Friday, November 12, 2010

Incontinencia verbal


A chegada de Bieito XVI desatou unha verdadeira semana de paixón. Traduciuse nunha catarata de polémicas dende ámbitos distintos: o propio Papa, xa sen baixarse do avión, deu comezo á orxía de despropósitos co tramposo termo “laicismo agresivo”. Pode que decidira entrar con bo pé, nun alarde de diplomacia “á vaticana”, naquel estado que mellor tratamento outorga á súa institución naquelo que a fai máis proclive ao tentador pecado da avaricia (o diñeiro) resucitando a pantasma da onda anticlerical desatada en España cando os mais desleais boicotearon a viabilidade da República. Amosou a faciana mais perversa ao misturar ambos conceptos e ligar épocas que non resisten, en rigor histórico, a mínima comparación.

Xa non sei si foi o causante de que a algúns se lles nublara transitoriamente a razón ou foi cousa de que conspiraron os astros, ou mesmo de “Becky”. Dende as filas socialistas, e por unha banda, o ex-presidente González (posiblemente o que mais fixo pola modernización e o progreso) abriu unha tormenta de consecuencias impredecibles contando que aínda lle persigue a dúbida no que atinxe á posibilidade que tivo de dar a derradeira orde para cometer un crime de Estado. Pódese comprender en certa medida que, dende a súa posición, manteña a disxuntiva da conveniencia estratéxica (por mor de poderosas e inescrutables razóns de Estado) do que significaría decapitar ou non violentamente, e ao marxe da Lei, a ETA nunha das etapas de maior virulencia terrorista, cando os asasinatos se contaban por días e caían ata xenerais. O dilema estaría en si a decisión evitaría máis mortes ou tería o efecto dun recrudecemento que incendiaría Euskadi, nunca Intifada de txapelas, e arriscaría un número aínda maior de vidas. Está claro que a súa non foi unha posición cómoda, por estar suxeita a presións, e mais tendo en conta que herdou unha dinámica de enfrentamento parapolicial contra ETA e o seu entramado civil procedente do franquismo e do goberno da UCD, cunha esquerda abertzale en auxe e coa dereita e sectores do exército sostendo a hipócrita (segundo os ataques ulteriores) máxima “contra ETA metralleta”. Pero moitos cuestionan que sexa precisamente agora o momento axeitado para verter tal afirmación. Incluso Fraga, ao que lle afecta a polémica, sabe que de esto é mellor non falar porque mais dun quedaría escaldado.

Pola outra banda foron moi comentadas as declaracións do presidente do PSE, Jesús Eguiguren, onde recoñeceu conversacións con Josu Ternera e atreveuse a poñer data a un eventual comunicado de ETA onde anunciaría o cese definitivo da loita armada mailo inicio dun desarme verificado por comisións internacionais e observadores independentes, o que abriría as portas ao desexado escenario da non-violencia no derradeiro lugar de Europa Occidental onde persiste, precisamente na semana onde o Parlamento Vasco honrou a tódalas víctimas do conflito (de ETA, os CAA, os GAL, o BVE, Triple A...). Tampouco parecen moi prudentes, pero sí valentes, neste momento. E nesta confusión que nos propón a mediocracia, faltaban as memorias de Bush. Despois do resultado do Partido Republicano están decididos a lavarlle a cara ao peor presidente da historia. Agora sostén que non quería invadir Iraq, que respalda as torturas (malditas razóns de Estado!) e que se arrepinte de non seguir os consellos do oráculo aznariano, do “visionario líder español”. Calquer día sae Feijóo dicindo que el non quería derogar o Decreto do galego e, senón, ao tempo.


No comments: