fermosa reportaxe, Maragall frente al espejo, sobre as circunstancias que envolven o día a día de Pasqual Maragall i Mira no combate mantido coa enfermidade do Alzheimer, o que me invitou a reflexionar sobre a figura e traxectoria do personaxe reparando no infravalorados que están a cotío os políticos “con maiúsculas”, e a propia política. Aqueles nobres, pedagóxicos e idealistas que dedican o mellor de si mesmos ao servizo dos demais incluso cando calquer outro ser humano optaría por aillarse do mundo, sen cavilar en nada ou ninguén mais. Teño en alta estima a todos eles. Pode soar a inxenuidade, seino, mais prefíroa cen veces antes que a marea de cinismo e desprestixio, gañado a pulso, pero tamén infundado, que inunda as nosas vidas nos últimos tempos.

Esta rara avis é doada de recoñecer. Por iso o demonizaron e intentaron ridiculizar ata a extenuación. Un vello recurso da dereita.

Para as forzas reaccionarias son demasiado perigosos porque conectan naturalmente coa xente do común. Persuaden e ilusionan a todo un pobo sinalando o camiño para conquerilos anceios individuais e colectivos. Maragall é a humanización e a pasión pola política, o amor polos demáis. Pero non quixera perderme no aspecto lírico nin nomeando os éxitos de xestión, nin tampouco os erros e contradiccións propios do exercicio do poder nas etapas onde tivo responsabilidades executivas porque tampouco é nada doado condensar en poucas liñas a complexidade dun intelectual, pero pragmático, que leva décadas de loita dende a esquerda, a loubanza dos valores democráticos, do diálogo, a resolución pacífica dos conflitos, o federalismo, o catalanismo e o europeísmo...Dun visionario próximo e cos pes na terra. Dun líder dos que perduran.

Casualmente a reportaxe coincidiu coa Diada do 11 de Setembro. El é un catalán íntegro e decidido a manter a integridade ata o final. Por certo, sempre penso no paradoxal que resulta que unha nación como a catalana celebre o seu día recordando a efeméride dunha derrota militar que a condenaría a perdelas institucións de seu por moito tempo. Da boa conta da pasta da que están feitos como ser colectivo. Así como é metafórico que Euskadi teña xeito similar ao dun corazón, debuxando o sufrimento e a excesiva visceralidade que padeceu ao longo da historia, dun ou doutro lado, ou que Galicia se presente no mapa como acoitelada polos mil ríos e rías, case representando a desunión que nos caracteriza... Pois ben, Pasqual Maragall é daqueles que dignifican e dan sentido á tarefa do político. Aínda que a enfermidade avanza, está decidido a traballar polas vindeiras xeracións de pacientes. Coido que é un exemplo a seguir por aquelas que nos traian novos tempos: compromiso, altruísmo e xenerosidade ata o esquecemento. Que falla fai.

1 comentario:

Anónimo dijo...

BEN DITO MILLÁN! AÍNDA QUE HOXE EN DÍA NON ESTÁN DE MODA OS POLÍTICOS HONESTOS E INTELECTUAIS, SERÍA MOI BO PARA A SAÚDE DEMOCRATICA QUE ABUNDARAN MAIS.
OS PARTIDOS POLÍTICOS TIÑAN QUE REFLEXIONAR SOBRE AS RAZÓNS QUE LEVARON A QUE O PERFIL DE POLÍTICO BEN FORMADO, PEDAGÓXICO E HONRADO BRILE POLA SÚA AUSENCIA.
ESTE FEITO EXPLICARIA, CANDO MENOS EN PARTE, A SITUACIÓN DE CORRUCCIÓN XERALIZADA QUE ESTAMOS PADECENDO.