Rezan así as bandeirolas vermellas que penduran dun bo número de fiestras da zona vella compostelá por mor da visita fugaz que Ratzinger fará a Galicia na fin de semana do vindeiro 6 de novembro. Máis dun turista despistaráse ante tal diseminación. Convertéronse en todo un éxito de marketing e, aínda que empezaron a distribuirse en lugares de afluencia minoritaria, espállanse tal cal cogomelos. Será polo tempo, que lles é propicio. Non é para menos.
Redactar unha opinión ponderada sobre a Igrexa Católica é sempre un exercicio de equilibrismo con riscos e, xa postos, tampouco pretendo manter a equidistancia neste asunto. A organización (non así e, necesariamente, a fe mailo influxo inequívoco que esta tivo na cultura europea e occidental) arrastra unha longa e gris traxectoria (tamén, todo hai que dicilo, repleta de exemplos de solidariedade e compromiso social) e non faría falla botar man das enciclopedias mais completas para lembrar episodios infames como as Cruzadas ou a sempre latente pulsión maniquea, fonte inesgotable de violencia e conflitos, a obsesiva e inquisitorial queima de bruxas, a postura mantida nos momentos previos e ao longo da Guerra Civil española (“Que la ira de Dios caiga sobre España si la República persevera”, segundo o cardenal de Burgos Pedro Segura, en 1931), a bendición do franquismo ou mesmo a relación ambigua co nazismo. Para qué recordar todo iso?
Case é o de menos neste preciso intre. Pura anécdota, xa que o pasado non se pode mudar. O que si debemos é aportar un pouco de cordura, defender a racionalidade constitucional e tratar de superar conxuntamente traumas dunha Transición que, especialmente neste eido, se dilata no tempo mais do asumible. Porque non é xusto nin moral, tendo en conta o momento económico, que os custes da visita do xefe dun estado teocrático e antidemocrático se repartan por igual entre tódolos contribuíntes de xeito obrigatorio. Enténdese ben que a seguridade si, coma a de calquera outra viaxe dun xefe de estado ou de goberno estranxeiro, pero faise máis complicado cando, a maiores diso, o dispendio (3 millóns de euros de fondos públicos, 6.500 euros por minuto) se executa para recibir á cabeza visible dunha confesión relixiosa concreta. Mais aínda cando hai unha pluralidade delas e o fenómeno migratorio mudou por completo a nosa realidade. Onde vai o estado aconfesional? E a austeridade? Faríase o mesmo se o convidado fose o Dalai Lama ou o líder da igrexa maradoniana? Non abonda coa desmesurada financiación que reciben xa? Non deberían contribuír exclusivamente os seus fieis? A veces penso que, no noso nivel, a breve experiencia do goberno de progreso foi claramente insuficiente: Galicia recupera o seu estado natural, e volve a ser un ermo civil onde poucos alzan a voz ante os abusos.
A propaganda da Xunta quere vender que os beneficios serán altísimos e as contrapartidas pouco menos que infinitas: per saecula saeculorum. Todo un choio. Paco Vázquez asegura que a visita “non ten prezo”. Algo así como aquel memorable anuncio dunha coñecida marca de tarxetas de crédito. A ver se hai sorte e non se converte nunha ganga para os de sempre, como aconteceu en Valencia! Prefiro non pensar nos libros de texto que poderían mercarse para os colexios, o número de comedores escolares e liñas de Noitebús que poderían manterse ou as actuacións proveitosas para as maiorías que puideran acometerse.
É curioso e desalentador comprobar como a crise alimenta un discurso que incide na necesidade de erradicar as subvencións para axudar a soster ferramentas indispensables do sistema democrático (como son as televisións públicas, os partidos políticos, sindicatos, etc...) pero non plantexamos nunca deixar de invertir, con cartos de todos, en actos superficiais e para organizacións de cuestionable compromiso con ese mesmo sistema. Feijóo fala ultimamente de “autonomismo extrovertido”. Será todo esto exemplo de “liberalismo introvertido”, de “liberalismo invertido” ou mais ben unha calculada confusión e unha autopromoción mais? Porque non vexo liberalismo por ningures. Non sei vostedes se poden clarexarme algo. Con estes vimbios eu tampouco o espero.
Para acompañar: Sinead O´Connor-War