jueves, 20 de enero de 2011

Monolitismo ou dinamismo



Nestes días de polémica arredor do uso das linguas cooficiais no Senado, foro de representación interterritorial e lugar que debera recoñecer a realidade dunha cidadanía multicultural e multilingüe, asáltanme unha chea de reflexións: a maioría delas rebélanme porque compróbase a pervivencia (un deja vù a cabalo da crise) do relato mais rancio e ultranacionalista daquela España, una grande y libre que a miña xeración cría soterrada baixo unha lousa de 1500 kilos, no Valle de los Caídos. Aquela escura, exasperantemente uniformizadora, conservadora e monolítica España que se negou a sí mesma e que intentou construír a súa razón de ser a sangue e fogo mediante o sometemento e a estigmatización de parte da poboación que explicitaba as súas particulares manifestacións socioculturais, exaltando outras para convertilas obrigatoriamente en “comúns”.

Pode que este non sexa o momento idóneo para implementar medidas que supoñen custes adicionais pero sendo honestos e sensatos, comparativamente, non representa un gasto inasumible. E por riba, normaliza o emprego duns idiomas tan respectables, vivos e útiles como é o fermoso idioma de Cervantes. Mais ou menos normalizados nos seus lugares respectivos pero considerados unha ameaza no resto. Daí o convinte e pedagóxico da decisión. A intolerancia, o racismo e a pretendida superioridade funcionan sempre como síntomas das sociedades enfermas e son xermolo do consentimento das maiores atrocidades que recorda a humanidade. Hoxe, en España, a pantasma remóvese no seu cadaleito: ben por boca(za) de Aznar contra a configuración do Estado Autonómico e co perverso pretexto da eficiencia económica, ben na ofensiva contra a salvagarda dos idiomas recoñecidos constitucionalmente. Que haxa quen poña o berro no ceo por empregar trescentos mil euros anuais nas traduccións cando se teñen gastado miles e miles de millóns en acudir ao rescate das entidades bancarias (responsables directas da situación actual) dá boa conta do que se esconde para soster os seculares argumentos do odio. Ou cando non se atalla a fraude fiscal para non incomodar aos poderosos. Ou cando se permite e se potencia un incremento maiúsculo da débeda privada e, como por arte de maxia, troca en débeda pública para que as maiorías sufran as consecuencias. Ou cando convertimos isto no paraíso do especulador sen escrúpulos.

Poderiamos mentar infinidade de casos, pero non: no subconsciente colectivo de boa parte do tradicionalismo patrio permanecen ancorados, atados e ben atados, complexos que responden ao substrato ideolóxico do xenuino fascismo español. Así de simple. Décadas de democracia para que, no lugar de recordar como exóticas estas tolemias, regresen mais vivas e “inocentes” que nunca. No nome da “liberdade”, a “racionalidade”, o “senso común”, a “eficacia”...

Mudar isto dende aquí só pode resultar coa forza dunha sociedade civil consciente e consistente, dinámica e madura, preparada, segura de sí mesma e convencida de que na defensa do local se atopa o vencello co universal. De que o bo facer non entende de nacionalidades, linguas ou fronteiras mentais. Galicia ten exemplos a eito, e en moitos ámbitos: nas artes, na política, na empresa ou na sociedade. Hai que estar orgullosos porque representan, alá onde van, un xeito de entender a galeguidade que transcende o imaxinario de complexos que a moitos atenazaba e atormentaba cando cruzaron o Telón de Grelos. No meu círculo de amizades e coñecidos, cando aparecen as dúbidas, poño como exemplo contemporáneo a dous rapaces que traballan no mundo da gastronomía: Iago Pazos e Marcos Cerqueiro. Rexentan un local dunha proxección ilimitada, Abastos 2.0, que revolucionou a maneira de entender a zona vella de Compostela dende a defensa dos productos da nosa terra, a calidade e a proximidade, e comprometidos coa cultura e a vangarda deste país. Nos vindeiros días participarán no encontro gastronómico internacional MadridFusión, cóbado con cóbado xunto aos mais afamados cociñeiros para expoñer as súas propostas innovadoras. Explicarán as chaves do seu éxito e levarán alí o acento, os aromas e a música en galego como representantes dun país que moitos seguimos soñando: aberto, dinámico, emprendedor, atrevido, moderno, desacomplexado e orgulloso de sí mesmo. Combatendo coa cabeza ben ergueita o monolitismo soxulgante dos que non nos entenden, non...


lunes, 10 de enero de 2011

Boas novas dende Euskadi









Un paso mais no camiño da fin da conculcación dos Dereitos Humanos e na posibilidade de que chegue a Euskadi a normalización política, a reconciliación social e a liberdade. Unha declaración que reforza a tregua vixente, declarada hai uns meses, pero que non é suficiente para decretar o final do conflito armado. ETA sabe que o seu tempo como actor relevante rematou hai moito e a súa pervivencia só sirve para pervertir o debate político e deslexitimar unha opción ideolóxica no seo da sociedade vasca.

Valoración de Lokarri
Noticia na BBC
Noticia en Guardian
Noticia en Gara
Noticia en Deia
Noticia en Publico
Análise de Luis Aizpeolea, en El Pais

Arcadi Oliveres (moi recomendable)




jueves, 6 de enero de 2011

Sempre as dúas almas


A finais de ano publicáronse dous artigos contrapostos sobre o resultado das eleccións en Catalunya nas liñas de Xornal de Galicia. Ámbolos dous asinados por pesos pesados do socialismo galego: PSC e PSdeG, a mans dun destacado membro do anterior goberno de progreso, Méndez Romeu, e unha extensa e atinada análise feita por Xoaquín F. Leiceaga baixo o título Cataluña e nós. Compartían interese comparativo mais discrepaban notablemente no fondo e na mensaxe, tanto para consumo interno-partidario como cara fóra. O segundo semellaba unha contundente e nada casual resposta ao primeiro. Por esas datas tamén publicou Emilio P. Touriño en El País De elecciones y coaliciones, o cal contiña máis similitudes co espírito do que Leiceaga defendía que co que pode desprenderse do redactado polo ex-conselleiro de Presidencia do seu propio goberno. Todo isto foi interpretado nun maxistral artigo de opinión de Anxo Guerreiro que saíu a posteriori no xornal do Grupo Prisa, e que recomendo.

A vontade de Méndez Romeu, cun certo prexuízo ideolóxico e algunhas valoracións e interpretacións do acaecido cuestionables, consistiu en transmitir á opinión pública o esgotamento das coalicións por resultar estas, supostamente e sempre segundo a súa teoría, prexudiciais para os intereses electorais do PSOE como se “mostrou” nos resultados en Galicia e Catalunya. A intencionalidade é clara e diáfana, e non atende á multiplicidade de causas que arroxaron os resultados nun e noutro lugar. Representa a opinión de alguén que, lexitimamente, aspira a que o PSdeG sexa quen de gobernar en solitario sendo un acontecemento que, dadas as actuais circunstancias sociopolíticas, se revelaría como unha improbable e lonxana hipótese na maioría dos concellos e a nivel autonómico.

Leiceaga e Touriño sostiveron dun xeito consistente e mellor argumentado a tese contraria: a aposta polo entendemento e a defensa da cultura do pacto como única alternativa plausible aos gobernos do PPdeG. Intentar o xiro estratéxico proposto por Méndez Romeu condenaría aos cidadáns galegos que non son nin se senten reflectidos nas políticas de dereitas a sucesivos gobernos populares alomenos por un bo espazo de tempo, e enviaría unha perigosa sinal de confusión a todos aqueles que veñen traballando na liña de artellar canles de colaboración dentro do tecido social e político da esquerda galega. Puidera dicirse que aquelo que naceu con Nunca Mais ou antes, e logo se trasladou a outros ámbitos das reivindicacións e da articulación de propostas, atópase ameazado por mor de intereses curtoplacistas dende algúns sectores dirixentes do PSdeG (e do BNG) que prefiren desmarcarse do que tanto tardou en tecerse e tan bo resultado deu (salvando os erros propios da acción de goberno, evitables, e dos cales deberan aprender), pero que resiste e atopa substancialmente maior acomodo e comprensión na base que nas alturas.

Todo isto ven a conto de algo que non sempre se recorda, e incluso algúns teiman en “superar”, e outros intentan “explotar”: o PSOE é un partido organicamente federal, e nominalmente federalista, e nas nacionalidades históricas convive coas contradicións inherentes ao feito de inserirse nas realidades nacionais (pre)existentes, presentando tensións internas entre lealdades identitarias que outros fomentan como incompatibles pero que tamén, todo hai que dicilo, mobilizan ao electorado en menor medida, por regla xeral, que o cleavage esquerda-dereita. As recorrentes “dúas almas”. Moi especialmente no caso da historia da construción do socialismo catalán. Dito isto, non é de estrañar tampouco (para outros si) o caso da incorporación do socialista Ferran Mascarell ao Govern “transversal” de Artur Mas. Un goberno maioritario concibido dende a óptica da concentración para combatela crise e afrontar o que se deu en chamar a “transición nacional” cara a independencia (económica). Goberno que integra dende un organizador das consultas soberanistas a unha avogada do Estado que as impugnaba, pasando por case toda a gama de sensibilidades da pluralidade enriquecedora e dinámica da sociedade catalana. Por outra banda reaparecen voces no seo do PSC (Pia Bosch, Montserrat Tura, Antoni Castells, Ernest Maragall, et ál) que reclaman autonomía efectiva respecto do PSOE, acompañado dunha volta ao catalanismo convencido, mesmo coa posibilidade aberta de acadar grupo propio en Madrid. As dúas almas...


Para acompañar, todo un descubremento: Anari-Harriak