domingo, 28 de febrero de 2010

Os "hurricanes" cubanos



Na semana do furacán galego deume por aliar conceptos sen orde, coma se os feros ventos resoasen aínda no interior da cabeza e deixaran os meus miolos tremendo. Algo descolocados. Hurricane é o título dunha das pezas de referencia de Bob Dylan, unha das cancións-protesta máis influentes da historia da música e un himno do Movemento polos Dereitos Civís nos EUA. Fala do racismo e da irreparable equivocación que supuxo o encerro no cárcere do boxeador afroamericano Rubin “Hurricane” Carter ao ser acusado sen probas de cometer tres homicidios no New Jersey de Xuño de 1966, desencadeando unha onda de protestas e de respaldo popular moi considerable. Xunto con figuras do talle de Luther King, Malcolm X, Rosa Parks e outros converteuse nun símbolo da loita inacabada pola igualdade racial entre os seres humanos, e pola igualdade.

A poucos quilómetros das costas estadounidenses e tan só uns cantos anos atrás, nunha rica illa do Mar Caribe sempre ben preparada para os azoutes das tormentas perfectas e as cicloxéneses explosivas tropicais, a épica triunfara da man doutro movemento revolucionario (este insurxente e violento) que foi quen, contra todo pronóstico, de desaloxar do poder ao ditador bananeiro Fulgencio Batista e de insuflar unha chea de esperanzas emancipadoras a tódolos pobos vexados de Latinoamérica. Desa insurrección armada saíu un berro escoitado no mundo enteiro, cargado de enerxía rebelde e inspiradora, liderado por un grupiño de valentes e barbudos mozos, pioneiros grunge, con ideais redentores e libertarios. Pero todo torceu sen remisión, e o resto do conto xa o fomos coñecendo por fascículos e por facciosos...

A esquerda europea cada vez se atopa menos enfeitizada polo halo de romanticismo misticista que envolve a fábula perenne do David cubano fronte ao Goliath yankee e, ás veces non sei se por sorte ou por desgraza, deixou de crer nas promesas dos paraísos ideolóxicos ao atoparse de preto coa experiencia e a realidade do que adoitan esconder debaixo. Pero quen non sucumbiu á emoción da lírica de Silvio Rodríguez ou ás cancións que louban a traxectoria guerrilleira do mítico comandante Che Guevara? Puro romanticismo...

Fai uns días soubemos da morte no cárcere dun disidente do réxime xerontocrático, hereditario e totalitario castrista: Orlando Zapata Tamayo. Non era un conspirador e multimillonario terrorista afincado en Miami, senón un traballador negro acusado seguramente de “colaboracionista do imperio” de xeito arbitrario e sen garantía xurídica de ningún tipo. Un home que, probablemente, tan só quixera ver á súa terra e aos seus compatriotas celebrando eleccións libres en concorrencia democrática. Só quixera experimentar a revolución verdadeira, a promesa primixenia, a revolución frustrada e defraudada...Coma “Hurricane” Orlando hai en Cuba unha morea de presos que, por razóns de conciencia e por ser críticos co réxime, están padecendo unha das maiores inxustizas que se poden recibir: estar privado da liberdade en condicións infrahumanas por pensar. E por facelo de xeito diferente a un oficialismo arcaico e esmorecente. Por estar contra dun sistema que foi derivando nunha ditadura tan atroz como calquer outra. Coas súas luces e leccións de dignidade pero, sobre todo, coa súa inmensidade de escuros e indignidades cotiás: exactamente igual que todas.

Se iso fose socialismo, eu non sería socialista. Pero si, seguireino sendo porque aquel sistema político é simplemente unha tiranía opresora á vella usanza. E o socialismo no que creo, o realmente real, combáteas de raíz. Radicalmente.

miércoles, 24 de febrero de 2010

Aínda sobre GB


Un recoñecido escritor deste país recomendoume fai uns días non desperdiciar folgos centrando a crítica nos galegófobos asociados xa que os verdadeiros inimigos da lingua están sentandos as mañás de cada venres nas cadeiras do sultanato austero, no Consello da Xunta. E ten boa parte de razón: foron estes últimos os que deron soporte á plataforma promotora da diglosia e o afogamento etnocida do galego.

A GB pasoulle por diante o momento de gloria mediática e non por esto deixou de ser un grupúsculo marxinal en canto a representatividade social que, ademáis de atoparse desesperado ao caer na conta de que o conflito artellado unicamente serviu á premeditada estratexia da confrontación polarizante e desmobilizadora dunha parte determinante do electorado (ao tempo que racha un traballado consenso arredor da normalización lingüística) que de facto restaura no poder á dereita, susténtase nun discurso acomplexado de tintes fanáticos e atopa un filón irrepetible no contexto de regresión democrática xeneralizada. Porén coido que a miña, como a de tantos outros, non é unha teima calquera nin amplifica a inmerecida relevancia dos que se saben derrotados pola solidez duns argumentos opostos ao negacionismo dunha realidade obxectivamente complexa e plural.

Combater aos que se aprobeitan do deterioro na calidade do ideal da democracia deliberativa para ir introducindo debates que criamos superados, e que non fan mais que remover pantasmas do pasado, debera ser unha obriga irrenunciable aínda que teñamos que respectar tódalas opinións. Tamén as daqueles que, valéndose da liberdade de todos, ansían conquerir o restablecemento de situacións propias do vello orde antidemocrático. Son voitres políticos onde, coma sempre, a demagoxia e o insultante simplismo atopan posibilidades certas de callar entre sectores de poboación absolutamente desideoloxizados, e ata belenestebanizados.

Tódolas mensaxes saen do mesmo artefacto, do laboratorio de rancias ideas, por iso hai que denuncialas sen acougo e estar dispostos a contestalas: demasiado inmigrante (delincuentes), demasiados impostos (cargas polas que ninguén pediu permiso), demasiado funcionario (parásitos), leis demasiado permisivas, mulleres demasiado libres, demasiado homosexual, demasiado roxo e separatista...demasiadas linguas! Dunha parte móstrase unha sorte de estado hobbesiano e controlado por unha caste política elitista, cleptómana e corrupta...e do outro, as familias de honrados cidadáns de pura raza e costumes españolas que ven recurtados os “dereitos” a cotío. Sobre todo á hora de poderse desenvolver na “lingua común”, na que une e non se impón e ademáis é “útil”, a que non é belixerante e non exclaviza: a castelá, obviamente. Por iso os pais deberan poder “elexir en liberdade”. Crean un “dereito” inexistente e presentan a súa reivindicación nun tono épico, como si fose a conquista dunha liberdade conculcada fronte á opresión dun sistema dexenerado e esgotado. Ata chega ao punto de formar aos futuros cidadáns na lingua da terra nai!

E non sería mais grave privar a un cidadán do coñecemento e bo uso dunha lingua e a súa fonda riqueza? Como dí maxistral e poeticamente Eva Wojkiewicz nas liñas do Xornal: hai mundos que existen só en galego. Non é, xa que logo, mais denunciable e contraposto á liberdade individual pelexar pola ignorancia dun fillo, para que descoñeza un mundo único, unha lingua na que galegos e non galegos, coma Lorca por exemplo, se teñen expresado con brilante soltura? A ver se é que “os oprimidos” son os aspirantes a opresores de sempre...e aínda hai quen lles da alento! Os mesmos que xustifican xestos tan constructivos e “clásicos” coma o de Aznar na Universidade de Oviedo. Nesas andamos...

lunes, 15 de febrero de 2010

GB, inmersa na desesperación


Ás veces un sinte a irreprimible tentación de fustigarse intelectualmente e, cando esto acontece, fas cousas tan raras e pouco recomendables como entrar na páxina web dos de Gloria Lago and company para ver como respiran. O primeiro impacto non é soamente visual (aínda que tamén é arrepiante neste eido) xa que che dan a benvida cun deficiente apartado sonoro onde algo semellante a unha psicofonía, cun Feijóo falándoche dende ultratumba, evidencia a traición ós plantexamentos desta asociación infectada polo corrosivo virus da cultura política vencellada ó franquismo sociolóxico militante. Cando te recuperas do primeiro golpe percátaste de que estás navegando nun espazo tan cómico como regresivo e agresivo. Chama a atención un oco onde tes a posibilidade de facer donacións económicas seguras para a causa, mediante Pay-pal. Estilo Obama, vamos. Á túa disposición atopas unha serie de vídeos con entrevistas á Rosa Díez galaica e si eres quen de deglutilos todos, e aínda che quedan folgos ou o teu portátil non sufriu ningún desperfecto, ¡premio!: terás a oportunidade de seguir gozando doutro, sinxelamente, espectacular. Caseiro, pero firme candidato a un Goya polos conseguidos efectos especiais. Leva por título “Galicia Radical o Galicia Bilingüe” e representa en sí mesmo unha obra de arte no campo da manipulación, o engano e a mentira mais sucia. Ridículo e goebbeliano ate a médula. De fondo, algo enternecedor e evocador, Jarcha: Libertad sin ira. Está ben porque se comparan con grupos radicais, marxinais e violentos sen decatarse e de paso, amosan como tamén secuestraron nenos para as súas multitudinarias manifestacións. Unha experiencia embriagadora.

Fóra dos aspectos técnicos e curiosidades varias intúes que están preocupados e frustrados a partes iguais. Ameazan cunha sorte de efecto boomerang, e van polo Presidente.

Logo do éxito e a forte repercusión das mobilizacións e manifestacións autorizadas dende tantos ámbitos implicados na defensa da lingua, as aínda moi insuficientes rectificacións do goberno e que, paseniño, vamos entrando na liña da cordura colectiva reaccionan con medo, e anuncian que pasarán novamente á ofensiva desgaleguizadora posto que recoñecen a influencia de iniciativas divulgadoras e sensatas como as de ProLingua, ou outras. Estas céntranse en desmontar, unha a unha, as falacias construídas sutilmente por parte dos aparellos impulsores de GB con respostas coherentes, científicas e nada oportunistas. Aínda que sí moi oportunas nos tempos da loita pola involución que se ven xestando nos poderosos círculos mediáticos e políticos da dereita máis dura, reaccionaria e nacionalista. Esa dereita antisistema, de discurso pre-constitucional, e que se alimenta dos efectos devastadores da crise económica. A mesma dereita extrema e chauvinista que gaña peso no seo do principal partido da oposición a nivel estatal.

Namentras o modelo de inmersión (termo nada pexorativo) na lingua minorizada foi respaldado no seu día polo Tribunal Constitucional, e foi eloxiado por organismos da Unión Europea en reiteradas ocasións, outros celebramos que os sectarios se atopen inmersos na desesperación ao comprobar a inviabilidade das súas teses. Porque o país organizouse e reaccionou.

lunes, 8 de febrero de 2010

Etnocidio. Imprescindible.



Vídeo imprescindible que contén a conferencia dun experto lingüista. Se tedes paciencia para velo íntegro (dura 40 minutos) comprobaredes ata que punto se está creando dende sectores interesados, e a día de hoxe, un perigoso estado de opinión favorable ó etnocidio en España. Está claro que a situación é propicia, e este señor abunda nas claves para entender o proceso.

jueves, 28 de enero de 2010

Modernizar Galicia


Entre unha infinidade delas adxudícanselle ao moi salientable diputado socialista Alfonso Guerra sentenzas do tipo: “A dereita sempre quixo un estado residual para que os grandes grupos económicos poidan campar polos seus foros e o estado non poida facer nada” ou “cando nos vaiamos a España non a recoñecerá nin a nai que a pariu”. Ben é certo que, por aquel entón, había que construíla democracia. Posúe un vasto repertorio, pero ámbalas dúas adquiren transcendencia case mítica no imaxinario da política española contemporánea.

Os membros do goberno da Xunta tamén están decididos a marcar un rumbo distinto na historia da autonomía galega e un dos fins principais das súas accións e declaracións, como a recente e gratuita polémica creada polo ensimesmado Conselleiro de Cultura, parece encamiñado a deixar irrecoñecible ao país despois dunha anovada pegada deste Atila de alegre faciana. Todo apariencias. Onde quedou o galeguismo cordial e as loubanzas a sobranceiros do talle de Otero Pedrayo ou Castelao? Imaxino que no mesmo caixón onde esquenceron a austeridade e a preocupación polo estado de benestar.

No fondo son uns revolucionarios, e uns vellos románticos. E tamén no mais baixo do seu subsconsciente non deixan de later ideais e aspiracións que se perden no pasado, aínda estando absolutamente convencidos de liderar o despegue dunha Galicia dirixida a unha etérea, pero prometedeora, modernidade. Sen cargas ás costas. Así o aseguraba un militante de Novas Xeracións nunha conversa que mantivemos sobre o agora si, conflito lingüístico, e que traslado literal: “Hai que modernizar Galicia e facer que teña mais proxección internacional. Vivimos nun mundo global e, aínda que non goste, o capitalismo tamén ten efectos sobre os idiomas”, aseguraba. Manifestou nídiamente a tentación de ligar, de xeito falaz, modernidade ou progreso con desfacerse do propio, do xenuíno, do que arrecende un mínimo a tradicional ou “antigo”. Pura sensibilidade. Ante tan contundente argumentación a un non lle queda máis remedio que sorprenderse e ficar impertérrito no asento para logo reflexionar.

É a lóxica milenaria do imperialismo cultural, pero agora adaptada ós tempos do economicismo mais utilitarista e frío, raiano no fisiocrático. Eles son dos que asumen como omnicomprensiva a teoría simbolizada na “Fábula das abellas”, de Maneville (1723). Nela preséntase unha colmea onde as abellas se tornan virtuosas, sobrias, austeras e caritativas; pero é un desastre. A súa conclusión é que os vicios dos individuos son un beneficio para a sociedade, e o egoísmo de cada un condiciona positivamente a prosperidade de todos. Newtonianismo moral e filosofía comercial, mercantilista e mecánica que casa ben coa deriva ultraliberal adoptada polos sectores dos fieis seguidores galegos de Esperanza Aguirre: aparente primacía do aspecto económico sobre os temas políticos, e camuflada desideoloxización con achegas amorfas e mesmo eclécticas. Pero tamén puro nacionalismo de estado.

Eu, pola contra, son dos que asume que o patrimonio inmaterial e intanxible dun pobo, como a cultura ou a fala de seu, non son mercadorías nin se rixen pola lei da oferta maila demanda. Porque a xusta globalización artéllase dende a asunción convencida do local proxectado cara o mundo, tal cal ou con evolucións, e non dende a homologación coas tendencias dominantes. E non son conservador, nin hispanofóbico! Porque Galicia nunca deixará de ser hispana. Tampouco perderá o tren da modernidade por ensinarlle aos seus fillos o idioma ou amosarse íntimamente mediante unha producción cultural tan rica, espallada e porén universal.

jueves, 21 de enero de 2010

Aos tres feros galgos



(A Alberto Núñez Feijóo, Anxo Lorenzo e Jesús Vázquez...)

A lección de Feijóo


Dí Maquiavelo que a hipocrisía é para o Príncipe unha arma indispensable que chega a converterse nun deber. Algúns incorpórana ao seu estrano xeito de gobernar ao pe da letra, como si dunha lección se tratase, facendo desta unha provocación constante. Asúmena de xeito tal que nin eles mesmos se acordan do que dixeron cunha semana de antelación. Quizáis sexa o temor a mais mobilizacións, ou a mala conciencia, o causante de que mude de maneira tan flagrante o discurso dende a Consellería de Educación e a Presidencia da Xunta. Agora o desexable é buscar o “equilibrio” entre castelán e galego. Algo é algo.

Falaron as Universidades, os partidos da oposición, a RAG, os sindicatos do ensino, as ANPAS, xuíces e avogados, xente do mundo da cultura, plataformas en defensa da lingua e a maioría cuantitativa de colectivos sensibilizados co asunto dunha sociedade civil galega viva e activa. Qué esperaban? Que a centralidade da vida pública ficase calada ante o esperpento que representa un borrador de Decreto surrealista dende o punto de vista xurídico, sociolingüístico e práctico e que só contenta feblemente aos marxinais ao servizo da estratexia da confrontación?

Se algúns teóricos modernos do liberalismo democrático aparecesen estes días por Galicia abraiaríanse coa falla de respecto, intolerancia e estreitez de miras que amosou un Feijóo confuso e incapaz de comprender na súa extensión o concepto real de cosmopolitismo, mais preocupado por contentar ós seus en Madrid que por gobernar dende aquí e para os daquí. É o primeiro en toda a historia da autonomía que pensa mais nos intereses del a medio prazo que nos do país, dende a arrogancia do “falso progresista”, como diría Ramón Piñeiro. Nunha democracia plurinacional consolidada como a nosa non se deberan confundir a perspectiva de cidadanía como status coa de cidadanía como identidade. É dicir: tódolos cidadáns dun estado compartido teñen os mesmos dereitos, pero naqueles lugares con peculiaridades obxectivas hai que garantir eses mesmos dereitos atendendo ás especificidades dende un plano de igualdade e equidade ben reflexionada e ponderada. Cando un Presidente non asume como propia e natural a pluralidade da sociedade á que serve está abocado ao mais estrepitoso dos fracasos e dando mostras inequívocas dunha inexperiencia que debera asustar. En primeiro termo ó partido que lle confía a responsabilidade de mantelo no poder...

Todo o balbordo que estamos vivindo resulta desesperante, ridículo e innecesario pero é resultado da actitude mesquinda e inconsistente á que nos ten acostumados. Faise mais patente que nunca que a traizoada Galicia Bilingüe, e os seus satélites, foron os tontos útiles para acadar o obxectivo principal, pois resulta que “habería que transitar polo camiño do equilibrio”. Ir a onde estabamos e a onde as normas e o sentido común nos levaran, nos marcaran? Non podo crelo! Non se pode gobernar contra dunha maioría social que non renuncia nin renunciará a seguir protexendo e ensinando, despois de séculos, a lingua de Rosalía. Non é posible intentar enganar a tanta xente, nin tampouco apropiarse do concepto de liberdade para arrebolalo segundo conveña. Qué mellor aposta pola liberdade dos futuros cidadáns que ensinar ámbalas dúas, en pé de igualdade e a maiores das máximas linguas estranxeiras posibles, para que logo decidan dende o coñecemento pleno?

lunes, 18 de enero de 2010

"Morgan"



Morgan foi unha das primeiras persoas que coñecín ó chegar a Compostela. Penso que o primeiro. Coñecino por medio dos meus amigos Pibe e Rubén. Xa me caeu ben naquel mesmo día. E xa me sorprendeu coa súa voz, e a súa retranca. E xa me alcumou "O Picapleitos"...

Temos compartido grandes momentos de música e bo xantar todos xuntos (Alfonso, Susana, Isa, María, Nano, Reixa e outros amigos del e nosos tamén, descoñecidos que comparten...) na súa taberna da Algalia de Abaixo, "O Xa Chegou", o "Morgan". El e a xente do seu entorno conseguiron que me afeccionase máis aínda á música popular galega, e aprendín a escoitalos con admiración. A música era a súa vida e estaba cheo de orgullo polo que facía con tanta dignidade. Alí e noutros lugares da cidade (da aldea!!) tivemos a sorte de escoitalo e aprender xunto con outros moitos grandes artistas interpretando música ao vivo. Mellor que no mais caro e concorrido dos concertos. Entre cervexa e cervexa, entre caramuxos e conversas...

Pero debido á enfermidade que padecía deixounos recentemente, e deixou orfa á zona vella compostelana. Unha gran persoa. Miren senón como el e os seus compañeiros do Orfeón Treixadura saben transmitir os sons do noso país.

O meu agradecemento por ter a oportunidade de coñecerte. Moitos lembraremoste sempre. Sempre dicías: gracias por marchar! Pois eu non digo o mesmo.

viernes, 15 de enero de 2010

A trampa do consenso


Seguramente sexa unha obscenidade non atender como correspondería hoxe ó acontecido en Haití pero para recordarnos que é moito mais terrible, e un mal aínda superior, a nosa propia traxedia espiritual e moral que a apocalipse caribeña xa contamos coas brilantes declaracións do Bispo de San Sebastián, José Ignacio Munilla (ninguén pide a súa excomunión?). Eso é o que se chama un estreo triunfal. Canto se está esforzando ultimamente esta secta en espantar ós seus potenciais seguidores e en indignar ós que non o son!

Mentras o inferno se manifesta con furia e saña naquela illa lonxana, pero próxima no afectivo, en Galicia seguimos disputando a batalla da lingua porque alguén decidiu que era o camiño correcto, ademáis de entretido. Este é un paradoxo mais da globalización: hai lugares do planeta onde comer algo convértese nunha odisea constante e, por riba, de cando en vez padecen o azoute incontrolable e extremo das forzas da natureza. Aquí, o mais grave dos problemas que sufriamos (ata que se restaurou o Unipartito, este libertario) era un sometemento, sen parangón, á “imposición” da lingua propia. Demasiado abusivo un 50% de clases en galego. E un 50% de castelán non o era?. Saben que a lingua non é só un simple instrumento de comunicación...

Di o emérito da Birbeck College de Londres, Bernard Crick, no su libriño Doce teses sobre a Política que esta actividade é por natureza polémica e conciliadora ó mesmo tempo. Tamén que ningún goberno é tan malo como para non producir unha mínima integración da comunidade política nin tan bo como para non lesionar os intereses de ningunha persoa ou grupo. Fala tamén de que, fora dos desexables e elementais acordos sobre o fundamental, faise imprescindible deixar espazos para a discrepanza e a disidencia lexítimas, pois senón caeriamos na antipolítica que abre as portas ó totalitarismo.

Pois ben, o goberno de Feijóo (quizáis polo seu atrevemento xeracional, aínda que repleto de complexos seculares) chega ó punto de ser tan mal goberno que non é capaz de integrar o mais mínimo, co proxecto presentado do novo Decreto, nunha materia que ata o dagora estaba reservada como parte importante deses acordos sobre o fundamental. Unha das razóns que dan sentido á autonomía. Pero ademáis ten a estrana virtude de lesionar os intereses de todos. Ata os dos fomentadores do odio. Aqueles persoaxes de prensa e radio madrileños que, como dicía Suso de Toro en Outra idea de España: “son singularísimos, e mesmo estrafalarios e atribiliarios”. Feijóo é refén destes e elexiu seguir a estratexia da confrontación política, na procura da polarización, no canto doutra de moderación e converxencia. Agora busca unha aproximación ao PSdeG. Caerá este na trampa dun consenso que non sería tal? É tan só unha manobra mais por parte daquel que enlodou a campaña ata límites insospeitados e foi quen de defraudar xa a boa parte dos seus propios votantes. Tamén a compañeiros de partido.

jueves, 7 de enero de 2010

Tempo de chorar


Foi este un título imprescindible dentro da obra de referencia, Longa Noite de Pedra, do sempre actual e moi recomendable poeta, político e intelectual ourensán Celso Emilio Ferreiro quen, nun inconmensurable exercicio de defensa da dignidade social e os sinais de identidade dos galegos consegue conectar, sen alardes excesivos, o sentido da súa denuncia cun sentimento de fonda indignación, tristura e agravios, compartido por boa parte do pobo naquel intre. Fala da liberdade prostituída e un non deixa de atopar paralelismos co que sucede de xeito incomprensible no mesmo espazo, pero nun tempo distinto.

O que acontece agora en Galicia debido á irresponsabilidade dun goberno capaz de crear o peor dos climas posibles, onde o idioma galego ten mais que perder que gañar e nun tema onde había unha razoable paz social de feito, en nome dun concepto tan fermoso pode ser para poñerse a tremer e a chorar pero de seguro, non conseguirá asolagar o ánimo daqueles cidadáns fornecidos de boas razóns, comprometidos e dispostos a mobilizarse cando se trata de defender a promoción e coñecemento da identidade diferenciada e a minorizada lingua da que algúns renegan, tan propia e tan universal, ou os seus dereitos. Desto ía o bilingüismo harmónico? De propoñerse debuxar un escenario que non contenta nin ós sectores marxinais pero influíntes (os que pretenden a castelanización absoluta do ensino e da sociedade), nin ós sindicatos do ensino, partidos da oposición (con maior apoio popular que o PPdeG nas últimas eleccións), á xeneralidade da comunidade educativa, ás plataformas en defensa da lingua e na procura da normalización non acadada, e a tantos outros que non asumen o discurso da “imposición”?

O actual pode ser o mellor dos intres para atacar á cultura e ó idioma propios dentro da onda recentralizadora e homoxenizadora imperante porque, que saibamos, estes non dan de comer nin resolven as graves dificultades polas que atravesa o país. De paso, a oposición política preséntase perante a opinión pública coma un fato de sectarios e histéricos nunha liorta contra histéricos doutro extremo, menores en número, pero que fan tanto ruido. O goberno no medio: harmonizando. Porque este goberno é un goberno centrado, afastado dos radicalismos, moderado e austero. Será por eso que as Novas Xeracións do PPdeG se adican a subhastar no portal eBay (con obxectivos benéficos, esmola, eso si) escuros obxectos de desexo, case fetiche, coma a garavata ou o corta-puros de Rajoy, un colgante de Pilar Farjas, uns zapatos finos de Beatriz Mato ou unha cea inesquecible con Feijóo en Monte Pío. A mensaxe é nídia: o que mais pode, o que mais puxa, é o que gaña. Non nos estranemos se no futuro temos que puxar forte para gabear postos nas listas de espera do Servizo (servicio, service) Galego (gallego, galician) de Saúde (salud, health) ou para escolarizar ós cativos nos Colexios Públicos. Porque xa se sabe que a mocidade dos partidos é a vangarda ideolóxica... . É ou non é para poñerse a chorar? Pero non perdan o acougo porque, como dicía o poeta: “...pois o que chora vive, iremos indo; indo, chorando, andando, salvaxe voz que ha de trocarse en ira, en coitelo de berros i alboradas para rubir ao cumio dos aldraxes ...”.

viernes, 18 de diciembre de 2009

Vinganza ou paciencia na estocada final?


Resulta unha posibilidade certa que o Tribunal Constitucional dictamine na dirección de desactivar por enésima vez a secular e lexítima aspiración dunha maioría do pobo catalán por lograr o definitivo recoñecemento nacional dentro do estado español, pero tamén se fai verosímil sospeitar que coa apertura decidida, e non por elo menos polémica, do debate sobor da abolición das corridas de touros nese territorio agrome unha especie de vinganza instrumentalizada e dirixida dende certos sectores da clase política, pero tamén arroupada por centos de miles de cidadáns mobilizados e sensibilizados, encamiñada a enfrontarse cunha das maiores e mais recoñecidas sinais de identidade da españolidade ou, sofismas a un lado, da ibericidade.

Non é esta unha discusión sinxela: ten matices e múltiples aristas. Moitos intereses de por medio e fondas e sólidas argumentacións para soster unha postura ou a contraria. Nin empecinamento progre, nin sadismo absoluto e sin sentido. O que semella claro é que nas sociedades civilizadas do século XXI medra paulatinamente unha consciencia portadora duns parámetros éticos que non admiten o espectáculo de maltrato e humillación (os defensores din que non é tal: que o animal, ou a fiera, morre con honra e mostrando a súa bravura) á que se somete o touro de lidia aínda que sacrifiquemos unha manifestación cultural ancestral, que se perde na noite dos tempos, e que poetas e artistas da sona de Rafael Alberti, Lorca, Picasso, Hemingway ou Goya interpretaron e souberon intelectualizar de maneira maxistral, universalizando un xeito específico e xenuíno de entender o estreito fío que separa a vida da morte e o diálogo cos devanceiros mediante un ritual tan brutal como incorrecto. É decir: a medio ou longo prazo o estado de opinión xeral irá consolidando irremediablemente posicións a favor da desaparición destes actos, o que para os esencialistas da España única e eterna resulta unha noticia tan desalentadora como estresante. Sendo quen propicia seriamente a apertura dun debate abocado a vencer no conxunto e no resto de lugares con maior ou menor afición á tauromaquia, pero situándoo en termos de aparente e silente despolitización, conséguese vingar unha honra catalana potencialmente ameazada: si nos non podemos ser nación si vamos ser os primeiros en provocar que se defenda a erradicación do principal símbolo e mito hispano. Pero primeiro en Catalunya. Aínda que penso que a estratexia é atrevida e comprometida, tamén creo que o resultado buscado caería polo seu propio peso...

Caería porque xa se produce un encaixe imposible entre a salvaxidade obxectiva das festas con touros cos valores do mundo actual a este respecto e, por eso, o debate da súa prohibición ou non solventaríase, ó meu modo de ver, sin necesidade de acudir a el pola vía da confrontación: deixando que o tempo fixera o seu traballo e abandonando políticas de subvención a este negocio. Cada vez hai menos xente interesada nos touros, pero si botamos man da prohibición podemos obter un efecto inverso ó pretendido porque, posiblemente, a liberdade dos homes sexa considerada un valor superior. Son dos que confía en que a, por min tamén desexada, estocada final está nas mans do tempo antes que nas das leis.

viernes, 4 de diciembre de 2009

Solución federal


Estariamos na irrealidade si non foramos quen de recoñecer e suliñar os logros en termos de progreso e benestar colectivo derivados da entrada en vigor do actual marco constitucional, tamén no que atinxe á descentralización política do Estado. Tampouco seriamos honestos con nós mesmos si non recoñeceramos os déficits, imprevisións e conflitos abertos dende ese momento por falla (deliberada) de concrecións como, por exemplo, no aspecto financieiro. Todo é perfectible. Pero para que unha sociedade avance en consoancia coas súas normas fundamentais e o seu tempo debemos estar predispostos e preparados para afrontar debates substanciais de xeito maduro evitando, no posible, calquer intento de tensión que sobrepase os límites aceptables en democracia.

Pode parecer inevitable un cercano futuro de palabras grandilocuentes e demagoxia barata servida no almorzo, no xantar e coa cea nas tertulias de radio, nas declaracións partidarias, nos editoriais de prensa ou telexornais, Salsa Rosa ou foros de internet onde o menosprezo ós “cataláns”, “vascos”, “galegos” e ós “españois”, de calquera das dúas xeladoras Españas, sexa a tónica habitual en cadanseu espazo e onde o menor atisbo de racionalidade entre o fogo cruzado de nacionalismos radicalizados, excluíntes e antagónicos coloque na sospeita permanente a quen ouse abrila boca. Debates decimonónicos, rancios...O de sempre, cos de sempre como anunciadores da catástrofe disgregadora.

Esta é a situación que se presenta si o TC resolve como se filtrou: manifesto encorsetamento normativo ante a dinámica de bloqueo político e fracaso, tamén manifesto, no noble intento “pedagóxico” de mudar a cultura política para ir conquerindo a aceptación dunha pluralidade e plurinacionalidade reforzadora e potenciadora dos mecanismos de cooperación multilateral que fose capaz de ir desactivando e invertindo a tendencia ó vitimismo duns nacionalismos que se retroalimentan visceralmente entre sí. En definitiva: síntomas claros de esgotamento no modelo do Estado das Autonomías, tal e como o coñecemos.

Ante o que para min é unha evidencia non hai unha receta única nin unha solución incontestada, pero si desdramatizadora: outros lugares do mundo souberon resolver este tipo de problemática adoptando a solución federal. Decididamente federal. A Historia mostranos como os proxectos maximalistas dos nacionalistas españois, sexa o unificador ou os periféricos, fracasaron. Pero a solución autonomista tampouco parece satisfacer...

O federalismo non é o punto de chegada que resolva o eterno problema do encaixe territorial no seo dunha realidade histórica e xeográfica, pero tremendamente plural como é España, senón un proceso e, ante todo, unha conducta baseada na reordenación e revisión constante dos pactos e dos acordos entre iguais. Tamén na corresponsabilidade. Maior e mellor democracia unindo na aceptación dunha diversidade recoñecida e defendida por todos, aínda sendo asimétrica, e fomentando a efectiva participación cidadá. Difuminando as tradicionais estructuras sustentadas nas vellas xerarquías piramidais para entender as relacións de maneira horizontal, como xa as entende a sociedade cosmopolita do noso tempo: en rede. Desbotando e difuminando conceptos obsoletos, como o de soberanía. Outorgando confianza e mutuo recoñecemento entre poderes locais e central. Sendo máis eficaz, flexible e económicamente sustentable, ou viable...

En resumo: resulta, para min, a fórmula axeitada para articular o funcionamento cotiá nos estados occidentais do SXXI. Na miña opinión é a reforma pendente e necesaria. Non é novidosa, pero ante a tentación recentralizadora e as veleidades independentistas presentarase cedo o momento oportuno para acometela.

miércoles, 25 de noviembre de 2009

Eterna discussió

(artigo que se publicará en Xornal.com tomando como base outro xa publicado en A Mariña sobre o asunto, titulado Mais Democracia, e tamén colgado neste blog)

Nestes días de filtracións periodísticas e rumoroloxía variada sobor da Sentenza non deixa de sorprender a constatación de que dende diversos sectores se asume o galopante deterioro do respecto polo proceso democrático. Sempre se alertou da politización da xustiza e da xudialización da política pero finalmente, semella que é inminente a chegada do fito que vai marcar un punto e a parte para o Estado das Autonomías. Un novo e incerto ciclo na democracia española. O Tribunal Constitucional, a máis alta instancia do ordenamento con capacidade de interpretación da CE1978 emitirá a que vai ser, moi probablemente, a máis controvertida das súas sentenzas dende a creación do órgano. Son moitas as voces que se atreven a vaticinar o resultado, facendo honra á patoloxía patria de querer ser máis papistas que o Papa. Cada español leva un seleccionador de fútbol dentro e parece ser que, agora tamén, unha irrefrenable vocación xurídica. Emerxe sempre en época de tribulación, cando cabe a posibilidade de ferir o orgullo da gloriosa e única nación.

Bótase man do dogma, da máis infantiloide literalidade e das interpretacións máis restrictivas e conservadoras para contradecir o que un 90% dos representantes do pobo catalán acordaron, e o mesmo refrendou, co beneplácito e aprobación das Cortes españolas en 2006. Son fogos de artificio cara á galería, presións políticas dirixidas a uns maxistrados que teñen entre mans unha decisión histórica e de calado: confrontar lexitimidades, creando así un conflito de envergadura que tarde ou cedo deviría nun delicado proceso de reforma constitucional e da propia institución, ou optar por unha interpretación aberta e flexible, en consoancia co espíritu do texto, que abra as portas ó desenvolvemento pleno da faceta federalizante do Estado. O Estatut leva tres anos aplicándose e, como dixera o Ministro de Xustiza: “España non se rompeu”. ¿Por qué temer tanto ó presente, a un feito consumado? ¿Por qué temer un futuro de soberanías compartidas, no contexto dunha Unión Europea que, si algo é, é precisamente eso? ¿Ou é que rende máis alimentar os vitimismos nacionais centrífugos e centrípetos? ¿Por qué Catalunya non, e Valencia sí? Non deberan algúns rasgarse as vestiduras, nin poñela venda antes da ferida, pois todo se resolverá mediante os canles democráticos: acatamento sí ou sí da sentenza, pero con diferentes e comprensibles consecuencias políticas dependendo do sentido da mesma. Cabe a posibilidade de que algúns puntos do articulado poidan ser retocados ou matizados, algo asumible, pero ¿por qué suprimir partes do preámbulo cando este carece de efectos xurídicos? Suprimindo o termo nación, ¿deixará o pobo catalán de considerarse a sí mesmo como tal e como, tamén históricamente, expresou vontade? Coido que non. Será volver a comezar no bucle do diálogo de sordos. ¿Hai detrás outros intereses mais utilitaristas como, por exemplo, unha eventual escalada de vitimismos capitalizados electoralmente por CIU e PP para, chegado o momento, reeditar un Majestic II?

Un pode ter a sensación de que esta discusión é de actualidade, pero non: é vella. É eterna. Levámos séculos discutindo como encaixalo puzzle. Uns non queren, outros non deixan. As consecuencias políticas, sexan cales sexan, deberian resolverse mediante a política, e con máis democracia. Sin estridencias, aínda que algúns se sintan cómodos nelas...

viernes, 20 de noviembre de 2009

Morreu Franco?


Algo non se fixo de todo ben nun país onde trinta e catro anos despois do calmo pasamento dun dos mais abxectos traidores e ditadores do século XX se celebra misa solemne para honrala súa memoria e a súa destructora obra, onde organizacións continuadoras da súa simboloxía e conglomerado de ideoloxías totalitarias son incuestionablemente legais e onde boa parte dos medios de comunicación prefiren, nin tan sequera, lembrar a data e a figura coa excusa de non remover demasiado vellas pantasmas. Existe aquí, ó meu parecer, unha profunda equivocación que ten moito que ver coa suplantación ideolóxica e a impostura histórica á que nos levaron décadas de esquecemento forzoso pois nun país sen consolidadas estructuras sociais que asumen, por acción ou omisión, tentacións involucionistas o 20-N debería ser día festivo. Aquel de 1975 precipitou o primeiro dos pasos no camiño da traballada recuperación da liberdade e dunha democracia non outorgada de xeito benefactor dende o interior do rexime, como algúns pseudohistoriadores de éxito en ventas e autoproclamados liberais sosteñen sin vergoña, senón pelexada e conquerida polo pobo.

Algo non se fixo de todo ben cando sentenzas xudiciais argumentan, a día de hoxe, que a lingua galega é inútil e, por mor delo, a custodia do fillo correspondelle ó pai que non quere velo escolarizado nun sistema bilingüe, ou cando determinada Igrexa obstínase en que os representantes de todos lexislen en base ós seus preceptos morais, ou cando rúas e prazas públicas levan nome de xerifaltes do franquismo, cando non do propio ditador. Imaxinan, nunha praza berlinesa, unha estatua de Hitler ou de Stalin?

En algo nos debemos trabucar cando se entrevista a un bo número de alumnos de secundaria e a maioría só sabe decir que: “Franco foi un home que gobernou España durante moitos anos, e a salvou dunha catástrofe”. Falla algo tamén cando na maioría destas aulas nas que se imparte Historia Contemporánea de España non se chega ó ano 1931. Nin se chega, nin se quere chegar. É tabú. Mellor non saber...ou xa o saberán despois pola súa conta! Non saben que a súa ambición e fanatismo, e o odio que se extendeu naqueles anos, propiciaron que este país se convertese nun enorme camposanto onde aínda fican soterradas preto de 150.000 persoas. Outras exiliadas. Outras esvaecidas nos campos de concentración... Pero o peor é que nin saben, nin lles deixan saber. Esto é o que alimenta ás pantasmas. Franco morreu, pero está morta a pantasma do franquismo?

jueves, 12 de noviembre de 2009

Res publica ameazada


O pasado Luns día nove o ex-ministro de Xustiza e portavoz do PSOE no Parlamento Europeo, o canario Juan Fernando López Aguilar, tivo un acto na Facultade de Ciencias Políticas da USC coa fin de presentar o seu último traballo publicado e que leva por título La aventura democrática. Os que tivemos a sorte de asistir comprobamos como este home é alguén afastado do profesionalismo e atípico no mundo da política: caricaturista con vocación de arquitecto, xurista, aficionado á musica e a literatura e, á fin, un intelectual comprometido cos valores cívicos, republicanos, laicos e co tan denostado ben común. A súa figura agrándase no clima actual de desafeción e desconfianza xeral pois fundamentalmente veu a reivindicar, perante mais dun cento de estudantes críticos por natureza, a política con maiúsculas e a súa necesaria dignificación como única táboa de salvamento na que confiar a resolución de problemas que nos atinxen. Foi unha actitude valente tendo en conta a situación que se vive en Galicia, no estado, na UE e tamén globalmente.

As tentacións populistas e involucionistas alimentadas pola crise socioeconómica, a irrupción en escea do neofascismo e distintas versións de dogmatismo, fanatismo ou intolerancia, a obxectiva degradación do debate público xunto co pavoroso papel duns mass media idiotizadores e banais, que empuxan ó individuo ó aillamento das redes activas de solidaridade e de participación democrática e que o sitúan na irrealidade, foron os eixos centrais dunha presentación ocupada e preocupada por inculcar nas camadas xuvenís alí presentes a necesidade de anovar o contrato cunha res publica fragmentada e asediada. Si na etapa tardofranquista e na pelexada restitución do réxime de liberdades o lema fora: non te metas en política, por mor do medo atávico dunhas xeracións que asumiran que o activismo era o camiño certo e ineludible ó desprestixio, o cárcere ou o paredón despois da implacable represión e ditadura parece ser que, a día de hoxe, vivimos inmersos no rexurdir de vellos chamamentos por parte dos que aspiran a desfigurar a esencia da democracia para ter mans ceibes e decidir á marxe dos cidadáns e, especialmente, dunha mocidade con inquedanzas e vontade de dar o mellor de sí mesma para manter, e seguir construíndo, un espazo ampliado e mellorado de convivencia e de progreso no que mereza a pena vivir.

Militar nun partido político tradicional non é a única vía, nin o único instrumento posible que permite implicarse para evitar o naufraxio do sistema de dereitos e liberdades pois existen multitude de organizacións e fórmulas de participación efectiva dende as que resistir o envite destes interesados en desprestixar o público e a preocupación polo social. Os gobernados teñen que consentir ós gobernantes, pero tan só ata onde aqueles lles permitan. Que caiamos no distanciamento e na apatía, aínda que os tempos chegados sexan duros e difíciles, é o que algúns pretenden.

jueves, 5 de noviembre de 2009

Barack, ano I


Doce meses despois da entusiasta e masiva mostra de execución da democracia que significou a elección de Obama como o 44º presidente dos EUA poucos dubidan, sexan escépticos ou non coa súa figura, da transcendencia e envergadura do mito. Do fenómeno. Alén do conseguido ata o momento, como revolucionar a tradicional percepción que as masas e a opinión pública global tiñan sobre o liderado e a política nun contexto de formidable expansión das novas ferramentas de comunicación social, implicando a millóns de cidadáns do planeta e facéndoos copartícipes dun fito histórico que se proxecta nun futuro que ten como obxectivo cambialo mundo, aparece con maior empuxe a incógnita de si o home será capaz de estar á altura do propio mito.

Unha afamada columnista do New York Times (Maureen Dowd) resume o que vai de mandato, dende unha visión cortoplacista e un tanto pesimista, así: “quen prometeu a revolución ténse que conformar con xestionala adversidade”, ou o que os norteamericanos denominan “unha perfecta tormenta de calamidades”. Con todo, algo de realidade hai detrás desta afirmación pois son tan magníficos os asuntos que a súa Administración ten que abordar que, inevitablemente, seguirán emerxendo sombras, erros e frustracións. Recibiu en herdanza o paso polo poder do peor presidente que se recorda: dúas guerras abocadas a eternizarse, caras e cruentas, coas políticas do medo e de restrición das liberdades que levan aparelladas, a maior crise económica dende os anos trinta, un mundo desconfiado e en galopante tensión e renovada carreira de armamento, e uns EUA manifestamente deprimidos e desorientados: fracturados socialmente e irreconciliablemente divididos no plano ideolóxico. Sen grandes logros tanxibles, foi quen de ir dando forma ó novo paradigma (dialogante e multilateral, soft power) e xerar, mediante esforzos diplomáticos e influíntes discursos, como o de O Cairo (dunha retórica impensable fai un tempo) confianza no seo da comunidade internacional á par que deseñou o que deberá ser unha saída responsable, sensible e sostible do pozo económico. Europa seducida e entregada, Latinoamérica respira logo de séculos de opresión e inxerencia, o eixo do mal desaparece como concepto, Rusia móstrase colaboradora, relacións constructivas en Asia, propósitos de arranxalo enrevesado conflito de Oriente Medio, etc...Cambios substanciais respecto do antecesor, e da forma de facer política nas últimas décadas.

O recentemente falecido antropólogo Levi-Strauss afirmara: “a humanidade está constantemente ó servizo de dous procesos contradictorios: un tende á unificación, o outro á diversificación”. O mundo que lle tocou a Obama estaba representando, no seu punto álxido e como sanguinaria traxedia, esa constante pero por vez primeira semella que ós mandos está alguén que o comprende e afrontará, para mitigalos seus efectos destructores. Que dure!

domingo, 1 de noviembre de 2009

Resistencia feijooniana


Vai pouco máis dun semestre de lexislatura en Galicia e pode palparse un feble descontento entre espazos de cidadanía diversos no ideolóxico pois, ademais de promesas incumpridas e conselleiros xa amortizados, cada vez vese mellor como as eficaces insidias de última hora (cociñadas nos fogóns da maquinaria electoral do PPdeG coa colaboración ¿impagable? de medios de aquí e de Madrid) tiñan como único obxectivo desaloxar ó goberno de progreso para ofrecernos o nihilismo máis absorbente e literal: o poder polo poder, porque os de sempre cren que lles pertence, independentemente das eivas na acción do executivo bipartito.

Vendeuse a exigua vitoria como a restauración da maioría natural e a losqueada oportuna a un Zapatero exhausto naquel intre, só que propinada na faciana duns cidadáns galegos hoxe desconcertados coa ampla gama de decisións deslavazadas e descoordinadas, e sonadas rectificacións, mandatadas dende que o gabinete austero de Feijóo tomou as rendas do suposto desgoberno e comezou a materializar a súa particular cruzada: intentar desdebuxar sinais de identidade e especificidade propias á par que se recúa nas conquistas sociais e na necesaria profundización no Estado de Benestar, incorporando tamén vellos tics: abusos antidemocráticos por parte dunha RTVG obscenamente anticultural, sectaria e partidista. É tal a deriva, e a velocidade coa que se acometen graves medidas de contrarreforma e mediocridade, afectando a tantas materias, que colocan ós adversarios da oposición no perenne noqueamento provocando que proxecten certa imaxe de impaciencia.

O feito de que fose importante a relevancia acumulada no conxunto da política estatal fai do noso país o banco de probas no que se implementan políticas dunha futurible Moncloa popular que chegará tarde ou cedo, cando a revolución conservadora se consume grazas á degradación democrática, agudizada polo contexto de crise global e sistémica. Unha revolución sen ideais nin dogmas aparentes, que non contesta a modernidade, pretendidamente ecléctica e apolítica, incluso sensibilizada co asunto ambiental, pero que dirixe con precisión quirúrxica o retroceso en dereitos e o recorte de finanzamento público para educación, sanidade e outros piares a desmantelar nun estado, como é o español, en subdesenvolvemento social obxectivo se o comparamos coa media dos veciños da súa contorna. Unha revolución soterrada: facendo equilibrios para desleixar a rancia tradición no moral, pero botada en mans do paleoespañolismo máis folclórico e abafante e, por suposto, do mercado e as súas forzas.

Namentres o resto do planeta se pregunta como reinventarse, aquí o neoliberalismo resistirá ata a derrota final aínda que algún dos seus principais valedores, como Rodrigo Rato, entrase en crise de fe e poña en cuestión a súa vixencia para esta nova era.

martes, 27 de octubre de 2009

Os amos do mundo



Quen manexa os fíos de poder, a opinión pública e quen decide quen morre e quen vive no planeta?