martes, 5 de octubre de 2010

Zapatero e os imponderables


Facer unha defensa de Zapatero, por morna que sexa, cunha taxa de aprobación nas enquisas que non supera o 25% despois da súa particular “semana tráxica” é case un acto heroico. Mais parece tamén oportuno botar man da memoria para lembrar a chegada á Moncloa como unha lufada de ar fresco que renovou as ilusións da maioría da esquerda social, agochada e ninguneada ao longo de oito anos. Despois da resaca do felipismo e o conseguinte paso polo diván.

O segundo acto do aznarato producira unha sensación de asfixia en amplos sectores da poboación. Significara a antítese do que representaba o daquela inxenuo político leonés: a concepción cesarista do poder e a xenreira fronte a todo e fronte a todos, a promoción do rancor e a instauración da crispación como trazo definitorio da vida pública, os delirios de grandeza e a deriva fachendosa e mentireira xunto coa conxugación de tódolos prexuízos e dogmas tradicionais da dereita española (reconquista de Perejil incluída) tivera un efecto aglutinador para unha esquerda mobilizada da man da nefasta xestión da catástrofe ecolóxica que ocasionara o afundimento do Prestige, e da obstinación por acompañar a Bush na aventura criminal e imperialista das invasións en Oriente Medio. O que puxera ao estado español no punto de mira do yihadismo. O aproveitamento dun ciclo económico expansivo e a entrada no Euro colocaran a xestión de Aznar a ollos de boa parte da prensa e chancelarías internacionais preto do “milagre”, aínda que dos custos sociais daquel crecemento se fale menos. Ao neofranquismo íalle tan ben como a etapa inmediatamente anterior ao tardofranquismo. Placidez e sensación de bonanza para o estómago agradecido, pero crecente inestabilidade sociopolítica. O obxectivo era borrar a propia política pero en democracia é imposible.

Visto o acontecido nas primarias do PSOE madrileño pregúntome como uns seres tan “endiañados” como Zapatero e Rubalcaba (este curtido en mil batallas nos escuros sumidoiros do aparello do Estado e capaz de planificar o 11-M para subvertir a orde constitucional, segundo a conspiranoia da Brunete mediática) non puideron evitar o triunfo dun líder emerxente como Tomás Gómez. Ao final, sen pretendelo (ou si?) e sendo unha operación democrática e mediática exitosa, puideran resultar mais perxudiciais para o PP do que espera.

Hoxe semella unha verdade incontestable que daquela imaxe de presidente fresco e que cumpriu axilmente a promesa de retirar o exército de Iraq, que recompuxo relacións cos veciños europeos, co Magreb e con Latinoamérica, que retou a unha Igrexa reticente a desvincularse do seu pasado nacionalcatólico mediante leis que estendían dereitos e liberdades para mulleres e homosexuais e lle restaba influencia no ámbito educativo, que visitou Mauthausen arroupado por bandeiras tricolores, que impulsou a Lei da Memoria Histórica e procurou potenciar a faceta federalizante do estado e o seu autorecoñecemento plurinacional, que intentou a paz en Euskadi mediante o diálogo e mantivo unha notable xestión económica acompañada dunha convencida sensibilidade social, cívica e tolerante co pluralismo, ata que estalou a crise, queda mais ben pouco. Pero sigue sendo o activo fundamental do PSOE. Era un home inexperto, reflexivo e de boas intencións, escudriñado e ben retratado por Suso de Toro no ensaio Madeira de Zapatero, cumpridor dos esquemas que tamén debuxaba o autor galego en Outra idea de España. Pero descubriu de súpeto a realpolitik. A crise e as consecuencias derivadas obrigan. Barren gobernos por Europa adiante tal cal naipes. Crise concebida e provocada por neocons para voltar reforzados.

A ofensiva implacable da que foi e é obxecto, os propios erros de cálculo e vacilacións e o desgaste inmanente ao exercicio do cargo fan deste o momento mais perigoso para a continuidade do proxecto político que encarna dende fai xa unha década. A dereita e os seus altofalantes seguirán insistindo na apertura dunha nova era, bautizada interesadamente como “o post-zapaterismo”. Pero cómpre recordar que a política é tamén un estado de ánimo suxeita a imponderables. En 2009 Rajoy era un cadáver político acosado en tódolos flancos, pero a vitoria inesperada dun Feijóo que se permite o luxo de non gobernar, o resultado nas eleccións europeas e a crise insufláronlle expectativas. Aínda que o momento non se preste ao optimismo todo pode cambiar unha vez mais.


Para acompañar: La maza-Silvio Rodríguez

No hay comentarios: