Wednesday, October 29, 2008

Non é só a economía, estúpido!


Acendan o televisor. O vindeiro día catro temos cita coa Historia e asistiremos a ela pasivamente de maneira obrigada, coma se estiveramos amordazados ollando unha producción de Hollywood. Celébranse as eleccións máis transcendentais das últimas décadas nos EUA e de novo os cidadáns desa nación decidirán sobre millóns en todo o planeta, nunha coxuntura onde a economía parece envolvelo todo. É unha preocupación xustificada, pero non se trata unicamente disto nin é o que realmente está en xogo. A situación global actual require máis doses de liderato, de visión, e de alta política ca de arranxos economicistas. Necesítanse pois, salvagardar e reforzalas ferramentas que posibilitaron a extensión do desenvolvemento e do benestar, e replantexar todo aquelo que sexa anacrónico por superado, irracional e insostible, coa fin de garantir unha gobernanza segura, plural e pacífica dos asuntos mundiais.

Os estrategas da campaña demócrata atopáronse cunha onda favorable ó cambio e explótana coma en 1992, cando Bush pai lle cedeu o trono a Bill Clinton grazas, en parte, ó xa mítico lema É a economía, estúpido!. Tamén agora será determinante para o resultado electoral (porque é o que afecta directamente ás familias), o acontecido por mor do crack financieiro internacional que é resultado lóxico e visible da deriva do capitalismo salvaxe e sen freo. Ocorre que o iceberg é inmenso, e por debaixo atópanse mergulladas unha inxente e crecente cantidade de inxustizas (moitas delas enquistadas e sen visos de resolución), un alto grado de inhumanidade e perigos que non se resolven botando man das calculadoras. Reclámase unha mistura de pragmatismo, vontade política e, porque non?, utopía.

Un novo liderato xurdido das urnas norteamericanas deberá tela sagacidade e audacia suficiente para imprimir un novo rumbo que impulse á comunidade internacional na dirección de globalizar non só as bondades e maldades do modelo capitalista como ata agora, senón na liña de globalizalos centros de decisión, corresponsabilizando, e asentando un novo sistema duradeiro e eficaz de seguridade mundial, para quizáis así, mitigar e erradicar resultados perversos e criminais. Aférrense ó sofá porque comeza, agora sí, o século XXI.

2 comments:

Anonymous said...

Ola Millán, xa tiña gañas de facer algún comentario no teu blog e agora por fin atopei o momento.

Non podo máis que felicitarte pola calidade dos teus artigos, aínda que como ben tí sabes opino que hai un exceso de optimismo neles, supoño que provocado pola ilusión do cambio que, por outra banda, a a mín tamén me afecta aínda que son un pouco máis excéptica ao respecto.

Imaxínote pletórico e feliz despois dos resultados de esta noite. Teño que recoñecer que eu tamén pasei a noite en vela nerviosa e expectante polo que poidera acontecer e, por qué non, tamén emocionada polo feito da posibilidade dun cambio no escenario político mundial.

A victoria de Obama foi aplastante e, sen restarlle méritos, lóxica, tendo en conta que McCain non era un contrincante á altura, cun discurso árido e obsoleto fronte á brillantez e a frescura do novo líder. A sociedade precisaba un cambio e a campaña de Obama foi perfecta.

Non pretendo ser "augafestas" pero sospeito que ese xiro á esquerda que a todos nos transmitíu a campaña electoral do partido demócrata non sexa máis que unha estratexia para acadar os votos do descontento coa política de Bush e coa abstención que historicamente acompaña ás eleccións en USA. Non quero dicir con isto que Obama non sexa un demócrata de esquerdas pero sí que dentro do partido demócrata converxen diferentes ideoloxías, que,por cuestións de oportunidade política, mantivéronse á marxe ante o "boom Obama". Pero a realidade é que a sociedade dos Estados Unidos é conservadora e capitalista e cabe esperar que agora se abra unha longa batalla dentro e fora do partido demócrata entre o centro-dereita e a esquerda que representa Obama.

Ao respecto das relacións exteriores todo parece indicar que mellorarán, o cal non é moi difícil tendo en conta o anterior inquilino da Casablanca. O que me asusta realmente é esa especie de euforia xeral que surxíu de todas partes, quizáis porque todos nos deixamos guiar nalgún momento polos desexos e as ilusións. O que máis inquedanza me produce é que esa euforia proveña da clase política que, como profesionais que son, deberían dar un exemplo de moderación. Ata certo punto é normal esa actitude pero o único que fomenta son expectativas que, ata o momento, non están baseadas en nada máis que na ilusión e na esperanza.Non está nada feito, a función aínda vai comezar.

Ogallá o novo presidente dos Estados Unidos saiba e poda estar á altura e cumprir todas esas expectativas que o mundo enteiro ten postas en él. Non vai ser doado.

Millán Fernández said...

Grazas Cris!!

Eu estou totalmente dacordo no que dis. O obxectivo non era que chagase á Presidencia, ou máis ben, era o obxectivo que chegase el e non calquer outro (McCain ou Hillary). Pero a cousa por agora só son boas palabras, aínda que sin caer na demagoxia...
El recoñeceu que non vai ser perfecto, que se equivocará, que o famoso "cambio" leva tempo e será difícil, pero ten que producirse necesariamente...tamén creo que é un bo síntoma que se obligase despois de crear tantisima ilusión, a cumplir as expectativas. O horizonte das utopías é o que move o mundo.
Non é doado, como dices.
Dende logo, rexuveneceu o discurso político, aporta frescura, dinamismo, e incluso transcende os limites da política tradicional.
A parte diso, simbólicamente é algo extraordinario: fai 45 anos habia leis de segregación racial...fai pouco máis exclavitude(aínda que poidamos debatir sobre se hoxe a hai ou non no sistema capitalista, etc...)
É unha mostra de que o cambio xa se produciu na propia sociedade,que é unha das máis dinámicas, e é unha sinal ó mundo: unha sinal en prol do diálogo intercultural.
Gustarame ver a cara daqueles que se rin da Alianza de Civilizacións como proxecto mitigador das barreiras da desconfianza polo diferente.
Aqueles que están cerrilmente encadenados á irracionalidade do fanatismo identitario verán nel a súa antítese (e falo por todos aqueles que se aferran a un nacionalismo ou racismo excluinte, sexa español ou vasco, catalán, galego, iraní, afgano, ruso, americano...a esa exaltación da diferencia por encima do que une ós humanos).
Ten moitísimo traballo por diante e desilusionaranos en ocasións. Pero é que está ó mando dun Estado expansionista, ó mando dos servizos secretos máis sofisticados do mundo, ó mando dos exércitos con maior capacidade ca todos os do resto do planeta xuntos...Que o xestione alguén do seu perfil, sempre é máis positivo que ó que estamos acostumados....eu estou convencido diso.
Se entusiasmaron tanto estas eleccions foi polo que representan.