“La, La, La....”
Dúo Dinámico (non confundir cos castizos Paco e Carlos). Tema interpretado en Eurovisión ´68 por Massiel logo de apartar a Joan Manuel Serrat pola súa teima de facelo en catalán.
A crise económica supón unha crúa traxedia no inmediato, e tamén no longo prazo. Sabemos dende cativos que coas “cousas de comer” non se xoga, pero a desfeita definitiva diríxese principalmente ao cerebro dos que manteñen os intestinos cun réxime alimenticio rigoroso porque non queda outra, ou ao daquel que padece insomnio por mor das contas e se refuxia prendendo Telecinco, consumindo as miserias da “princesa do pobo” e amigos. Algúns deles, sen decatarse, futuros desposuídos. En realidade ninguén é alleo ao gran estrago do capitalismo ferido.
Débese lembrar sempre que na orixe desta colosal farsa instancias como a Unión Europea, o Goberno norteamericano ou o FMI extorsionaron ao Goberno español baixo ameaza explícita, consistente en desincentivar a inversión internacional para condenar o porvir, facendo posible así que entregase a bolsa (e as vidas de moitos) cunha cifra de 90.000 millóns de euros para salvar a caluga dos responsables da burbulla inmobiliaria (a banca) sen retocar a fiscalidade para as rendas mais altas nin crear impostos para as grandes fortunas, nin tampouco reducindo os orzamentos en Defensa (8.000 millóns anuais), os destinados a soster a Igrexa católica (6.000 millóns) ou a partida concedida graciosamente á Casa Real (9 millóns). Pasando por riba da democracia social nun alarde de violencia sistémica e continuada inaudita.
Saturno devorando aos seus fillos: namentras, cinco millóns de desempregados, traballadores precarios, autónomos, mozos e xubilados, dependentes, pequenos funcionarios e mulleres asalariadas pagan as consecuencias e séntense desconcertados, orfos. Mesmo enganados e vexados. É comprensible que o descontento sexa alarmante. Describe ben esta realidade Ignacio Ramonet nas liñas de Le Monde Diplomatique, no seu número de Outubro.
O contexto, como xa se ten repetido, é propicio para que agromen líderes políticos mediocres, irresponsables e sen escrúpulos. Propicio para que unha sobredose de populismo se estenda coma un cancro e termine por esgotar o pouco creto que queda na maioría das institucións democráticas, nomeadamente os partidos políticos. Esa peste justiniana percorre Europa enérxica e vertixinosamente, chegando ao Finisterre ibérico coa mesma forza destructora que por alá arriba. Na cidade de A Coruña (nome oficial, nada que ver coa súa pronunciación e/ou traducción a calquera idioma) apareceu unha versión ultramellorada de Sir Paco Vázquez, alcalde de alcaldes, tendo posibilidades certas de acadar o goberno de María Pita: Carlos Negreira (por qué non mudar a Negrera?).
Recordan a despedida do primeiro cando marchou ao Vaticano? Pescuden na hemeroteca si é preciso. “Suspiros de España” mais reivindicación de laísmo con Massiel como fío musical. Escopeta nacional. Esquezamos a tristura da crise cunha melodía alegre e animosa!
O candidato popular tira de estereotipado manual do bo coruñesista (o estereotipo nunca aporta nada) e presenta a súa candidatura coa proposta-estrela, envolta na eterna e artificial polémica: electoralismo do mais baixo perfil. Demagoxia de alto voltaxe. Clase maxistral, fast food, de como desviar a atención do que de verdade importa sen comprometerse coa política que merece a pena. E faino insinuando que é o mais fiel amante da súa cidade, o que mais se asemella ao cidadán-tipo. Vaia desprezo! Moi sabio e acaído o refraneiro popular cando fala do abuso: “Tanto lle quere o demo aos fillos que ata lles saca os ollos”. Aquí os ollos son a esencia dos lugares. O topónimo. O nome de seu.
Pasado o trámite das eleccións a promesa imposible caerá no esquecemento. Porque si seguimos a lóxica dos galegófobos, hoxe envalentonados e cebados pola crise, chegariamos a absurdos monumentais e retrocederiamos décadas. En branco e negro: ”La, la, la...”
No hay comentarios:
Publicar un comentario