Saturday, June 11, 2011

Iniciativa Ben Común

Algo se move no seo da esquerda galega. O Movemento 15-M e os resultados das eleccións municipais do 22-M abriron unha nova xeira e un proceso de reflexión colectiva.

Reflexión que, non celebrándose como debera ata o de agora no interior das formacións políticas, xa o empeza a facer entre parte da súa base social, progresista e galeguista.

A Iniciativa Ben Común é representativa de todo esto e está a piques de nacer como un espazo ou foro de debate cidadán aberto e plural, dirixido a calquera que se sinta partícipe do magma civil e social da esquerda nacional e milite ou non en organizacións políticas e/ou outras plataformas. É probable que sexa tamén o cerne e o xermolo dunha nova formación.

Os nefastos resultados do BNG, a súa convulsa situación interna, e a tamén moi mellorable situación no seo do PSdeG obrigan a tender pontes, dialogar e interrelacionarse mais ca nunca. Hai esquerda mais alá destas dúas grandes formacións e puidera decirse que hoxe está mais viva ca nunca. Iniciativa Ben Común da boa conta diso. Xa se fala abertamente que no outono nacerá tamén un novo partido político. E haberá que estar atentos ao que poida resultar da Asamblea Nacional do BNG ou doutros posibles movementos.

Toda esta situación de efervescencia non é allea ao debate que se empeza a abrir, cada vez con mais insistencia, en sectores da esquerda estatal e europea.

O meu humilde respaldo a todo este tipo de iniciativas. O Martes presentase en Compostela e estarei alí para escoitar atentamente. Son momentos importantes para a sociedade e a política do país. Son momentos de reflexión, Política e altura de miras.

Manifesto Iniciativa Ben Común
Blog
Nova en Xornal

No comments: