A data do 20 de Maio de 2010, tres días despois da celebración nacional do Día das Letras Galegas que honrou ao poeta Uxío Novoneyra, pasará á historia democrática do país por dous motivos: o peor e máis importante deles é que, aínda que rectificando feblemente nas súas extremas e prexuizosas teses ideolóxicas arredor da lingua grazas ao empurre constante das mobilizacións e a presión da sociedade civil, Feijóo consumou a traizón ao espíritu que deu sentido á autonomía; o Estatuto, alén da simple descentralización do poder, tiña unha misión liberadora. É o que en 1967 declarou un Ramón Piñeiro que hoxe, como moitos de nós, sentiríase aldraxado: “a xustiza social en Galicia esixe dúas cousas: redimir espiritualmente ao pobo do seu complexo de inferioridade e redimilo materialmente do seu atraso económico para que poida vivir dignamente”. O Decreto do plurilingüismo, ademáis dunha falacia e un despropósito en sí mesmo, é inxusto porque intenta afondar no interese por auto-culpabilizarnos ao posuír un idioma propio que debera ensinarse, cando menos, ao nivel do castelán.
Este Presidente móstrase determinado, dende que asumiu o cargo (e seguramente por encargo), no obxectivo de menosprezar os sinais de identidade pero, seguramente, caeu na conta de que non pode facer todo canto quixera. Por sorte hai límites insalvables e, ou ben os descoñecía, ou ben confiaba demasiado en sí mesmo. O que explica as constantes contradiccións e indefinicións a este respecto. Peculiar xeito de gobernar.
O outro motivo que fai desta unha data histórica é infinitamente mellor: certifícase a defunción política do enxendro ultraminoritario que deron en chamar Galicia Bilingüe. Non lle queda marxe nin percorrido aínda que logrou introducir o discurso falso da liberdade/imposición. Algo que tiña que pasar tarde ou cedo. Poderán armar balbordo por un tempo, e seguirán contando con apoio (sobre todo entre os círculos mediáticos de extrema dereita madrileños), pero cada vez será máis á inesperada porque ao PPdeG e a Feijóo xa lles incomodan demasiado e, por iso, no sucesivo, deixarán de percibir o seu respaldo máis ou menos explícito e a repercusión e cobertura do que digan será inapreciable. As declaración de Gloria Lago ao coñecer a noticia foron: “Feijóo é un mentireiro literal”. Non descarten que a súa saída natural sexa protagonizar o cartel electoral en Galicia da formación da outra Juana de Arco patria: Rosa Díez. Un tándem demoledor. Ademáis encántalles, e encántanse. Unha boa saída en tempos de crise...A dela é unha carreira tan fulgurante que mesmo recorda á do fenomenal extremo barcelonista Pedrito.
Quédanlle catro telexornais a esta organización. Iráse esvaecendo e autodisolveráse fantasmagoricamente tal cal chegou. Pero o dano está xa feito.
Fago miñas as verbas do sempre lúcido Manuel Rivas, confiando en que, como tamén escribiu Manuel Bragado Rodríguez no seu blog Brétemas: “os milleiros e milleiros de cidadáns galegos que acreditamos na lingua de noso fomos derrotados, mais sabemos que defendemos unha causa tan noble coma invencible. Nesa teima seguiremos de forma entusiasta até o lirismo os galeguistas, conscientes de que a nosa tradición pacífica, liberal, universalista e democrática é o mellor argumento para a defensa das razóns do galego”. E aí van as d´O Rivas: “As palabras vanse liberando dos secuestradores. Velaí a imposición lingüística, o Decreto torvo, o Malquerido. Por qué esa teima na "educación infantil", en afastar os meniños da lingua galega, en imporlles a ignorancia por orde dos proxenitores?”
1 comment:
El discurso de GB era insostenible desde hacía tiempo, y sigo sin comprender del todo como pudieron darles tanta cancha desde el principio.
Un saludo.
Post a Comment