Wednesday, April 27, 2011

Enquanto há força



Outro "25 de Avril" mais, e van 37. Hoxe Portugal, e seguramente boa parte de Europa, necesita un novo pulo. Os ditadores non se chaman Salazar ou Franco pero a ditadura do neoliberalismo tamén é opresiva e perigosa.

Friday, April 22, 2011

Durmir na democracia

Cúmprense dous anos da chegada ás cadeiras do “sultanato”, agora “austero”, de Feijóo009. Fica na beira como se produciu porque, dende o punto de vista estritamente formal, foi incuestionablemente democrático. Campaña negativa e sucia, pero eficaz.

Son fondas e prolixas as análises sobre este bienio negro, e aproveito para recomendar un dossier recollido no último número da revista Tempos Novos, onde sinaturas relevantes como as de Antón Baamonde, Filipe Díez ou Manuel M. Barreiro, entre outras, fan unha radiografía do que deparou o regreso á Xunta dun PPdeG que transita entre o peor do fraguismo e o mais perigoso da nova dereita emerxente na procura do seu momento para ancorar. A que confunde os medios cos fins e o partido coa administración. O balance, pois, non pode resultar mais negativo, lamentablemente. Son tan graves as medidas de contrarreforma e a involución que sería tedioso e semellaría hiperbólico nomealas todas, pero o nivel de destrucción do camiño proposto polo morno cambio representado na lexislatura do goberno da esquerda galega non atopa parangón. Institucións como o Consello da Cultura, o Consello Consultivo, a RAG e mesmo o TSXG téñenlle dado as costas e rexeitado as irresponsables decisións e indecisións, aínda que o goberno dispón de recursos suficientes para deslexitimalas e identificalas con intereses partidistas mediante o regreso a unha liña discursiva antipluralista e maniquea. O mais enigmático e destacable é a ausencia de políticas, plans con contido real e actuacións encamiñadas á resolución e prevención dos problemas en distintos campos. Deixación de funcións.

Esta nova dereita descastada e chabacana, que mesmo perde habitualmente as formas, fixo unha mistura explosiva entre unha sorte de libertarismo á americana mailas patoloxías tradicionais do rancio conservadurismo español. Conta coa inestimable colaboración dunha maioria social confusa, cansa e que introduce no saco tódalas opcións (posiblemente polos erros, incoherencias e traizóns a sí mesmas).

Debería graffitearse en cada rúa das vilas e cidades a coñecida máxima: “Quen dorme en democracia érguese en ditadura”, por aquelo de telo presente. Senón que pregunten en Italia. Chegou o momento. Agora é cando. E Galicia é onde experimentan co modelo chamado a estenderse no resto do estado. Concibido dende os centros de poder mais afastados do común dos mortais: recentralización política debuxada, retroceso en conquistas de dereitos e maior acumulación financieira e capitalista son as intencións inmediatas dunha corrente que gaña adeptos, convertida nun run-run transversal desafiante. A síntese non pode ser mais perigosa para dependentes, estudantes, investigadores, desempregados, emprendedores, enfermos, mariñeiros, etc... por non falar do abandono en Medio Ambiente, Industria, infraestruturas... e por non lembrar os ataques continuados e o desprezo gratuito á identidade colectiva dende o insultante cosmopailanismo que caracteriza á maioría dos membros do goberno galego, ben extraídos de clases medias que renegan de sí mesmos ou ben das faccións mais ortodoxas, elitistas, castelanistas e clericais da dereita nostálxica.

Na rúa houbo tamén certa contestación pero as formacións opositoras non son quen de aglutinar o descontento por mor da súa mellorable situación interna. Feijóo dotouse dunha aura de bo xestor debido ao abuso da propaganda, ao control descarado da RTVG e ao uso da publicidade institucional para mercar noticias favorables nos xornais afíns que, por certo, son maioría aplastante. En dous anos practicouse unha política de terra queimada, desapareceu Galiza da axenda da reformulación do Estado Autonómico ao adiar a reforma do Estatuto e o goberno parapetouse no vitimismo mais infantil, mesmo negando competencias e capacidade en materia de emprego, onde recurtou 64 millóns de euros para políticas activas e empeorando rapidamente os diferenciais respecto do conxunto estatal. Sabe que, canto peor, mellor. Alomenos no curto prazo e namentres non esperten os entretidos.

Xornal

MundoGaliza


Thursday, April 14, 2011

Viva a República!



Como cada 14 de Abril recordamos a data da proclamación da II República española. Grazas a este periodo de avances sociais e unha Constitución vangardista en moitos aspectos hoxe España vive nun rexime democrático, moi perfectible. Aquela etapa foi truncada polas armas e 40 anos de tiranía e opresión. Algún día haberá que pechar o círculo e celebrar a terceira. Agora, mais que nunca, percibese o momento de avanzar nesa liña. Os valores que representa están mais que vivos.

ESPECIAL DIARO PUBLICO (España amanece republicana)

Monday, April 11, 2011

Paul Rios en Compostela

O día 6 de Abril estivo o Coordinador de Lokarri, Paul Rios (acompañado por Manuel Dios, do Seminario Galego de Educación para a Paz) na Facultade de Ciencias Políticas da USC invitado polo Movemento Estudantil Universitario (MEU) para impartir unha charla sobre a situación do conflito vasco a día de hoxe, "Expectativas de Paz en Euskadi". Achegáronse unhas 50 personas ao acto.

Lokarri, en euzkera, significa "o que sirve para unir". É o nome dun movemento cidadán formado en 1992 que ten como principios promover un acordo plural e unha consulta popular como eixos vertebradores da conciliación para a resolución do conflito. Leva case dúas décadas de traballo, promovendo accións encamiñadas á reconciliación e á facilitación de contactos para establecer un proceso de paz irreversible, xusto e perdurable en Euskadi. É unha organización social independente que loita pola normalización, a non-violencia, o respecto polos DDHH, o diálogo sen exclusións e unha mesa de partidos.

Fomentar a participación da cidadanía vasca nun proceso que leve a un escenario e un acordo que respecte a vontade popular do pobo vasco mediante procedementos estritamente democráticos é a súa razón de ser.

Mais info:

Thursday, April 7, 2011

Portugal



En vísperas do 25 de Abril confírmase "o rescate" de Portugal. "Os mercados" non dan tregua.

Friday, April 1, 2011

A longa loita dos pobos


Erguinme hegeliano. O bo do filósofo alemán decía que “a lectura dos xornais é a oración matinal do home moderno”. Daquela o lixo televisivo e a confusión da Internet non adormentaran as consciencias...

O argumento mais empregado polos que se opoñen desde a esquerda á intervención en Libia para atacar aos que non se opoñen radicalmente (tamén desde a esquerda) adoita ser simple: sodes vitimas da manipulación desinformativa. Coido que todo é mais complexo aínda que sexan denunciables os abusos da mediocracia maila plutocracia, como tamén calquera extralimitación no uso da forza e outras consecuencias impredecibles e indesexables que puideran producirse.
O que acontece é dunha magnitude maiúscula, alomenos tan relevante como a descomposición do imperio soviético. E dá lugar a paradoxos e contradiccións non menos significativas: pacifismo sempre e baixo tódalas circunstancias? apoio á autodeterminación dos pobos no abstracto ou tamén no concreto? Venda previa de armamento, control dos hidrocarburos, neocolonialismo... Ben é certo que, se ollamos atrás, deberiamos manter cautela á hora de emitir xuízos e posicionarse sen contravir valores e principios.

Cada país da rexión ten unhas características tribais, cultural-relixiosas e socioeconómicas específicas. Cada un deles xoga un papel no taboleiro xeoestratéxico e emerxen inconfesables intereses das potencias occidentais. Pero todos comparten causas explicativas do que a maioría dos analistas deron en chamar a Primavera Democrática das súas sociedades: o espertar como pobos aborrecidos do sometemento a reximes corruptos e autoritarios, nalgún caso vernizados dun cúmulo de ideoloxías con obxectivos mais ou menos bondadosos a primeira vista. As mais das veces coa complacencia cínica das “democracias occidentais” e do conxunto da “comunidade internacional”. Estes motivos recóllense sintetizados nun artigo de Ignacio Ramonet, titulado Cinco causas da insurrección árabe: a crise económica, a situación climática e as súas repercusións na suba dos precios alimentarios, a caída do turismo ou as imposicións do FMI configuran unha chea de circunstancias que, xunguidas a outras de índole histórica e política, fan destes territorios o caldo de cultivo dunha bomba social que estalou en poboacións eminentemente mozas, azoutadas polo desemprego e coa descorazonadora imposibilidade de fuxir a unha Europa que restrinxe o paso pero que soñan alcanzar a través das pantallas. Terra de oportunidades, pensan equivocadamente. A faísca que representou as revelacións de Wikileaks e o uso da tecnoloxía como difusor engrosaron as reivindicacións, e a resposta represora do inmobilismo antoxábase inevitable. Unha costante que se reproduce sen remisión e que continuará estendéndose noutros puntos.

Escribira tamén Hegel que “a Historia é o progreso da consciencia da liberdade” e eso é o que non aceptan algúns dos que non xustifican hoxe a Resolución das Nacións Unidas a respecto da guerra civil libia, sen aportar solucións e comparándoa falazmente con Iraq. Cando se retrasaba a decisión de intervir reclamábanse actuacións. Agora, con amplo consenso, certa contención e respectando a legalidade internacional maniféstanse as maléficas e avariciosas fauces do imperialismo. Antes os rebeldes eran a metade do pobo, agora representan unha Al-Qaeda na que nunca acreditaron. O mundo árabe (e non só) está en convulsión e mudando vertixinosamente, e unha non-intervención, en lugar de dar esperanza aos demais pobos, daríalla ás tiranías nunha loita que se prevé longa e difícil. Non esquezamos que son reivindicacións lexítimas en prol das liberdades, os dereitos humanos, a participación política e a xustiza para as maiorías sociais.


Para acompañar: U2-Sunday Blooday Sunday