1. Galiza vota baixo
escenario pos-democrático:
Achégase
a data doutras eleccións galegas. O poder real prefire presentalas
coma rutinarias e unha convocatoria de tantas outras habidas sendo
hoxe varios os pobos continentais que non escollen de
facto cando do que elixen resulta
alternancia-ficción ou, directamente, instauración descarada da
solución tecnocrática. Sabemos,
a bo seguro, que os seguintes somos nós.
A foto é a que atrapou Ignacio Ramonet hai mais dun ano, nun
exercicio de lucidez habitual: son os Novos Protectorados. O estado
español está só a unhas semanas de dar o derradeiro paso, cruzando
o Rubicón: entregar en ofrenda aos seus súbditos no altar dos
chamados mercados. Os
antigamente coñecidos coma civis
seremos
convertidos en meras res.
As esixencias serán durísimas. Se escoitan Memorándum, boten a
correr.
A
dereita neoliberal e a socialdemocracia nominal aplican servilmente
os mandatos dos seus amos: na oposición
ambos din que non, mais despois é que si. Emporiso o último do
último ao que debemos renunciar é precisamente ao dereito ao voto,
a maiores doutras fórmulas de participación, pois foi a desatención
dos asuntos públicos o que nos trouxo ata aquí: ao illamento e á
idiotez coma ser colectivo que comeza a latexar.
Celébranse
baixo circunstancias de anormalidade política -crise terminal de
ciclo constitucional e posta en cuestión das liberdades máis
básicas por parte dos auto-denominados liberais, que son novos
reaccionarios-, económica
-intervención, estafa do aforro, creba controlada- e social
-escaseza, desemprego e desafiuzamentos masivos- na periferia da
periferia europea nun contexto de excepcionalidade e ambición
pos-democrática e pos-política ao que nos abocou sen remisión a
dexeneración sistémica dende Roma a Madrid ou a Barcelona, e dende
Atenas ata Dublín ou a Lisboa; entanto a
orde reina en París e Berlín. Ata
cando?
Santiago
de Compostela non é allea: a soberanía cidadá -merece repetirse-
está for sale
e o realismo alucinatorio -xénero
literario premiado cun Nobel recentemente- inunda a democracia
aparente que rescata
evaporando a clase media, afundindo e empobrecendo aos pobres e
facendo mais miserábeis aos que xa o son, protexe coma irreformable
unha Constitución violada que reforman ás agochadas se interesa ao
ditado de poderes fóra de control, outorga libertad
lingüística para fomentar e perpetuar
a secular diglosia mallando na sempre insuficiente auto-estima
nacional galega, educa en libertad
para españolizar coma
se non ficara ren da memoria dos 40
anos de paz, estira
as posibilidades do hábitat ou
reclama
sacrificios
constantemente aos máis que menos teñen nunha operación
perfectamente estudada consistente en transferir rendas das mans das
clases asalariadas aos bolsos dos que o teñen case todo e o
ambicionan todo. Pretenden sortear a cegas unha combinación de
crises -enerxética, revolución tecnolóxica que non se dixeriu, de
hexemonía xeopolítica, económica, climática e da fame- da que só
adiviñamos a patiña por debaixo da porta. O cumio da pirámide
-mais algúns fieis intermediarios entre a maioría das actuais
cúpulas partidarias- non só non sofre en sintonía, se non que fai
negocio substancioso e troca en grupo de interese priorizando os seus
privilexios e sendo unha verdadeira elite
extractiva.
Se alguén ameaza iso, auto-protéxense para manter un status
quo imposible.
Algo disto sabe Dolores de Cospedal, pois é a política profesional
mellor pagada de España. Dietas á marxe.
O
realismo alucinatorio -made in
china-
no que estamos instalados deseña un sur de Europa deprimido baseado
nun modelo chinarizado:
exclusión -algo que no nivel mundial é norma e non excepción-,
traballo precario-improdutivo e desmantelamento programado do modelo
social e democrático combinado coa administración dun cocktail
represivo -endurecemento punitivo e aplicación sistemática da
violencia policial que criminaliza calquera acción de denuncia e
desobediencia- restaurador do absolutismo da interinidade e a
inseguridade permanente: o ERE por elevación e a éxtase
des-reguladora. Mais a democracia aparente ficou espida hai tempo e
parte da poboación intúe as cadeas.
O
mantra das cacatúas
consiste en repetir que nunca hai alternativa viable -a mais poderosa
arma esgrimida polos prebostes do neoliberalismo antropofáxico- fóra
da Gran Regresión e dos plans da Troika internacional. Non a hai,
segundo repiten, fóra do proceso de acumulación desmesurada de
riqueza nas mans do 1% da poboación dominante. Tampouco hai
posibilidade de cuestionar a maré de fondo que en forma de
nostálxica ofensiva da España imperial, mono-nacional-folclórica,
monolingüe e dun só Deus posible -resistente a morrer na voráxine
da mundialización e que nada ten a ver coa de Lorca, Miguel
Hernández, Picasso, Alberti ou Castelao- ameaza con transmutar na
súa propia e decadente versión para o século XXI en chave, polo
momento, proto-fascista.
Ensínannos
a aceptar coma natural que institucións sobre as que pivota a
presunta lexitimidade do réxime monárquico poidan corromperse ata o
paroxismo, mentres din que “dar comida e cama aos enfermos dun
hospital non é Sanidade” (Feijóo dixit).
Ou que o autogoberno pode usarse para o seu menoscabo. Hai que
aceptar que poden evadir fortunas erguidas sobre a forza do traballo
precarizado a paraísos fiscais en lugares que ameazan converter en
infernos de explotación -prantexando xornadas laborais dun mínimo
de 10 horas, 6 días á semana e facendo saltar polos aires o
contracto social parido trala II Guerra Mundial- e que é
completamente lóxico e aceptable que os patrimonios dos mais
potentados, pola vía da inhibición fiscal, incrementen de xeito
exponencial en tempos nos que as tesoiradas orzamentarias afectan ás
prestacións, nóminas, pensións, á ciencia e á investigación, á
educación, ao dereito a unha vivenda digna, á cultura e a todo
aquilo que asegura a igualdade e o progreso fornecedor da verdadeira
xustiza social. Faise ver normal que a corruptela sistemática e a
cleptocracia
afecte aos partidos tradicionais transversalmente, mesmo a
organizacións que nalgún día foron diferentes.
O
condimento opiáceo clásico, typical
spanish,
segue sendo facernos ver que o natural é que a Igrexa Católica
-privilexiada no trato polos poderes públicos- axite as rúas para
gobernar dende os conventos o ventre das mulleres todas -fieis ou
non- pero non ten deber moral de rebelarse contra os mercaderes
e o estado actual de cousas. As mulleres, como as leis, están para
ser violadas. E todos receitan poñer a outra meixela, pola túa gran
culpa: vivir moi por riba das túas posibilidades.
Os
protagonistas principais do conchaveo
partidario-empresarial-institucionalizado repiten mensaxes ocas que
ocultan verdades que agromarán tarde ou cedo nesta nova fase, pois
están xa a pé de rúa -e de praza- e nos centros de traballo,
asociativos e de formación: crecemento, crecemento, crecemento,
herdanza recibida, austeridade, cadrar as contas, déficit, prima,
primo e con-cuñaos, eficiencia, arrimar o ombreiro, apertar o cinto,
xestionar a macroeconomía coma o faría unha familia, senso común...
Practicamente ningunha voz discordante á que poidamos acudir coa
facilidade coa que consumimos des-información e que propoña,
convincentemente, como saír do circuito asasino da débeda
odiosa e
ilexítima -algo que será inevitable ou, do contrario, imos condenar
ás presentes e futuras xeracións a uns niveis de vida mais propios
do terceiro mundo-, contraída maioritariamente pola banca e a gran
empresa -ao comezo da crise o 57% do total- e, en menor medida, polas
familias -20%- sendo a débeda pública menor, pero operacionalizando
mediante artificio contable o troco que converteu en problema
colectivo a ambición ilimitada dunha minoría e empurrou ao conxunto
da sociedade ao depresivo estado de malestar, xa logo indignación,
logo compromiso e logo rebelión democrática. É a maior estafa
organizada da historia, cando menos, da europea. E a disputa comeza a
ser: democracia si, ou democracia non.
2. Hai alternativa! :
O
único que podemos dar por ben feito na etapa do tertuliano
de
Intereconomía é que permitiu algo relacionado coa súa
especialidade: os debates televisados. Mais o resumo do seu
des-goberno foi acreditar a dubidosa honra de ser un iniciado
funesto: desgaleguización e intento de estigmatizar a lingua e os
sinais de identidade para que non saibamos quen somos nin de onde
vimos, desprezo polas institucións de autogoberno mailas súas
capacidades e instrumentos, destrución do sistema de caixas de
aforro, privatizacións e concesións públicas de dubidosa
legalidade, ataque ao benestar con especial virulencia nos ámetos da
Educación, a Cultura e Sanidade e o conxunto do sector público,
parálise eólica e desbaldimento conseguinte coas indemnizacións,
esaxeradas subvencións aos medios de comunicación para comprar
silenzos e loubanzas, sectores produtivos estratéxicos completamente
desatendidos...O balance da mistura entre nihilismo e
de-construtivismo enfermizo foi redobrar a destrución de emprego e
que a mocidade migre en masa descapitalizado ao país dos mil ríos,
ao que unha meiga ben meiga mirou xa fai tempo. O seu maior erro:
subestimar a intelixencia colectiva de todo un pobo.
Ten
un interesante ensaio o catedrático de Ciencia Política Vicenç
Navarro, titulado: Hai
alternativas.
Un bo e conciso programa de actuación. Non coma os das forzas do
sistema, que están cheos de promesas incumpridas. Alí recóllense
unha morea de medidas aplicables e financiables que desmontan o
mantra
das cacatúas
e solventarían parte duns problemas que, de non remediarse urxente e
radicalmente, abren o vieiro a un proceso de conflitividade
socio-política equiparable ao que viven hoxe os irmáns portugueses,
ou Grecia. O estado español é Grecia fai 2 anos.
Pode que o título do ensaio teña a ver coa decisión de bautizar
así á inédita decisión de plantar a semente dunha coalición de
esquerda ampla inspirada nos modelos de fronte popular, liderada por
Xosé Manuel Beiras -Alternativa Galega de Esquerda-. Foi unha
intelixente lectura da estrutura de oportunidade política e unha
alianza que responde ás necesidades do tempo histórico: concibida
como xermolo da desexable unidade da esquerda social, sindical e
política necesaria para proxectar na instancia
político-institucional cambios na correlación de forzas que forcen
unha mudanza real estrutural. Que presente á opinión pública o
problema do euro, por exemplo.
Republicana,
laica, internacionalista dende a asunción do feito nacional galego e
solidaria cos demais pobos de europa e do mundo, ecolóxica e
rupturista no senso de acreditar na necesaria creba democrática como
propoñen outras esquerdas europeas coas que se identifica ao
compartir obxectivos estratéxicos e, ao fin, ámbito de actuación e
inimigo común, tales coma o Front
de Gauche francés,
a Syriza
grega, o Bloco de Esquerda
portugués ou a Die Linke
alemá -salvando as distancias todas en tempos, ritmos de
construción, e conxunturas particulares-. Que conecta, sen intención
de dirixir e si de acompañar na súa pluralidade, co ruxir da rúa e
se proxecta e reflicte nas demandas dos movementos sociais
alternativos e de protesta encamiñados a contemplar -xa o están a
facer de feito, impugnando esta democracia aparente- un proceso
histórico de auto-determinación destituínte establecendo no
horizonte a apertura dun proceso constituínte que recupere a
soberanía popular fanada e un novo deseño institucional ao servizo
da emancipación das maiorías sociais. Que derrote as forzas de
agresión sen precedentes auspiciadas pola hipertrofia neoliberal
dende fai décadas e os plans ocultos do Fondo Monetario
Internacional, o Banco Central Europeo e a Comisión, sen deixar de
acreditar nunha europa democrática, pacífica, social e dos pobos.
Nesta situación o retorno de Beiras pode concibirse como a decisión
de poñer a disposición do pobo galego outra-volta todo o seu
capital político cincelado durante décadas, que non é pouco. O
exemplo é que moitos mozos e mozas nacidos a mediados dos 80
coñeceron o seu papel como líder da oposición pero non tiveron
nunca a oportunidade de votalo. Mais a xente, contrariamente ao que
sempre repiten as cacatúas, adoita ter memoria. Para ben, e para
mal.
Cando
alguén, coa súa traxectoria de loita e incorruptibilidade, posúe
dotes comunicativas na era da comunicación o efecto da mensaxe -e,
por extensión, dunha coalición que pareceu reactivar sectores da
poboación descontentos e descridos- multiplícase. Funciona ao xeito
dos libelos de Marat -L´ami du
peuple-
no París revolucionario de 1789. Fora un mítico xornal que vixiaba
o convulso e violento proceso deixando en coiros as vergoñas da
oligarquía e dos elementos contra-revolucionarios co aguillón do
uso preciso das palabras para dicir a verdade -aquilo que tantas
veces non se quere escoitar- que, como se dixo sempre, é o acto
revolucionario mais puro. E mais nos tempos onde a escuridade manda.
A ética dos principios e a forza das ideas non cotizan no Down
Jones, pero aos mitins de Beiras achéganse xentes de toda idade e
condición.
O
que a primeira vista podían semellar boutades
resulta que atesouran eco que provoca un xiro inesperado e ¿cómo
reaccionan os que detentan o poder e gobernan contra a maioría? Coa
demonización: “O Beiras xa sabemos como é: está tolo”. Os que
estando nos seus cabais infrinxen danos irreparables e sufrimento
coas súas decisións e indecisións a milleiros e milleiros de
persoas a cotío nunha desocialización instigada pola delincuencia
organizada dos especuladores capitalistas, da que son cómplices,
deben ser o exemplo do raciocinio e o equilibrio. O certo é que
representa a antítese do que estes últimos ofrecen: fariseísmo e
insolvencia intelectual. ¿Como non van temer que entre no Parlamento
unha voz asentada na ética innegociable no exercicio da actividade
pública? ¿Como non temer que pola súa voz falen os galeguistas
históricos e republicanos, a forza no combate anti-feixista contra
da ditadura e un dos homes que, apoiado e conxuntamente con moitos
outros e outras, foi protagonista e o deu -o deron- case todo por
impulsar unha forza social que chegou a comprometer a hexemonía do
fraguismo
dende posicionamentos ideolóxicos dun nacionalismo político de
esquerdas, sen as facilidades que supón dispor dun aparello de
estado ao teu servizo? Nin nos peores pesadelos Feijóo e todos os
Feijóos do mundo o quixeran ver diante.
Din
que non está capacitado para estar no Parlamento. É incómoda a
intelixencia e a independencia no seo da soberanía popular. A súa
soa presenza. É incómoda porque vai á raíz dos problemas que se
deberan extirpar se quixeramos construír unha Galicia e un mundo
mais xusto. Seguramente sexa porque non está capacitado para cobrar
tres soldos do erario público a un tempo, nin para facer business
ou privatizar bens de dominio público e repartir as migallas entre
os amigos para o seu lucro exclusivo. Coido que, seguramente, non
sería quen nin de facelo entre os seus amigos mais directos, nin
tampouco entre os outros moitos e moitas que o senten entre o pobo
galego. Tamén ten inimigos, claro.
Ten moito de épico o seu retorno en chave de biografía e
percorrido persoal. Mais o interesante de todo isto é o aspecto
colectivo desta nova fronteira da que seguramente participará
mentres lle quede alento pois deixouno escrito cando era un mozo: “eu
loito sen espranza e por iso non desertarei xamáis”. A loita de
David fronte a Goliat foi sempre o combustible que alimenta o motor
dos pobos que fan andar a Historia. Neste caso para intentar mudar as
estruturas pétreas do estado, e tamén do estado actual de cousas no
noso país, enraizando co cambio inevitable nunha europa que perdeu o
norte como proxecto. Estruturas que deberan poñerse ao servizo da
cidadanía, que é quen mais ordena queiran ou non queiran, e non
contra dela. Os pobos nunca se resignan a ser derrotados e son sempre
os propios pobos en pé os que configuran as alternativas fronte aos
que queren mantelos asoballados. Aconteza o que aconteza nestas
eleccións, mais ben todo comeza o día vinteún de outubro. Na
Galiza, no estado español e na Europa enteira. Ese día os galegos
teñen a oportunidade de escoller unha alternativa que envíe unha
mensaxe de esperanza e optimismo a moitos, alén do Padornelo.
Ademais de rescatarse a si mesmos.