viernes, 18 de diciembre de 2009

Vinganza ou paciencia na estocada final?


Resulta unha posibilidade certa que o Tribunal Constitucional dictamine na dirección de desactivar por enésima vez a secular e lexítima aspiración dunha maioría do pobo catalán por lograr o definitivo recoñecemento nacional dentro do estado español, pero tamén se fai verosímil sospeitar que coa apertura decidida, e non por elo menos polémica, do debate sobor da abolición das corridas de touros nese territorio agrome unha especie de vinganza instrumentalizada e dirixida dende certos sectores da clase política, pero tamén arroupada por centos de miles de cidadáns mobilizados e sensibilizados, encamiñada a enfrontarse cunha das maiores e mais recoñecidas sinais de identidade da españolidade ou, sofismas a un lado, da ibericidade.

Non é esta unha discusión sinxela: ten matices e múltiples aristas. Moitos intereses de por medio e fondas e sólidas argumentacións para soster unha postura ou a contraria. Nin empecinamento progre, nin sadismo absoluto e sin sentido. O que semella claro é que nas sociedades civilizadas do século XXI medra paulatinamente unha consciencia portadora duns parámetros éticos que non admiten o espectáculo de maltrato e humillación (os defensores din que non é tal: que o animal, ou a fiera, morre con honra e mostrando a súa bravura) á que se somete o touro de lidia aínda que sacrifiquemos unha manifestación cultural ancestral, que se perde na noite dos tempos, e que poetas e artistas da sona de Rafael Alberti, Lorca, Picasso, Hemingway ou Goya interpretaron e souberon intelectualizar de maneira maxistral, universalizando un xeito específico e xenuíno de entender o estreito fío que separa a vida da morte e o diálogo cos devanceiros mediante un ritual tan brutal como incorrecto. É decir: a medio ou longo prazo o estado de opinión xeral irá consolidando irremediablemente posicións a favor da desaparición destes actos, o que para os esencialistas da España única e eterna resulta unha noticia tan desalentadora como estresante. Sendo quen propicia seriamente a apertura dun debate abocado a vencer no conxunto e no resto de lugares con maior ou menor afición á tauromaquia, pero situándoo en termos de aparente e silente despolitización, conséguese vingar unha honra catalana potencialmente ameazada: si nos non podemos ser nación si vamos ser os primeiros en provocar que se defenda a erradicación do principal símbolo e mito hispano. Pero primeiro en Catalunya. Aínda que penso que a estratexia é atrevida e comprometida, tamén creo que o resultado buscado caería polo seu propio peso...

Caería porque xa se produce un encaixe imposible entre a salvaxidade obxectiva das festas con touros cos valores do mundo actual a este respecto e, por eso, o debate da súa prohibición ou non solventaríase, ó meu modo de ver, sin necesidade de acudir a el pola vía da confrontación: deixando que o tempo fixera o seu traballo e abandonando políticas de subvención a este negocio. Cada vez hai menos xente interesada nos touros, pero si botamos man da prohibición podemos obter un efecto inverso ó pretendido porque, posiblemente, a liberdade dos homes sexa considerada un valor superior. Son dos que confía en que a, por min tamén desexada, estocada final está nas mans do tempo antes que nas das leis.

viernes, 4 de diciembre de 2009

Solución federal


Estariamos na irrealidade si non foramos quen de recoñecer e suliñar os logros en termos de progreso e benestar colectivo derivados da entrada en vigor do actual marco constitucional, tamén no que atinxe á descentralización política do Estado. Tampouco seriamos honestos con nós mesmos si non recoñeceramos os déficits, imprevisións e conflitos abertos dende ese momento por falla (deliberada) de concrecións como, por exemplo, no aspecto financieiro. Todo é perfectible. Pero para que unha sociedade avance en consoancia coas súas normas fundamentais e o seu tempo debemos estar predispostos e preparados para afrontar debates substanciais de xeito maduro evitando, no posible, calquer intento de tensión que sobrepase os límites aceptables en democracia.

Pode parecer inevitable un cercano futuro de palabras grandilocuentes e demagoxia barata servida no almorzo, no xantar e coa cea nas tertulias de radio, nas declaracións partidarias, nos editoriais de prensa ou telexornais, Salsa Rosa ou foros de internet onde o menosprezo ós “cataláns”, “vascos”, “galegos” e ós “españois”, de calquera das dúas xeladoras Españas, sexa a tónica habitual en cadanseu espazo e onde o menor atisbo de racionalidade entre o fogo cruzado de nacionalismos radicalizados, excluíntes e antagónicos coloque na sospeita permanente a quen ouse abrila boca. Debates decimonónicos, rancios...O de sempre, cos de sempre como anunciadores da catástrofe disgregadora.

Esta é a situación que se presenta si o TC resolve como se filtrou: manifesto encorsetamento normativo ante a dinámica de bloqueo político e fracaso, tamén manifesto, no noble intento “pedagóxico” de mudar a cultura política para ir conquerindo a aceptación dunha pluralidade e plurinacionalidade reforzadora e potenciadora dos mecanismos de cooperación multilateral que fose capaz de ir desactivando e invertindo a tendencia ó vitimismo duns nacionalismos que se retroalimentan visceralmente entre sí. En definitiva: síntomas claros de esgotamento no modelo do Estado das Autonomías, tal e como o coñecemos.

Ante o que para min é unha evidencia non hai unha receta única nin unha solución incontestada, pero si desdramatizadora: outros lugares do mundo souberon resolver este tipo de problemática adoptando a solución federal. Decididamente federal. A Historia mostranos como os proxectos maximalistas dos nacionalistas españois, sexa o unificador ou os periféricos, fracasaron. Pero a solución autonomista tampouco parece satisfacer...

O federalismo non é o punto de chegada que resolva o eterno problema do encaixe territorial no seo dunha realidade histórica e xeográfica, pero tremendamente plural como é España, senón un proceso e, ante todo, unha conducta baseada na reordenación e revisión constante dos pactos e dos acordos entre iguais. Tamén na corresponsabilidade. Maior e mellor democracia unindo na aceptación dunha diversidade recoñecida e defendida por todos, aínda sendo asimétrica, e fomentando a efectiva participación cidadá. Difuminando as tradicionais estructuras sustentadas nas vellas xerarquías piramidais para entender as relacións de maneira horizontal, como xa as entende a sociedade cosmopolita do noso tempo: en rede. Desbotando e difuminando conceptos obsoletos, como o de soberanía. Outorgando confianza e mutuo recoñecemento entre poderes locais e central. Sendo máis eficaz, flexible e económicamente sustentable, ou viable...

En resumo: resulta, para min, a fórmula axeitada para articular o funcionamento cotiá nos estados occidentais do SXXI. Na miña opinión é a reforma pendente e necesaria. Non é novidosa, pero ante a tentación recentralizadora e as veleidades independentistas presentarase cedo o momento oportuno para acometela.

miércoles, 25 de noviembre de 2009

Eterna discussió

(artigo que se publicará en Xornal.com tomando como base outro xa publicado en A Mariña sobre o asunto, titulado Mais Democracia, e tamén colgado neste blog)

Nestes días de filtracións periodísticas e rumoroloxía variada sobor da Sentenza non deixa de sorprender a constatación de que dende diversos sectores se asume o galopante deterioro do respecto polo proceso democrático. Sempre se alertou da politización da xustiza e da xudialización da política pero finalmente, semella que é inminente a chegada do fito que vai marcar un punto e a parte para o Estado das Autonomías. Un novo e incerto ciclo na democracia española. O Tribunal Constitucional, a máis alta instancia do ordenamento con capacidade de interpretación da CE1978 emitirá a que vai ser, moi probablemente, a máis controvertida das súas sentenzas dende a creación do órgano. Son moitas as voces que se atreven a vaticinar o resultado, facendo honra á patoloxía patria de querer ser máis papistas que o Papa. Cada español leva un seleccionador de fútbol dentro e parece ser que, agora tamén, unha irrefrenable vocación xurídica. Emerxe sempre en época de tribulación, cando cabe a posibilidade de ferir o orgullo da gloriosa e única nación.

Bótase man do dogma, da máis infantiloide literalidade e das interpretacións máis restrictivas e conservadoras para contradecir o que un 90% dos representantes do pobo catalán acordaron, e o mesmo refrendou, co beneplácito e aprobación das Cortes españolas en 2006. Son fogos de artificio cara á galería, presións políticas dirixidas a uns maxistrados que teñen entre mans unha decisión histórica e de calado: confrontar lexitimidades, creando así un conflito de envergadura que tarde ou cedo deviría nun delicado proceso de reforma constitucional e da propia institución, ou optar por unha interpretación aberta e flexible, en consoancia co espíritu do texto, que abra as portas ó desenvolvemento pleno da faceta federalizante do Estado. O Estatut leva tres anos aplicándose e, como dixera o Ministro de Xustiza: “España non se rompeu”. ¿Por qué temer tanto ó presente, a un feito consumado? ¿Por qué temer un futuro de soberanías compartidas, no contexto dunha Unión Europea que, si algo é, é precisamente eso? ¿Ou é que rende máis alimentar os vitimismos nacionais centrífugos e centrípetos? ¿Por qué Catalunya non, e Valencia sí? Non deberan algúns rasgarse as vestiduras, nin poñela venda antes da ferida, pois todo se resolverá mediante os canles democráticos: acatamento sí ou sí da sentenza, pero con diferentes e comprensibles consecuencias políticas dependendo do sentido da mesma. Cabe a posibilidade de que algúns puntos do articulado poidan ser retocados ou matizados, algo asumible, pero ¿por qué suprimir partes do preámbulo cando este carece de efectos xurídicos? Suprimindo o termo nación, ¿deixará o pobo catalán de considerarse a sí mesmo como tal e como, tamén históricamente, expresou vontade? Coido que non. Será volver a comezar no bucle do diálogo de sordos. ¿Hai detrás outros intereses mais utilitaristas como, por exemplo, unha eventual escalada de vitimismos capitalizados electoralmente por CIU e PP para, chegado o momento, reeditar un Majestic II?

Un pode ter a sensación de que esta discusión é de actualidade, pero non: é vella. É eterna. Levámos séculos discutindo como encaixalo puzzle. Uns non queren, outros non deixan. As consecuencias políticas, sexan cales sexan, deberian resolverse mediante a política, e con máis democracia. Sin estridencias, aínda que algúns se sintan cómodos nelas...

viernes, 20 de noviembre de 2009

Morreu Franco?


Algo non se fixo de todo ben nun país onde trinta e catro anos despois do calmo pasamento dun dos mais abxectos traidores e ditadores do século XX se celebra misa solemne para honrala súa memoria e a súa destructora obra, onde organizacións continuadoras da súa simboloxía e conglomerado de ideoloxías totalitarias son incuestionablemente legais e onde boa parte dos medios de comunicación prefiren, nin tan sequera, lembrar a data e a figura coa excusa de non remover demasiado vellas pantasmas. Existe aquí, ó meu parecer, unha profunda equivocación que ten moito que ver coa suplantación ideolóxica e a impostura histórica á que nos levaron décadas de esquecemento forzoso pois nun país sen consolidadas estructuras sociais que asumen, por acción ou omisión, tentacións involucionistas o 20-N debería ser día festivo. Aquel de 1975 precipitou o primeiro dos pasos no camiño da traballada recuperación da liberdade e dunha democracia non outorgada de xeito benefactor dende o interior do rexime, como algúns pseudohistoriadores de éxito en ventas e autoproclamados liberais sosteñen sin vergoña, senón pelexada e conquerida polo pobo.

Algo non se fixo de todo ben cando sentenzas xudiciais argumentan, a día de hoxe, que a lingua galega é inútil e, por mor delo, a custodia do fillo correspondelle ó pai que non quere velo escolarizado nun sistema bilingüe, ou cando determinada Igrexa obstínase en que os representantes de todos lexislen en base ós seus preceptos morais, ou cando rúas e prazas públicas levan nome de xerifaltes do franquismo, cando non do propio ditador. Imaxinan, nunha praza berlinesa, unha estatua de Hitler ou de Stalin?

En algo nos debemos trabucar cando se entrevista a un bo número de alumnos de secundaria e a maioría só sabe decir que: “Franco foi un home que gobernou España durante moitos anos, e a salvou dunha catástrofe”. Falla algo tamén cando na maioría destas aulas nas que se imparte Historia Contemporánea de España non se chega ó ano 1931. Nin se chega, nin se quere chegar. É tabú. Mellor non saber...ou xa o saberán despois pola súa conta! Non saben que a súa ambición e fanatismo, e o odio que se extendeu naqueles anos, propiciaron que este país se convertese nun enorme camposanto onde aínda fican soterradas preto de 150.000 persoas. Outras exiliadas. Outras esvaecidas nos campos de concentración... Pero o peor é que nin saben, nin lles deixan saber. Esto é o que alimenta ás pantasmas. Franco morreu, pero está morta a pantasma do franquismo?

jueves, 12 de noviembre de 2009

Res publica ameazada


O pasado Luns día nove o ex-ministro de Xustiza e portavoz do PSOE no Parlamento Europeo, o canario Juan Fernando López Aguilar, tivo un acto na Facultade de Ciencias Políticas da USC coa fin de presentar o seu último traballo publicado e que leva por título La aventura democrática. Os que tivemos a sorte de asistir comprobamos como este home é alguén afastado do profesionalismo e atípico no mundo da política: caricaturista con vocación de arquitecto, xurista, aficionado á musica e a literatura e, á fin, un intelectual comprometido cos valores cívicos, republicanos, laicos e co tan denostado ben común. A súa figura agrándase no clima actual de desafeción e desconfianza xeral pois fundamentalmente veu a reivindicar, perante mais dun cento de estudantes críticos por natureza, a política con maiúsculas e a súa necesaria dignificación como única táboa de salvamento na que confiar a resolución de problemas que nos atinxen. Foi unha actitude valente tendo en conta a situación que se vive en Galicia, no estado, na UE e tamén globalmente.

As tentacións populistas e involucionistas alimentadas pola crise socioeconómica, a irrupción en escea do neofascismo e distintas versións de dogmatismo, fanatismo ou intolerancia, a obxectiva degradación do debate público xunto co pavoroso papel duns mass media idiotizadores e banais, que empuxan ó individuo ó aillamento das redes activas de solidaridade e de participación democrática e que o sitúan na irrealidade, foron os eixos centrais dunha presentación ocupada e preocupada por inculcar nas camadas xuvenís alí presentes a necesidade de anovar o contrato cunha res publica fragmentada e asediada. Si na etapa tardofranquista e na pelexada restitución do réxime de liberdades o lema fora: non te metas en política, por mor do medo atávico dunhas xeracións que asumiran que o activismo era o camiño certo e ineludible ó desprestixio, o cárcere ou o paredón despois da implacable represión e ditadura parece ser que, a día de hoxe, vivimos inmersos no rexurdir de vellos chamamentos por parte dos que aspiran a desfigurar a esencia da democracia para ter mans ceibes e decidir á marxe dos cidadáns e, especialmente, dunha mocidade con inquedanzas e vontade de dar o mellor de sí mesma para manter, e seguir construíndo, un espazo ampliado e mellorado de convivencia e de progreso no que mereza a pena vivir.

Militar nun partido político tradicional non é a única vía, nin o único instrumento posible que permite implicarse para evitar o naufraxio do sistema de dereitos e liberdades pois existen multitude de organizacións e fórmulas de participación efectiva dende as que resistir o envite destes interesados en desprestixar o público e a preocupación polo social. Os gobernados teñen que consentir ós gobernantes, pero tan só ata onde aqueles lles permitan. Que caiamos no distanciamento e na apatía, aínda que os tempos chegados sexan duros e difíciles, é o que algúns pretenden.

jueves, 5 de noviembre de 2009

Barack, ano I


Doce meses despois da entusiasta e masiva mostra de execución da democracia que significou a elección de Obama como o 44º presidente dos EUA poucos dubidan, sexan escépticos ou non coa súa figura, da transcendencia e envergadura do mito. Do fenómeno. Alén do conseguido ata o momento, como revolucionar a tradicional percepción que as masas e a opinión pública global tiñan sobre o liderado e a política nun contexto de formidable expansión das novas ferramentas de comunicación social, implicando a millóns de cidadáns do planeta e facéndoos copartícipes dun fito histórico que se proxecta nun futuro que ten como obxectivo cambialo mundo, aparece con maior empuxe a incógnita de si o home será capaz de estar á altura do propio mito.

Unha afamada columnista do New York Times (Maureen Dowd) resume o que vai de mandato, dende unha visión cortoplacista e un tanto pesimista, así: “quen prometeu a revolución ténse que conformar con xestionala adversidade”, ou o que os norteamericanos denominan “unha perfecta tormenta de calamidades”. Con todo, algo de realidade hai detrás desta afirmación pois son tan magníficos os asuntos que a súa Administración ten que abordar que, inevitablemente, seguirán emerxendo sombras, erros e frustracións. Recibiu en herdanza o paso polo poder do peor presidente que se recorda: dúas guerras abocadas a eternizarse, caras e cruentas, coas políticas do medo e de restrición das liberdades que levan aparelladas, a maior crise económica dende os anos trinta, un mundo desconfiado e en galopante tensión e renovada carreira de armamento, e uns EUA manifestamente deprimidos e desorientados: fracturados socialmente e irreconciliablemente divididos no plano ideolóxico. Sen grandes logros tanxibles, foi quen de ir dando forma ó novo paradigma (dialogante e multilateral, soft power) e xerar, mediante esforzos diplomáticos e influíntes discursos, como o de O Cairo (dunha retórica impensable fai un tempo) confianza no seo da comunidade internacional á par que deseñou o que deberá ser unha saída responsable, sensible e sostible do pozo económico. Europa seducida e entregada, Latinoamérica respira logo de séculos de opresión e inxerencia, o eixo do mal desaparece como concepto, Rusia móstrase colaboradora, relacións constructivas en Asia, propósitos de arranxalo enrevesado conflito de Oriente Medio, etc...Cambios substanciais respecto do antecesor, e da forma de facer política nas últimas décadas.

O recentemente falecido antropólogo Levi-Strauss afirmara: “a humanidade está constantemente ó servizo de dous procesos contradictorios: un tende á unificación, o outro á diversificación”. O mundo que lle tocou a Obama estaba representando, no seu punto álxido e como sanguinaria traxedia, esa constante pero por vez primeira semella que ós mandos está alguén que o comprende e afrontará, para mitigalos seus efectos destructores. Que dure!

domingo, 1 de noviembre de 2009

Resistencia feijooniana


Vai pouco máis dun semestre de lexislatura en Galicia e pode palparse un feble descontento entre espazos de cidadanía diversos no ideolóxico pois, ademais de promesas incumpridas e conselleiros xa amortizados, cada vez vese mellor como as eficaces insidias de última hora (cociñadas nos fogóns da maquinaria electoral do PPdeG coa colaboración ¿impagable? de medios de aquí e de Madrid) tiñan como único obxectivo desaloxar ó goberno de progreso para ofrecernos o nihilismo máis absorbente e literal: o poder polo poder, porque os de sempre cren que lles pertence, independentemente das eivas na acción do executivo bipartito.

Vendeuse a exigua vitoria como a restauración da maioría natural e a losqueada oportuna a un Zapatero exhausto naquel intre, só que propinada na faciana duns cidadáns galegos hoxe desconcertados coa ampla gama de decisións deslavazadas e descoordinadas, e sonadas rectificacións, mandatadas dende que o gabinete austero de Feijóo tomou as rendas do suposto desgoberno e comezou a materializar a súa particular cruzada: intentar desdebuxar sinais de identidade e especificidade propias á par que se recúa nas conquistas sociais e na necesaria profundización no Estado de Benestar, incorporando tamén vellos tics: abusos antidemocráticos por parte dunha RTVG obscenamente anticultural, sectaria e partidista. É tal a deriva, e a velocidade coa que se acometen graves medidas de contrarreforma e mediocridade, afectando a tantas materias, que colocan ós adversarios da oposición no perenne noqueamento provocando que proxecten certa imaxe de impaciencia.

O feito de que fose importante a relevancia acumulada no conxunto da política estatal fai do noso país o banco de probas no que se implementan políticas dunha futurible Moncloa popular que chegará tarde ou cedo, cando a revolución conservadora se consume grazas á degradación democrática, agudizada polo contexto de crise global e sistémica. Unha revolución sen ideais nin dogmas aparentes, que non contesta a modernidade, pretendidamente ecléctica e apolítica, incluso sensibilizada co asunto ambiental, pero que dirixe con precisión quirúrxica o retroceso en dereitos e o recorte de finanzamento público para educación, sanidade e outros piares a desmantelar nun estado, como é o español, en subdesenvolvemento social obxectivo se o comparamos coa media dos veciños da súa contorna. Unha revolución soterrada: facendo equilibrios para desleixar a rancia tradición no moral, pero botada en mans do paleoespañolismo máis folclórico e abafante e, por suposto, do mercado e as súas forzas.

Namentres o resto do planeta se pregunta como reinventarse, aquí o neoliberalismo resistirá ata a derrota final aínda que algún dos seus principais valedores, como Rodrigo Rato, entrase en crise de fe e poña en cuestión a súa vixencia para esta nova era.

martes, 27 de octubre de 2009

Os amos do mundo



Quen manexa os fíos de poder, a opinión pública e quen decide quen morre e quen vive no planeta?

miércoles, 21 de octubre de 2009

Vergoña e sectarismo na TVG



Non ó sectarismo na TVG. Carlos Luís Rodríguez debería ser cesado pola actitude mantida nesta entrevista a Carlos Callón, tan pro-gubernamental. Galicia necesita unha RTVG informativa, imparcial e sin manipulación. Non a outra Telemadrid!

viernes, 16 de octubre de 2009

Fascismo Armani


O Premio Nobel de Literatura de 1998, o portugués José Saramago, ven de facer unhas contundentes e esclarecedoras declaracións públicas a respecto da pintoresca situación política que se vive na República italiana dende fai anos, pero que se viu agravada nos ultimos tempos. Son feitas por alguén sen ataduras e cuxa autoridade intelectual está fóra de dúbida: “Estou convencido de que Berlusconi quere reimplantar o fascismo en Italia. Non é o mesmo dos anos trinta, de camisas negras e brazos estendidos, é o fascismo de corbata Armani”.

É digno de celebración que se comece a chamar ás cousas polo seu nome. As evidencias están aí, e calquera demócrata do mundo se ruboriza coas indignantes actuacións, e as continuadas proclamas, deste patético ególatra. Calquera demócrata do mundo se debera solidarizar co pobo italiano que está padecendo, en certa maneira co seu consentimento, un dos xefes de goberno máis reaccionario, vulgar e populista dos que se recorda na historia recente de Europa.

Este corrupto e estravagante personaxe conta con dous poderosos aliados para subvertir, de xeito sibilino, a orde constitucional co fin de deconstruír ó seu antollo o sistema democrático: A Igrexa Católica e o conglomerado de mafias que infestan a economía e a sociedade daquel país. Conta, ademáis, coa axuda inestimable dun sistema electoral moi deficiente, unha galopante fractura social, unha oposición incapaz e dividida e o control total dunha parte importante dos medios de comunicación, que non cumpren o seu cometido. Non é que sexan condescendentes co poder que representa todo o movemento ligado á figura do megalómano Silvio: son directamente cómplices, servís e propagandísticos.

Un machismo furibundo barnizado de galantería, un odio declarado ó diferente, sexa homosexual ou inmigrante, un vitimismo nacional ben instrumentalizado e unha guerra declarada á xudicatura e ás leis conforman a base material do seu discurso: “Son demasiado bo e xusto”, “son o mellor presidente da historia de Italia”, “os xuíces roxos queren acabar conmigo para que a esquerda se faga co poder”, “unha verdadeira democracia non pode basearse nunha orde que carece de lexitimidade popular (en referencia ós maxistrados que revocaron a inmunidade autootorgada)” son algunhas das súas perlas máis recentes.

Unha mistura de envexa e fascinación parece envolver as mentes dunha sociedade civil amordazada e obxectivamente enganada polos manexos escuros dun home sumido na insultante dobre moral. Os gobernos da Unión Europea deberían comezar a marcar distancias con alguén tan perigoso, e non reirlle as gracias. Aínda que leve corbata.

miércoles, 14 de octubre de 2009

Detención Mesa Nacional de Batasuna



A última intervención deste documental, feito fai case 2 anos, mostra o camiño a seguir para intentar poñer punto final a medio século de conflito. A historia non se repite, pero de ela pódese aprender.

Jethro Tull-Thick as a Brick (adicado a Ricardo Costa)



Un novo son para Jeu de Paume que serve, de paso, para adicarllo a Ricardo Costa e á mafia Gürtel. Costa cree que "en el Partido Popular la fiesta no se acaba nunca". Algúns pasaxes do tema din así (en castelán):

Thick as a Brick-Denso como el ladrillo.

Así pues os lanzáis a través de los campos y
hacéis negocios con el ganado y
vuestros hombres sabios no saben lo que se siente
cuando se es duro como un ladrillo.
Y las virtudes se desploman como castillos de arena
con la destructiva marea
la confusión moral.
La elástica retirada indica el final del juego
Al igual que la última ola descubre
comportamientos de última moda.
Pero tus zapatos nuevos tienen los tacones gastados
y tu bronceada piel se pela rápidamente y
vuestros hombres sabios no saben lo que se siente
cuando se es duro como un ladrillo.

Y el amor que siento está cada vez más lejos:
Soy un mal sueño como el que tuve hoy
y mueves tu cabeza, y dices que es una lástima.

Hazme volver a los años
y los días de mi juventud.
Descorre las cortinas de encaje negro
y suelta toda la verdad.
Llévame a los tiempos pasados:
déjales cantar la canción

¡Mira! Ha nacido un niño
y le declaramos apto para luchar.
Tiene espinillas en los hombros
y se mea por la noche.
Haremos de él un hombre
metiéndole en el negocio,
le enseñaremos a jugar al Monopolio
y a cantar bajo la lluvia.

El poeta y el pintor
proyectando sombras en el agua
mientras el sol juega con la infantería
a su regreso del mar.
El mercenario y el pensador sin concesiones mutuas
como la luz del ocaso ilumina
la creencia del mercenario
El fuego del hogar encendido:
la tetera a punto de hervir
pero el amo de la casa está lejos.
Los caballos patean, su cálido aliento empaña
el desabrido amanecer del día.

Y el poeta levanta su pluma
y el soldado envaina su espada.
Y el más joven de la familia
actúa con autoridad.
Construyendo castillos a la orilla del mar,
se arriesga a que la tardía marea
los arrastre por completo....

jueves, 8 de octubre de 2009

Gürtelandia



Téñome referido en ocasións á berlusconización da política española, á revolución conservadora en marcha, a os de sempre como aqueles que na historia deste país nunca acreditaron, e de feito combatiron, nas institucións democráticas nin na súa mellora continua.

Fortalecer o estado de dereito vai contra dos seus inmediatos intereses e habilitar, e garantir, canles de participación efectiva máis mecanismos de control real do poder político, descentralizalo e achegalo ós cidadáns é, para eles, un ataque á inmunidade que lles brinda unha partitocracia decadente. A seguridade de todos é inversamente proporcional á súa propia.

Co que vamos sabendo estes días polos medios, a tenor do Caso Gürtel, enténdese mellor a crecente desafección política entre as capas maioritarias dunha poboación apática que asumiu unha desideoloxización irresponsable debendo decir que, aínda que soe pesimista, son dos que cre que se dan condicións obxectivas para seguir avanzando por esta perigosa senda namentras non anovemos o compromiso coa res publica, preferentemente dende o plano da búsqueda de novas formas de facer política, e dende a formación. Ó abeiro das leis liberalizadoras do solo, as que posibilitaron que a especulación e a burbulla inmobiliaria medrase temeraria e exponencialmente ata rebentar, anidaron toda unha serie de prácticas egoístas e carentes do máis elemental dos escrúpulos ou do sentido da ética, e tamén emerxeron multitude de redes mafiosas que penetraron ata o corazón do sistema.

España, nunha década aproximadamente, convertéuse nun extenso paraxe de novos ricos e de individuos sin valores que utilizan a democracia tan só en beneficio propio, non como medio para facernos a todos máis prósperos e libres. O caso paradigmático é o do valenciano e supermegapijo Ricardo Costa, e os seus amiguiños: esta clase de políticos non o son polas súas dotes oratorias ou virtudes intelectuais, non o son polas súas actitudes e aptitudes, ou polo seu sentido de pertenza a unha comunidade, máis alá do patrioterismo máis infantil e superficial. Pervirten o concepto clásico da política, profesionalizándose de xeito insultante, e actúan como depredadores da riqueza colectiva co fin de acumular poder e influenza tan só para fardar de peluco ou de luxoso automóvil sinistrado entre eles mesmos. A ver quen a ten máis longa! Chámame Don Vito! Comprobamos que velinas tampouco lles faltan. Sin tetas non hai paraíso.

Todo esto retroalimenta os vicios do sistema e abre o camiño á dexeneración democrática, pois quebra unha das premisas básicas, pero intanxibles: a necesaria confianza entre gobernantes e gobernados.

sábado, 3 de octubre de 2009

Lula e Brasil


A organización dun evento como é, nos nosos días, uns Xogos Olímpicos representa algo de enorme relevancia para a proxección global dunha cidade e dun país. É o escaparate perfecto.

Está moi documentada a relación inevitable entre a política internacional e o olimpismo moderno, e hai anécdotas épicas na historia do deporte olímpico que son tamén Historia, sinxelamente. Ocorre coma co xadrez. Moitos reximenes, e países con maior ou menor grado de poder específico, tiveron a oportunidade de mostrarlle ó mundo a mellor das súas caras co gallo da súa celebración. A Alemaña nazi fíxoo, non sin polémicas, en 1936. En 1980 foi a capital dunha decandente URSS a que tratou de trasladar unha imaxe de fortaleza e vixencia comunista. Barcelona 1992, unha década despois do Mundial de fútbol de Naranjito, supuxo unha aposta segura para decirlle ó mundo, dende Catalunya e España, que xa a democracia estaba asentada e comenzabamos a ser unha sociedade moderna e, posiblemente, teñan algo que ver con aquelo os éxitos deportivos que vemos nesta xeración de españois. Foi o noso salto adiante. Tamén serviu, como sempre serve, para inflinxir un lavado de cara á cidade, remodelala dende o plano urbanístico e arquitectónico. Permitiu darlle unha maior proxección exterior atraendo turismo e, en certa maneira, mudou a estrutura do tecido productivo. Os recentes xogos de Pekín tan só foron o preludio da recente manifestación de poderío político e militar dunha China cada vez máis e máis influínte na orde internacional.

Así pois estes magníficos eventos deportivos, e a súa repercusión, indubidablemente se relacionan coa xeopolítica, dando conta tamén da realidade económica na que nos movemos. Por eso, que fose Rio de Janeiro a candidatura escollida para 2016 ten tamén unha lectura neste sentido: significa a extensión efectiva do “dereito” á súa organización por unha emerxente potencia dun continente que cada vez ten máis que decir e aportar. O ideal do olimpismo comeza a ser posible, e tan só quedaría un país do continente negro para que os cinco aneis tiveran a súa oportunidade. Grandes empresas multinacionais están desexando invertir no Brasil, un país cunha chea de potencialidades no SXXI. Ordem e progresso.

Dixen nalgún outro momento que Lula, xunto con Sarkozy e Obama, sería un dos líderes mundiais a ter moi en conta nos vindeiros anos. Penso que a súa verdadeira proxección, a aceptación real da súa influenza, comenzou este venres en Copenhaghen, pero aínda lle queda un longo percorrido. É un líder con empaque, con credibilidade e suficiente sensibilidade social. Foi quen de conseguir, coa súa determinación, un fito histórico: colaborar, de xeito crucial, para que o seu país sexa tido en conta no futuro.

jueves, 24 de septiembre de 2009

Doutrina buenista



Sempre se dí que as segundas lexislaturas dos Presidentes do Goberno español veñen marcadas pola preocupación da súa proxección exterior e pola concreción das liñas mestras da súa acción a nivel internacional. Para o actual Presidente ese momento chega nunha delicada situación no plano interno pero, ó mesmo tempo, preséntalle unha inmellorable oportunidade para relanzar o seu liderado en Europa e no mundo.

Os acontecementos dos últimos tempos, principalmente o que significa a chegada de Obama á Casa Blanca, reforzan a idea de que Zapatero, cando menos en materia de relacións internacionais e non sin contestación, foi un adiantado ó seu tempo e defendeu antes, como agora, a aposta por unha gobernanza global equilibrada e responsable, multilateral e máis xusta, orientada á resolución colectiva dos conflitos. Defendeu, e defende, a preponderancia da ONU como principal garante do mantemento da paz e da seguridade e o establecemento, na prioridade da axenda, dos asuntos vinculados ó medio ambiente nunha visión integral que ten como fin esencial reducir as desigualdades e construír, no século XXI, o que no século pasado parecía unha quimera.

A etapa de Bush fora a antítese manifesta de todos e cada un destes principios, representando unha triste dexeneración das ambicións imperiais, e do propio poder. George Bush foi un negacionista militante do cambio climático, un axente activo na deslexitimación do diálogo en favor da guerra preventiva e, a chegada de Obama e as súas apostas, abren o camiño a un compromiso corresponsable, centrado e inspirado na defensa dos dereitos humanos e nos valores da Carta das Nacións Unidas.

Na súa primeira intervención diante da Asamblea Xeral da ONU o presidente estadounidense enterrou definitivamente as teses do seu predecesor, pero son tan solo os feitos, e as decisións concretas, a vara fiable pola que medir no sucesivo os resultados do que sostivo en Nova York. Non é mal síntoma que, ante o sucedido en Honduras, se optara pola vía da legalidade e o non-recoñecemento das autoridades golpistas. Tampouco o é que se poña como horizonte o cumio de Copenhague. Puideran ser por fin os días nos que se comecen a adoptar compromisos serios en materia de emisións de gases de efecto invernadoiro.

O que moitos calificaban de buenismo é hoxe doutrina internacional. O que pasa é que hoxe todos se apuntan a este carro cando, no pasado, só os valentes o fixeron.

miércoles, 9 de septiembre de 2009

Respectar o puño


Pode parecer un debate insubstancial e o máis cómodo é abstraerse del pero, unha vez aberto, pasa de ser estéril a transcendente. Cando se ofende, se minte conscentemente e se atacan símbolos alguén debería defendelos e centrar as cousas.

O fin de semana pasado os socialistas celebraron a tradicional festa mineira na localidade de Rodiezmo (León), onde se congregaron miles de militantes e simpatizantes das organizacións UGT e PSOE. Como é habitual, ó rematar o acto entónase A Internacional e algún dirixente, e demáis asistentes, levantan o puño esquerdo. É un xesto propio das organizacións vencelladas ó movemento obreiro. O puño e a rosa son símbolos que representan máis de dous séculos de loita polos dereitos dos traballadores, pola liberdade, a solidaridade, a igualdade e a democracia. Hai que dicir pois, que as declaracións de Rajoy e Esperanza Aguirre sobre este feito ademáis de desafortunadas e desproporcionadas, son unha clara provocación xa que é incerto que sexa un xesto anquilosado, nin exclusivamente empregado na perversión totalitaria das ideoloxías.

Tampouco é comparable co saúdo romano, fascista. Un representa a opresión e o outro a resistencia fronte a opresión, e quen alí se atopaba facíao en calidade de militante do Partido Socialista Obrero Español, non na de Ministro dun Goberno. Era xa que logo, un acto privado e de partido. Por qué tanto interese en inmiscuírse nun acto que lles é alleo? É simplemente unha provocación, unha maniobra de distracción, ou unha estratexia premeditada de deslexitimación?

Mentras centos de miles de españois combatían, tan só co puño erguido nas manifestacións, o réxime de Franco, Rajoy nin se pronunciaba nin se comprometía coa democracia.

Este PP desacomplexado actúa de maneira irresponsable e comete un erro grave porque, por un lado, acusa ó Goberno de guerracivilismo e automáticamente introduce no debate mediático asuntos sensibles. Ademáis: quén lle prohibe instaurar nos actos populares a convención de extender o brazo? Entón porque equipara ambos saúdos? A dereita española leva tempo removendo nestes asuntos con especial vehemencia. Non só atacan símbolos senón que tratan de apropiarse de conceptos que sempre rexeitaron para a continuación, obrar na liña inversa.

Galicia esta sendo unha boa mesa experimental para a FAES e este neofranquismo ultraliberal no económico, e ultraconservador no social e no respecto pola pluralidade. Non hai máis que escoitar expresións, e logo contrastar cos feitos en materias como: gratuidade solidaria, bilingüismo harmónico ou galeguismo cordial.

viernes, 4 de septiembre de 2009

Popular, e populista

A matriz do nacionalismo e do populismo está na Revolución Francesa xa que os revolucionarios asimilaron no terceiro estado o pobo e a nación. Desta asimilación parten dúas correntes de pensamento: o nacional-civismo e o nacional-populismo. Este último é moi propio de países latinoamericanos, pero non só. Dúas son as características básicas: o liderado personalista-paternalista e a asunción dunha política amorfa, ecléctica, aparentemente desideoloxizada. Non lles soa? Dende os anos 90 comézase a falar de neopopulismo.Vaian tirando do fío.

Pensan vostedes que na nosa Galicia temos unha especial querencia por líderes demagogos e fríos? Conseguirá Feijóo construír, e asentar, un perfil deste tipo empregando e instaurando o populismo como estratexia política? No tempo que leva no goberno da Xunta non deixou de practicar o que se coñece como o elongamento de conceptos, e o cal non consiste máis ca en aumentar as súas connotacións para vacialos do significado de seu. Moi orwelliano. Dende que chegou Alberto a San Caetano dúas foron as verbas manoseadas ata a saciedade (austeridade e liberdade) e, invocando continuamente ambos termos estánse acomentendo as actuacións de máis profunda irresponsabilidade e deslealdade para con Galicia dende a primeira andaina da autonomía.

No nome da austeridade, por exemplo, lévase a cabo un recorte nos dereitos da maioría de familias con nenos en idade escolar. No seu mesmo nome, e retomando a demagoxia máis burda, propón conxelar o salario do funcionariado público. Salario que leva 15 anos subindo por debaixo do IPC.

No nome da liberdade acábanse de botar por terra anos e anos de consenso e normalización da lingua propia deste país. Por fin La Coruña vai ser oficial! Massiel estará encantada. Intercedería Don Paco ante o mesmísimo sucesor de Pedro? Que treman os de: Villanueva de Arosa, Encima de la Villa, Entre ambas Aguas, e mesmo El Roblecito de Pachi Vázquez. O dano está xa feito, e a fenda social en marcha. Polo de pronto, aqueles que defenden o racional camiño da protección e da equiparación xurídica e social da lingua galega en tódolos ámbitos da vida pública xa están encadrados nun bando aparentemente enfrontado ó outro, presentándoos coma irreconciliables.

Galicia Bilingüe conseguiuno: os paletos a un lado, e as xentes de ben para o outro. Estigmatizando que es gerundio! Preséntase un outono de apaixoantes debates na política galega, pero non deixa de ser desalentador e obsceno que se teñan que producir en 2009. Namentras, o plan de choque fronte a crise xa o esquencemos.