É xa unha mistura clásica e trátase dun fenómeno mediático e social complexo, habendo boa e inxente literatura sobre a materia (recuperen a Montalbán), pero resulta sempre suxerente, recurrente e polémica nas tertulias de café ou nas charlas de taberna, animándoas vivamente. Evidencia un acusado rasgo de personalidade ibérica aínda que esta transcende, como non, o espazo peninsular. Outra cousa que se globalizou.
Os medios de difusión de masas alimentan o debate de xeito hipócrita, entrando sen petar na porta, á xugular e interesadamente neste xogo, a mans cheas. Coma en case toda actividade humana de proxección social xurde por detrás unha intencionalidade perversa e non de todo diáfana, que non ilexítima, e normalmente, neste caso, ten que ver directa e proporcionalmente co número de ceros nas contas destas empresas de comunicación. Pero non só. Todo está entremisturado e ten sentido. Todo responde a uns obxectivos.
Chama poderosamente a atención o doble raseiro co que se analiza, segundo de onde proceda esa avaliación, esta dualidade e a carencia absoluta de criterio, obxectividade e fidelidade memorística. Moitas veces só se lle atribúe intencionalidade politizadora a uns, cando en realidade, o fixeron e fan todos porque, en esencia, o deporte foi sempre empregado políticamente. Como dí Bernard Crick: "Non todo é política pero todo é politizable". Ata algo tan inocente e saudable coma o deporte o foi, e de que maneira.
Facer agora un rigoroso percorrido histórico sobre a conexión entre o deporte e a política levaría moito tempo e sería tedioso. Non se fará porque teriamos que remontarnos, profundizando, nas orixes do evento político-deportivo por excelencia e a máxima expresión desta relación (sobre todo durante o século XX); o Olimpismo: a goebbeliana manipulación nazi, os boicots da Guerra Fría, as reivindicacións pro-dereitos civís dos afroamericanos, a irrupción do terrorismo palestino, a exaltación patriotica fronte á pretensión de universalidade, os recentes Xogos de Pekín coa súa imbricación sobre a política internacional, a patrimonialización gallardoniana sobre a que edificar unha alternativa post-Zapatero, etc....
¿Qué decir do fútbol?. O deporte rei. O feito social total, como algúns sociólogos apuntan. O deporte político por autonomasia. O gran negocio no que conflúen temas contemporáneos de debate: pertenza, identidade, condición social e incluso, mística relixiosa, fanatismo, etc....
Regras simples, combinación de talentos individuais con esforzo colectivo. Alegoría da condición humana. Fútbol é fútbol.
Os petrodólares de Abramovich ou do Zenit da Gazprom de Putin (¿outra vez aquí?), o franquismo e o Real Madrid, o salto a escea en Xuño de 1981 de Terra Lliure no Camp Nou, o inferno do Sadar, Jesús Gil, Marbella y tal y tal, as medias brancas de Arkonada....a lista é infinita. ¿Por qué os fanáticos se identifican indistintamente coa ultradereita ou a ultraesquerda, ou cos nacionalismos furibundos, sexan periféricos ou centralistas? O caso é que este deporte resulta moi seductor e goloso para a codicia, a manipulación, o lavado de cerebro..., tamén para canalizar frustracións. O novo opio do pobo.
1936: O exército de Franco asasina a Lluis Companys e a Josep Sunyol i Garriga. O primeiro é o President da Generalitat e o segundo, o President do FC Barcelona da época. Dúas institucións que representan a personalidade nacional e a autonomía politico-social da Catalunya republicana.
Tantos e tantos agravios..., Aznar recalificando e Florentino fichando. Zidane marca na final namentras Joan prepara o discurso do circulo virtuoso: Laporta President, Catalunya independent!!!
1980: Martin Zabaleta coloca a ikurriña no cumio do Everest porque a rojigualda que anos despois pasea Raúl, facendo verónicas na celebración dos títulos, non lle representa.
Parece que tanto uns coma outros fan política, remiten a sentimentos, xogan con eles... Tanto uns coma outros fan negocios. Tanto uns coma outros fan fútbol ou deporte en xeral. Uns propóñense facer fútbol primando a estética por diante do resultado, outros van ó práctico. Uns poñen por diante valores e priman o continente, outros vibran co contido e a conta goleadora. Chamarémoslle en adiante petrogólares. Non todo é o que parece.
Neste contexto, a aturdida e maleable masa (que somos todos nós) é un branco fácil, recibindo por todos lados señais semellantes. Identificación. Definición. Conmigo o contra mí.
Só ten que apretar o botón e pagar per view. Reunirse cos amigos e pedir Amstel, Estrella Damm ou Heineken. Temos 11 na Quiniela!!. Mercarei a revolucionaria Adidas, a super-capitalista e multinacional Nike, o Fifa 2009. Un balón para o pequeno!!. Tanto falamos da crise, da recesión, do traballo, dos fillos, coma do penalty do Domingo....
É un branco fácil porque continúa a ser tratada de maneira borreguil cando os seus representantes, insultándoo, lle falan en termos futbolísticos (se Aristóteles levantara a cabeza!!!), como si xa non deberamos saber diferenciar, só ser espectadores do circo: Que si estamos na Champions League da economía, que si Anxo Quintana era dianteiro centro e case ficha polo Elxe, que si o PP ten que gobernar as alcaldías porque é o máis votado (a goles pode, o problema é que en eleccións se contan votos, e o sistema permite facer pactos post-electorais...), que si Revilla come antxoas do Cantábrico que le ponen, vai á Moncloa en taxi e é do Racing, que si Berlusconi, non contento con selo Presidente do Goberno da República de Italia, varios periódicos, cadeas de televisión, etc...o é tamén do AC Milan....Totum revolutum.
Rajoy practica a bicicleta, só lee o Marca, é do Madrid, socio do Pontevedra, simpatiza co Depor, gústalle o Celta....,pero sobre todo é da Selección!!! Fidel bateaba en chándal e Bush recollía co guante. Ó final os Chinos tiveron máis medallas, e vaia ceremonia prepararon!!!Ó Fürher saíralle moi mal a xogada...tódalas medallas as gañaran os negros. A ceremonia tamén fora impresionante!!!O continente era belo, pero o contido....
Soa todo tan tan vello...(si si, con uve)...por eso que...que non te pillen en fora de xogo!!!
6 comments:
Calquer fenónmeno social é política. Sí, sei que esta afirmación entra en colisión co concepto ortodoxo e alogo estreito co que se acostuma definir o que é ou non política
Que o Congreso tivese que aprobar unha lei para salvagardar o "interese xeral", nas retransmisións televisivas dos partidos, se cadra xa é un bo indicador do que digo.
As persoas temos ideoloxía de noso, elemento que é determinante nas nosas vidas en todos os aspectos alén do puro exercicio do sufraxio.
O xeito de pensar, o enfoque que un teña, o seu xogo de valores, forman parte do conxunto de cousas que son e deben ser valoradas das persoas. Os colectivos sociais, mesmo os clubes de futbol, posúen tamén algúns destos trazos definidos na súa marca.
Que o FC Barcelona sexa como é, se conciba como moito máis que un clube, operando como un elemento capital da proxección exterior dos Països Catalàns, ou que sexa o clube de Europa que máis invirte na súa canteira... explica que algúns sexamos culés de pro.
Pode que algunhas utilizacións partidistas do deporte sexan perversas. Pero a maior perversidade radica naqueles que sustentan o bluff da apolítica, ou da independencia ideolóxica. Porque ao cabo sempre son os mesmos: a dereita culebreira que se agocha.
Pasa o mesmo co discurso do sistema: todos os políticos son iguais, non hai nada que facer... Pois vai ser que non.
Totalmente dacordo Xabier. Eu tamén son culé confeso.
O artigo que escribín de ningunha maneira quere trasladar o interese por apolitizar o inapolitizable: O deporte, ou calquer outra dimensión social ou da vida pública. De feito, constato ese feito, valga a redundancia.
Ó revés, só pretendía denunciar o doble raseiro co que se trata normalmente a uns (leáse ó FC Barcelona por ser moito máis que un clube de fútbol)con respecto a outros dende distintos sectores interesados (dende Madrid e o circo mediático afín ó españolismo e ó centralismo arcaizante.
Son conscente desa dimensión política e non pode renegarse dela, o que non pode é trasladarse que uns politizan cando os outros o fan cando menos tanto.
Non aspiro a que se desligue unha cousa da outra, senón a que se poñan as cartas riba da mesa e a que se explique de forma clara algo que xa sabemos: que é un grande negocio aprobeitado ad infinitum polo sistema capitalista para desconcienzar dunha ou doutra maneira. Aínda que eu participe delo tamén.
Tamén se pode notar o fenómeno da deportivización da política que é, ó meu modo de ver, máis perigoso posto que cando ó cidadán se lle fala de política deberíaselle de falar en termos políticos, non en termos futbolísticos.
Supón un insulto á intelixencia, a degradación da virtude, e deixa entrever o interese do poder, e do statu quo, de seguir perpetuando o encefalograma plano da sociedade.
É unha mistura perversa.
Eu tamén renego da pretensión de apolitización total, pois é o caldo de cultivo e o paso previo ó totalitarismo. O caso é que aquí estase a facer a viaxe inversa cun mesmo fin.
E claro que non todos os políticos son iguais.
Gracias por participar Xabier. Sabes que eres sempre benvido e para min é un honor que o fagas.
Non che falta razón, certamente está a pasar todo isto no fútbol e na política, e xa cada vez o disimulan menos. Penso que non se debía permitir.
É identificar dúas cousas moi diferentes, pois o fútbol é un espectáculo de masas (e da pé a que se pense coma un só ente, léase a Le Bon) e eu entendo que a posición política individual debería ser froito dunha reflexión individual profunda e posteriormente posta en común.
Seguramente o que se pretenda sexa facer uso dese pensamento da masa para apoiar determinados intereses que de forma individual e reflexiva non sería fácil que se asumisen coma propios, pero dentro dun grupo enfervorecido sí se consideran asumibles.
Habería que fuxir desta perigosa mestura canto antes, pero imaxino que se non se fai é porque ambas partes teñen grandes intereses no asunto. A manipulación das masas sempre resultou ser moi rentable para quen a sabe empregar ó seu favor.
Un saúdo!
Grazas por volver Marta!!
É certo o que dices. O fútbol é considerado o deporte rei: a nivel de popularidade, por ser posiblemente o máis practicado, e tamén por mor da cobertura mediática que se lle brinda. Posiblemente sexa inevitable pois, que teña relación coa política ó ter tanto que ver coa economía e a sociedade...
Coma o deporte en xeral, ten cousas moi boas, coma o valor da competitividade, a disciplina, a propia actividade física tan beneficiosa para o corpo, etc... pero ademáis, funciona coma catalizador de frustracións e á fin, como placebo das oxalá non guerras do futuro...(pensemos nas seleccions nacionais, os campeonatos mundiais, europeos, etc...).Non podemos obviar que a propia linguaxe futbolítica está impregnada de conceptos belicosos.
Tamén podemos ver que é unha síntese alegórica da condición humana(ahí mesmo reside a clave do seu éxito): a fugacidade da victoria e a derrota, o éxito e o fracaso, o traballo colectivo con espazo para as xenialidades individuais...
Pódese ver como abre portas e posibilita historias de vida xeniais, fantásticas: da favela á consideración de semideus polo teu propio país, practicalo no terceiro mundo ocupa horas nas que o neno pensa na posibilidade dun futuro mellor...
Pero todo isto estáse a corromper en certa maneira pois o capitalismo salvaxe, depredador e esmorecente na súa versión neoliberal(necesariamente ha de reinventarse)perverteuno en certa maneira, así como tamén foi aprobeitado para outras cousas pouco loables das que falas e xa falamos...
Pero para min, e volvo a decilo, o que máis rabia me produce é ver como os políticos en moitas ocasións, nos falan nesa clave, coma se non estivésemos suficientemente capacitados para entendelos. Supón tamén un desprestixo, unha degradación, unha falla de consideración para co cidadán.
Poñerse extremadamente escrupulosos non levaría tampouco a nada nin sería saudable. É evidente que a modo de exemplo se pode remitir ó deporte para explicar certas cousas, pero eu entendo que de maneira crecente nos están a tratar, como norma xeral, desa maneira. E non o vexo edificante.
A fin de contas, a entrada pretendía xerar un debate, constatando a inevitable relación entre ambas dimensións e constatando que tódos o politizan denunciándo á vez, o fenómeno inverso.
Grazas de novo. Espérote máis veces.
A min tampouco me gusta que os políticos falen tanto en termos futbolísticos, qué queres que che diga...
Persoalmente non me gusta o fútbol, pero, a parte diso, é que me parece algo fora de lugar.
É coma se se puxesen a falar todo o tempo en termos, eu qué sei, mariñeiros, por exemplo, ou en termos médicos.
Penso que o fan como unha forma de achegarse á xente, a esa xente (tantísima) que está tola polo fútbol, e que pasan bastante da política.
Isto é o que hai, e son os políticos/as que temos, ós pobres non se lles ocorrerá outra maneira de facerse entender e de facerse cercanos/as á xente... Temos que ver tamén o nivel cultural e educativo dalgunha xente da política, que non está nin moito menos á altura doq ue se agarda dun representante político.
Eu esixiría un mínimo de formación, de cultura xeral, e de mundo percorrido (percorrido de verdade, polas rúas e coa xente normal, observando e comparando, e non visitado dous días de hotel en hotel), para estar en política, unha profesión que é tan relevante para toda a cidadanía.
Tamén hai que dicir que hai de todo, coma en todas partes, e que hai xente na política que (na miña opinión) se expresan moi ben, coma Gallardón ou De La Vega.
Saúdos, e noraboa polos artigos!
Alégrome de coñecerte a través da blogosfera e grazas a que me deixaches o teu comentario no meu blog. Seguro que nos vemos un día na facultade. Un saúdo compañeiro.
Post a Comment