Mostrando entradas con la etiqueta movemento estudantil. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta movemento estudantil. Mostrar todas las entradas

martes, 15 de noviembre de 2011

Normativa de Permanencia: movemento estudantil reactivado

É unha sensación compartida a de que o movemento estudiantil estaba fragmentado e practicamente desactivado no conxunto do Estado dende fai moito tempo, tamén en Galiza. A última etapa dunha certa efervescencia remóntase aos anos 90 e, despois, á etapa da loita contra a LOU e, en menor medida, na contestación ao Plan Bolonia. Dende aquela non houbera actividade significativa e en Galiza producíronse cambios, escisións e liortas entre organizacións nun contexto de atonía reivindicativa, fundamentalmente dentro do espazo ideolóxico nacionalista e de esquerdas, que é o maioritario entre os sindicatos de estudantes universitarios.

Coa chegada do novo equipo reitoral á Universidade de Santiago de Compostela e o intento de aprobar, pola vía rápida e sen diálogo previo, unha Normativa de Permanencia moi pouco flexible (en comparación con outras xa aprobadas) adaptada ao Plan Bolonia, que abundaría na precarización e tería graves efectos para os intereses dos estudantes e as súas familias (suba de taxas encuberta) xurdiu unha oportunidade para reactivar o movemento estudantil. Ao contexto de recorte orzamentario en políticas educativas hai que sumarlle a paulatina concienciación de cada vez mais amplos sectores xuvenís pola súa situación xeracional. É algo que non acontece só na universidade galega nin, tampouco, noutras españolas. Reino Unido, Colombia ou Chile (especialmente) están vivindo tamén procesos similares (todos eles moito máis masivos), e todos cun denominador común: a defensa do sistema universitario público nun contexto de crise das economías occidentais como non se recorda.

Na USC produciuse un feito que ten poucos precedentes na historia mais recente: o acordo unitario das organizacións maioritarias para combater a aprobación do proxecto. Liga Estudantil Galega, Comités, Movemento Estudantil Universitario, Sindicato de Estudantes e IESGA compartiron a necesidade de paralizar o procedemento previsto e forzar ao reitorado a negociar unha Normativa de Permanencia que satisfaga a tódalas partes. Houbo reivindicacións e diferentes actividades e mobilizacións dende o comezo de curso ata a chegada da Folga Unitaria do día 9 de Novembro, que supuxo un punto de inflexión, pola súa importancia e porque logrou arrincar o compromiso dun diálogo que ten que ser real. Non se sabe o que acontecerá nas próximas semanas ou meses, pero logrouse algo: reactivar, aínda que sexa mínimamente e de xeito incipiente, ao movemento estudantil despois de moitos anos. O que suceda a partir dagora é unha incógnita aínda que é probable que continúe habendo noticias das universidades, alomenos no futuro máis inmediato. Non é doado, cada vez menos, pero está nas mans dos estudantes auto-organizarse e manter viva a chama do movemento estudantil. En Galiza, e no mundo enteiro.

Algunhas novas relacionadas: