Mostrando entradas con la etiqueta crise. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta crise. Mostrar todas las entradas

lunes, 19 de marzo de 2012

Achégase a Primavera

Praza da Bastilla, Paris. 18-03-2012.


Convocatoria Greve Geral 22 de Março, Portugal.


Despois do "Maio indignado" de 2011 achégase de novo a primavera e a situación en Europa non mellora. Pola contra, empeora. De Grecia a Portugal ou a España (tamén haberá Folga Xeral o 29 de Marzo), pasando por Italia, a situación comeza a dar síntomas de verdadeiro cansanzo no corazón da UE. Francia incluída. Parece que se reconduce a indignación a través das canles convencionais, pero non hai que descartar a reaparición do Movemento 15-M, aquí e noutras zonas de Europa e do mundo, na procura dunha converxencia das loitas. Iremos vendo.

NOTA: dende o punto de vista do marketing politico e da eficacia propagandistica dos videos é moi importante ver como nos dous casos (o francés é brillante) remiten a un sentimento fondo e a un recordo popular na alma dos dous pobos. No caso francés á recurrente Revolución Francesa e á Comuna de Paris, no caso do video portugués coa música de Jose Afonso, remitindo, dalgún xeito, ao 25 de Abril. O video da Front de Gauche francés é boísimo dende ese punto de vista: nun minuto dío todo.

martes, 15 de noviembre de 2011

Normativa de Permanencia: movemento estudantil reactivado

É unha sensación compartida a de que o movemento estudiantil estaba fragmentado e practicamente desactivado no conxunto do Estado dende fai moito tempo, tamén en Galiza. A última etapa dunha certa efervescencia remóntase aos anos 90 e, despois, á etapa da loita contra a LOU e, en menor medida, na contestación ao Plan Bolonia. Dende aquela non houbera actividade significativa e en Galiza producíronse cambios, escisións e liortas entre organizacións nun contexto de atonía reivindicativa, fundamentalmente dentro do espazo ideolóxico nacionalista e de esquerdas, que é o maioritario entre os sindicatos de estudantes universitarios.

Coa chegada do novo equipo reitoral á Universidade de Santiago de Compostela e o intento de aprobar, pola vía rápida e sen diálogo previo, unha Normativa de Permanencia moi pouco flexible (en comparación con outras xa aprobadas) adaptada ao Plan Bolonia, que abundaría na precarización e tería graves efectos para os intereses dos estudantes e as súas familias (suba de taxas encuberta) xurdiu unha oportunidade para reactivar o movemento estudantil. Ao contexto de recorte orzamentario en políticas educativas hai que sumarlle a paulatina concienciación de cada vez mais amplos sectores xuvenís pola súa situación xeracional. É algo que non acontece só na universidade galega nin, tampouco, noutras españolas. Reino Unido, Colombia ou Chile (especialmente) están vivindo tamén procesos similares (todos eles moito máis masivos), e todos cun denominador común: a defensa do sistema universitario público nun contexto de crise das economías occidentais como non se recorda.

Na USC produciuse un feito que ten poucos precedentes na historia mais recente: o acordo unitario das organizacións maioritarias para combater a aprobación do proxecto. Liga Estudantil Galega, Comités, Movemento Estudantil Universitario, Sindicato de Estudantes e IESGA compartiron a necesidade de paralizar o procedemento previsto e forzar ao reitorado a negociar unha Normativa de Permanencia que satisfaga a tódalas partes. Houbo reivindicacións e diferentes actividades e mobilizacións dende o comezo de curso ata a chegada da Folga Unitaria do día 9 de Novembro, que supuxo un punto de inflexión, pola súa importancia e porque logrou arrincar o compromiso dun diálogo que ten que ser real. Non se sabe o que acontecerá nas próximas semanas ou meses, pero logrouse algo: reactivar, aínda que sexa mínimamente e de xeito incipiente, ao movemento estudantil despois de moitos anos. O que suceda a partir dagora é unha incógnita aínda que é probable que continúe habendo noticias das universidades, alomenos no futuro máis inmediato. Non é doado, cada vez menos, pero está nas mans dos estudantes auto-organizarse e manter viva a chama do movemento estudantil. En Galiza, e no mundo enteiro.

Algunhas novas relacionadas:

domingo, 9 de octubre de 2011

Os idealistas moven o mundo

Dedicado a Jose Luis Gómez, María Val, Xabier R Blanco, Silvia Carregal, David Lombao, Miguel Pardo, Noela Rey, Sonia Dapena, Sergio Barbeira, Lara Graña, Iago Martínez, Cristina Díaz Pardo, Mercedes Cernadas, Lucia L. Bayo e a tódolos traballadores, colaboradores e lectores do Xornal.

Houbo filósofos ao longo dos tempos que abordaron o devir histórico dende unha perspectiva cíclica. O napolitano Giambattista Vico, que logo influíra de xeito determinante nas obras de pensadores coma Montesquieu, Hegel, Marx, Comte ou Spegler, tiña unha visión circular debedora das filosofías orientais. Acreditaba no continuo retorno de épocas que establecían pautas parellas a outras anteriores (tamén nunha sorte de volta de líderes sociais e políticos) e non cría nun suposto progreso sen fin, entendido como a liña imaxinaria que avanza determinada pola senda da harmoniosa mellora colectiva. O certo é que nunca se repite exactamente pero si regresan tentacións e pantasmas, para ben e para mal. Como a de silenciar voces críticas. Xa sexa mediante a censura dunha orde arbitraria, prexuizosa ou inxusta, xa sexa coa sutil e fría censura que impón a ditadura duns balances economicistas que sacrifican a pluralidade informativa ou a cesión a presións políticas.

Nos últimos meses, especialmente, non deixan de concatenarse feitos, imaxes e narrativas que rememoran tempos xa vividos, coma se de ecos da historia se tratase. Tempos que un non coñeceu mais que pola literatura, o cine ou as reportaxes e documentais, e que tampouco ten demasiado interese en coñecer mais a fondo en carne propia. Penso que é unha sensación envolvente que agroma e que vai sendo, pouco a pouco, compartida. Incluso anunciada, cos pertinentes matices ideolóxicos, dende o corazón dun sistema que se sabe tocado (Obama: “la crisis en Europa está asustando al mundo”). Os actores mudan, as problemáticas soterran as raíces en novos e complexos fenómenos, aparecen novos riscos (peak-oil, precaria sostibilidade ambiental, etc...) e oportunidades, mais prodúcense situacións evocadoras doutras que ameazan con ser causa do triunvirato configurado pola loita de sempre: igualdade, liberdade e xustiza social.

Hai quen establece paralelismos e describe a realidade dos nosos días comparándoa coa fin do Antigo Réxime feudal, ou atopa vínculos coa etapa que vai da Gran Depresión ao estalido da sanguenta peste que supuxo a Segunda Guerra Mundial. Outros ven no substrato latente e imparable de efervescencia social resonancias do cúmulo de demandas que provocaron as axitacións de finais da década dos sesenta e 70´s. Todos eles períodos de cambios e mudanzas mais ou menos abruptas xestadas en contexto de importante florecemento científico-tecnolóxico que repercutiu tamén na maneira de comunicarse, compartir información e facer xornalismo. A imprenta foi revolucionaria, como tamén o foron a radio ou a televisión. Hoxe a arma, non hai dúbida, chámase Internet.

O mundo que herdamos xa é ben diferente ao que criamos que nos correspondía. Eramos conscientes (dende o egoísmo) das penurias de terceiros mundos, mais hoxe sectores amplos de poboación corren risco certo de ser expulsados tamén dunha vida digna (A OIT e a OCDE prevén que a taxa de desemprego continuará medrando a nivel global, e mesmo podería duplicarse), e poñernos dacordo na procura de responsables vai ser moi difícil aínda que dirixentes coma Berlusconi sigan no poder e brokers coma Alessio Rastani fagan declaracións de guerra aos pobos e alenten o éxito de mobilizacións como a prevista para o 15 de Outubro (“La crisis es un sueño para los que queremos hacer dinero”, “Los políticos no gobiernan el mundo, sino Goldman Sachs”, “Me voy a la cama cada noche y sueño con otra recesión”).

A política e a economía realmente existentes semellan estar, mais ca nunca, abocadas a un colapso que debera facernos repensar as cousas e procurar outros horizontes, pero nunca empurrarnos a comezar de cero. Neste escenario, os románticos e os idealistas abrollarán coma papoulas dispostos a defender e a imaxinar o que é de xustiza, hoxe fanada por elites ás que o xogo do Monopoly se lles foi das mans. Serán tan idealistas coma os que unha década atrás estaban convencidos de que un proxecto coma o de Xornal de Galicia era viable na nosa terra, e o mimaron todo este tempo. Despois da caída e de deixarnos orfos voltarán tempos mellores, e tamén para o xornalismo e a liberdade de expresión neste país tan contraditorio e tan de seu. Grazas aos idealistas que mantiveron e manterán vivo o espírito do Xornal, e imaxinan outro mundo e unha outra Galiza.

XORNAL

martes, 27 de septiembre de 2011

Mobilizacións e loita de clases

"Por qué te persiguen los asesinos pos–dictadores?Porque tú vienes con tu boca de vuelo popular, porque vienes de esos lugares “que a veces incluso se les llega a olvidar”. Oh, vienes con sus cantos de sueños despiertos. Y sueñas un horizonte rojo de alegría, de calor, de Revolución permanente. No el rojo de los pos-dictadores que edifican una larga muerte con sus guerras y sus leyes. Los pos-dictadores quieren matarte. Qué saben de la muerte: nada. Hay que enseñarles llevarlos a tu Universidad amorosa, entregarles los diplomas de la “solidaridad continuada”. Y un afiche que diga que los que murieron por el pueblo, están resucitados, hermosos, en el pueblo. Camila Vallejo Dowling, Rosa Roja, tu corazon de catedral nos cubre en este instante, como el firmamento. Desde Chile viaja tu palabra de bondad tus manos empuñadas de justicia. Y nuestra América lo siente y se despierta. Eleva tu fuerza en el aire y va más allá de la muerte y el “HOMBRE NUEVO” se levanta, no importa donde, tiene 1000 corazones y canta y marcha y grita tu nombre: Camila Antonia Amaranta Vallejo Dowling, ROSA ROJA, CORAZÓN DE CHILE"

Fíxose oficial: a “loita de clases” rexurde, se é que algunha vez se diluíra no espellismo da postguerra fría, neste Occidente que entrou de cheo en crise de civilización, como xa moitos albiscan, co estourido da fenomenal crise (máis quixeramos que só económica). A maioría dos académicos, políticos profesionais, medios de comunicación e boa parte dun ecosistema cultural que virara ao acriticismo, salvo contadas e honrosas excepcións, decretara e asumira a fin da historia e das ideoloxías como enfeitizados polo progreso e crecemento infinito, pero hoxe vóltase a falar de revolta, marxismo, compromiso ético e revolucionario e de necesidade de utopías para camiñar (como diría Eduardo Galeano) nun contexto, outravolta, de no future para toda unha xeración que, dende as loitas estudiantís que evocan e reivindican o legado de Allende en Chile ata Madrid, Barcelona, Atenas, Nova York, Tel Aviv ou a primavera mediterránea está demostrando non resignarse a vivir substancialmente peor que os seus pais por mor da avaricia descontrolada duns poucos especuladores e da complexidade de retos que afrontan as sociedades do SXXI. Ante estes, os que dominan ou ben miran cara outro lado ou recetan o xa fracasado pero máis cargado de bombo.

Nos Estados Unidos de América, berce da prosperidade, prodúcese unha situación que é unha verdadeira bomba de reloxería perante a cal a cúspide da pirámide social (en alianza coas grandes fortunas e os prebostes do reaccionariado) se nega, no máis remoto, a colaborar co fin de temperar o ánimo e a paciencia dun precariado ao que só lle falta ter conciencia definitiva do negro porvir ao que o empurraron irresponsablemente e que ameaza con facernos retroceder décadas. Non é de estrañar pois, que medre a porcentaxe de cidadáns que se declaran socialistas no país arquetípico do capitalismo. O multimillonario Warren Buffett aclárao: “claro que existe loita de clases, e ímola gañando”. O Partido Republicano, escorado á dereita e bebendo desa américa isolacionista e irredenta que atopa expresión na demagoxia maniquea do Tea Party, secunda a tese para complicar a reelección dun presidente demasiado europeo.

O panorama real alí configúrano 25 millóns de desempregados, 46 millóns de pobres e 50 millóns de persoas sen seguro médico. E estes datos ameazan con acentuarse e provocar unha fractura de consecuencias impredecibles. Así o anuncia a banca suiza que, nun escenario de posibles para os vindeiros tempos, como hipótese certa, prevé conflito social crecente con posibilidade de ascenso ao poder de gobernos fortes e risco de desordes severos nun horizonte que recorda ao dos anos 30 do século pasado. Nunca as desigualdades foran tantas alí nin a promesa dos pioneiros tan desatendida. Desta beira do Atlántico a situación é comparable e susceptible de empeorar.

E como mostra da insensibilidade da que fan gala dous lideres dos máis significativos da onda conservadora imperante, que se nutre da desesperanza, e disposta a que o peso da recuperación recaia nos de sempre, para manter a orde natural, recollo declaracións literais: “La educación es un bien de consumo” (Sebastián Piñera, Presidente da República de Chile) ou “La educación no debe de pagarse en todos sus tramos” (Esperanza Aguirre). Darwinismo social. Pinochet e Tatcher returns!

Como viñamos dicindo o proceso desocializador é imparable, e ven acompañado da criminalización de profesións indispensables para manter o estado social e dos seus instrumentos tradicionais de resistencia. Ten un duplo obxectivo: desviar a atención dos verdadeiros responsables da situación e confundir á opinión pública mais des-informada. Trátase de artellar e consolidar un novo verticalismo e o reino absoluto da flexibilidade, a temporalidade e o interinato. Pero os pobos sempre atopan vías para auto-organizarse. Noutrora as loitas foron de conquista. Hoxe serán de conservación mais de conquista dunha nova xeración de dereitos e liberdades nun período incerto e convulso, de transición e de aceleración histórica, que atende a cambios tecnolóxicos, enerxéticos, climáticos e de irrupción de novas potencias e actores internacionais. A mobilización social acaba de empezar e ven para quedarse por un tempo. Presúmese que tamén en España, aconteza o que aconteza nos comicios de Novembro.

XORNAL
MundoGaliza

miércoles, 27 de julio de 2011

A impostura sacralizada


Nos últimos días sentía unha ledicia contida ao ver que parte da sociedade, fundamentalmente unha pluralidade de cidadáns ligados ou non a partidos e outras organizacións de esquerdas, despertou/amos do letargo e comeza a reivindicar asuntos xustos ao fío do nacemento e repercusión do Movemento 15-M. Paralelamente pódese aledar un de ver como medios de comunicación comprometidos coas liberdades tratan sen revisionismos vergoñentos e mediante especiais temáticos, e especialistas respectables, a delicada época que vai dende a proclamación da II República ata o golpe militar-fascista de 1936, do que recentemente se recorda a efeméride e sobre o cal queda por investigar. Décadas despois afondase dende o des-apaixonamento que o tempo permite pero, ás veces, con mais terxiversación da debida e unha recorrente axitación do medo a non-se-sabe-qué válido para agochar de todo. Queda por facer na dignificación da memoria e da loita anti-franquista aínda habendo avances (sobre todo dende a presión e auto-organización das asociacións de vítimas e afectados), pero tamén hai que ter presente que 40 anos de réxime nacional-católico deron moito de si: desfacerse de documentación vital e construír un relato ideolóxico a medida dos vencedores que continúa sendo hexemónico foron algunhas consecuencias. Semella que os que gañaron a Guerra e a Transición toman posicións para gañar a que asoma.

19 de Xullo de 2011, Madrid, Congreso dos Deputados: setenta e cinco anos despois da traizón á legalidade republicana por parte dos salva-patrias de sempre presentase unha proposición de condena do “Alzamiento Nacional”. Ata o de agora unicamente o PP fora tan cínico como para evitar condenar en democracia o golpe, a represión e a ditadura. Pero consumouse outra que doe mais, se cabe, para quen se identifica cos valores da esquerda e o republicanismo: José Bono escondeuse detrás da des-contextualización do mítico discurso de Azaña pronunciado en 1938, e evitou introducir unha condena explícita do golpe de estado a petición doutros grupos parlamentarios. A bancada do PSOE de Pablo Iglesias aplaudiu no momento sen que aparecesen voces discrepantes relevantes. Nin tan sequera dende a federación catalá ou sectores mais esquerdistas. Nesa mesma sesión négase a posibilidade de reformar a pre-constitucional Lei de Amnistía, que abriría as portas a revisar xuridicamente os delitos impunes. Inaudito. É a sacralización da impostura histórica dende representantes de herdeiros do bando vencido. Nisto consistiu o pacto de silencio e a “reconciliación nacional”: aceptar dende institucións democráticas, por omisión, o ilexítimo como lexítimo e esquecer.

O momento é terrible para milleiros de familias e empresas: taxas de desemprego asfixiantes produto dun sistema de relacións laborais obsoleto, 10 % de persoas en risco de exclusión social, 9% de fogares nos que non traballa membro algún, 300.000 desafiuzamentos dende o comezo da crise, un 340% do PIB de débeda privada froito da burbulla inmobiliaria (o 82% da débeda total) a maiores dun proceso desocializador que tan só asomou a patiña á espera da “solución mariana” e dun posible rescate-estafa que pode iniciar unha fase de mobilización popular e sindical sen precedentes configuran un panorama no que falar do anterior parece unha frivolidade. Pero, un país pode artellar as expectativas de futuro sen render contas co inmediato pasado e que condicionan o presente? Comprenderíase algo así en Alemaña ou Arxentina? A alianza estratéxica das elites e forzas interesadas en manter o status quo e os privilexios é tan férrea que penetraron e chegaron a vampirizar organizacións que parecen coller o camiño da claudicación ata a desfiguración definitiva. Acontece na Europa enteira. De non reaccionar, cando sexan completamente irrecoñecibles será tarde para recuperar a confianza da base social natural, e cando volvan a reclamala sen rémoras ou circunloquios puidera dotarse de ferramentas alternativas.

Vendo a unidade de mensaxe da Banca, a CEOE, a cúpula do PP e sectores da esquerda política e mediatica acomodaticia (polémicos editoriais cebrianistas en 18 de Xullo inclusive) e, unha vez soterrado o vaudeville zapaterista, xa só resta esperar a que agromen e incorporemos por asentimento o mantra que todo resolverá: “gobierno de concentración nacional”, “pacto entre los dos grandes partidos que ponga fin a la fiesta autonómica”, “sentido común”, “coraje”, “duros sacrificios”, “empleados públicos vagos”, “copago sanitario”, “educación ineficiente”...e o que lle boten.

XORNAL

miércoles, 24 de noviembre de 2010

Decrecemento ou Lugano

Ao pouco de estalar a nai de tódalas crises no corazón do sistema alá polo 2008 tiven a honra de asistir a unha conferencia na USC que, por aquel intre, semellaba esaxerada nos términos que se produxo pero que resultou ser pouco menos que premonitoria. Era a filósofa e analista Susan George a que alertaba de que o que se achegaba agochaba unha magnitude moito maior da que comunicaban e transcendía. Asentaba as raíces na perversión dun sistema autodestructivo e negador da posibilidade de realización digna da condición humana, e situábanos ás portas dunha fase histórica convulsa e traumática a nivel global. A lóxica seguida, de non recibir contestación, conlevaría sí ou sí consecuencias impredecibles.

Atopabamonos ante un cóctel explosivo que unicamente podería superarse se os gobernos mundiais afrontaban drásticas e rápidas medidas ou, do contrario, encamiñariamonos cara un futuro pouco alentador: a crise financieira incipiente, a azoutadora de consciencias e crecente crise da fame no Sur (engordada polo secular e camaleónico expolio dende ese Norte que volve coñecer a fame) e a crise da sostibilidade ambiental e do esgotamento dos recursos. Todo baixo o paraugas dunha sorte de novo Prometeo representado, entre outros flaxelos intocables do credo ultraliberal, nos “mercados”. Crises que se retroalimentaban e que ameazaban con desestabilizar rexións e sociedades enteiras poñendo en perigo e desprestixiando a viabilidade das democracias occidentais tal e como as coñeciamos, hoxe convertidas en casinos para uns poucos. Saín dalí cunha sensación equiparable á que un experimenta cando olla filmes como Armaggedon, Deep Impact ou “cousas” dese estilo: non prestas maior importancia e reposte facilmente porque o susto dura o que dura o entretemento. Catastrofismo típico dun cambio de século, pensei.

Neste mundo que rescata a Irlanda ou a Grecia, pero non a Haití ou a Botsuana, merece a pena seguir de preto a tese e consellos do profesor de Ciencia Política da UAM, Carlos Taibo (situado en coordenadas ideolóxicas próximas ás de autores altermundialización e ecosocialistas significativos como Michael Löwy, por exemplo) cando fala da necesidade de amoldar as mentalidades e facer fronte á ofensiva dun sistema desbocado dende posicionamentos críticos e abertos ante o horizonte que se presenta. Sostén a idea de que, tradicionalmente, asociamos crecemento económico con algo saudable e desexable: prosperidade, felicidade, cohesión social, servizos públicos garantidos e tasas de desemprego razonables considéranse consubstanciais, como verdade inmutable, a ese concepto cegador.

Para el é hora de desbotar as supersticións e pasar a romper cos dogmas do discurso dominante incorporando praxe e literatura que propoña alternativas “emancipadoras”. Faise apremiante reducilos depredadores niveis de producción e do hiperconsumismo exclavista ao que aludía (en términos similares) Zygmunt Bauman, entre outros, para redirixir os esforzos cara a atención das necesidades sociais insatisfeitas e do respecto polo medio natural, favorecendo o reparto do traballo (englóbao todo no decrecemento).

Ante a desocialización precarizante que asoma por aquí, producto de 20 anos de economías sobredimensionadas e hoxe en risco de colapso (especialmente alí onde os anglosaxóns denominan de xeito despectivo PIGS), e o proceso de despece do estado de benestar trócase apremiante articular o rearme ideolóxico do movemento obreiro apoiándose na tarefa dos cidadáns do común e dos movementos sociais para resistir a ofensiva. Pode parecer arriscado e utópico despois da actitude acomodada da socialdemocracia europea nas últimas décadas, pero se non comeza a afrontar sen complexos a súa propia condición dialogando coa base social natural e potencial convertiráse en cooperadora necesaria do discurso superador das ideoloxías que defende o oligárquico poder real, o cal podería caer na tentación de recuperar o que Taibo califica como “darwinismo social militarizado”; aquel que, dende a sinrazón malthusiana, asegura falla absoluta de liberdades e de progreso para as maiorías. É decir: a volta ao fascismo, mais ou menos edulcorado. E pensar que o Informe Lugano parecía un bo guión de cine!