Tuesday, May 25, 2010

Julio Anguita en estado puro



Parece que entre a entrevista a X. M. Beiras e esta intervención de Julio Anguita en 59" me decanto polos políticos que xa están retirados. E eu son dos que cre que na política democrática é bo que se renove a "plantilla" de reprentantes acompasadamente coas xeracións.... Pero está claro que calquera deles, posiblemente porque xa non lle deben nada a ninguén, son dos poucos que din as cousas tal cal son e poñen os puntos nas íes. Dacordo 100%, tamén neste caso, co ex-Secretario Xeral do PCE.

Sunday, May 23, 2010

Decretada a defunción política de GB

A data do 20 de Maio de 2010, tres días despois da celebración nacional do Día das Letras Galegas que honrou ao poeta Uxío Novoneyra, pasará á historia democrática do país por dous motivos: o peor e máis importante deles é que, aínda que rectificando feblemente nas súas extremas e prexuizosas teses ideolóxicas arredor da lingua grazas ao empurre constante das mobilizacións e a presión da sociedade civil, Feijóo consumou a traizón ao espíritu que deu sentido á autonomía; o Estatuto, alén da simple descentralización do poder, tiña unha misión liberadora. É o que en 1967 declarou un Ramón Piñeiro que hoxe, como moitos de nós, sentiríase aldraxado: “a xustiza social en Galicia esixe dúas cousas: redimir espiritualmente ao pobo do seu complexo de inferioridade e redimilo materialmente do seu atraso económico para que poida vivir dignamente”. O Decreto do plurilingüismo, ademáis dunha falacia e un despropósito en sí mesmo, é inxusto porque intenta afondar no interese por auto-culpabilizarnos ao posuír un idioma propio que debera ensinarse, cando menos, ao nivel do castelán.

Este Presidente móstrase determinado, dende que asumiu o cargo (e seguramente por encargo), no obxectivo de menosprezar os sinais de identidade pero, seguramente, caeu na conta de que non pode facer todo canto quixera. Por sorte hai límites insalvables e, ou ben os descoñecía, ou ben confiaba demasiado en sí mesmo. O que explica as constantes contradiccións e indefinicións a este respecto. Peculiar xeito de gobernar.

O outro motivo que fai desta unha data histórica é infinitamente mellor: certifícase a defunción política do enxendro ultraminoritario que deron en chamar Galicia Bilingüe. Non lle queda marxe nin percorrido aínda que logrou introducir o discurso falso da liberdade/imposición. Algo que tiña que pasar tarde ou cedo. Poderán armar balbordo por un tempo, e seguirán contando con apoio (sobre todo entre os círculos mediáticos de extrema dereita madrileños), pero cada vez será máis á inesperada porque ao PPdeG e a Feijóo xa lles incomodan demasiado e, por iso, no sucesivo, deixarán de percibir o seu respaldo máis ou menos explícito e a repercusión e cobertura do que digan será inapreciable. As declaración de Gloria Lago ao coñecer a noticia foron: “Feijóo é un mentireiro literal”. Non descarten que a súa saída natural sexa protagonizar o cartel electoral en Galicia da formación da outra Juana de Arco patria: Rosa Díez. Un tándem demoledor. Ademáis encántalles, e encántanse. Unha boa saída en tempos de crise...A dela é unha carreira tan fulgurante que mesmo recorda á do fenomenal extremo barcelonista Pedrito.

Quédanlle catro telexornais a esta organización. Iráse esvaecendo e autodisolveráse fantasmagoricamente tal cal chegou. Pero o dano está xa feito.

Fago miñas as verbas do sempre lúcido Manuel Rivas, confiando en que, como tamén escribiu Manuel Bragado Rodríguez no seu blog Brétemas: “os milleiros e milleiros de cidadáns galegos que acreditamos na lingua de noso fomos derrotados, mais sabemos que defendemos unha causa tan noble coma invencible. Nesa teima seguiremos de forma entusiasta até o lirismo os galeguistas, conscientes de que a nosa tradición pacífica, liberal, universalista e democrática é o mellor argumento para a defensa das razóns do galego”. E aí van as d´O Rivas: “As palabras vanse liberando dos secuestradores. Velaí a imposición lingüística, o Decreto torvo, o Malquerido. Por qué esa teima na "educación infantil", en afastar os meniños da lingua galega, en imporlles a ignorancia por orde dos proxenitores?”

Friday, May 21, 2010

Venceredes vós...



Palabras do grande Darío Xohán Cabana no día que Feijóo consuma a navallada.

Wednesday, May 19, 2010

17 de Maio, Día das Letras

Unha vez máis unha parte importante da sociedade mobilizouse e manifestouse polas rúas de Compostela para esixirlle ao Goberno de Feijóo a retirada do Decreto anti-lingua galega. Estiven alí novamente porque penso que é deber de calquer cidadán comprometerse nestes momentos de absurdidade e negación. Non ao Decreto!

Sunday, May 9, 2010

Sorpresa e agradecemento



O coñecido blog Desvelando as mentiras de Feijóo fai unha mención especial para Jeu de Paume. É unha gran sorpresa que se fixen no traballo e nas opinións de un. Moitas grazas.

Trátase dunha mención na lista de "blogs máis interesantes", que implica o cumprimento de dúas normas:

a)Os blogs elixidos teñen que incrustar a imaxe do selo e un enlace ó blog que outorgou o premio.

b)Seleccionar e enlazar dez blogs máis que segundo o voso criterio valen a pena.

Fago o propio enlazando aos que na miña opinión, merecen ser distinguidos (a orde non é de preferencia). Habería moitos máis que o merecerían, pero a lista que fago ven determinada tamén pola temática (relacionada coa deste). Hainos mais íntimos, máis brilantes e tan recomendables pero, de actualidade e política para min, son estes os dez:

1.El voto con botas
2.Mil ojos desde Xiabre
3.O blog de Antón Losada
4.Mar Barcón
5.Carlos Callón
6.A dorna na rede
7.A Terceira República
8.A furada do Trasno
9.Desvelando as mentiras de Feijóo
10.De paso

Saturday, May 8, 2010

Entrevista a Beiras



100% dacordo (no que atinxe ao BNG non me incumbe porque non formo parte desa organización, pero nos asuntos do Decreto, as Caixas, o desmantelamento do Estado de Benestar ou a "brigada de demolición" que temos como Goberno insensible...100%) .
A segunda parte está tamén en Youtube....

Friday, May 7, 2010

Desocialización



É ben coñecido que a música ten un enorme potencial de concienciación e de mobilización cando acerta a conectar coas preocupacións e os sentimentos. Chega a lugares onde a palabra, por sí mesma, non pode ou non sabe.

Nestes días, casualmente, recuperei un dos temas mais universais de León Gieco, Sólo le pido a Dios, interpretado e versionado por unha morea de artistas, como a mítica Mercedes Sosa ou Ana Belén. O contido é marcadamente social e antibélico e por eso está vixente xa que, por desgraza, a inxustiza e a guerra son unha constante que vai máis alá das crises cíclicas do capitalismo. É máis, xuraría que as guerras e a inxustiza son o carburante indispensable que alimenta un sistema económico violento en si mesmo, cada vez mais descontrolado e destemido. Un sistema que logrou introducir nas mentes de millóns de seres humanos a convicción de que non hai alternativa, nin opción viable, nin procura posible. Só cabe resistir e defenderse, e a veces nin eso, porque é capaz ata de facernos baixar os brazos. Obriga aos gobernos de sensibilidade social a dobregar o xeonllo ante a ditadura do mercado e as corporacións. Porque o pobo xa non ordena nada. Só ordenan catro tiburóns cos petos cheos.

Están conseguindo levar ás sociedades do primeiro mundo a unha tensión descoñecida nas últimas décadas. O propio sistema democrático, e o Estado de Benestar, atópase nunha encrucillada sen precedentes en moitos anos. E xa se sabe que en río revolto ganancia de fanáticos e extremistas.

Sería doado falar do terceiro mundo ou da explotación á que están sometidos a maioría dos pobos do planeta dende a comodidade dun lugar que, aparentemente, rebosa fartura pero que padece cifras de desigualdade alarmantes e mesmo perigosas para a convivenza no medio prazo.

Na Europa dos Vintesete hai 85 millóns de pobres. Un de cada seis europeos vive, literalmente, na penuria (con menos de 500 euros ao mes). A crise económica internacional está levando a países como España a padecer datos como este: o 20% da poboación, dez millóns de persoas, xa vive hoxe na pobreza. Hai mais de trinta mil persoas sin fogar. O paro xuvenil roza o 50%. E neste contexto, os máis débiles, os que non teñen ningunha arma para defenderse, son os mais perxudicados. Tamén os mais enganados.

É a dinámica endiañada da desocialización, como ben apunta Ignacio Ramonet nas liñas de Le Monde Diplomatique. Ésta consiste en destruír o contrato social, e en instaurar a precarización absoluta para que os poderosos sigan facéndose de ouro coa complacencia dos silenciados por extenuación, logo de ir destexendo as redes de solidaridade e fraternidade por terra, mar e aire. Outro dato: namentras o número de parados se sitúa nos 4,6 millóns (3,1 en 2008) as empresas que cotizan na Bolsa repartiron 32.300 millóns de euros entre os seus accionistas (19% máis que no 2008) no último ano. A quen beneficia unha crise coma esta aquí e no mundo enteiro?

Pregunto eu: É esto normal e tolerable? Canto tempo máis teremos que soportar, dende o plano político, a demagoxia dos que están interesados en desaloxar do poder a uns para instalar a outros mais mansiños e que acometan reformas drásticas e de axuste doloroso para as maiorías? Ás veces só queda o refuxio da música e confiar en que, cando menos, sexamos máis os que dende o ateísmo ou non: “...Sólo le pido a Dios...que lo injusto no me sea indiferente...que no me abofeteen la otra mejilla...” , aínda que non se poida facer moito mais.

Saturday, May 1, 2010

Viva o 1º de Maio!



Vídeo coa Internacional. Segue vixente, porque segue vixente a loita do movemento obreiro e a clase traballadora polos seus dereitos en todolos pobos do mundo.
Axuntémonos tod@s!!