Tuesday, June 29, 2010

Politización do deporte

(Artigo publicado en Xornal tomando como referencia outro xa publicado neste blog fai mais dun ano sobre a temática, pero adaptándoo, con novos datos, etc...)

Trátase dunha mistura clásica e dun fenómeno complexo, habendo boa e inxente literatura (recuperen a Montalbán ou Eric Dunning), pero resulta sempre recorrente nas tertulias de café e de taberna. Evidencia un acusado rasgo de personalidade ibérica pero transcende o espazo peninsular, acontecendo no globo enteiro. Algúns medios de difusión alimentan a polémica de xeito hipócrita, entrando á xugular e a mans cheas. Coma en case toda actividade humana de proxección social xurde unha intencionalidade perversa, que non ilexítima, e que se correlaciona directamente co número de ceros na conta bancaria das empresas interesadas aínda que non responde a esto exclusivamente, senón que ten que ver tamén coa simboloxía, os sentimentos ou o aproveitamento das emocións.

Sempre me chamou a atención o imponderable raseiro co que analizan esta dualidade segundo de onde proveñan as opinións, e a carencia absoluta de criterio, obxectividade e fidelidade memorística. As mais das veces atribúese interese politizador só a uns cando, en realidade, o fixeron, fan e farán todos porque, en esencia, o deporte foi sempre instrumentalizado polo poder. Cando menos sempre se viu tentado de facelo. Como dí Bernard Crick: "Non todo é política pero todo é politizable". Ata algo tan inocente en apariencia e tan saudable coma o deporte, e de que maneira! De seguro que polas posibilidades que permite...

Facer un rigoroso percorrido histórico sobre a conexión non viría a conto. Habería que remontarse ás orixes do evento político-deportivo por excelencia e á súa máxima expresión (mais que nunca no século XX); o Olimpismo: a manipulación goebbeliana, os boicots da Guerra Fría, as reivindicacións pro-dereitos civís de afroamericanos, a sanguinaria irrupción do extremismo palestino en Münich, os Xogos do Pekín e a repercusión nas relacións internacionais, o desexo gallardoniano de patrimonializar a paternidade duns Xogos madrileños, sobre o que edificar unha alternativa no post-zapaterismo. Ata Mandela no seu día!

¿Qué decir do fútbol? O feito social total. O deporte político por autonomasia. Gran negocio no que conflúen temas contemporáneos de debate: pertenza e identidade, exaltación patriótica fronte á pretensión de universalidade, condición e estratificación social, mística relixiosa....Reglas simples, combinación de talentos individuais con esforzo colectivo: alegoría da condición humana. Placebo das non-guerras do mañá.

Os petrodólares de Abramovich ou do Zenit da Gazprom de Putin, o franquismo e o Real Madrid, o salto a escea en 1981 de Terra Lliure no Camp Nou, o inferno abertzale do Sadar, Lezama e o que significa, Jesús Gil, Marbella y tal y tal, as medias brancas de Arkonada na selección, o Borbón entregando as Copas do Rei ou a de Naranjito, Aznar recalificando e Florentino fichando...a lista é infinita. O caso é que este deporte, pero tamén outros, resulta moi seductor para a codicia, o lavado de cerebro e a procura da cohesión ou do enfrontamento, a conveniencia. Tamén serve para acubillar frustracións. O verdadeiro opio do pobo. Daí o exitazo.

Ano 1936: asasina Franco ao President do Barcelona. Ano 1980: Martin Zabaleta coloca a ikurriña no cumio do Everest xa que a “rojigualda”, que despois pasea Raúl por Europa facendo verónicas na celebración dos títulos, non lle representa. Ano 2010: un político mexicano solicita que o seleccionador nacional explique os cambios do último partido no parlamento. Sarkozy chama a Thierry Henry ao Elíseo para que dé conta do imperdoable fracaso no Mundial. Tanto uns coma outros fan, sobre todo neste esquema e sistema, negocio. Pero tamén xogan coas mentes. E asentimos. A min tamén me fascina.

A aturdida e maleable masa (todos nós) é un branco fácil: identificación, comigo ou contra míña. Só tes que premer no botón e abonar per view, reunirte coas amizades e pedir Amstel ou Heineken. Temos 11 na Quiniela! Mercarei a revolucionaria Adidas ou a super-capitalista Nike? Tanto falamos da recesión ou do traballo coma do penalty do domingo. Somos branco e fácil porque trátannos ao xeito borreguil cando os representantes se expresan en termos futbolísticos (se Aristóteles erguese a cabeza!). Como si xa non souberamos discernir e estiveramos condenados a ser meros espectadores do circo: que si estamos na Champions League da economía, que si Anxo Quintana era dianteiro centro, que si o PP debe gobernar no concello porque é o máis votado (a goles, o problema é que nas eleccións cóntanse votos e o sistema permite facer pactos), que si Revilla (o das antxoas e o taxi) é fanático do Racing de Santander, que si Berlusconi, non contento con selo presidente do goberno da República de Italia, xornais e cadeas de televisión, o é tamén do AC Milan.Totum revolutum. Rajoy practica o ciclismo, só le o Marca, é do Madrid, socio do Pontevedra, simpatiza co Depor pero gústalle o Celta..., pero sobre todo é de “la Roja” e di que si non gaña o Mundial non será por culpa de Sara Carbonero. Estou dacordo con el. Fidel bateaba en chándal e Bush recollía co guante. Ao final os chinos lograron máis medallas, e vaia ceremonia! Ao Fürher saíralle mal a xogada. Tódalas medallas as gañaran os negros! A ceremonia e os desfiles tamén foran impresionantes!

Que non te pillen en fora de xogo, nin uns nin os outros, e menos coa que está caendo!


E para acompañar: Neil Young-Rockin´In the free world http://www.youtube.com/watch?v=PdiCJUysIT0

Thursday, June 17, 2010

Un cambio tranquilo no Barça



Din que o Fútbol Clube Barcelona é més que un club. É certo: á fecunda historia no ámbito deportivo (fútbol, basket, hockey, balonmano...) hai que engadir a máis que evidente repercusión da dimensión sociopolitica, tanto como símbolo nacional catalán como no mundo enteiro debido aos valores de solidariedade, integración e universalidade dende a súa fundación en 1899 polo suizo, liberal e catalanista (¿tamén masón?) Hans Joan Gamper. Durante as interminables décadas da ditadura de Franco actuou ás veces como catalizador do sentimento de frustración dos derrotados na Guerra Civil en todo o Estado. A institución posicionárase a favor do Estatuto de Autonomía de 1932 (en 1979 e 2006 tamén) e da IIRepública. O presidente Josep Sunyol pagouno coa vida, sendo fusilado polas tropas franquistas ao ser compañeiro militante do outro mártir (o President Lluís Companys, de ERC). Ata 1946 foi intervido polas autoridades, e os socios privados de elexir democraticamante. Anteriormente, durante a ditablanda, fora xa obxecto de agravios inxustificados.

A entidade é patrimonio dos socios e é a que conta con maior número deles en todo o planeta, ademáis de contar tamén con infinidade de peñas espalladas arredor dos cinco continentes. Polo tanto faise evidente pensar que ser envestido Presidente do FCB conleva unha carga de responsabilidade inmensa e, inevitablemente, unha gran capacidade para saber relacionarse cunha amalgama de intereses político-financieiros e co entramado civil e empresarial barcelonés. A Masía é a súa identidade, xunto coa defensa da lingua e a cultura de Catalunya.

No imaxinario colectivo dos culés cada etapa presidencial resulta inescindible dun momento histórico determinado, dun xogador, un entrenador ou un equipo lexendario. Agustí Montal identifícase co rexurdimento social, a construcción do Camp Nou e o Barça das 5 Copas, Kubala, Ramallets, César... Enric Martí Carreto vai xunguido ao “caso Di Stefano” (algo que determinaría a rivalidade co Real Madrid polos séculos dos séculos). Josep Lluís Núñez significa a etapa de maior estabilidade, crecemento, maior número de títulos e o despegue definitivo dun clube que entra na modernidade e na iconografía do deporte rei pola porta grande: Basilea, Cruyff, Rexach, Maradona, Stoichkov, Koeman, Ronaldo, Rivaldo, Dream Team ou Wembley son algúns dos nomes sen os cales poderiamos comprender o Barça que vai herdar Sandro Rosell o 1 de Xullo. Pero tampouco se pode entender sen a decisiva aportación dun avogado carismático, optimista, desacomplexado e hiperactivo que foi capaz de construír o mellor Barça da historia e, posiblemente, o mellor equipo de fútbol de tódolos tempos: Joan Laporta.

Cando a súa candidatura venceu nas eleccións de 2003 propuxéronse revolucionar o clube e soltar amarras co caduco réxime que representaba, como máximo expoñente da decadencia, un Gaspart que o levou a unha das peores situacións. O contrato con UNICEF ou a erradicación dos violentos Boixos Nois (xogándose a integridade física e a da súa familia) foron apostas arriscadas dun home maltratado polos medios de comunicación ata extremos insoportables por mor da súa ideoloxía política, e dalgunha que outra saída de tono. Un equipo xove (no que estaban tódolos candidatos destas eleccións, agás un), preparado e que aplicou técnicas de márketing e xestión empresarial innovadoras foi capaz de construír, primeiro con Rijkaard e Ronaldinho e logo con este excelso Dream Team II, unha maquina de fabricar ilusións case perfecta e cunha proxección global incomparable e incontestable. As finais europeas de París e Roma, ou o sextete, foron a guinda do proxecto.

Fanse lecturas erradas e sesgadas, ao meu modo de ver, do acontecido nas recentes eleccións pois incídese na derrota do laportismo e no conseguinte castigo ao cruyffismo (Rosell está considerado por algúns un neonuñista aglutinador doutras faccións do barcelonismo descontentas con Laporta, e algo de certo hai, debido ao seu distanciamento e posterior antagonismo persoal. A súa foi unha relación de amor-odio) cando non é así exactamente.

O modelo pode cambiar nas formas, pero posiblemente non mude substancialmente no fondo e seguro que non mudará ren nos valores. O soci fixo gala de seny, e reclamou unión e un continuismo matizado, sostido nun liderado de perfil mais tranquilo, onde convivan cruyffistas, nuñistas e laportistas e onde se deixe facer como ata o dagora ao outro grande mito vivinte: Pep Guardiola. Sempre que a pelota entre. É a grandeza do fútbol (e da vida): xógase nos pequenos detalles.


E para acompañar (non podía ser doutro xeito) JM Serrat-Cant del Barça: http://www.youtube.com/watch?v=ILOnLzsexyw

Saturday, June 12, 2010

Dear Mr. President



...porque estou convencido de que o mandato deste personaxe foi o máis nefasto da historia dos EUA, e decisivo á hora de vivir o momento que estamos vivindo...

Wednesday, June 9, 2010

Democracia esnaquizada


“Debemos restaurar el verdadero sentido de la democracia y sus límites”. A sentenza, ademáis de arrepiante pola súa frialdade sincera, ten pai: pertence ao gran estadista José María Aznar. Aquel dirixente filorepublicano (norteamericano, por suposto) ecuánime e moderado (aínda hoxe o máis influínte no seo dos conservadores españois) que foi da man de Bush na brutal e ruinosa tarefa de asasinar miles de seres humanos en Afganistán e Irak coa consecuencia de condenar a millóns deles, en todo o planeta, a padecer a maior crise económica dende 1929 e o retorno desvergonzado do metarrelato fascista, ultranacionalista e ultracatólico. Fixéronnos esquencer todo esto. A responsabilidade do que está acontecendo no mundo enteiro, como é ben sabido, recae en Zapatero exclusivamente (sen absolvelo das súas propias).

Recordo estar presente nunha conferencia do profesor Xosé Manuel Beiras nos infaustos días nos que se anunciou a invasión do Iraq, na Facultade de Ciencias Económicas da USC, onde sostiña que a decisión, ademáis de perseguir outros obxectivos, tamén formaba parte dunha estratexia para debilitar ao Euro e a Europa como ente político, no medio prazo...Sóavos de algo?

Das palabras do ex-presidente Aznar despréndese algo máis que desconfianza no sistema democrático: un tufillo amargo, perigoso, obsceno. E Rajoy xa lle mercou a directriz: entre outras lindezas, inmediatamente anunciou a iniciativa de impedir por Lei as precampañas electorais. O seguinte será recortar nas eleccións, directamente, pois representan un gasto innecesario que non nos podemos permitir. E, ademáis, para que serven? Algo de razón teñen...

Como dí a economista romana Loretta Napoleoni: “a guerra de Iraq é o noso Vietnam financieiro. Bush e Alan Greenspan fixeron o que Bin Laden quería: despois do 11-S recórtanse os tipos de interese do 6 ao 1,5%. Algo que nunca acontecera. Clima de terror a un lado, foi o que motivou á xente a endeudarse e aos Estados a comprar crédito de xeito desmesurado, sen poder afrontalo”. O goberno despótico da banca xogando coas democracias coma quen xoga ao tute, coa connivencia de políticos-títeres.

Teño falado nestas liñas da revolución conservadora e da desocialización e precarización en camiño pero recoñezo que, infelizmente, pode que me quedara curto ante a magnitude do que se aveciña. Aínda que o pesimismo nunca construiu nin resolveu nada. Pero dáse o paradoxo de que os gobernos de esquerda vense forzados a implementar medidas drásticas, impopulares e antipopulares para que, cando a dereita regrese, teña o traballo feito. Que parvos! E non aprendemos! Cantos gobernos socialistas quedan en Europa?

O filósofo brasileiro Michael Löwy mostrábase mais confiado nas liñas do Xornal fai uns meses: “Temos tempo. Entre a crise de 1929 e a Fronte Popular pasaron sete anos”. Xa choveu. Daquela había ilusións e críase nelas. Pero acabou como acabou. Parece telo claro o economista e científico social marxista, brasileiro tamén (atentos aos pensadores curmáns do Brasil), Theodonio Dos Santos: “Desta crise China vai saír reforzada como potencia mundial. Nestes momentos ofrece liquidez e solvencia, e estáse aproveitando da situación para fortalecerse no sistema financieiro internacional, e a nivel xeopolítico de xeito determinante”.

Os europeos xa cumprimos boa parte da nosa función histórica, nesta fase de incontrolada acumulación capitalista, para os centros do verdadeiro poder. Custará asumilo pero como as clases populares non se organicen e loiten parece inevitable ter que rebaixar as lexítimas expectativas de crecemento e benestar, ou os dereitos acadados (e que parecían consolidados) ao longo do século pasado. Porque o mundo está virando hacia Oriente. Pero non preocupa que vire. Preocupa que a democracia acabe sendo a gran damnificada. E preocupa que haxa forzas moi poderosas, que actúan ao marxe do control dos cidadáns, ás que non lles importa evitalo porque xa teñen os ollos postos noutros lugares. Forzas e cómplices, con nomes e apelidos, que practican a violencia sistémica de xeito sistemático e que poñen en risco a liberdade e a democracia. Co noso asentimento.

E para acompañar, Bob Marley-Redemption song: http://www.youtube.com/watch?v=MJHgMD1S0bg

Tuesday, June 8, 2010

Entrevista a Vicenç Navarro



Actualmente é Catedrático de Ciencias Políticas e Sociais na Universidade Pompeu Fabra de Barcelona. É tamén profesor de Políticas Públicas en The Johns Hopkins University (Baltimore, EEUU) donde impartiu docencia durante 35 anos.
Navarro analiza a crise dende diferentes perspectivas e ofrece solucións como o aumento do gasto público a nivel europeo ou unha maior regulación do capital financieiro. Fala da orixe da crise e do custo que está tendo en España.

Monday, June 7, 2010

A que se nos ven enriba...



Ten razón o contertulio: "estamos en un país siniestro". A crise deixa moita miseria tras de sí...e unha da peores consecuencias é que esta xente e os seus usos, os seus "valores", van penetrando...¿dixen penetrando? ¡que mente mais perversa teño...!.
Asi se pon a dereita ultracatólica porque o Goberno catalá decidiu fomentar a educación sexual nos colexios públicos.
Que medo da esta tropa...gustariame saber que tipo de "tensión sexual non-resolta" ten este dexenerado. Levo tempo pensando en facelo pero podo anunciar que estou preparando os papeis para apostatar...